Listado de la etiqueta: libro_galego

Sete por cento

A cota de mercado do libro galego acada un novo teito negativo: «SETE POR CENTO». Iso acredita o Informe de Comercio Interior del Libro 2024 da Federación de Gremios de Editores de España, sector que recupera músculo comercial superando os tres mil millóns de facturación e un crecemento anual do 6,3 %. Máis alá da dificultade de interpretar no informe as cifras do libro en galego e do libro editado en Galicia, que non cadran (para cando un informe monográfico do libro en galego, como o de 2007, contabilizando o editado en Madrid e Barcelona?), o devalo do comercio do libro en galego se acentúa, xa que acada os 13,4 millóns de euros, a metade da facturación das editoras da AGE, 27,5 millóns, que retroceden apenas un 0,4 % con respecto ao ano anterior. Cifras fracas que contrastan co excelente momento do libro en Galicia, un mercado de 194 millóns de euros, o 6,4 % do sector español, moi por riba do que nos corresponde por poboación. Esforzo editorial en galego compartido por 47 editoras (ás que habería que engadir as tres ou catro non asociadas aínda na AGE), o que amosa un sector diversificado, que no seu catálogo vivo depende cada menos das dúas “editoras tractoras”, no que a edición infantil e xuvenil se consolida como primeiro subsector, 31,3 % das novidades e o 39, 1 % da facturación, mentres o literario (“ficción” no informe) mantén a súa tradicional mala saúde de ferro, ofrecendo un terzo das novidades e unhas vendas de apenas o 11,8 %. Cifras que amosan a resiliencia dun sector que procura a súa viabilidade nas edicións electrónicas impresas de baixa tirada e na redución dos seus custes de creación editorial. Con todo o informe achega tamén algunhas cifras esperanzadoras, como as do incremento do emprego, unhas duascentas persoas nos cadros de persoal e outras tantas colaboradoras, tras máis dunha década de perdas continuadas, e as do mantemento do sector da libraría en vendas do 55,4 %, a pesar do incremento de Amazon, o que deixa varias luces acesas para o futuro.

Publicado en Nós diario: 12/11/2025

Visibilidade

Hai dous meses adiantabamos as cifras máis significativas do informe de hábitos de lectura e compra de libros en Galicia 2024, entre elas o 5,70 % que supoñen as compras habituais de libros en galego e o 3,80 % de persoas que prefiren o galego como lingua de lectura. Situación precaria que corrobora un informe sobre o estado da edición en galego, presentado no Consello da Xunta do pasado 15 de setembro, no que se estima que a facturación do conxunto do sector editorial galego é de 27,72 millóns de euros, da que a metade, 13,86 millóns, corresponde ao libro en galego, o que supón unha diminución do 17 %, con respecto aos 16,80 de 2023 e unha redución do 37 %, se lembramos os 22,00 millóns de 2007, coincidindo co goberno bipartito. O libro galego continúa perdendo cota de mercado e presenza nas librarías, unha pésima noticia, xa que a «visibilidade situada» no punto de venda (o 68,00 % nas librarías) constitúe a primeira estratexia de descubertabilidade das novidades das editoras galegas, á que se suma a segunda, a súa promoción nos medios de comunicación impresos e audiovisuais (xornais, revistas, emisoras e televisión pública), ben baixo a fórmula de propaganda gratuíta ou da publicidade pagada, ao alcance só duns poucos selos, o que podemos chamar a «visibilidade mediada». Hoxe, ademais da situada e da mediada, en claro devalo, cómpre engadir a terceira, a «visibilidade virtual», conformada coa presenza das novidades nas redes sociais de lecer e na conversa das novas mediadoras de lectura, en tendencia ascendente e con clara simpatía por parte dalgunhas creadoras de contido dixital cultural en galego. Superar as cifras cativas de lectura e edición en galego, ademais de requirir dun plan estratéxico de apoio ao sector e do deseño dun plan galego de lectura, obriga as editoras a espelir e abordar estratexias de visibilidade transversais das súas novidades, na libraría, nos medios e nas redes, para que se coñezan, se vexan, se comenten, se recomenden e se compren por impulso.

Publicado en Nós diario: 01-10-2025

8 % en galego

Na sección semanal «Contafíos» de Nós diario actualizo os principais e máis recentes datos (2021) do comercio interior do libro en galego:

Ás portas da celebración do corenta aniversario da creación da Asociación Galega de Editoras (AGE), o seu presidente, Henrique Alvarellos, confesou decepcionado no Zigzag que o libro en galego, excluído os manuais escolares, supuxo en 2021 apenas o 8 % das vendas das librarías galegas (6,13 millóns de euros), mentres que o libro en éuscaro o 17 % e en catalán o 24 %, en cadansúa comunidade. Un 8 % que se incrementa até o 11,2 %, se computamos as vendas do libro de texto en galego (5,6 millóns de euros no curso 2021-2022), unha actividade editorial en devalo tanto pola reutilización dos libros até seis cursos consecutivos como pola súa substitución polos materias dixitais do programa Edixgal.

Cifras cativas para o comercio interior do libro galego, máis aínda se as comparamos coas de hai unha década, cando a cota de vendas de todo o libro galego era de 13,1 %. Como tamén minguaron en 2021 o número das novidades en galego publicadas polas editoras galegas (769), o volume da súa produción, aínda así millón e medio de exemplares, e o conxunto da facturación do sector, 16,6 millóns de euros, o que supón o 22,53 % menos que hai unha década (21,43 millóns de euros). Vendas actuais, secasí, nas que os libros literarios supoñen o 15 %, nas que se inclúen o 1,5 millóns das de novela, o xénero máis visible, e os libros infantís e xuvenís o 35 % (5,8 millóns de euros), converténdose xa no primeiro piar do sector, mesmo por riba do libro de texto. Vendas que supuxeron 1,46 millóns de euros en dereitos de autoría para un sector que en 2021 empregaba a 171 persoas, case un 30 % menos que hai unha década.

Cifras desacougantes para a que foi a primeira das nosas industrias culturais que tras unha década horribilis, coincidente cos gobernos de Feijoo e Rueda, padece dunha mala saúde de ferro. Os vergonzosos incumprimentos da Lei do Libro e da Lectura (2006) e a ausencia de políticas estratéxicas de fomento do emprego do galego neste período quedan para análise de contafíos futuros.

 

O libro galego á intemperie

Dedico o artigo semanal de Luzes á situación do sector editorial en Galicia:

Pasada unha década da aprobación da Lei do Libro e da Lectura de Galicia o sector do libro quedou á intemperie, abrigado pola forza dos seus lectores e lectoras e sostido pola súa dependencia do sector educativo. Pouco queda xa das intencións acuñadas nunha lei magnífica, pioneira en España, forxada co consenso do sector e dos grupos parlamentarios durante o derradeiro goberno Fraga e aprobada (con algúns recortes significativos, como o do Instituto Rosalía de Castro para a difusión da lingua e cultura e galegas no mundo) polo goberno de coalición de Touriño. Unha lei derrogada de facto polo goberno de Feijoo e coa que os seus tres conselleiros de Cultura (Varela, Vázquez e Rodríguez) nunca se sentiron identificados, a pesar de que o seu cumprimento fose reclamando de forma insistente polo sector como espazo de encontro institucional e de apoio profesional ao seu proceso de dixitalización e proxección internacional.

Un desinterese do equipo cultural de Feijoo pola lei de 2006 que podemos entender tanto pola súa concepción avanzada da lectura como unha competencia a desenvolver por toda a cidadanía, independentemente de cal fose a súa idade, como e sobre todo pola consideración explícita da lectura en galego e do propio sector editorial como un dos alicerces para a lingua galega, seguindo as recomendacións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, aqueloutro espazo de consenso erradicado polos gobernos de Feijoo, sobre todo dende a aprobación do decreto para o plurilingüismo de maio de 2010, a peza angular das políticas de retroceso para a lingua e para a lectura en galego.

Neste contexto adverso de retroceso das políticas públicas de lectura e de fomento da lingua, o sector do libro galego afrontou de forma heroica o seu proceso de hibridación e mudanza, sometido á tormenta perfecta da dixitalización dos seus soportes e formatos, da devaluación do seu mercado imposta pola crise económica e polas políticas públicas de consolidación fiscal, como da banalización da cultura, inserida a nivel mundial no sector do lecer, coa complexidade que iso supón para artellar unha oferta editorial atractiva para públicos diversos.

Os datos da súa admirable resistencia en solitario falan por si sós. Mentres de 2007 a 2015 o sector do libro perdía en España o 27,70 % da súa facturación (mil millóns de euros), en Galicia facíao nun 12,73 %, mantendo o libro galego o seu nivel de vendas (arredor dos vinte millóns de euros), a pesar de que reduciu o seu número de títulos nun 15,00 % e o de exemplares producidos nun 31,36 %. Retroceso intensificado no período 2010-2015, que coincide cos gobernos de Feijoo, no que os títulos editados en Galicia se reduciron á metade, sobre todo os impresos en lingua galega (-58,34%), expresando a forte incidencia da hibridación dixital que neste período supuxo xa o vinte por cento da oferta do sector. Cifras ás que non son alleas as diminucións dos fondos da Xunta de Galicia para a edición en galego, referidos a compra de novidades editoriais para bibliotecas públicas, axudas á edición de materiais didácticos e subvencións a tradución. Recortes dunha media do 80 %, si leron ben, do oitenta por cento, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61% sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta foise a pique.

Unha situación precarizada do libro galego na que cómpre recoñecer a existencia nesta última década de espazos alternativos de esperanza, como o das bibliotecas, sobre todo do programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación, e a dinamización que supuxeron iniciativas como Culturgal, O Salón do libro de Pontevedra, asociacións de voluntariado como Espazo Lectura ou o activismo teimoso dalgunhas librarías e editoras para visibilizar as novidades, que expresan as posibilidades de recompoñer espazos de encontro dos poderes públicos (Xunta, pero tamén dos concellos e deputacións) cos sectores profesionais do libro e da lectura (editoras, librarías, autoras, bibliotecarias e lectoras) para deseñar e activar políticas de fomento da lectura.

No entanto, tamén hai datos inquedantes, como os publicados sobre índices de lectura, nos que Galicia volve situarse por debaixo da media española na lectura de libros en tempo libre, sendo a comunidade autónoma menos lectora das do norte da península. Como tampouco convida ao optimismo o desinterese do goberno de Feijoo (o único presidente que nunca quixo recibir á directiva das editoras galegas) por reconsiderar as súas políticas de apoio ao libro galego (neste 2018 as axudas non aumentaron) e para contar co criterio da Asociación Galega de Editoras, presidida por Xosé Ballesteros, no deseño da proxección internacional do libro editado en Galicia e na mellora da súa presenza nas feiras internacionais de Boloña, Líber, Frankfurt e Guadalajara, que este 2018 non contarán para a nosa vergonza con espazo do goberno galego. Como decepcionante é a ausencia de información sobre os contidos da anunciada Estratexia da Cultura Galega 2021, elaborada por trinta expertos, que se propón como folla de ruta dos vindeiros anos, e da que os profesionais do sector do libro a esta altura nada sabemos.

 

Onte 1445: Datos da edición en galego 2014

panoramica_2014A publicación da Panorámica de la edición española de libros 2014, o informe estatístico de referencia elaborado polo Ministerio de Cultura a partir dos rexistros do ISBN, achega os datos claves da produción do libro galego do pasado ano. Sen dubida o primeiro que chama a atención é o aumento de títulos publicados, 1763, que supón un incremento do 23,00 % con respecto a 2013, aínda que quede aínda moi lonxe daqueles 2.544 de 2010 (un 30,00 % menos). Sei que este aumento no número de títulos prodúcese sobre todo pola primeira campaña escolar da LOMCE e polo desenvolvemento do libro dixital, que acada as 465 referencias, cifra que duplica a do ano anterior e tamén a de 2010. A hibridación do libro galego é un feito, xa que en 2014 ofreceu o 73,62 % dos seus títulos en formato impreso e xa o 26,37 % en diversos formatos dixitais.

Por tipoloxías de edición, o libro de texto, 692 referencias, representa o 39,25 %, e o libro infantil e xuvenil, 362, o 20,53 %, polo tanto un 60,00 % da edición, sendo tamén ambos estes dous subsectores os que máis aumentan con respecto a 2013, feito ao que non é alleo o desenvolvemento dos novos materiias didácticos da LOMCE. A literatura, 411 rexistros, representa o 23,31 % da edición en galego, mantendo os niveis do ano anterior, aínda que moi lonxe das cifras de 2010, un 35,00 % superiores, mesmo a pesar do incremento da oferata en formato epub.

Os títulos traducidos doutras linguas, 224, supoñen o 12,70 % da edición en galego, o que supón un incremento do 19,00% con respecto ano anterior, ao que non foi alleo o aumento da tradución ao castelán do libro de texto, aínda que este dato queda moi lonxe daquel de 616 títulos traducidos en 2010. Continúa sendo unha anomalía que o castelán sexa a lingua máis traducida, xa que supón o 45,98 % destes rexistros, sendo o inglés con 56 títulos, o 25,00 % a segunda,

Con respecto á edición pública, continúa a diminución dos títulos publicados en galego, apenas 101, que representan apenas o 5,72 % do total, moi lonxe dos 250 de 2010, que daquela supoñían o 9,82 %. Non deixa de ser curioso que a edición autonómica, realizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia acade os 15 títulos, apenas o 0,85 % de toda a edición en galego de 2014. Tamén é significativa a diminución da publicación das tres universidades, 38 títulos, moi lonxe dos 173 de 2010, o que supón unha diminución do 78,03 %.

Por último, no listado de editores de 2014 nos primeiros postos aparece Xerais con 301 rexistros (17,10 %), Obradoiro con 216 (12,30 %), Anaya con 151 (8,6%) e Galaxia con 141 (8,00 %).