Listado de la etiqueta: libraría_lila_de_lilith

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

Onte 2015: Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela

Tiven a honra de participar onte no acto no que se lle asignou a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela. Unha excelente iniciativa da comunidade educativa do IES de Chapela, onde ela traballou de profesora no curso 1999-2000, que se une a outras homenaxes anteriores, como a rúa Xela Arias do concello de Culleredo, que recoñecen a figura da poeta, tradutora, editora e profesora. Como tamén o son as diversas iniciativas do colectivo de crítica A Sega reclamando para ela o Día das Letras Galegas, celebrando a homenaxe «As obras e os días» e dedicándolle o Día das Galegas nas Letras deste ano 2019.

Sen dúbida que a publicación da extraordinaria edición da súa Poesía reunida (1982-2004), preparada pola profesora Chus Nogueira, é un fito na recuperación da súa obra cando se cumpren quince anos do seu prematuro pasamento. Outra edición magnífica de Xerais Clásicos que centrará a xornada do Club de Lectura feminista A Lila + A Sega do sábado 4 de maio.

Estas foron as palabras que lin onte na súa lembranza.

Onte 1254: «Dende o conflito» en Lila de Lilith

B_RpbLCWsAAYYa5
Montse Dopico e María Reimóndez mantiveron no serán de onte unha moi interesante conversa na libraría Lila de Lilith arredor de Dende o conflito, a novela gañadora do Premio Xerais 2014. Comezou Dopico lembrando a súa participación no xurado que outorgou este Xerais e cualificou despois Dende o conflito como «a mellor novela das publicadas por Reimóndez, tanto pola forma na que está escrita como estruturada». «Nesta novela hai un discurso feminista tan claro e tan explícito como debe ser o discurso feminista.» Salientou que a cerna da novela radicaba na loita da protagonista «por ser o que quere ser», «unha loita dunha persoa consigo mesma», «mais tamén na crítica aos esquemas coloniais e eurocéntricos utilizados no xornalismo de guerra.» Montse Dopico definíu Dende o conflito como unha «novela política, máis necesaria que nunca, xa que fala do público e do privado». »A mediación é un acto político e temos que ser conscientes diso e non reproducir a mentalidade patriarcal que non queremos reproducir. Temos que ser conscientes de cal é o noso papel, de que lado estamos.» Rematou Montse Dopico dicindo que Dende o conflito conecta con todas as novelas anteriores de Reimóndez, protagonizadas por mulleres que teñen unha identidade disidente.»

XG00214901Dopico abriu a conversa preguntando sobre a relación de Saínza Combarro con outros personaxes da narrativa de Reimóndez. Para a autora «é un personaxe de ficción baseado na experiencia de varias xornalistas de guerras». «Hai unha imaxe heroica do correspondente moi extendida, a do home branco que ven contar as guerras. Quixen superala. Accedin á relevancia de obras de xornalistas como Sofía Casanova e comprobei que a súa prosa era distinta, xa que o era tamén a súa conciencia de posición dada a subverter as condicións políticas.» Insistiu María Reimóndez na idea de que «a escrita debe ser unha forma de incomodar, xa que é unha forma de coñecemento. Ou incomodámonos nós ou seguiremos reproducindo os patróns de comportamento colonial. Defendo a incomodidade como forma unha forma de vida, ben o sei como tradutora que son que traducir é unha forma de incomodarme.»

Abordaron despois o debate sobre o que denominou Montse como «falso discurso da igualdade». Para María «o espazo do privado segue sendo o máis político. Os maiores conflitos son os que a protagonista establece consigo mesma, pola súa posición de provocar incomodidade. Os conflitos que mantén coas súa familia ou nas súas relacións persoais ou profesionais.» «A protagonista vai sufrindo unha evolución na maneira de entenderse ou de entender o xornalismo, de desfacer as xerarquías de quen ten o poder para contar. Son esas persoas occidentais as que teñen que contar o que sucede noutros países? Mais aínda cando en todos os países existen xornalistas e activistas que están escribindo sobre eses temas.» «Saínza pon en dúbida a idea de conflito. Ela quere unha vida para vivila. Quere seguir aí para contalo.»

B_RtSobWkAAQqcY

Na fase final da conversa Dopico e Reimóndez falaron da escrita da experiencia. «Non hai que evitar falar dende a experiencia. Resultaríame moi difícil escribir do que non coñezo, provócame inseguridade» confesou María, para engadir despois que «en moitas ocasións, dende unha posición patriarcal, conceptualízase a experiencia como non coñecemento.» «Reivindico a escrita da experiencia como unha forma de facer literatura. Estamos sendo recibidas por un sistema literario que aínda non o fai con normalidade, aínda hai unha forma de violencia para recibir a escrita das mulleres.»

Onte 926: O libro das xoaniñas, teoría e praxe, aquí e agora

lila_de_lilith_27-03-2014

Moito gustei das palabras de Encarna Otero na presentación que onte na Libraría Lila de lilith de Compostela dedicou a María Reimóndez e ao seu libro A alternativa está aquí. Comezou expresando a súa gratitude pola «ledicia que ofrece María» e por contar cun «libro para ler e para ter, un libro para reler como un obxecto material». Gratitude que estendeu á libraría Lila de Lilith, «un caso práctico da corresponsabilidade deste libro».

Definiu A alternativa está aquí como «un ensaio político ledo, esperanzador sobre o mundo de hoxe e de aquí, sobre qué facer agora e aquí en cada un dos espazos onde nos atopemos». Insistiu Otero en que «nada vai mudar se non o facemos nós», «esa idea que Reimóndez expresa no libro coas xoaniñas, recollendo o pensamento político de mulleres de todo o mundo para que hoxe actuemos en Galicia». «Este libro é teoría e praxe, o xeito de pensar o Norte dende o Sur para poder mudar a realidade das persoas e o seu comportamento todos os días». Referiuse a algúns contidos como o idioma e «o comportamento co galego como realidade política cotián que nos permitie vivir», o civismo e «a súa capacidade de transformación do exercicio do público en cotidianidade». Detívose Encarna na análise do concepto do «chamado minifundismo« como «base de cooperación e comercio de proximidade, dinamizador da economía local», «o libro de María demostra que é posible a soberanía alimentaria, pensemos nunha maceta na cociña, nunha terraza ou nos intersticios dunha urbana». Otero encadrou todas estes comportamentos na doutrina do funcionamento cotián que propón o libro de Reimóndez: se os facemos en vez dunha xoaniña, seremos moitas xoaniñas, capaces de construír unha sociedade chea de felicidade».

Rematou o seu discurso facendo unha referencia ao Grupos de Axuda Mutua (GAM) que permiten asimilar a experiencia xerada no Sur. Por último, Encarna Otero definiu o libro como «un manual de teoría e praxe para mudar o mundo dende unha óptica feminista. Este é un libro imprescindible, igual que foi aqueloutro titulado Que facer?, dende agora e dende aquí».

Onte 573: «Feminismos»

Resultou moi interesante a primeira presentación de Feminismos, o ensaio de Olga Castro e María Reimóndez, celebrada ontre na Libraría Lila de Lilith de Compostela. A glosa do libro correu a cargo de Belén Martín Lucas, tamén a súa prologuista, que comezou salientando que era «unha aposta necesaria». «Enche un oco importante en lingua galega xa que non existía ningunha obra que falase de todos os feminismos». Sinalou a actualidade da obra cando «vivimos os retrocesos promovidos polo capitalismo ultraliberal», así como o seu «ton moi positivo» e de lectura moi amena, recollendo »estratexias de mulleres de todo o mundo para modificar o mundo e a planeta». Belén Martín insistiu na importancia dun libro que «desmonta prexuízos sobre o pensamento feminista, un movemento que defendeu temas que afectan a toda a sociedade, problemas de todas as persoas». «A través dos feminismos podemos transformar a sociedade. Non se pode saír da crise sen pensar coas lentes violetas postas», rematou.

María Reimóndez relatou a orixe do libro. «Cando queriamos facer un libro sobre tradución feminista, pensamos que antes habería que falar de feminismos. Comprobamos que había un baleiro de textos e que había que saír do occidental. Aí naceu Feminismos, coa intención de ofrecer unha obra dirixida a persoas que xa teñen coñecementos como aqueloutras que teñan prexuízos sobre os feminismos». »As teorías feministas non poden ser consideradas só dende occidente, xa non é lexítimo falar só dos feminismos occidentais, xa que as experiencias máis interesantes proveñen hoxe doutros lugares». Confesou as dificultades para acceder a textos en linguas como o xaponés. «Fixemos un grande esforzo de recollida de información e de síntese, xa que quixemos ofrecer un texto accesible». Rematou María Reimóndez salientando que «os feminismos son a maior fonte de innovación da humanidade. O feminismo sempre ten un carácter innovador».

Olga Castro explicou a estrutura dunha obra coa que «pretendimos saír da perspectiva occidental, esculcar outras fontes». «Abordamos unha viaxe multilingüe por todos os continentes para detectar as utopías que parecían inalcanzables e agora forman parte da normalidade» «Intentamos recoller unha pluralidade de achegas feministas sobre temas transversais como a maternidade, sexualidade ou ciberfeminismo, así como desvelar discriminacións e desigualdades, propoñendo estratexias de igualdade, razón polas que procuramos a contribución dos feminismos en diversas ciencias e disciplinas«. «Buscamos que o feminismo adquirise un papel máis central na educación institucionalizada. Moitos dos avances que hoxe temos se deben aos feminismos, sen que se diga», rematou Olga Castro.