Máis de medio cento de grupos de gaiteiros e gaiteiras saíron onte ás prazas, ás rúas ou ás encrucilladas do país para dar unha alborada e celebrar así o cento setenta e seis aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Fixérono utilizando o arranxo canónico que en 1928 gravara Avelino Cachafeiro (o gaiteiro de Soutelo) para o texto titulado “Alborada” que Rosalía de Castro situou case ao remate de “Cantares gallegos”. Ese poema inesquecible, que comeza, “Vaite noite / vai fuxindo / vente aurora / vente abrindo / co teu rostro / que sorrindo / a sombra espanta!!!”, constituíu un canto esperanzado ao labor colectivo da rexeneración da nación galega. Neses versos nos que Rosalía exconxuraba meigallos de longas noites de tristura e convocaba o novo día (“o sol que se levanta no monte verde”), non é difícil identificar o anuncio da hora de Galicia, da idea dun proxecto compartido para un país que comezaba a renacer.
Foi a do domingo, unha alborada expansiva pola Galicia enteira dun ano rosaliano por excelencia no que o 17 de maio celebraremos o cento cincuenta aniversario da publicación de “Cantares gallegos”. Dende 1863, a cidade de Vigo e o establecemento tipográfico do editor Juan Compañel Rivas quedaron unidos á proeza que supuxo a publicación do primeiro libro de poemas de Rosalía de Castro, non esquezamos, tamén o libro fundacional sobre o que se foi construíndo a literatura galega do último século e medio.
Unha proeza que tivo a súa orixe na figura de José Ramón Fernández Domínguez “Carballo”, primeiro propietario da imprenta, que a fins de 1855 escolleu como o seu impresor ao compostelán Juan Compañel, que até entón tiña en Madrid imprenta de seu. Daquel obradoiro vigués, situado entón no 14 da rúa Real (correspondendo ao actual número 21, segundo acreditou o investigador Xurxo Martínez), sairía o 15 de xaneiro de 1856 o primeiro número do periódico liberal “La Oliva”, o “outavoz” dos progresistas vigueses, que a partir do número 106 ostentaba na súa cabeceira o lema “Periódico de Galicia”. Tras o seu peche por orde gobernativa, un ano máis tarde, foi substituído por “El Miño”, periódico que artellaba os intereses dos seguidores vigueses do Partido Demócrata e do Partido Progresista, encabezados na nosa cidade polos irmáns Eduardo e Alexandre Chao.
En 1859, “Carballo”, casado cunha das irmás dos Chao, vendeulle a Compañel a propiedade de “El Miño” e da imprenta, cando o establecemento da man do impresor compostelán xa se convertera en referencia para a maior parte dos escritores galegos daquel tempo de Rexurdimento. Será Compañel quen publique en 1856 ao mozo Manuel Murguía os seus primeiro poemas, “Nena d’ as soledades” e as súas primeiras novelas, “Desde el cielo”, e meses máis tarde “Mi madre Antonia. Primera parte del libro de un loco”. Como tamén será Compañel, tras o casamento case en secreto de Murguía con Rosalía, quen publique en 1859 dúas obras da parella: “La Hija del mar”, a primeira novela rosaliana e “La primera luz”, un libriño de lecturas que Murguía concebiu para uso das escolas de primeiras letras de Galicia, que contiña vinte e sete leccións sobre Xeografía e Historia e algunhas biografías. “La primera luz” é o primeiro libro de texto, concibido como tal, que pretendía levar o feito diferencial galego ás escolas. Murguía dedicoullo con emocionadas palabras a súa primeira filla, Alexandra, nacida en Santiago naquel ano: “E ti, miña filla, chegada onte a este val de bágoas, ti es en quen penso ao escribir este libro, aprende, filla da miña alma, a amar a esta Galicia infortunada onde naceron os teus pais e onde viches a túa primeira luz”.
A amizade con Compañel levou á parella a vivir uns meses do ano 1860 en Vigo, na casa do editor, onde se imprimirían as primeiras entregas do inconcluso “Diccionario de escritores gallegos” de Murguía e onde en 1863 se publicarían os poemarios de Rosalía Castro “A mi madre” e “Cantares Gallegos”, que saíu do prelo o 17 de maio daquel ano, segundo quedou datado no prólogo da novelista Fernán Caballero. Conta don Francisco Fernández del Riego, probablemente seguindo o criterio de Fermín Bouza Brey (responsable da edición que Galaxia publicou con motivo do centenario), que Murguía participou activamente na edición de “Cantares Gallegos”, libro que Rosalía rematou a correr. “Só estaba escrito o primeiro prego, e Murguía entregoullo á imprenta sen coñecemento da autora. Esta viuse obrigada a seguir escribindo, a medida que nas caixas demandaban o orixinal”.
Pola proeza de Rosalía de Castro e polo necesario estímulo do editor Compañel, Vigo quedou unido co proxecto histórico de recuperación e normalización da edición en lingua galega, ao que nos debemos os editores galegos contemporáneos. Unha alborada que festexamos con esperanza.