Listado de la etiqueta: josé_luis_baltar

Os Baltar

Primitivo Carbajo é autor de tres dos libros de investigación xornalística máis interesantes da historia da nosa edición actual. O primeiro, Paco Vázquez, a pegada dun príncipe (Xerais 1993), a biografía non autorizada do entón todopoderoso alcalde, asinada co seu compañeiro Luis Pita, será lembrado por non ser aceptado en todos os puntos de venda da cidade herculina. O segundo, Salgheirón (Morgante 2021), crónica do conflito urbanístico da finca Massó de Cangas, desvelou as corruptelas da promotora da urbanización ao tempo que amosou o papel da resistencia veciñal. Agora, no terceiro, Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena (Morgante 2024), do que é co-autor xunto a Cristina Huete, ofrece o relato xornalístico inédito de seis décadas de caciquismo moderno na provincia de Ourense, dende o brote con Eugenio Gómez Franqueira, o fundador de Corén, de Acción Política Orensana e promotor de Coalición Galega, até hoxe. Libro fascinante, escrito co pulo e coa precisión necesarias para ofrecer unha longa reportaxe reveladora sobre como procederon José Luis Baltar Pumar, o político do trombón e da boina, que soubo tourear a Manuel Fraga, e o seu fillo, Manuel Baltar Blanco, fogueado durante anos como sucesor, que cando chegou o seu momento quixo imprimir o glamur que lle faltaba ao proxecto paterno, mais que a pesar de contar co 7 como talismán e guieiro, sería relevado pola súa afección a velocidade. E así, nobelando o relato cunha documentación exhaustiva, no texto principal e nas notas a rodapé, revélase a  complexa trama de clientelismo e do pelotón de enchufados da deputación ourensá, da maraña de corruptelas e comisións, das denuncias e das condenas, dos favores pagados en efectivo pola tropa de alcaldes e deputados provinciais que apoiaban a familia Baltar. Un libro moi recomendable, un dos acertos editoriais do ano no eido da non ficción, que merece todos os nosos parabéns para Huete e Carbajo como para o valente editor Moisés Barcia por tan oportuna publicación.

Publicado en Nós diario: 18/12/2024

Celso Emilio, fillo adoptivo de Vigo

No primeiro artigo do ano en Faro de Vigo propoño que Celso Emilio Ferreiro sexa declarado fillo adoptivo de Vigo e se recupere o premio internacional CEF de poesía:

Unha das novas culturais viguesas recentes é o rescate dos poemas prohibidos de Celso Emilio Ferreiro (CEF) promovido polo Colexio de Procuradores de Vigo presidido por José Antonio Fandiño. Dez textos escritos en castelán, que formaban parte da primeira edición de Antipoemas (El Álamo, 1972), mais que foron censurados e retirados do libro, sendo editados de forma artesanal por Xosé Xesto en Venezuela como unha separata non venal. Un compendio de poemas prohibidos que amosaba ao Celso Emilio político e antifranquista, tamén o máis esperanzado, dos seus últimos anos no doloroso desterro venezolano. Velaí poemas como «Juan vive muy bien en Caracas», «Hay que definirse» ou «Lo que el tiempo espera», no que confesa a esperanza que cheguen «ventos propicios» e «horas feridas», días no que será posible «derrubar a pirámide de chumbo» grazas ao riso da xente, sen dúbida, referíndose á fin da ditadura franquista.

Un singular rescate poético realizado polo colexio vigués de procuradores que dende 2020, cando o nomeou colexiado de honra, comprometeuse de forma modélica coa causa da memoria do poeta de Celanova, ao tempo que contribuíu a recuperar para o arquivo da Fundación CEF medio cento de documentos que desvelan a súa actividade como profesional da procura, instalado en Vigo dende 1950 nun despacho da rúa Gil, no que se centra en denuncias de contrabando no Mercado da Pedra, e na que mantén tamén unha oficina de seguros. Unha actuación na procura, coincidente co período vigués, de 1950 a 1966, anos decisivos para a súa escrita poética, nos que publicou en Vigo O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955), impreso clandestinamente no prelo de Gráficas Numen de Luis Noia e Longa noite de pedra (colección Salnés, 1962). Anos tamén nos que dirixe un obradoiro de fotogravado, colabora con Ramón González Alegre na dirección da revista Alba e publica nas páxinas de Faro de Vigo medio cento de artigos, entre eles os da sección «La jaula de los pájaros raros», na que ofreceu algunha das súas mellores prosas viguesas.

Entre estes textos de Faro de Vigo hai dous de gabanza que merecen ser salientados: «Glosa de Vigo», un longo traballo publicado no folleto especial que Faro publicou con motivo do seu centenario, e «Vigo, puro milagro», premiado no concurso literario do Centro de Fillos de Vigo en 1954. Dúas pezas merecentes de formar parte do libro de ouro de Vigo, unha cidade para Celso dun ímpeto case volcánico «que descansa no lombo dos peixes e gabeou Castro arriba para contemplarse orgullosa e ver o mar». Unha cidade «á que lle falta intimidade porque lle sobra adolescencia, é dicir, timidez», conformando «un milagre do mar, agromada coma unha flor na súa beira». «Vigo, cidade clara e rotunda coma un teorema, pecha no seu encanto, na súa gracia e donaire, unha teoría de milagres idénticos aos que laten ao ritmo da pandeirada», –escribe o poeta, rendido diante do pulo das glándulas que impulsaron o crecemento febril e incansable dunha cidade, que representa a «fusión urbana do mariñeiro e do campesiño nunha síntese perfecta de cidade galega moderna», onde todos os galegos son capaces de reencontrarse doadamente e «ninguén precisa violentar o seu íntimo ser para incorporarse á vida viguesa».

Dende aquel triste serán do 31 de agosto de 1979, no que faleceu no piso da avenida de Castrelos que compartía con Moraima, Vigo aínda non homenaxeou como merece poeta que tanto a amou. Certo é que o alcalde Manuel Soto participou nas primeiras homenaxes e que a corporación que presidiu dedicoulle en 1982 unha rúa e paseo na proximidade do Castro co seu nome, onde chantou un busto do poeta. Como tamén o é que a alcaldesa Corina Porro descubriu  en 2004 unha placa no edificio da rúa Urzaiz onde viviu a familia Ferreiro Loredo. Como ademais é salientable que no ano 2000 o concello de Vigo, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo e concelleiro de Cultura Carlos Príncipe, convocou en colaboración coa Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que cunha dotación de cinco millóns de pesetas (30.000 euros) distinguiu a traxectoria dun poeta. Primeira e única convocatoria dun certame literario internacional do que resultou gañador Eugenio de Andrade, o grande poeta portugués.

Un compromiso aínda cativo con Celso Emilio que cando celebramos esta noite de Reis o 111 aniversario do seu nacemento debería ser incrementado. E para iso nada mellor que o concello recuperase a convocatoria do premio internacional de poesía co seu nome, o que tamén colocaría a Vigo na axenda literaria mundial, e a corporación acordase por unanimidade declarar a Celso Emilio Ferreiro como fillo adoptivo a título póstumo, o que contaría cun amplo apoio das entidades profesionais, veciñais e culturais viguesas.

Onte 305: A tranquilidade de Baltar

É unha fortuna contar con medios como a edición galega de El País nos que o domingo puidemos ler noticias como a que Cristina Huete avanzou sobre como a Fiscalía Anticorrupción puxo, por fin, o foco sobre os comportamentos de José Luís Baltar. Tras a sucesión familiar na presidencia da Deputación de Ourense, era previsible que nalgún momento se producise, mesmo desde espazos achegados ao Partido Popular, algún tipo de denuncia discreta sobre os evidentes excesos cometidos por Baltar ao longo de dúas décadas de auténtico reinado no pazo da rúa Progreso. Ben sabe el que nin o seu inequívoco galeguismo nin o agarimo dos «seus empregados» poderán eximilo de responsabilidade ningunha das graves irregularidades pola que foi denunciado. Porén, a proximidade da convocatoria electoral si que pode salvalo (polo momento), xa que sen o seu apoio dificilmente poderá Feijoo obter a maioría que precisa. Aí quizais resida a aparente tranquilidade coa que onte enfrontou a denuncia.

Onte 139: Baltar vaise

Coñecín persoalmente a Xosé Luís Baltar hai uns quince anos. Na editorial pedíramoslle unha entrevista coa intención de vender á Deputación exemplares dun libro de homenaxe a un escritor ourensán. Despois de agardarmos nunha sala de reunións durante un bo pedazo, apareceu de súpeto Baltar preguntando con enerxía quen era o editor. Cando me identifiquei espetoume: «Vouche mercar os libros, mais non vas facer negocio a miña conta». A verdade que non fixo falta que ocupásemos moito tempo na presentación do proxecto literario, cando a decisión do cliente xa estaba tomada. A pesar daquel éxito comercial, aparentemente doado, volvín a Vigo un chisco melancólico. Dende entón, comprendín que para Baltar a política non era un tema só ideolóxico, constituía apenas unha cuestión de olfacto –outros dirán con palabras bonitas da mercadotecnia: «a política é unha cuestión de confianza»–. Probablemente este pragmatismo foi a súa maior fortaleza, a que permitiu que ninguén fose capaz de dobregalo, nin sequera os que el onte, no momento da despedida, chamou «os de arriba». Coa marcha de Baltar péchase por motivos biolóxicos unha etapa da política galega, aínda que moito me temo que non vai rematar a xestión clientelar das nosas administracións. A melodía da despedida baltariana, mesmo os seus inequívocos acenos galeguistas, non poden agochar que a dereita conservadora en Galicia precisa unha profunda rexeneración democrática, xa que continúa ancorada na desmemoria entre o autoritarismo e o vello caciquismo. Sen Cuíña, sen Barreiro, sen Baltar, sen Palmou, mesmo se me apurades moito, sen o Fraga autoidentificacionista… a dereita en Galicia volve ao seu punto de inicio?