Listado de la etiqueta: giráldez

Lixeiras melloras

Abriu Marián Mouriño a súa presidencia cunha vitoria, a primeira da tempada na catedral das abelairas, e cun achegamento simbólico a alcaldía do concello de Vigo, ocupando a butaca que o seu pai deixaba baleira no palco. Dúas noticias moi esperanzadoras, senllos síntomas de mellora que non agochan o enorme sufrimento co que foron obtidos estes tres puntos, froito dunha xenialidade, un taconazo moi afortunado de Xurxo Larssen, como tampouco ocultan as dificultades para abrir un diálogo empático con Abel Caballero, despois de anos de incomunicación e trasacordos, o que revertería, sen dúbida, na aceleración da posta en marcha das obras de construción da grada Gol e da finalización do novo estadio, e beneficiaría tanto a Sociedade Anónima Deportiva celeste como a propia cidade de Vigo. Melloras, en todo caso, que despois de catro xornadas sen perder, nas que se obtiveron 5 puntos de 12 posibles (máis do 40 %, mudando a tendencia negativa) e apenas se encaixou un gol, alivian un chisco a situación clasificatoria crítica dos celestes, que despois de varios meses, quedarán (canto menos por unha noite) virtualmente fóra das posicións de descenso, o que supón un cativo respiro de Nadal para Rafael Benítez (confirmado pola presidenta esta mesma semana) e o seus xogadores.

Sen chegar a provocar unha revolución, o adestrador celeste pouco amigo de cambios introduciu no once de gala até catro con respecto ao de Vallecas: Carlos Domínguez no centro da defensa, cubrindo con moi bo criterio e posición a gripe do incuestionable Starfelt; Ristic no lateral, mellorando tanto en defensa como en ataque o que viña facendo Manu Sánchez; Cervi na banda esquerda, amosándose máis profundo e constante que Mingueza; e Dotor no centro, probablemente máis implicado nos duelos ca Luca de la Torre, que o substituiría nos decisivos minutos finais, cando o equipo estaba en inferioridade. Mudanzas que en liñas xerais melloraron ao equipo, sobre todo a capacidade de presión inicial, onde destacaron tamén o compromiso e a intensidade de Renato de Tapia (mágoa das súas dificultades para atacar con máis precisión) e a afouteza incombustible de Iago Aspas, que fixo unha gran primeira metade, protagonizando case todas as transicións celestes, tirando faltas e saques de recanto, rematando, defendendo, un auténtico xogador orquestra, con vontade de aceiro que se resiste ao ocaso, a pesar da mala fortuna que tivo onte cando provocou unha falta táctica pola que foi sancionado de forma moi rigorosa cunha tarxeta vermella, que deixou ao equipo no minuto oitenta nunha situación moi comprometida.

No entanto, as mudanzas na aliñación de Benítez non puideron ocultar as carencias clamorosas de xogo dos celestes, aos que sobra medio do campo, tanto polo esquema inamovible do seu adestrador de “colle a pelota e corre” (emulando o título daquela película de Woody Allen), como pola ausencia dun xogador capaz de gañar superioridades nese espazo central, rebentando as liñas de equipos como o Granada ou Cádiz que en Balaídos tiveron máis a pelota e superaron aos nosos tanto en efectivos como en capacidade de chegar a área rival. Onte a promesa granadina, Bryan Zaragoza (xa fichado polo Bayer de Munich), toleou primeiro a Kevin e despois a Mingueza, aínda que por fortuna non conseguiu marcar cando cruzou de máis un balón ao pao longo. Como tamén foi de salientar onte, cando o Granada atacaba a tumba aberta, a coraxe coa que os celestes afrontaron en inferioridade eses derradeiros minutos e os seis de engadido, nos que con respecto a partidos anteriores aos nosos defensas treméronlle un pouco menos as pernas e Guaita con intelixencia procuraba en cada saque de porta a disputa de Doubikas, que (outra vez máis e desafortunadamente) entrou en xogo moi tarde, para substituír a Larsen, o dianteiro preferido da mocidade celtista, que, coa excepción do seu gol de alta escola, estivo espeso e pouco acertado.

Ao remate do partido, a bancada agarimou aos celestes por vez primeira no que vai de temporada do Centenario, na que os celtistas en Balaídos estamos vivindo (sufrindo) de puro celtismo, sen apenas outros motivos para a ledicia que celebrar os resultados e o xogo do Celta Fortuna do prometedor Giráldez. Ben sería que a nova presidenta, que inicia a súa responsabilidade con declaracións esperanzadoras de reconciliación co concello e coa afección, non adiara a contratación dese medio centro con xerarquía e algunha outra posición defensiva, que poderían funcionar como revulsivo imprescindible nunha segunda volta onde xa non se pode sentir medrar a herba.

Publicado en Faro de Vigo: 17/12/2023

Por un Celta de Primeira

Tras décadas como seareiro de Río non lembro un Celta máis mediocre (frouxo, vulgar ou malo son sinónimos dese adxectivo) na lameira e peor dirixido na banda que o deste Centenario. Non recordo un Celta menos celta que este incapaz de superar o exame decisivo fronte ao Cádiz, un rival directo que se amosou máis consistente e comprometido, a pesar de competir en inferioridade durante máis dunha hora, tras un cartón vermello (a todas luces) inxusto a Víctor Chust. Unha adealla arbitral que un tristísimo Celta feble e desorientado non soubo xestionar ao seu favor, noutro partido decepcionante para unha bancada (máis de 17.000 celtistas) que asiste avergonzada ao espectáculo da impotencia protagonizada polo seu equipo incapaz de propoñer no terreo con certa coherencia algo que se poida considerar como fútbol. Outra desfeita que consolida unha xornada máis ao Celta nos postos de descenso cunha puntuación que mete medo, nove puntos de corenta e cinco posibles (o 20 %), o que, se non se produce decontado un milagre disruptivo, significa perda de categoría. Cifras máis pobres aínda na catedral do Fragoso, onde os de Benítez colleitaron apenas catro puntos de vinte e catro (16,6 %) e recibiron máis tantos que os catro que marcaron, sen ofrecer aínda unha vitoria a unha afección que non desiste e apenas comezou no frío serán do luns a asubiar timidamente ao señor adestrador, rachando ese silencio mesto de Balaídos co que o celtismo adoita expresar o seu desgusto.

O relato do partido resúmese no paradoxo de como se produce un empate a un gol entre un equipo que realiza vinte e seis remates a porta e outro en inferioridade numérica que marca na única oportunidade coa que conta. Un argumento moi semellante a de igualadas celestes anteriores, coa excepción que fronte aos gaditanos estiveron aínda máis espesos, no enésimo ensaio de medular, desta volta deixando a dirección do equipo a dupla Tapia Luca de la Torre, colocando ao imprevisible Mingueza de volante, por momentos alternándose na media punta con Aspas. Solucións que non resultaron atinadas, a pesar do compromiso do internacional peruano, o único dos celestes que gañou duelos os cadistas, mais incapaz de facer circular o balón coa cadencia precisa en cada momento. Unha carencia de construción que mitigou en certa medida Hugo Sotelo, cando saíu avanzada a segunda parte, amosando que o enorme furado que no cadro produciron nas últimas tempadas as saídas de condutores de xogo como Brais, Denís e Gabri Veiga é unha das causas da desfeita actual. Como tamén se repetiron o luns os erros de remate de Xurxo Larsen que para marcar precisa desbotar antes moitos goles feitos, así como o deambular desesperado e acelerado de Iago Aspas por todas as posicións ofensivas, a quen o sufrimento na lameira non o axuda a ver porta. Como tampouco o fixeron os erros do central Starfelt, que xogou tocado, o que amosa a falta de confianza do adestrador en Carlos Domínguez, como en xeral, no que pode considerarse a segunda formación.

No entanto, o máis lamentable do partido co Cádiz foi a caprichosa dirección dende o banco de Rafa Benítez, que se permitiu co marcador igualado a chulería de sacar ao dianteiro Douvikas no tempo engadido, un xesto de poderío de quen se cre intocable, suceda o que suceda, e para quen declarou na previa que o decisivo partido co Cádiz non supoñía unha final. Como desacertados foron as súas constantes mudanzas do debuxo táctico, que chegaron a confundir aos propios xogadores. Un adestrador blindado nun contrato millonario, que despois de xa moitos meses en Vigo aínda non entendeu o significado da camiseta celeste nin o carácter do celtismo nin o valor da súa canteira. Con todo, sabemos que o veterano adestrador madrileño non é o único responsable da profunda crise do mediocre cadro actual de xogadores, que o director deportivo (virtual) Luis Campos devaluou en apenas dúas tempadas.

Estando así de difíciles as cousas e ás portas da apertura do mercado de inverno, a nova directiva de Marián Mouriño non pode poñer unha venda nos ollos e debe decidir se prefire deixar que todo corra como até agora, o que levaría ao Celta a Segunda, ou intentar evitar o descenso introducindo medidas disruptivas que reseteasen a situación, o que obrigaría a fichar con ambición, a cesar a Benítez, a apostar por un adestrador celtista (Berizzo, Giráldez…) e a medio prazo a prescindir de Campos. Un dilema que sabemos non é doado abordar, xa que as dúas opcións son moi gravosas para o balance da Sociedade Anónima Deportiva. No Centenario, o celtismo merece que o Celta continúe sendo de Primeira.

Publicado en Faro de Vigo: 06/12/2023