Listado de la etiqueta: francesco_tonucci

O Salón

Até o 7 de maio está aberto o XXIVº Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a nosa festa da lectura cidadá. Centrado arredor do lema «Libros para xogar!», unha chiscadela agarimosa aos pedagogos italianos Francesco Tonucci e Gianni Rodari, o Salón tece redes con Colombia como país convidado, que presenta a súa literatura infantil e xuvenil e as súas experiencias socialmente transformadoras a partir dos libros e da lectura. Programa ao que o cento de actividades arredor do xogo e a lectura se engaden as merecidas homenaxes á ilustradora Maife Quesada e ao escritor e activista cultural Manuel Lourenzo González, tamén un dos primeiros directores do Salón. É a do Salón, organizado dende 1999 polo concello de Pontevedra, no marco do proxecto municipalista de cidade educativa da alcaldía do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores, unha experiencia de éxito, tanto pola súa continuidade (por riba de crises e pandemias) como pola súa capacidade para mudar e sorprender, para actualizarse en cada edición (como ven sucedendo nas últimas), sen perder faragulla ningunha da súa enerxía creativa nin da pulsión da colaboración e empatía cos centros educativos (os protagonistas deste encontro), contando coa presenza dos autores e autoras, ilustradores e ilustradoras, editoras, librarías e persoas mediadoras. O Salón amosa que é posible construír cos libros e coa lectura cidadá (entendendo como tal un fenómeno interxeracional e hibridado en xéneros e soportes) espazos de esperanza. Como demostra a excelencia acadada ao longo destes case cinco lustros pola literatura infantil e xuvenil galega que atopou no Salón unha plataforma de visibilidade e prestixio para a presentación das súas novidades e iniciativas, e máis recentemente coa Residencia Artística do Salón e coa celebración do Congreso Internacional de Mediación Lectora, un espazo tamén para a creación e innovación como para a reflexión e a formación do profesorado comprometido co poder transformador dos libros.

Publicado en Nós diario: 26/04/2023

Os dereitos da infancia

No artigo da semana de Faro de Vigo falo dos dereitos da infancia con motivo do vinte e cinco aniversario da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) e da celebración do Día dos Dereitos Humanos.

XG00231101O pasado 20 de novembro, día mundial da infancia, celebrouse o vinte e cinco aniversario da “Convención sobre os dereitos do neno” (CDN) aprobada polas Nacións Unidas cando se facían trinta anos da “Declaración dos dereitos do neno” (1959). Documentos internacionais esenciais para o recoñecemento dos dereitos humanos das persoas menores de 18 anos de calquera lugar do planeta, de calquera raza, sexo ou relixión, ou calquera que fose a súa capacidade física ou intelectual.

A transcedencia dos 54 artigos da CDN foi salientada polo pedagogo Francesco Tonucci no prólogo do libro “Os dereitos da infancia” (Xerais, Unicef, 2014) xa que o texto da convención fixa que ao naceren os nenos son cidadáns, non futuros cidadáns, e como todos “teñen dereito a participar, a decidir e a protestar”. Un recoñecemento fulcral da infancia e do seu papel activo na sociedade, xa que esta condición de cidadáns capaces e competentes confírelles responsabilidade na súa defensa, especialmente no que atinxe á participación no eido educativo e familiar. No marco dos catro principios fundamentais da CDN, o da non discriminación, o do interese superior do menor, o dereito á vida, sobrevivencia e desenvolvemento, así como o dereito á participación, o texto recolle con claridade os dereitos económicos, sociais e culturais dos menores: o dereito á saúde, á educación, á protección, á convivencia familiar, a non sufrir abuso, violencia nin explotación laboral, a non ser reclutado para participar en conflitos armados, a presunción de inocencia…

Unha convención, que ten rango de lei e carácter vinculante, elaborada a partir dunha versión do goberno de Polonia en 1978, asinada en 1990 por vinte países e dende entón ratificada por 194 coa excepción dos Estados Unidos e Somalia que só a asinaron, mais que aínda non a ratificaron e, polo tanto, non están comprometidos a acatala. O caso dos Estados Unidos é rechamante xa que foi un dos países máis activos na redacción dun documento, aprobado dez días despois da caída do muro de Berlín. Porén, a pesar de ser asinado pola administración presidida por Clinton e de que o presidente Obama considerase a súa ratificación unha prioridade, non foi aínda enviado ao Senado, onde precisa de dous terzos para a súa aprobación. Os sectores conservadores estadounidenses opóñense a ratificación do documento, como doutros tratados de dereitos humanos, co argumento de “preservar a soberanía estadounidense”, ao tempo que consideran que a CDN minusvalora o papel da familia e dos pais, para eles a única institución que detenta a autoridade sobre a educación e a disciplina dos menores de 18 anos.

Tras vinte e cinco anos da aprobación da CDN, os menores continúan sendo moi vulnerables, millóns de nenos e nenas son vítimas de violacións dos seus dereitos. Organizacións como Amnistía Internacional denuncian que máis dun millón de nenos e nenas son vítimas de tráfico de seres humanos con destino á explotación laboral ou sexual; 300.000 participan como soldados en conflitos en diversos lugares; máis dun millón están en centros de detención e nalgunhas ocasións se lles aplica a pena de morte (tres casos en Arabia Saudí no ano 2013); ou que cada ano dous millóns de nenas corren risco de mutilación xenital. Mais non vaiamos pensar que estas violacións se producen só nos países do mal chamado terceiro mundo. En España, segundo Amnistía Internacional, é particularmente preocupante a situación dalgúns menores con problemas de conduta ou en situación de dificultade social internados en centros de protección terapéuticos. Como tamén o é que se manteñan as taxas de fracaso escolar por riba do 23 % ou a existencia de 2,3 millóns de nenos e nenas por baixo do umbral da pobreza, cifra á que non é allea o incremento da taxa de pobreza infantil que, segundo datos dun recente informe de UNICEF, pasou do 28,2 % ao 36,3 %, entre 2008 e 2012, ocupando así España o posto número 35 entre os 41 da OCDE. Datos escandalosos polos que a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social e por unha educación inclusiva e de calidade deberían ser hoxe unha prioridade política.

A situación de precariedade da infancia foi denunciada pola activista paquistaní Malala Yousafzal e polo activista indio dos dereitos da infancia Kallash Satyarthi, que comparten o Premio Nobel da Paz deste anos, dúas figuras que actualizan coa súa testemuña a axenda internacional dos dereitos da infancia. Xaora, como sinala a escritora María Reimóndez, non debemos esquecer que os dereitos humanos son “como unha leira na que cómpre traballar sen desfalecer, un traballo nunca completo porque choca fronte os intereses de quen se beneficia da desigualdade”. En definitiva, os dereitos da infancia continúan sendo espazos para a corresponsabilidade e o activismo.

Onte 1156: Pontevedra premiada en Dubai por ONU-Habitat

543e9861e2-aereas-pontevedra-_097O modelo urbano de Pontevedra foi recoñecido co Premio Internacional Dubai polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesabilidade. Este recoñecemento outorgado pola capitalidade dos Emiratos Árabes, en colaboración con ONU-Habitat, considera que a transformación da cidade pontevedresa na última década e media, promovidos pola alcaldía de Miguel Anxo Fernández Lores do BNG, é un modelo para facer «unha cidade centrada nas persoas». A peonalización do centro histórico, a limitación da velocidade na cidade a 30 km/h, a creación de sendas peonís e ciclistas ou o saneamento do/a río/a son algunhas das medidas agora recoñecidas, sendo ese premio dos seis outorgados o único obtido por unha cidade europea. Os responsables desta pacífica revolución urbana, que o noso admirado Francesco Tonucci definiu como «a de facer a cidade para a infancia», merece todos os parabéns. Pontevedra boa vila, si señor!

Onte 1149: Os dereitos da infancia

XG00231101Ás portas da celebración do vinte e cinco aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, trinta anos despois do Declaración dos Dereitos do Neno, publicamos para celebralo un volume colectivo de intención didáctica e carácter solidario (un euro de cada exemplar vendido será para o comité de UNICEF). Dez autores e autoras das literaturas infantís e xuvenís do estado escriben cadanseu relato sobre cada un dos principios da Declaración, sendo ilustrados os textos polo xenio de Emilio Urberuaga. Así o relato de Agustín Fernández Paz, o que desenvolve o dereito a unha educación gratuita, recupera a voz da protagonista emigrante de Lúa do Senegal. O de Gonzalo Moure, o que aborda o dereito a unha educación e un tratamento especial para aqueles nenos que sofren algúnha discapacidade mental ou física, relata a historia de Pi un piollo moi feble que pretende vivir na cabeza lisa dun sabio. Particular interese ten o prólogo de Francesco Tonucci que insiste na transcendencia dos 54 artigos dunha Convención que recoñece aos nenos e as nenas como cidadáns capaces e competentes, e como tales, con dereito a participar, a decidir e a protestar. Este é un libro concibido polos editores (aparece simultaneamente en castelán, catalán e galego) coa intención de protexer e promover os dereitos dos nenos e nenas do mundo, á vez tan distintos e tan iguais, mais, como sinala Gustavo Martín Garzo, todos co mesmo corazón. Como sinala María Reimóndez no seu ensaio recente, os dereitos son concibidos nestas páxinas como leiras nas que traballar o desenvolvemento da infancia nun mundo profundamente desigual, xa que «a súa proteccíon e o desenvolvemento son imperativos de carácter universal e forman parte integrante do progreso da humanidade.»

Onte 680: A escola, para ser escola, debe ser pública

Ignacio Escolar chiaba onte unha interesante entrevista co noso admirado Francesco Tonucci con motivo da súa intervención hai uns meses en Sevilla. En momentos de apoxeo da escola segregadora, coa LOMCE no seu triste trámite parlamentario, é unha beizón ler opinións tan sensatas sobre temas educativos como estas de Tonucci, defensor teimoso do modelo de escola pública. «A escola, para ser escola, debe ser pública, de iguais e aberta á diversidade», afirma o pedagogo torinés, para engadir despois, «a escola debe ser, sobre todo, un lugar onde se aprenda a vivir. E a vivir ben», salientando o irrenunciable carácter formativo e integrador da educación obrigatoria. Máis claro, auga.

Se isto non abondase, o creador de Frato, non se acomoda á rotina do seu discurso, e propón reconsiderar o principio de «coetaneidade», a agrupación do alumnado por idade, como único modelo de organización escolar, abrindo así un debate que fende moitas das inercias do noso discurso educativo. Coma innovadora é tamén a súa reclamación da volta dos nenos á rúa e a súa autonomía a partir dos seis anos, idade a partir da que para el deberían ir sós á escola. Outra volta de torca para as dinámicas familiares. Dúas propostas que forman parte da cerna do seu ideario pedagóxico, que xa nos deslumbrou hai tres décadas, recollido no seu proxecto «A cidade dos nenos». Dende os anos oitenta, Tonucci reclama aos responsables municipais que «consideren aos pequenos como parámetros principais para mudar as estruturas urbanas e axeitalas ás súas necesidades». Propón aos alcaldes ollar a súa cidade cos ollos dos nenos e nenas, sen esquecer facelo, tamén, cos ollos dos avós e das avoas. Unha nova ollada que obrigaría a mudar moitas prácticas urbanas e o propio deseño das cidades, acometendo a auténtica «humanización» que precisan. Esta nova ollada interxeracional permitiría o regreso dos picariños e dos avós ás rúas, facendo as cidades máis seguras, xa que para o pedagogo italiano a razón pola que hoxe as rúas das cidades europeas sexan perigosas é nin máis nin menos «porque alí non hai nenos».

En tempos de conformismo educativo, no que termos como «eficiencia» ou «calidade» son utilizados coma un novo mantra para xustificar a privatización educativa e os recortes das politicas públicas, cómpre volver sobre os textos vivivificadores dos clásicos da renovación pedagóxica, como Tonucci, Rodari e Freinet. Léndoos é perfectamente posible recuperar o entusiasmo na educación pública coma a mellor panca para saír da crise. Beizón Tonucci, vello amigo!

Publicado en Galicia confidencial.