Artigos

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

Olimpia Valencia e outras pioneiras

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura de Olimpia Valencia e outras pioneiras:

Reparo con frecuencia na placa colocada en Príncipe nº 11 na que se lembra que alí tivo a súa consulta a xinecóloga Olimpia Valencia López, a primeira muller galega en obter a licenciatura de Medicina na Universidade de Compostela en 1925, cun expediente inzado de matrículas. Nacida nas terras arraianas do concello de Baltar en 1898 e veciña de Vigo dende os doce anos, especializouse en Madrid, onde se doutorou cunha memoria sobre a colesterinemia no sangue, e despois, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, trasladouse a Alemaña e Suíza onde ampliou formación científica na especialidade que exerceu en Vigo desde 1928 até case o seu pasamento en 1987. Profesión que desenvolveu na Seguridade Social, até a década de 1960, e na consulta particular que a súa chegada abriu en Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda: «Olimpia Valencia: especialista en doenzas da muller».

Vinculada ao galeguismo republicano de Vigo, polo tanto a figuras como as de Valentín Paz Andrade, a doutora Valencia tivo a afouteza de encabezar en 1931 o chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra do Partido Galeguista e en 1936 outro que reclamaba o Si no Plebiscito do Estatuto, ambos os dous documentos asinados só por mulleres. Sempre estudosa, inqueda e comprometida coa súa profesión e coa causa da igualdade («as mulleres podemos namorarnos por algo máis que casar», confesoulle nunha entrevista ao xornalista Johán Carballeira), participou en Vigo na fundación de entidades como a Academia Médico-Quirúrgica (1930) e a Alianza Francesa. Compromisos cívicos que lle pasarían factura en 1937 cando foi detida, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e manter relación con xentes de esquerdas, e máis tarde nos dífíciles anos de posguerra, cando foi acusada de «roja» e mesmo boicoteada a súa consulta. Recoñecida hoxe como pioneira, unha desas mulleres que pelexaron por ocupar espazos até entón masculinos, dona Olimpia conta cunha rúa co seu nome na zona de Cabo Estai e a Universidade de Vigo escolleuna, tamén, para identificar o seu Centro de Investigacións Médicas. Apenas dous recoñecementos para unha das pioneiras viguesas máis afoutas.

A apaixonante biografía de Olimpia Valencia, que merece un lugar destacadísimo na historia de Vigo, é unha das incluídas no álbum «Pioneiras» (Xerais 2018) escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz, protagonizado por unha ducia de mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados até ese momento só por homes. Mulleres de épocas e ámbitos sociais e profesionais ben distintos, dende Exeria, a primeira muller escritora de toda a Hispania Romana no século IV, e Isabel Barreto, a primeira almiranta do mar, participante a finais do século XVI na expedición para colonizar as Illas Salomón; pasando por Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, participante na expedición da vacina da varíola do doutor Balmis, e Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra; até Celia Rivas, a primeira condutora de camións, Marcela e Elisa, as mestras que quixeron casar, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, María Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal de ámbito estatal («La Vanguardia»), e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional, que traballou un par de anos no Instituto Oceanográfico de Vigo.

Unha ducia de pioneiras, como as doutoras Valencia e Alvariño, ou como tantas outras mulleres viguesas que abriron camiño, cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor. Recuperacións biográficas esenciais para a súa utilización didáctica nas aulas e para a formación nos valores da igualdade, mais tamén para as actividades do propio movemento feminista neste seu irreversible proceso de empoderamento emancipador, caligrafado nas rúas viguesas o pasado domingo por milleiros de mulleres, unha lumieira esperanzadora para erradicar as lacras do feminicidio, do acoso e das desigualdades social, laboral e económica, como raíces da sociedade patriarcal.

As conquistas do movemento feminista foron sempre conquistas para toda a humanidade; como sabemos que mudar a historia obriga a mudar as voces da historia. Secasí, se recuperamos os nomes e restauramos a memoria destas pioneiras, até agora invisibles na historia, contribuiremos a acuñar modelos e figuras femininas valoradas socialmente. Eis a necesidade de poñer en valor á doutora Olimpia Valencia e a outras pioneiras.