Artigos

Onte 2071: «Meigas fóra!» na noite de San Xoán

Dende hai tres anos Ramón Domínguez Veiga desenvolve un proxecto de álbum ilustrado sobre o ciclo de festas estacionais galegas. En diálogo co ilustrador David Sierra ofreceu a entrega sobre Samaín, Violeta quere ser vampiro (2017), e sobre o carnaval, É tempo de Entroido (2018), libros nos que anticipaba algúns dos ingredientes preferidos das súas historias: a utilización de estruturas narrativas da tradición oral, fose en base a textos rimados e dialogados ou acumulativos ou enumerativos; o emprego do humor como primeiro recurso expresivo; e o coidado meticuloso na integración gráfica e textual. Máis recentemente, comezou a colaboración co ilustrador Iván R. para ofrecer a Araña que lles tiña medo ás arañas (2019), un divertidísimo álbum de terror no que destacaba o xogo espectacular de planos gráficos ensamblados nunha estrutura enumerativa e circular moi orixinal.

Tras Eu quedo na casa, o conto en liña sobre o confinamento das crianzas provocado polo Covid19, Ramón e Iván estreitan a súa colaboración en Meigas fóra! (2020) para ofrecer un dos mellores títulos que lembramos da serie de 7 anos en diante (lectores/as autónomos) da colección Merlín. Utilizando como motor a rivalidade entre dúas vilas veciñas, Leira e Beira, relatan como dúas alcaldías irresponsables e grandilocuentes, que non paraban de discutir e  pelexar intentando demostrar quen tiña máis poder, levaron a cada unha das súas comunidades case ao desastre, cando as lapas de Leira acadaron tal altura que a lúa decidiu non volver alumar aquela vilas nunca máis, e as de Beira tanta amplitude que obrigaron aos peixes a fuxir. Unha exaltación, ademais, do valor purificador da noite do 23 de xuño, a máis curta do ano, na que saltando por riba do lume escorréntanse as meigas, que é tanto como dicir sobre as envexas, maldades e as súas porfías.

Ramón e Iván consiguen que textos e imaxes funcionen á perfección na progresión dun relato cheo de sorpresas e xiros argumentais, dosificando a información e modulando con sutileza os aspectos emocionais. Ofrecen unha historia memorable que, como aquel inesquecible  Valados de Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, amosa que é posible para unha comunidade construír un futuro mellor en liberdade, superando os valados da intolerancia, do egoísmo e do autoritarismo: «A ledicia está en construír xuntos un novo lugar onde vivir en harmonía».

Aventuro que Meigas fóra!, ademais de consolidar a sociedade creativa de Ramón e Iván, será un dos mellores libros infantís deste ano da pandemia. Excelente en todos os eidos.