Artigos

Onte 684: Feira do Libro en Rianxo

Recollemos o fío do traballo e viaxamos a Rianxo para participar nos actos da Feira do Libro instalada na praza do concello. Tras a desgraza tan grande de Angrois, que truncou a vida de dúas persoas veciñas de Asados, a programación prevista entre Noite Aberta de Rianxo e a Feira do Libro quedou reducida aos actos literarios que se celebraron no salón de plenos da vila: primeiro a intervención de  Xosé Neira Vilas, que presentaba os seus dous libros máis recentes, Cancela aberta en Xerais e Aquel neno en Embora; despois o debate «A noite no deserto», entre Antón Riveiro Coello e Chisco Fernández Naval, moderado por Xerardo Agrafoxo.

Diante dun público moi numeroso, que deixou pequeno o salón, Pepe Neira confesou estar moi ledo en Rianxo, «Anisia e mais eu vivimos oito días na casa de Rafael Dieste, despois do seu falecemento, acompañando a Carmen Muñoz». «Alédame tamén polo carácter literario de Rianxo, terra de grandes escritores dende Paio Gomez Chariño, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Castelao até o poeta Faustino Rey Romero, a quen coñecín tamén en Arxentina». Referiuse despois a Cancela aberta, o quinto volume na colección Crónica de Xerais de compilación doutros cen artigos dos publicados en El Correo Gallego. Definiu o libro como «un cento de artigos de 1.500 matrices sobre temas variadísimos, galegos e internacionais, mais coa intención de que perduren, evitando que sexan efémeros». Tras lembrar unha frase de Miguel de Unamuno, «non teño tempo para escribir artigos curtos», confesou que «a brevidade e a limitación do espazo obriga a unha condensación e a utilizar un estrutura de conto, o xénero narrativo que máis me agrada».

Falou despois de Aquel neno, o libro publicado por Embora, «un libro que tivo un embarazo moi rápido, case setemesino, que acabei de escribir a pasada semana, que se acabou de imprimir onte e que vin por vez primeira hoxe». «O libro naceu da idea de que todo home leva de por vida un neno dentro de si, e toda muller unha nena». «Neste libro están todos os meus nenos literarios, Moncho, Toño, Lelo, mais tamén está a miña infancia, os meus soños e as miñas lembranzas. Sei como dicía o poeta José Hierro que cando falo de min, falo tamén dos demais». Antes de ler unha decena das 160 estampas, Neira Vilas gabou as viñetas coas que Xosé Vizoso ilustrou cada un dos textos. As súas palabras finais foron para lembrar que «cando un escribe ten que facer idioma, este foi tamén o meu esforzo con este libro».