Artigos

Federico Ribas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Federico Ribas con motivo da celebración do Día da Ilustración 2019:

Entre a nómina de figuras viguesas esquecidas do século XX, unha das máis potentes é a de Federico Ribas Montenegro, «Mirko», o debuxante, ilustrador, pintor e publicista que o 30 de xaneiro será homenaxeado nas bibliotecas de Galicia con motivo do Día da Ilustración. Nacido no concello de Bouzas o 26 de outubro de 1890, fillo de Francisco Ribas Maristany, almacenista de orixe catalá de efectos navais do barrio do Areal e sobriño do conserveiro da ribeira de Coia Juan Ribas, dende moi novo Federico amosou o seu interese polas artes formándose co escultor Julio González Pola, autor dos monumentos aos heroes da Reconquista e á Cruz Vermella do cemiterio de Pereiró.

Cando tiña dezanove anos, para evitar ser alistado coa súa quinta, embarcou de forma clandestina á altura das Cíes rumbo a Buenos Aires, onde comezaría a traballar, primeiro, como rotulista, pintor de valados publicitarios e, despois, xa como colaborador do xornal «Última hora» e de publicacións gráficas, entre elas a mítica «Caras y Caretas», onde amizou con Xosé María Cao e Juan Carlos Alonso, os mestres da caricatura galega.

Seducido polo París da Belle Époque, cos cartiños aforrados na Arxentina Federico viaxou en 1912 á capital francesa para gozar do soño de calquera artista do seu tempo: vivir en Montmartre. E abofé que non lle foi mal, alí casou con Georgina, a que sería a súa compañeira de vida, impregnouse das correntes estéticas da modernidade daquela cidade tan estimulante, colaborou nas revistas «Le Rire» e «Elegance» e mesmo chegaría a ocuparse da dirección artística da revista «Mundial» dirixida polo poeta Rubén Darío.

Co comezo da guerra do 14, Federico regresa a España, vivindo entre Madrid e Bueu, onde atopou en Beluso o que sería durante os veráns de dúas décadas o seu mellor acubillo. Xaora, a súa vida mudaría cando en 1916 gañou o concurso de carteis Heno de Pravia, convocado pola empresa de perfumes Gal, da que sería o seu director artístico e onde desenvolvería un traballo gráfico extraordinario, capaz de chantar en milleiros de anuncios os alicerces dunha publicidade emotiva dirixida a conectar cun novo modelo de muller moderna, independente e deportista.

Un tempo de entusiasmo creativo no que Ribas converteuse en Madrid nunha auténtica celebridade, o debuxante máis prolífico e mellor pagado do momento, que publicaba os seus debuxos en revistas como «La Esfera», «Blanco y Negro», «Mundo Gráfico» ou «Buen Humor»; preparaba portadas para os libros do editor Calleja ou carteis para o Círculo de Bellas Artes.

O que non lle impediu manter o seu fío co país noso, xa que en 1923 comezou a publicar as súas pezas en «Faro de Vigo», sendo (non o esquezamos) un dos primeiros humoristas gráficos do decano, e «El Pueblo Gallego», ademais de preparar algún traballo propagandístico ocasional como o excepcional cartel «Rías Gallegas. Lugares de Ensueño» que en 1930 editou o Patronato Nacional de Turismo, no que lle concede todo o protagonismo a ría de Vigo construíndo unha paisaxe sintética na que aparecen entre un transatlántico as illas de San Simón e as Cíes, creando así unha atractiva contorna de modernidade, que non perdeu actualidade.

Como tamén é moi atractivo o cartel que Ribas preparou para o partido de fútbol no campo de Coia entre as seleccións de Galicia e Centro, a beneficio das familias dos náufragos de Bouzas, no que utiliza unha tipografía galega e un motivo gráfico próximos aos de Castelao. Sen esquecer, tampouco, as portadas que preparou para as revistas «Industrias Pesqueras» e «Industrias Conserveras» dirixidas por Valentín Paz Andrade.

No entanto sería a súa colaboración coa conserveira Massó, o traballo publicitario mais relevante en Galicia de Federico Ribas, froito da súa amizade de vello coa familia propietaria da que chegaría ser a maior conserveira de Europa, como pola súa querenza pola casiña que tiña na parroquia de Beluso, onde convidaría a figuras como o escritor venezolano exiliado Rómulo Gallegos ou a pintora Maruxa Malllo e o seu compañeiro Alberto Fernández Mezquita.

Desde Bueu, naquel fatídico verán de 1936, no que foi fusilado o seu amigo o xornalista e alcalde de Bueu Johan Carballeira, Federico fuxiría de novo a Buenos Aires, onde se exiliou até 1949, colaborando na revista «Atlántica» e traballando en diversas edicións de libros. Regresou a Madrid, apenas tivo tempo para deitarse nos brazos da desolación franquista, para morrer o 11 de setembro de 1952.

Esquecido, como tantas outras figuras do exilio, en 1992, coincidindo coas catro décadas do seu pasamento, a Caixa de Aforros organizou en Vigo unha antolóxica da súa obra gráfica. Ben sería que a súa cidade natal volvese lembrar ao pintor das mulleres máis fermosas e elegantes, un dos seus fillos máis internacionais e admirados.


Onte 1568: Día da ilustración

Marcos_Viso_Día_da_Ilustración_2016

Celebrouse onte nas bibliotecas «O día da ilustración». Unha data incluída no calendario galego do libro e da lectura, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, coa intención de salientar «a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración». Unha efeméride que debería servir, ademais, para reparar na situación dun subsector da creación que, a pesar do proceso de hibridación e mudanza do sector editorial, vive en Galicia un momento dunha certa efervescencia, fose pola consolidación nos mercados (tamén nos internacionais) dalgunhas das figuras da BD galega, sexa pola aparición constante doutras novas no terreo da edición infantil ou do portadismo editorial.

Xaora, sobre o mundo da ilustración galega pairan importantes dificultades, dende a reducida dimensión do noso mercado editorial interior, pasando polas dificultades para a exportación, concertación de edicións e venda de dereitos, até os prexuízos aínda existentes sobre este traballo artístico. E para mostra destas eivas abonda con reparar na lista de vinte e cinco creadores convidados a participar na Feira do Libro de Buenos Aires, que a Consellaría de Cultura e Educación publicou a pasada semana, e comprobar que só asistirá unha ilustradora. Apenas un síntoma dunha ollada prexuizosa sobre a ilustración galega, ademais dunha torpeza, cando se visita un país onde esta disciplina ten unha importancia fulcral no mundo editorial.

Parabéns a todos os ilustradores e ilustradoras, mercedoras de todo o noso recoñemento e apoio por tan destacado traballo artístico.

Grazas a Marcos Viso pola ilustración.

Onte 869: Gandhi e Castelao

Coincidiu onte por vez primeira o Día Escolar pola Non Violencia e a Paz, celebrado na data do aniversario do pasamento de Gandhi, co Día da Ilustración en Galicia, data de nacemento de Castelao. Enfíase así nas aulas e bibliotecas do país noso a lembranza de dous personaxes moi relevantes na historia do século XX, contemporáneos (morreron cunha diferenza de apenas dous anos), pacifistas até o lirismo e defensores teimosos das súas comunidades e de toda a humanidade. Lembranza destes persoeiros universais inserida no marco da exaltación da creación gráfica e artística e da actividade lectora. Parabéns aos numerosos centros escolares galegos que con actividades moi diversas artellaron esta xornada transversal de lapis, cores e pombas.