Artigos

Onte 2079: Ana Pontón en conversa con María Reimóndez

Os libros de conversas políticas constitúen un xénero con apreciable lectorado dentro da edición galega. Títulos xa clásicos como o que os editores Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello prepararon con Xosé Manuel Beiras, A nación incesante (cunha primeira edición en 1989 e unha segunda actualizada en 2000, as dúas publicadas por Sotelo Blanco), o do escritor Suso de Toro con Camilo Nogueira, CN e outras voces (Xerais, 1991) ou o do xornalista Xosé Manuel del Caño con Méndez Ferrín (Xerais 2005), acuñaron un modelo de libro de conversas moi achegado á memoria biográfica e xeralmente enfiado como argumento principal pola participación do protagonista na construción do pensamento galeguista no seu sentido máis amplo.

Xénero deste tipo de conversas que constituíu unha das etiquetas da colección Crónica de Xerais, se ben nas últimas entregas adoptou un afán de clara renovación, tanto no libros de conversas entre Martiño Noriega e o xornalista Daniel Salgado, A contradición permanente (Xerais 2017), como entre Ana Pontón e a a escritora e activista María Reimóndez, A semente, a árbore, a froita (Xerais 2020).  Dous libros que sinalan unha mudanza profunda tanto no formato deste xénero, na axenda política abordada, como na modulación das propias voces políticas da esquerda nacionalista, procedentes xa das xeracións dos CAF en diante. Ademais,  A semente, a árbore, a froita, o libro que recolle as conversas de Ana Pontón e María Reimóndez, é o primeiro deste tipo protagonizado por dúas mulleres, o que pon en evidencia o carácter patriarcal do nacionalismo galego como os criterios que adoptamos os editores en lingua galega cando publicamos esta clase de libros.

Unha cuestión á que se refiren as dúas interlocutoras cando valoran a mudanza que se está producindo no BNG a partir dunha perspectiva de xénero, tanto polo feito da consolidación do liderado na organización de Ana Pontón, pola incorporación sen volta do pensamento feminista ao ideario nacionalista, como polo que supón de empoderamento das mulleres na actividade política. Unha reflexión matizada devagariño por ambas as dúas, como coidado é o estilo do cento de páxinas, que conforma a cerna dun libro tematicamente transgresor e aberto, formalmente moi literario e politicamente útil para coñecer a figura da candidata do BNG á presidencia da Xunta e o alcance das mudanzas que a súa direccion está imprimindo ao proxecto nacionalista.

Á diferenza dos modelos de libros de conversas  haxiográficos e masculinos doutrora, a escritora María Reimóndez asume o reto de ofrecer un retrato humano e político de Pontón en primeira persoa, que ao fío dunha sororidade e empatía xeracional, compartida e cómplice, vai transformándose en voz colectiva, nun dos acertos máis rotundos do libro. Como particular interese ten na conversa –onde hai algún momento incómodo, cando as interlocutoras non coinciden total ou parcialmente nas análises– a segunda parte do libro cando se debullan os contidos da axenda política de Pontón, máis centrados na preocupación polas persoas, pola conquista dos dereitos (esa leira onde sachar, como defende Reimóndez) e polo sistema público de coidados,entre outros, ca por posicionarse en cada unha das interminables liortas da tradición doutrinal nacionalista, como acontecía decote noutros libros do xénero.

Nestas páxinas, que saben a pouco, Pontón amosa experiencia política abonda, determinación e afouteza para sinalar prioridades (mesmo xa ten moi claras as dez primeiras medidas da súa presidencia), así como bo coñecemento da realidade galega, manexa cifras económicas con rigor, amosa curiosidade pola creación cultural e non dubida en mollarse cando aposta por «unha sociedade con moitísimo dinamismo e moitísima capacidade de adaptación aos cambios». Unha confianza nas propias posibilidades do país e un compromiso coa esperanza que Pontón resume en «traballar para facer de Galiza un país mellor no que vivir», «un país desenvolvido, a pleno rendemento, un país con igualdade…, un país onde as persoas sexan felices e teñan motivos para sorrir».

A semente, a árbore, a froita é un libro de lectura agradable que me resultou valioso para cargar os depósitos de esperanza da Galicia alternativa, o que lle agradezo a Pontón e Reimóndez. Recoméndoo vivamente.

A foto das autoras é de Nós diario. Moitas grazas.

Onte 1928: “A contradición permanente”, as conversas políticas de Noriega e Salgado

Anunciamos onte en Compostela a publicación na colección Xerais Crónica de A contradición permanente, o libro de conversas de Martiño Noriega e Daniel Salgado arredor dos últimos cinco anos de “política convulsa”. Unha comparecencia de prensa na que Salgado confesou que o libro nacera “cando percibimos que tras un tempo de aceleración, o voto do PSOE á investidura de Rajoy, a nova maioría de Feijoo ou a nova posición de Tsipras supoñían un punto de inflexión, mesmo quizais un punto de derrota para a esquerda. Que pasara neste período?”. “Organizamos o libro en nove conversas cronolóxicas e tres transversais, que mantivemos dende finais de 2016 até o mesmo 3 de outubro de 2017, día da intervención do xefe do estado, ao tempo que introducimos cinco cronoloxías anuais para contextualizalas”.

Pola súa banda, Noriega definiu o libro como “tan incómodo como honesto, intentamos non autocensurarnos, sabendo que elaborabamos un relato de parte que pretende ser honesto”. “Este é un libro que escapa dos nominalismos, que intenta contextualizar os momentos políticos, ir cara a fóra, xa que non vai dirixido especificamente ao espazo de unidade popular, agardando que chegue ao maior número de persoas posibles. Quixemos explicar ao país cales foron as razóns que nos levaron a vivir estes tempos como o fixemos.” Salientou Noriega que este non e un libro de entrevistas, “é unha longa conversa na que dúas persoas que están en sintonía e compartiron experiencias comúns se paran a contar e a reflexionar sobre o que foron estes últimos cinco anos”. “Reivindicamos estar dende a incomodidade arriscando nun momento excepcional no que o país está nunha situación de emerxencia. No entanto, no libro hai unha mensaxe de esperanza, aínda que non se fai proxección de futuro”.

Poema de hoxe 174: «A estación sen ti» de Daniel Salgado

A estas alturas nada colle nun poema,
todo semella tan ancho
que soborda
a cousa ruín dunha palabra.
A estas alturas
nada colle nun poema porque desencadeas,
amor,
a vida aberta fóra do papel.

Daniel Salgado, Sucede (Espiral Maior, 2004)

Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá. No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

 

Onte 335: Distanciamento e diálogo

A información de Daniel Salgado en El País sobre o distanciamento entre os dous polos escindidos do BNG agoira dificultades para o proceso de unidade nacionalista. Semella que Compromiso por Galicia pretende xogar a súa estratexia a longo prazo. De cara as súas primeiras Autonómicas conformaríase con alicerzar un espazo de centro galeguista, aglutinando nun único partido a todas as formacións deste carácter, e acuñar novas formas de acción política galeguista. Unha aposta cuxo éxito dependerá, en moi boa medida, da capacidade de consolidar un liderado sólido na sociedade, aínda non configurado. Pola súa banda, Anova aposta por un proxecto de nova esquerda nacionalista e deberá decidir despois do verán sobre a proposta de coalición anticapitalista realizada por Esquerda Unida, unha opción aparentemente incompatible coa súa converxencia con outras forzas nacionalistas. Non vai ser doado nin para CxG nin para Anova resolver unha situación tan dilemática de distanciamento e, ao mesmo tempo, de inevitable diálogo, na que percibo certas semellanzas á que hai vinte anos enfrontamos os membros do PSG-EG na derradeira etapa da nosa andaina. Temo que a barreira do 5% e a redución do número de escanos penalizará de forma severa a actual fragmentación do nacionalismo galego. Dificilmente haberá posibilidades de representación no Hórreo para todas as forzas nacionalistas, unha crúa realidade.

Lectura e autoestima gremial

Tras a elección de onte, que tanto agradezo aos meus colegas, os medios tiveron a deferencia de entrevistarme. En todos os relatos que fixen sobre as prioridades do novo equipo de editores galegos sempre intentei reiterar dúas: primeira, a fenda de lectura debe formar parte da axenda política; e segunda, o consenso e a cooperación entre os editores son o mellor xeito de recuperar a autoestima do sector e de desfacer tantos prexuízos existentes sobre a nosa actividade. Agradezo a tantas amizades os parabéns que hoxe nos fixeron chegar e poñémonos á nosa tarefa, na que continuaremos os proxectos abertos polo editor Alfonso García Sanmartín e o seu equipo (Fran Alonso, Pilar Sampil, Ana Guerra) que durante estes últimos catro anos fixeron un labor, sinxelamente, extraordinario! O meu maior recoñecemento para os catro.

Actualización (17/07/2010):

Actualización (18/07/2010):

Actualización (20/07/2010):

  • «Queremos que a lectura sexa considerada un hábito saudable», entrevista de Pilar Vegas en La Voz de Galicia.