Artigos

Vai con sentidiño

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo á escolla de «sentidiño» como palabra galega do ano:

«Sentidiño» é a palabra galega do ano 2019 escollida por votación popular entre as usuarias do Portal das Palabras, espazo didáctico e de apoio léxico na rede da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Entre as outras palabras finalistas («feminicidio», «narcosubmarino», «quecemento global», «ecocidio» e «negociación»), máis da metade das votantes apoiaron este xeito xenuinamente galego de denominar o «sentido común», noutro ano no que as preocupacións sociais estiveron encabezadas pola denuncia da violencia machista, a reivindicación da igualdade de xénero e a problemática do cambio climático e de xestión sostible dos recursos naturais. «Sentidiño» únese así o corpus léxico que Víctor Freixanes, o presidente da Academia, definiu como «palabras crónica», termos referenciais das preocucpacións da nosa comunidade de falantes, como os escollidas en anos anteriores «deseucaliptización« (2018), «afouteza» (2017), «irmandade» (2016), «refuxiado/a« (2015) ou «corrupción» (2014).

A elección de «sentidiño» non é contraditoria coas angueiras de igualdade e sostibilidade, sobre todo se atendemos a incerteza provocada polas dificultades para formar goberno ou polo ascenso en todo o mundo de formas autoritarias do exercicio do poder, presente nos medios e nas redes sociais coas súas fake news, na medida que para o Portal das Palabras o «sentidiño é unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio». Un termo sinónimo do «sentido común», que o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) define na súa primeira aceptación como «capacidade de xulgar e obrar acertadamente» e na súa segunda, seguindo a tradición aristotélica, como «o sentido que unifica e coordina todos os datos da experiencia sensible». Definicións que o dicionario da RAG sintetiza apenas como «bo xuízo», para unha palabra que ten equivalencias noutras linguas romances como o «bom senso» portugués, o «seny» catalán, o «buonsenso» italiano ou o «bon sens» francés. Palabras ou locucións todas elas que dunha ou doutra maneira fan referencia ao emprego da sensatez, esa calidade das persoas que nos máis diversos contextos actúan con equilibrio de forma asisada.

Quizais, esta acepción de «sentidiño» como sinónimo de sensatez e prudencia, como bo entendemento para falar e actuar, sexa a que mellor aniñou na fala popular capaz de acuñar expresións de noso, utilizadas tanto polas persoas que utilizan decote o galego como a súa lingua vehicular coma aqueloutras que o fan en castelán con prosodia galega. Velaí ese «vai con sentidiño» co que os avós e as avoas galegos despiden con complicidade aos seus netos e netas canda van de festa, ao que algunhas destas maiores engaden, non sen retranca, «vai a modo e volve axiña». Velaquí esoutro «sentidiño» que noutro contexto comunicativo mais formal, como «poñer sentidiño» (ou «poñer os cinco sentidos»), equivale para nós a «atender con todo o interese e atención posible», expresión dunha forma de aberta complicidade coa interlocutora, que agora denominamos empatía. Velaí como concibido así de forma ampla e agarimosa o sentidiño ten o seu antónimo en «arrouto» ou «arroutada», que o Gran Dicionario Xerais define na súa segunda acepción como «impulso que move a falar ou actuar sen reflexión previa» e do que o dicionario da Academia ofrece como sinónimo de «arrebato» e «rauto».

Interpreto que esta improvisada homenaxe popular á palabra «sentidiño» non pode caer en saco roto. En primeiro lugar pola utilización afectiva do sufixo «-iño», forma enxebre do diminutivo que a nosa fala popular inclúe no territorio dos afectos, como ben sabía Rosalía de Castro e estudou o profesor Xosé Freixeiro Mato. Mais tamén, polo que esta escolla supón de chamamento político implícito á cordura e ao diálogo transversal para saír desta última década de conformismo paralizante que agoira a morte de Galicia, ao que tampouco son alleos os excesos daqueloutros afeitos a botar para fóra sen encomendarse nin a deus nin ao demo. Un chamado discreto e sutil a actuar con sentidiño ás portas dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia que debería ser atendido, tamén, polas forzas políticas da oposición, obrigadas a ofrecer unha alternativa sensata e de bo xuízo, o que non vai ser doado despois de tres lexislaturas confusas de desunión e desesperanza.

Sentidiño que moito botamos tamén en falta en Vigo, cidade sometida hoxe aos rigores dun inxustificable bloqueo autonómico e da vertixe da desmesura populista e dos seus arrebatos grandilocuentes. Sentidiño como reivindicación da cultura da mesura, da calma, da paciencia e do diálogo aberto entre diferentes como mellores fórmulas para abordar a resolución do común.

Feliz 2020, con amor, saúde e sentidiño!

Onte 1894: «Las cloacas de Interior»

Tras ver Las cloacas de Interior, dirixido por Jaume Roures, abraia que non tivese consecuencias políticas, cando a narración da trama revelada por Público demostra a utilización partidista do Ministerio do Interior no mandato de Jorge Fernández Díaz coa intención de prexudicar aos partidos catalanistas. Como abraia que, coa excepción de Gol, canal de TDT en aberto especializado en deportes, propiedade de Mediapro, a produtora do documental, ningunha outra canle española se atrevese a emitir un espazo que obtería (como sucedeu xa en Cataluña e Euskadi) altas cotas de audiencia. Las cloacas de Interior non pasará á historia da televisión pola súa realización, mais si polo feito de enfiar varios sumarios de corrupción onde apararecen implicados membros da «mafia policial». Tras hora e pico de testemuños, algúns tremendos como os do comisario Barrado ou o garda civil Oreja, é inevitable sentir medo, sabendo como o goberno actual entende o papel das forzas de segurirdade e do entramado xurídico do estado.

Onte 1804: «Irmandade» palabra do ano 2016

en_irmandadeO portal das palabras escolleu «irmandade» como a palabra do ano 2016. Unha iniciativa que converte unha palabra galega (en 2015 «refuxiado», en 2014 «corrupción») en símbolo compartido, resume de afáns, preocupacións e vidas ao longo de todo un ano. Palabra, nesta caso, que expresa tanto o afecto compartido como a asociación de persoas con afinidade de crenzas e ideais. Neste 2016 que remata, ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, expresa unha nova fraternidade e soridade galeguista, que acuñamos como lema da celebración («En irmandade») dos Premios da Crítica Galicia. Xaora, no 2016, que para nós será sempre o ano do pasamento do mestre Agustín Fernández Paz, a palabra «irmandade» resume coma ningunha outra as conviccións, os ideais e os anceios que tantas e tantas persoas compartimos con el.

Onte 1635: Na Feira do Libro de Pontevedra con Álex Alonso

XG00246601Comezamos onte en Pontevedra a tempada de presentacións nas Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros. Fixémolo co libro de relatos de Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, obra gañadora do Premio Ánxel Fole 2015, e coa edición que Anxo Angueira preparou de Follas novas de Rosalía de Castro. O bo serán de primavera foi un aliciente para que a praza da Ferrería pontevedresa estivese moi animada, o que ben agradecimos.Na súa intervención, Álex Alonso definiu o seu libro como “unha expresión dun estado de ánimo indignado, unha denuncia da corrupción, da precariedade, do paro, dos desafiuzamentos, da estafa das preferentes, do acoso escolar, da violencia contra as mulleres ou do racismo”. “Quixen que o libro fose coma un caleidoscopio da sociedade actual, un mosaico onde cada un destes problemas tirados das páxinas dos xornais fose unha peza, procurando unha lectura acedamente divertida”.

Onte 1626: A corrupción financeira por Camilleri

portada_el-caso-santamaria_andrea-camilleri_201511300923Dentro do amplísimo catálogo de Andrea Camilleri, ademais das dúas ducias novelas negras protagonizadas polo comisario Montalbano e ambientadas na cidade imaxinaria de Vigàta, publicadas por Salamandra, cómpre non esquecer outras obras non menos interesantes publicadas por Destino na súa veterana colección Áncora y Delfín. Este é o caso de obras mestras da comedia como La concesión del teléfono ou La ópera de Vigàta ou thriller tan desacougantes como a recente El caso Santamarina, onde aborda o sofisticado entramado da corrupción. Mauro Assante, un rigoroso supervisor de entidades bancarias italianas recibe o encargo de preparar un informe confidencial sobre a situación da Banca Santamaria. Na súa vida de ordenado funcionario aparecerán entón situacións imprevistas e irrumpirán personaxes descoñecidas que acabarán por intimidalo até refacerlle a vida enteira. A mestría narrativa do siciliano permítelle tecer unha trama moi emotiva sobre os abusos do poder financeiro sobre o propio estado. Unha novela sobre a corrupción que non deixa fendas para a esperanza.

Onte 1583: «Spotlight»


Spotlight-691666579-largeSpotlight
, a película con seis nominacións nos Oscar de Thomas McCarthy, é unha lección de xornalismo necesario. Baseada en feitos reais, reconstrúe o proceso que levou a Spotlight, un equipo de investigación de catro xornalistas de The Boston Globe, a desvelar en 2002 os casos de pederastia de varios centos de sacerdotes da Igrexa Católica e a trama de silencio institucional que os agochou durante décadas. Spotlight procura non só dar conta dos feitos, senón e sobre todo explicar o funcionamento desta trama corrupta na institución eclesial. Aí reside o esencial, a razón de ser do xornalismo ao servizo dos lectores e lectoras, na procura da verdade, a auténtica materia prima e razón de ser do periodismo independente. Un guión brillante, sinxelo, directo, conduce aos xornalistas a indagar nos documentos e a contar coas voces das vítimas, cuxas feridas continúan aínda abertas. Spotlight exalta a reportaxe como o xénero matriz sobre o que construír un xornalismo que conta e importa. Aí un dos valores dunha película interesante.

Onte 1273: «Gran partido del Sur»

Susana-Diaz-comparece-exultant_54429172337_51351706917_600_226Entre as análises que lin onte das eleccións andaluzas quedo coa de Enric Juliana que atribúe a vitoria de Susana Díaz ao carácter do PSOE como «gran partido del Sur», capaz de resistir o desgaste de tres décadas ininterrumpidas de goberno e manterse inmune ás consecuencias de casos de corrupción tan graves como o dos eres. O PSOE funciona en Andalucía como auténtico partido identitario, capaz de presentarse diante do electorado como garante dos intereses xerais dos andaluces e andaluzas. O PSOE andaluz é o partido de casa, o de proximidade, o que representa o voto útil das persoas humildes, a pesar dos niveis brutais de desemprego e corrupción, ademais de ser garante de gobernabilidade (e, polo , tanto de estabilidade económica).

O PSOE de Andalucía ten un papel semellante o que en Galicia leva cumprindo ao longo da Autonomía o Partido Popular (sobre todo durante os gobernos de Manuel Fraga). Creo que o PP-G podería ser presentado como o «gran partido rexional do Noroeste», xa que é capaz de ofrecerse como garante de bo goberno, a pesar de ter colocado ao país ao borde do precipicio económico e da desfeita cultural e lingüística, reducindo o seu autogoberno ao da simpática «rexión Noroeste». Para non levar sorpresas, cómpre ter en conta esta rexionalización da política autonómica actual, como é imprescindible tamén para entender un taboleiro político dinámico que semella cada vez máis fragmentado e centralizado.

Onte 1201: «Leviathan»

Leviathan-Andrei_ZvyagintsevLeviathan, a película de Andréi Zviáguintsev, comeza e remata con senllos longos planos secuencia que percorren a beleza fría do mar de Barents, ao norte de Rusia, onde emerxen os cascos de embarcacións náufragas e o esquelete dunha grande balea. Ósos que representan a Leviatán, ese monstro da corrupción da Rusia de Putin, o tema central desta desacougante e desoladora película na que corren pola pantalla ríos de vodca e de bágoas. A corrupción dun sistema fracasado que corroe todos os ámbitos da vida social. A do poder político, representada por un alcalde pallaso e borrachuzas, amparado pola violencia. A da administración de xustiza e da policía, sometidas ao poder político. A do poder relixioso, encarnada no pope da igrexa ortodoxa e os seus patéticos discursos de falsa espiritualidade, capaz de someter ao poder político. Unha desfeita moral que corroe as relacións familiares e a cada un dos individuos enfrontados a súa incapacidade para enxergar un futuro.

Leviatán reinterpretado por Andréi Zviáguintsev pola figura do guindastre que nunha das escenas finais (de enorme tristeza) leva por diante a casa do protagonista, un pobre mecánico que ousou enfrontarse ao poderoso coa intención de manter o seu predio.

Gustei da estratexia narrativa de Zviáguintsev, capaz de combinar a lentitude introspectiva dalgunhas escenas dramáticas, coa vertixe doutras nas que aparece o humor e a sátira desapiadada, como naquela memorable do tiro ao blanco sobre os retratos das figuras da URSS. Como é maxistral a utilización da elipse narrativa, capaz de explicar ou retratar nuns segundos as situacións máis complexas dun guión moi ben resolto.

Leviathan propón ao espectador unha indagación non contemplativa sobre a degradación moral e as escasas posibilidades de comunicación e de solidariedade de seres humanos aos que se lles nega a liberdade e o seu futuro. Aquí hai poucas posibilidades para o optimismo. A coincidencia citada dos planos iniciais e finais aconsella mantérmonos á espreita. Esa besta mariña da corrupción continúa na beiramar.

Corrupción e ética do servizo público

No artigo de Faro de Vigo da semana reflexiono sobre o problema da corrupción e as alternativas para facerlle fronte.

Non era previsible, mais a corrupción desbordou e entrou a formar parte da axenda pública. A administración de xustiza traballa arreo nos diferentes casos e os medios de comunicación abren coas novidades das investigacións. Respiramos unha atmosfera política noxenta provocada pola malversación de fondos públicos, branqueo de capitais ou cobro de comisións, entre outros graves delitos, que están sendo xulgados en diversas instancias e comunidades, que afectan a membros da propia familia de El-Rei, dos principais partidos sistémicos (PP, PSOE e CIU) e organizacións empresariais e, nalgún caso, sindicais.

A longa lista de casos xudiciais abertos como Gürtel, Noos, Malaya, Eres, Palau. As operacións anticorrpución como Púnica, Pokemon ou Zeta, por citar algunha das que se desenvolven en Galicia. Os escándalos políticos como os da familia Pujol e a súas contas millonarias no estranxeiro, o de Bárcenas e os seus sobres en be, o caso Baltar e as súas contratacións familiares ou o recente caso Monago e as súas viaxes pagadas polo Senado. As xubilacións millonarias dos responsables das caixas de aforro galegas e o emprego das tarxetas negras de Caja Madrid por parte das persoas que promoveron dende as súas poltronas as estafas das participacións preferentes… Casos todos que conforman un cadro desolador de corrupción, unha auténtica catástrofe para a ética do servizo público, identificada pola cidadanía, como un dos principais problemas, no máis recente barómetro do CIS, o mesmo que sitúa a Podemos como primeiro partido en intención directa de voto.

Casos e comportamentos que aparecen vencellados ao modelo de financiamento irregular dos partidos, arrastrado dende a mal chamada “Transición”, ou ás prácticas dun réxime clientelar dalgunhas adxudicacións públicas, artellado sobre un sistema de amizades, conseguidores e comisionistas profesionais. Por non falar daqueles servidores públicos que aproveitaron os impostos dos contribuíntes ou os aforros dos impositores para pagarse vidas a corpo de rei, onde non faltaron as viaxes pola cara ou os caprichos máis sofisticados. Todo feito diante nosa, mesmo neste período máis recente de austericidade, cando foron máis duros os recortes para os máis humildes, sen que apenas, con honrosas excepcións, se falase desta vergonza nos xornais, tertulias e columnas de opinión.

A corrupción é un síntoma dun problema máis profundo, o do funcionamento deficiente das institucións públicas, transformadas en obxecto de saqueo por unha minoría de políticos e empresarios sen escrúpulos, alleos a calquera principio ético do servizo público. Como tamén é sintoma da ausencia ou ineficacia de controles internos e externos na xestión dos servizos e administracións públicas. Sen desbotar a existencia dunha certa pasividade social e complicidade cultural sobre estes comportamentos corruptos ou irregulares, tan frecuentes en feitos como aceptar “a mentira en lexítima defensa”, non exixir factura dos traballos pagados, percibir cobros en negro ou considerar aos corruptos apenas coma pillos moi afortunados.

Rematar coa corrupción require tolerancia cero con ela, considerala como e unha lacra para a convivencia democrática, asumindo unha ética do servizo público alternativa, baseado na transparencia, austeridade e control cidadán. Un código ético que debería afectar tanto aos servidores públicos, sexan os elixidos como os funcionarios, coma aos empresarios e ao conxunto da cidadanía. Rematar coa corrupción require modificacións nos sistema de financiamento dos partidos, de retribución dos cargos públicos e de adxudicación de contratos e servizos. Mais tamén, coa intención de axilizar os procesos e que ningún caso de corrupción quede impune, dotar de máis medios as administracións que a perseguen, sobre todo as de xustiza, a inspección de facenda e a policía xudicial. Sabemos que os procedementos penais son lentísimos e nalgúns casos cando se dita unha condea, tras un gran esforzo xudicial prodúcese un indulto que deixa todo en auga de castañas.

No entanto, se os partidos sistémicos queren facerlle fronte ao anunciado tsunami de Podemos de novembro de 2015, deberán asumir dende xa que a responsabilidade política debe ser moito máis exixente ca penal, xa que estas condutas corruptas non prescriben politicamente. Razón pola que a presunción de inocencia non é aval abondo para manter a un imputado no seu cargo público, xa que, neste caso, cómpre protexer o interese xeral.

Acadar un comportamento político inserido nunha ética do servizo público é síntoma dunha democracia avanzada. Se non se erradica a lacra da corrupción, non sería descartable que estivese en moi serio perigo o réxime monárquico instaurado tras a Reforma Política.

 

Onte 1140: O caso Monago

Na conferencia de «buen gobierno» do PP, Monago prometeu devolver os cartos ao Senado, o que constitúe acudir á institución do «trasacordo», xa que o día anterior confesara que as súas viaxes privadas foran pagadas do seu peto. Até agora os seus líos coas facturas das súas viaxes pertencían á categoría de «derroche de cartos públicos», comportamento quizais amparado nos privilexios dos que gozan algúns servidores públicos. Xaora, tras semellante trasacordo, o caso Monago entra nos territorios máis complexos da mentira, esoutra clase de inmoralidade tan frecuente na clase política, capaz de negar a evidencia de fotografías, facturas e outros documentos sen que os seus protagonistas asuman responsabilidade política nin xurídica ningunha. Co doado que sería para Monago demitir e recoñecer que viaxou con cartos públicos a visitar a súa namorada. Con casos así vexo difícil que Rajoy convenza a cidadanía da sinceridade dos seus propósitos de rexeneración democrática e loita contra a corrupción.