Poema de hoxe 178: “O paraíso das sombras” de Cesáreo Sánchez iglesias
Comezara pola lectura dos recordos que son instante na eternidade do efémero.
Cesáreo Sánchez Iglesias, O paraíso das sombras (Biblos, 2009)
Poema de hoxe 178: “O paraíso das sombras” de Cesáreo Sánchez iglesias/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Comezara pola lectura dos recordos que son instante na eternidade do efémero.
Cesáreo Sánchez Iglesias, O paraíso das sombras (Biblos, 2009)
Saímos felices da primeira Gala do Libro celebrada no serán de onte en Compostela. A iniciativa, compartida pola AGE, AELG e a Federación de Librarías de Galicia, coa intención de recoñecer a excelencia dos traballos realizados cada ano no sector da lectura e da creación literaria, abre unha nova etapa para o futuro deste sector estratéxico da cultura galega. No marco das incertezas que supón o actual proceso de hibridación da comunicación literaria e a ausencia en Galicia de políticas públicas de lectura, o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación das tres asociacións convocantes, expresou un estado de ánimo esperanzoso e proactivo, propio de quen non acepta resignado as actuais políticas conformistas.
A homenaxe ao sabio catálán Pere Gimferrer, como escritor galego universal; o recoñecemento das traxectorias de Laiovento e da Libraría Pedreira; os premios a Sermos Galiza, Espazo Lectura e a Póética, a iniciativa de creación hipertextual de Fran Alonso foron do meu maior agrado. Como tampouco podo queixarme dos premios que corresponderon a Xerais en Narrativa, Poesía, Teatro á Mellor iniciativa bibliográfica que achegan azos e doses de autoestima ao traballo do noso cadro.
Gustoume moito que a entrega no Círculo das Artes de Lugo dos premios da AELG 2015 constituíse un alegato esperanzoso máis alá da resistencia, como sinalou sabiamente a xornalista Tarexia Navaza, xa que «resistir non é perder nunca a esperanza». Unha actitude que destilaron as palabras que lin de Agustín Fernández Paz, no momento de agradecer o premio que recibiu A viaxe de Gagarín como «mellor libro de Narrativa», lembrando que a loita polas liberdades «hoxe segue sendo necesaria». Espírito que reivindicou Ramón Nicolás, un ano máis premiado como «mellor blog literario», cando dixo que «en Caderno da crítica escribo dende unha actitude de construción colectiva, compartindo e colaborando na difusión da literatura galega.» Esperanza presente nas plabras sabias e afoutas de Montse Dopico, cando agradeceu o premio á «mellor traxectoria de xornalismo cultural» reclamando corresponsabilidade na defensa da nosa cultura e propoñendo que «non temos medo e imos máis alá da resistencia.» Actitude que compartiu Carlos Negro, premio «ao mellor libro infantil e xuvenil», convidando a que «non vos pinten costuras nos labios» e os xornalistas Xosé María Palmeiro, Margarita Ledo e Manuel Lombao e Tareixa Navaza, premiados como Bos e xenerosos, denunciando «a invernía do uso do galego nos medios» e afirmando que o xornalismo é unha profesión onde «non se pode ter medo.» Como gustei moito das palabras cheas de matices de esperanza de Cesáreo Sánchez Iglesias nas que proclamou «a literatura como territorio de soberanía do idioma« e reclamou un plan estratexico para o sector do libro e da lectura. Unha esperanzadora noite da letras, conducido con gran elegancia por María Solar. Regresamos felices, a pesar da picada dunha roda.
A Gala das Letras, na que se entregaron en Pontevedra os Premios AELG 2014, deixounos algúns momentos para conservar. O fermoso e firme discurso literario de Cesáreo Sánchez Iglesias, felizmente recuperado, foi a maior ledicia do serán. As palabras de Xabier DoCampo, cando recolleu o premio ao libro infantil e xuvenil, agradecendo o traballo e o compromiso coa lingua de todos os creadores. A defensa do xornalismo e do xornalismo en lingua galega feita por Carme Vidal, premiada como mellor traxectoria do xornalismo cultural. A reivindicación de maior atención para a edición de textos dramáticos, expresada por Roi Vidal e Avelino González, un chamamento a considerar polos editores. O discurso de Bernardo Atxaga (unha fachenda volver abrazalo) alertando sobre a importancia e fortaleza do pequeno, relatando con ironía a entrevista que lle fixo a Ferrín en Vigo durante unha noite, a súa admiración polos debuxos de Castelao, a súa gratitude a Celso Emilio Ferreiro e, sobre todo, a súa insistencia no valor da lingua, xa que «cando un perde a lingua queda nunha posición subordinada». Como o peche emocionante de Xabier Blanco, o noso admirado Gaiteiro de Moaña, xustamente recoñecido como mestre da memoria, que nos deixou un sabor dóce e un chisco saudoso. Parabéns aos responsables da organización da AELG, por tan magnífico e rigoroso traballo. Beizóns para Antía, Mercedes e Cesáreo.
Recomendo a excelente crónica a de Sermos Galiza.
Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!
Na presentación en Pedreira do Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias lembrou en dúas ocasións a Juan Gelman, o gande poeta arxentino falecido esta semana. Ao comezo do seu discurso Cesáreo revelou o que Gelman, que fora declarado pola AELG en 2010 «escritor galego universal», lle escribira no seu derradeiro correo electrónico o pasado mes de novembro contestando a outro no que o poeta de Maside lle daba noticias da nosa defensa da cultura do país nun momento tan duro. «Sin pelear para mejorar las cosas no se puede vivir» foron palabras sabias do poeta que nunca se conformou diante da inxustiza. Na cerna dun discurso centrado arredor da viaxe e das dificultades da aprendizaxe da escrita en soidade, Cesáreo rescatou uns versos de Gelman que iluminan sobre as razóns da viaxe: «Confundirse cos outros / e que os outros non teu ser / te fagan inmenso coma o mar». Poeta proteico, Juan Gelman, beizón!
Magnífica première do Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias nas Portas Ártabras da Coruña. As grandes intervencións dos poetas Antía Otero e Xavier Seoane presentaron o que tras trinta e cinco anos de traxectoria supón o décimo sexto libro de poemas do actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Comezou Antía Otero o seu discurso salientando «a calidade coa que Cesáreo se achega aos autores e autoras novos, preocupándose pola súa situación». Citou Nilo. Cartas de Exipto, o libro publicado por Flaubert en 1850, no que a viaxe se concibe como camiño común. Insistiu na vontade contar, de deixar rexistro presente en todo o Caderno do Nilo, onde Cesáreo «reconstrúe a viaxe de xeito contundente e dupla, a primeira a das lecturas do lugar, a segunda a da viaxe en si, á que habería que engadir unha terceira, o ronsel que deixa a memoria da crónica». Antía rematou o seu texto sinalando que «Cesáreo vive a arte de ver coa de escribir, nun descubrimento continuo».
Pola súa banda, Xavier Seoane comezou calificando a obra de Cesáreo como «longa e variada». «Traballa en verso libre, ofrecendo libros unitarios. Melómano empedernido posúe unha voz lírica con carácter contemplativo. ademais dunha dimensión ontolóxica, existencial e transcendente. Cesáreo é un poeta telúrico, da paisaxe, interesado polo antropolóxico e etnográfico, iniciático. É un lector e viaxeiro empedernido, interesado pola cultura doutros países, procurando alteridade, interculturalismo, é un galego polo mundo». Referiuse despois a Caderno do Nilo, «un libro no que hai unha filosofía da viaxe, no que se experimenta a transformación do eu, coa intención de ver o descoñecido, o que non somos». «Cesáreo é un viaxeiro documentado, capaz de asumir un certo risco. Viaxa cos ollos abertos, onde teñen moita importancia os sentidos, as sinestesias, os sons, os olores». «Este libro lembroume aquilo que dicía Novalis “a poesía é o real absoluto”, xa que é un intento de verbalización da experiencia vivida na viaxe». «Caderno do Nilo ten unha dimensión narrativa, dietarista, ensaística, coma unha visión de todo un mundo. É un libro que partindo da poesía ábrese xenericamente». Sinalou Seoane o ritmo devalante da escritura, que lle lembrou ao mestre Otero Pedrayo, «unha escritura ao ritmo do río, unha especie de pálpito». Non esqueceu salientar Xavier os aspectos estilísticos do libro, «as descricións son impresionistas, perceptivistas e sensibles», «este é un libro moi de pincelada, de alento». «A adxectivación é moi nutrida e as personificacións expresan a respiración da vida». Citou despois algunhas das metáforas que máis lle aquelaron: «A xeometría crea a divindade», «viaxo ás preguntas»… «No libro hai unha ollada de poeta na que xoga entre o real e o irreal, o aprender e o desaprender, entre o grandioso e a escala do detalle, a beleza fronte a beleza, a soidade impregnando para que todo fecundase». Rematou Seoane a súa intervención salientando que o libro concibe «a viaxe como unha experiencia cultural e creativa na que se crea outro tempo mías humano».
Antes de dar comezo o seu recital, Cesáreo agradeceu as intervencións dos presentadores e confesou que «sempre viaxou para que a nosa cultura volvese enriquecida, toda viaxe é anterior ao centro da propia soidade».
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do día internacional do teatro, reflexiono sobre a precaria situación actual das artes escénicas.
O vindeiro mércores, 27 de marzo, celébrase o “día mundial do teatro”. Creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI), durante esta xornada en milleiros de escenarios difúndese unha mensaxe na que se reflexiona sobre a importancia do teatro para a humanidade e o seu papel para a harmonía internacional e a súa achega ao diálogo entre pobos e culturas.
A mensaxe deste ano foi escrita polo italiano Darío Fo, premio nobel de literatura de 1997, que denuncia a situación actual do teatro na contorna da crise económica europea que estamos padecendo. Fo compáraa con aqueloutra crise sofrida polo teatro no século da Contrarreforma (XVII) cando se produciu un gran éxodo de actores de Commedia dell ‘Arte, despois de que en Roma se decretase o desmantelamento de todos os espazos teatrais, “acusados de ofender á cidade santa”. Darío Fo cre que, coma daquela, hoxe “o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes expulsándoos do seu país”. “Actualmente, os actores e as compañías teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo a causa da crise. Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlar a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin un público a quen dirixirse”. Remata a súa mensaxe o dramaturgo italiano salientando con moita retranca que a “única solución á crise reside na esperanza que se organice unha grande caza de bruxas contra nós [refírese aos comediantes] e sobre todo contra a xente nova que desexa aprender a arte do teatro”.
En Galicia, o día mundial do teatro celebrarase o mércores na Coruña coa cerimonia de entrega da XVII edición dos premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, presidida polo vigués Antonio Durán “Morris”. Dentro desta gala está prevista a lectura do “Manifesto galego do día mundial do teatro”, preparado para esta ocasión polo escritor Cesáreo Sánchez Iglesias. Unha fermosísima peza literaria na que se defende o teatro como testemuña e “actor-activista” da realidade cultural e social de Galicia. “Só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes”, escribiu o grande poeta do Irixo, para expresar como o teatro é unha arte enchoupada na alma de noso, xa que “en todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura”. “Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso”, afirma o actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, para despois salientar o exemplo ético da actriz Dan Thi Lhin que “coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego”.
Este día mundial do teatro celébrase cando a cultura galega homenaxea no 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño, unha das figuras senlleiras da nosa literatura dramática, ademais de promotor da modernización e dignificación en Galicia das profesións vinculadas coa produción teatral. Mais tamén nun momento no que estes oficios viven os días máis difíciles para súa supervivencia. Os recortes enormes dos poderes públicos no eido cultural, con especial crueza por parte da Xunta de Galicia, puxeron a todo o sector das artes escénicas na quebra e a piques do seu desmantelamento. A Plataforma das Artes Escénicas leva denunciado os graves efectos do atraso nos pagamentos de AGADIC (por traballos xa realizados) e a desaparición na práctica dos programas de distribución de espectáculos e de axudas á produción. Outrosí sucede coa situación baixo mínimos do Centro Dramático Galego, até agora unha peza esencial para os profesionais do sector.
O teatro galego, cuxa contribución durante as catro últimas décadas foi esencial para a cultura galega, precisa un plan estratéxico urxente de dinamización, que asegure a súa continuidade. Con vontade política e sen necesidade dunha millonada existen alternativas para facelo viable. É posible optimizar a rede de salas para ampliar o número de funcións e espectadores. É posible introducir medidas de estímulo directo para o público, como as do bono cultura, ensaiadas con éxito noutras comunidades. É posible priorizar o apoio a este sector, onde hai un emprego importante, sobre a quimera de “relanzar” a programación da Cidade da Cultura, que como era previsible xa desangra os orzamentos públicos. Cómpre apostar polo teatro. Ten razón Cesáreo Sánchez Iglesias cando alerta: “Se mancan o corpo do teatro, férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe”.
Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).