Vigo, a cidade amurallada
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro de Basilio Cegarra sobre o Casco Vello de Vigo.
Basilio Cegarra acaba de publicar unha excelente guía visual sobre o Centro histórico de Vigo (Galaxia 2015). Un libro que actualiza os que o historiador vigués xa publicara en Edicións Nigra (1998) e en Edicións A Nosa Terra (2001) sobre o espazo urbano, coñecido agora como “Casco Vello”, constituído pola antiga muralla e por aqueloutros recantos extramuros con ela vinculados. A pesar de que non queden apenas outros testemuños que as portas efémeras de cartón pedra das festas da Reconquista, Vigo foi unha cidade amurallada. Sobre unha orografía encostada, no territorio delimitado pola muralla, entre a Ribeira do Berbés e o monte do Castro, durante dous séculos xermolou o núcleo urbano moderno de Vigo, onde en 1840 chegaron a vivir cinco mil habitantes.
A construción da muralla e do Castelo de San Sebastián comezou en 1656, en plena guerra fronteiriza con Portugal, na que participaron os membros do Terzo de Valadares e que afectou a todos os concellos da provincia de Tui. Segundo a descrición moi didáctica de Cegarra, o trazado daquela muralla descendía pola liña recta que vai do castelo, situado entre a fortaleza do Castro e o que despois foi o Campo de Granada (o noso campo da feira), até as actuais rúas da II República e Carral; continuaba detrás das praias da beiramar, dende a Laxe ao Berbés, e dende alí, ascendía até o castelo, á altura do que hoxe é o paseo de Afonso, onde se chantou a Oliveira, símbolo da continuidade e pulo da cidade. A muralla tiña sete portas e como fortificación militar que era estaba protexida por once baluartes e baterías como as da Pedra e da Moreira. Tres das portas daban acceso a beiramar, a do Berbés (chamada tamén da Pescadería), a da Laxe e a do Mar, a única de acceso acuático. Pola da Gamboa saía o camiño cara a Redondela; pola do Pracer e pola do Salgueiral (a mais achegada ao que hoxe é a porta do Sol), onde estaba a torre da Pulguiña, os camiños cara Porriño e Fragoso; mentres que pola da Falperra, abríase o de Camposancos, cara Bouzas e Baiona.
Na metade do século XIX á que até entón fora vila corsaria amurallada foise transformando nunha cidade portuaria con vontade cosmopolita. Vigo rebentou, comezou a medrar, expandiuse fóra das murallas e mesmo comezou a gañarlle espazo á ría. Xosé María Álvarez Blázquez no seu inesquecible calendario histórico de Vigo, A cidade e os días (Xerais 2008), relata a expansión da poboación viguesa extramuros “cara o barrio fabril e navieiro do Areal, polo Roupeiro, pola rúa de Santiago e pola do Pracer de Afora”. Nese contexto de crecemento, o derrube das murallas, que cinguían a cidade primeira, foi un dos empeños principais do deputado José Elduayen no seu afán de ensanchamento urbano e modernización viaria. Cando en 1861 o concello acordou o seu completo derrube Vigo contaba con 8.212 habitantes. Decontado comezou o trazado das rúas do ensanche, como as do polígono da Alameda, a de Príncipe (na zona do Salgueiral), a de Circunvalación (hoxe Policarpo Sanz), a do Ramal (Colón), a do camiño da Estación (Urzaiz), a da Travesía (Elduayen), a da estrada de Pontevedra (García Barbón). Abríase así o que sería o deseño do Vigo extramurado, pétreo e burgués da segunda métade do século XIX.
O libro de Cegarra propón ao lector que realice un paseo devagariño polo Casco Vello, reparando en cada un dos recantos, rúas, prazas, edificacións, vistas e actividades que alí se desenvolven. Esta é desas obras onde o importante son os detalles, razón pola que cada unha das fotografías conta cun texto de erudición equilibrada que as contextualiza. É moi de agradecer o esforzo do autor por recuperar do esquecemento a toponimia histórica do barrio, explicándoa con breves anotacións da tradición popular, como sucede no caso da Bancadas dos Contos da rúa Pracer, na descrición da rúa Real (a antiga rúa da Faixa) ou na descuberta da miña querida fonte da Barroca, agochada no barrio do Cura, nos antigos campiños de Poboadores. Tamén é de grande interese a identificación da autoría das edificacións principais ou a localización das esculturas, escudos, brasóns, cruceiros, petos de ánimas, farolas, reloxos ou placas máis relevantes do barrrio.
Valores dun libro moi atractivo chamado a converterse tamén en recurso didáctico para que os estudantes poidan coñecer a orixe e os alicerces da cidade na que viven. Xaora, esta guía de Cegarra é, tamén, unha reivindicación en toda regra do Casco Vello como un lugar para vivir, como un espazo urbano histórico que tras un proceso de xentrificación merece outra oportunidade. No Casco Vello, pois, atópase o celme do tecido urbano actual, o ADN do Vigo contemporáneo que medrou a velocidade de vertixe durante as sete primeiras décadas do século XX. Nas rúas da cidade amurallada xerouse a cidade revolcada e contraditoria na que hoxe vivimos.