Listado de la etiqueta: café_de_catro_a_catro

Roteiro polo Vigo de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao roteiro polos espazos vitais e literarios de Xela Arias en Vigo:

Corenta e seis profesoras e profesores chegadas de toda Galicia percorreron o sábado un itinerario polos espazos vitais e literarios vigueses de Xela Arias. Unha actividade formativa organizada polo departamento de linguas do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coa que se pretende que os docentes vivan unha experiencia transversal activa e colectiva fóra do espazo académico de achegamento entre literatura e territorio. Unha xornada, inserida nun programa máis amplo de xeografías literarias, coordinado por Xosé Carlos Rodríguez Pérez, que pretende que os docentes interactúen cos territorios principais dun autor ou autora, co contexto literario do seu tempo, mais tamén coas pezas do seu patrimonio cultural e coas mudanzas sociais e pegadas da memoria, coa intención de contribuír a espertar o interese e construír coñecemento compartido sobre os textos literarios e os espazos nos que cada un desenvolveu a súa obra.

A pesar de que a palabra “Vigo” aparece unha soa vez na obra poética de Xela Arias, en concreto no segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 do fanzine Katarsis (1984) dos irmáns Tizón: «Érgome / e Vigo vai aínda durmido…», foi Vigo a súa cidade amada, na que escribiu e tinguiu toda a súa obra. A cidade de fronteira á que chegou aos sete anos (1969). A cidade revolcada, que percorreu de forma incansable durante a súa adolescencia e mocidade no comezo dos difíciles oitenta vigueses, «paseo arriba», «praza abaixo», como escribiu en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), nun botarse a andar errático, coma o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía naquela páxina memorable de Faro de Vigo (04-06-1983) de forma tan fermosa como entusiasta: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos (…) Te. Saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía».  Vigo, a cidade que a Xela Arias lle suxería «bastante dor» e que para ela «pode ser mesmo [cidade] pasional», como lle confesou á xornalista María Alonso (Atlántico, 1989), «porque tiña moita vida e iso significa dor e pracer ao mesmo tempo».

Na procura das pegadas daquel Vigo amado e vivido por Xela Arias saímos a mañá dende as portas do IES do Calvario onde fixo BUP e ensaiou os primeiros versos, para continuar no monte do Castro, onde xogou no parque de bicicletas e no miradoiro dos galeóns de Rande onde se fotografou coa nai e coa avoa chegada de Sarria. Un itinerario que continuou no Verbum visitando a exposición «A poesía na palabra» e despois no parque de Castrelos, preto da Avenida Portanet onde naceu o seu fillo, falando de Darío a diario (Xerais 1996) e lendo varios dos poemas. Longa camiñada que retomamos á tarde no Café de catro a catro de onde saímos cara ás portas de Xerais, a editora onde comezou a traballar aos vinte anos e na que se formou como editora e tradutora. Baixamos e subimos as escaleiras da rúa Ourense camiño da vivenda familiar da rúa Zamora, onde lemos un fragmento de Non te amola! (Galaxia 2021) sobre as pelexas coa rapazada do camiño de Riobó. De alí fomos até a rúa Venezuela, onde salientamos o papel dinamizador da cultura galeguista do Círculo Ourensán Vigués, editor da revista Neboeira (1983), onde publicou «A mañán é nova e neboada». Pateada que seguiu até as portas da Fundición Nautilus na rúa Manuel Núñez, onde lembramos o seu carácter de artenauta interesada no diálogo con outras artes e a súa amizade decisiva co pintor Xosé Guillermo.

Nas escaleiras do Marco contamos o que sucedeu coa estatua de Castro obra do escultor Jandro e a súa relación co poema «Burla negra», lamentando que a peza aínda non fose reinstalada. Diante da tenda Discos Elepé da rúa Doutor Cadaval limos unha das cancións de Desertores e nas galerías próximas o primeiro poema que publicou n’ A Nosa Terra. Na sombriña do edificio do COAG recordamos a exposición de Tigres coma cabalos (1990) e limos «Monólogo adicto» e outros poemas deste libro intermedial que preparara co fotógrafo Xulio Gil. Continuamos en Policarpo Sanz diante da sede de Faro de Vigo, onde lembramos a súa presenza frecuente nas páxinas do decano, do Teatro Afundación, onde participou na homenaxe a Francisco Fernández del Riego, na «súa retina dende nena». Paramos na rúa Carral, onde estivo a Sala Nasvhille e lembramos o recital de Noites Solidarias organizado por Implicadas no Desenvolvemento.  Rematamos na praza da Princesa diante da Casa Galega da Cultura, onde Xela presentara Intempériome (Espiral Maior 2003) lendo algúns dos seus poemas. Mágoa que faltase tempo para visitar o pub Alma na rúa Poboadores ou Café Uff da rúa Pracer. En todo caso, Xela Arias conta con roteiro de seu que forma parte da cartografía do Vigo literario.

O Vigo de Xela Arias

Tamara Novoa, editora d’ A movida, axenda cultural de Vigo, convidoume a escribir no número de maio un texto breve sobre «O Vigo de Xela Arias»:

A palabra «Vigo» aparece só unha vez na obra poética de Xela Arias. No segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 de Katarsis (1984):

Érgome
e Vigo vai aínda durmido
neboeira salgada
a electricidade electrizado paxariño…

Poema rotundo, abriu o universo de Xela Arias coa súa cidade amada, a cidade en arrabade que dende a súa chegada aos sete anos percorreu de forma incansable por elección autodeterminada.

No pregón que leu o 16 de maio de 2001, sendo alcalde Lois P. Castrillo, Arias lembrou que «os vigueses sabemos, desde a orixe, de mesturas e combinacións, somos xente apaixonada», salientando así o carácter cosmopolita e aberto dunha cidade portuaria que como a lingua galega posúe vontade de encontro.

Unha cidade que lle suxire dor, como lle confesou en 1989 á xornalista María Alonso de Atlántico, quizais  porque, como escribiría en Congostra (1988), «me interesa o tempo no que vivo, de Johanesburgo a Sarria pasando por un portal da miña rúa onde os adolescentes se reúnen nun mar de xiringas e lastros». Ese Vigo convulso, o volcán de dinamismos (Ferrín dixit) das folgas obreiras das decádas de 1970 e 1980, o Vigo da reconversión e da movida foi o que percorreu Xela Arias durante a súa infancia, adolescencia e mocidade, «paseo arriba», «praza abaixo» nun botarse a andar errático, como o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía en Faro de Vigo: «a fusión do aire no verso e o mar en catarse».

O Vigo da alumna aplicada e escritora precoz que cursou a EXB no Colexio de Moledo. O Vigo da estudante rebelde que fixo o BUP no Instituto mixto do Calvario. O Vigo da moza independizada aos vinte anos cando comezou a traballar como editora de Xerais. O Vigo da escritora artenauta que publicou os seus primeiros textos n’ A Nosa Terra e naquel memorable Faro de Vigo da páxina de «Mulleres» e do suplemento Pharo the Bego de Pilar Comesaña, mais tamén en revistas alternativas como Tintimán, Congostra, Katarsis ou Espiral, cando as noites moi alongadas de Vigo «convertidas en escadas de abrazos» eran un perigoso fervedoiro cultural.

A cartografía do itinerario urbano polo Vigo de Xela Arias está por deseñar. Un mapa no que non poden faltar os camiños dos Anxos e de Riobó. Nin os barrios do Calvario e de Travesas nin do Vigo vello e portuario, retratado en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986). Nin puntos de encontro como o Café de catro a catro, o pub Alma de Poboadores, o Rosalinda do Barrio de Casablanca ou a sala Nashville de Carral, entre moitos outros.

Onte 884: Do Catro ao Uf

A presentación de Retallos daquela infancia de Bautista Álvarez levoume onte ao Café de Catro a Catro, o emblemático local de Travesas no que había tempo non entraba. Levei unha grata sorpresa tanto polo arranxo actual do café, que continúa mantendo a sua elegante fasquía orixinal, coma, e sobre todo, pola intensa actividade cultural e cívica que promove. Recupérase así o pulo daquel Catro a Catro dos revolcados anos oitenta e comezo dos noventa, que mesmo convocaba un certame de noveliña galega, referente na narartiva daquel tempo. Outrosí sucede en Vigo co Café Uf, sempre un dos meus preferidos, que celebrou hai dous anos o seu trinta aniversario; un local o da rúa Pracer que mantén o seu pulo como espazo de lecer e cultura alternativa e insurxente. O Catro a Catro e o Uf demostran que os cafés son tempo compartido e soñado, espazos que por esta razón, ademais de contar cun proxecto empresarial, precisan dunha estrela que guíe a súa comunidade. Quizais por iso sempre volvemos a aqueles que a posúen.