Listado de la etiqueta: blues_da_florida

O teito é de pedra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás novidades recentes do Vigo literario:

Había tempo que non me entusiasmaba tanto cunha novela viguesa brillante e estremecedora como O teito é de pedra (Xerais 2025) do meu admirado Álex Alonso. Peza literaria coidada e memorable na que o narrador natural de san Miguel de Oia recupera a memoria dos acontecementos violentos acaecidos durante os días do golpe de Estado de 1936 na súa parroquia, como na limítrofe de Coruxo e mesmo outras de Vigo e do Val Miñor e da illa de san Simón, onde foron encarcerados tamén outros veciños. Un exercicio literario de moito calado no que Álex toma como referencia a investigación de Bernardo Vázquez Acuña, Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia, Vigo na década dos trinta (Instituto de Estudios Vigueses 2015) coa intención de relatar vidas de familias campesiñas e mariñeiras desta parroquia, así como os conflitos suscitados polas expectativas de igualdade abertas durante o período republicano. Coma fixera en Granito (Xerais 2020), na que reconstruíu literariamente o crime de Nigrán de 1994, Alonso emprega con mestría os procedementos da ficción, coa presencia de personaxes reais e doutros creados a partir dos testemuños recollidos por Vázquez Acuña, ofrecendo un texto de lectura tan engaiolante como perturbadora.

O teito é de pedra é unha ficción de título ferreirán (e capa de Fran Herbello) impresionantes, no que o autor reconstrúe anacos da vida dos nosos avós para devolvelos cunha prosa cristalina como memoria recuperada. Unha novela sobre o medo, que mantiña a disciplina férrea dos vencedores que alongaron a súa persecución e crueldade cos escapados até 1948. Un relato tamén sobre a dignidade das familias represaliadas, recuperada no solpor da obra na frase de Concepción Ferreiro: «En min ninguén manda. Eu son dona da miña persoa». Obra coral de voces diversas pon o acento na reconstrución da vida cotián da parroquia de san Miguel como da propia cidade no verán de 1936. Páxinas nas que identificamos a homenaxe ao rexistro emotivo de Agosto do 36 (Xerais 1991) de Xosé Fernández Ferreiro e d’ A lingua das bolboretas (Galaxia 1994). Unha novela viguesa á altura doutras memorables como Amor de tango (Xerais 1992) de María Xosé Queizán, Cabalos e lobos (Xerais 2015) de Fran Lorenzo ou Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Xerais 2016) de Ledicia Costas, que fan todas elas memoria e cidadanía lectora.

Outra importante novidade recente para o Vigo literario é a novela de María Oruña El albatros negro (Plaza y Janés 2025), con oportuna edición galega de Cumio, a primeira que a escritora viguesa dedicada a súa cidade. Ficción localizada no Vigo corsario do XVIII e no Vigo actual xira arredor da procura dun dos tesouros máis enigmáticos dos afundidos na ría, que pretendía rescatar unha historiadora naval maior falecida en estrañas circunstancias, o que será investigado polo subinspector Rivas e a inspectora de patrimonio Nagore Freire. Relato ben alicerzado na historia, documentado nos traballos do arqueólogo Ramón Patiño, membro do Instituto de Estudios Vigueses, foi saudado pola escritora Ledicia Costas nestas páxinas de Faro de Vigo como «novela poliédrica que nun labor titánico de escrita ten dentro o xénero de aventuras, o policial e o histórico», para seguir salientando o agasallo que esta ficción de vontade internacional desta raíña do misterio, aparecida cunha tirada longa de milleiros de exemplares, supón para a cidade de Vigo e para a divulgación da súa historia.

Espazo do Vigo literario ao que nestes últimos meses contribuíron a alargar outras valiosas narracións en lingua galega: Blues da Florida (Medulia 2024) de José G. Barral, que novela con emoción e fidelidade os meses anteriores á supresión dos tranvías diante dos nosos ollos, transporte pioneiro do Vigo metropolitano; e Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia 2025) de Cynthia Menéndez lembrando a última folga do estaleiro Hijos de J. Barreras e homenaxeando ao Vigo obreiro. Como tamén achegan diversidade ao mapa literario vigués tres novelas recentes en lingua castelá: Las cosas que nos pasan (Plaza y Janés 2025) de Guada Guerra, Todo es verdad por que nadie miente (Plasson e Bartleboom 2025) de Estela Gómez e  Hasta siempre (Maeva 2025) de Amara Castro Cid.

Ás portas da Feira do libro de Vigo, que se celebrará do 1 ao 7 de xullo na Alameda de Compostela, está ampla e gorentosa colleita de novidades narrativas do Vigo literario para públicos diversos debería contar co protagonismo e visibilidade que merece semellante fenómeno. O Vigo literario e o Vigo noir, a tradición moderna da novela policial viguesa creada por Domingo Villar e o seu inspector Caldas, como as numerosas novidades sobre a historia da cidade, editadas polo Instituto de Estudos Vigueses, non deberían faltar na programación nin nas casetas.