Defensa ofensivo, porteiro salvador
Entre os tipos de xogadores dos que fala Johan Cruyff nos seus libros, non atopei referencia por ningures dun apartado dedicado ao defensa ofensivo, a que para min mellor lle acae ao celeste Javier Rodríguez. Unha promesa da Madroa, celeste dende benxamíns, que a pasada tempada, con ficha do filial, xogou corenta partidos, o segundo xogador con máis minutos, con resultados deportivos óptimos, partidos memorables pola súa fiabilidade á que lle engadiu algún gol e varias asistencias, que lle valeron o seu debut como internacional en Riazor. Tras un inicio de tempada frouxo, os seus partidos nesta semana xa o colocan outra vez entre os mellores celestes.
Nas posicións do míster do chupachus é certo que está a do defensa libre, o que xoga con maior liberdade, ao que Johan define como o cempés do cadro porque a súa misión principal no campo é cohesionar ao equipo. No Celta da tempada actual esta posición a ocupa o xove Yoel Lago, que adquiriu unha madurez espectacular, sen apenas erros (certo que onte tivo unha entrega defectuosa), facendo a maior parte do seu xogo co centrocampista defensivo, no caso do Celta de onte, Hugo Burcio, outra promesa que gabea ao primeiro para quedar. Tamén o defensa libre adoita combinar co segundo medio centro ofensivo, no caso celeste Aleix Moriba, moi cansado e con varios erros cometidos no inicio do partido, que obrigou a Claudio a substituílo polo outro Aleix, Febas, que a pesar da súa ilusión non acaba de callar e cometeu unha perda en espazo de perigo.
Mais das combinacións posibles entre a primeira e segunda liña, Giráldez no partido da Juventus escolleu que Javi Rodríguez volvese ao equipo coa intención de crear un corredor interior para facilitar a entrada de Hugo Álvarez, xa que o ourensán mellora o seu rendemento máis virado cara ao centro, onde os seus caneos poden ter maior posibilidade de crear superioridades. Pero ninguén agardaba a variante de que fose un dos centrais, Javi Rodríguez quen aproveitase semellante espazo interior. Intuímolo cando no 53’, tras ser lanzado por Yoel Lago, despois de conducir entre rivais, o de Poio filtrou de marabilla a Ferran Jutglá unha pelota de ouro o que permitiu que o catalán superase a Sivara, o porteiro babazorro. Un gol inesperado, tras unha primeira parte de batalla táctica onde os visitantes conseguiron que ningún dos tres dianteiros celestes tivese un mínimo burato por onde coarse. Couhaeb Driouech, que formou parte por vez primeira no once de gala, intentouno pola banda aproveitando a súa velocidade, pero non foi capaz de fabricar ningunha xogada da que se poida dicir que foi “en condicións”, coa excepción dun xute cruzado sen convicción. Williot, na súa desgrazada liña desta tempada, correu para nada ata esgotarse e Jutglá continuou a batalla particular que esta semana mantivo cos centrais visitantes que lle deron cera e cera co claro amparo arbitral.
Mais, Giraldez e Javi Rodríguez tiñan preparada unha sorpresa: as subidas polo corredor interno serían realizadas polo propio xogador de Poio. E así foi no 71’ cando Hugo Álvarez enviou en horizontal sobre Aspas, acabado de entrar, que asistiu a Javi Rodríguez que conduciu ata entrar na área e superar na diagonal a tres defensas, o último o finés Ville Kosic, e xutar ao pao longo para superar a Sivera, que nunca saberá de que ía aquela festa. Un gol marabilloso, de figura, de quen defende atacando.
Co marcador por diante 2-0, e vinte minutos de xogo, comezou o calvario celeste. Quique Sánchez Flores, que xa non tiña máis que perder, mudou de baralla e sacou a Denis Suárez (recibido con aplausos), Nóvoa e Mariano. Ofreceulle a Giráldez un intercambio de golpes. Un xogo a campo aberto no que Jutglá tivo algunha oportunidade. Como a presenza de Aspas compensou a desfeita do medio do campo onde o xove Antañón asumiu toda a responsabilidade, cando os babazorros apretaron máis, nos cinco últimos minutos, procurando un erro celeste. Conseguírono grazas a un caneo innecesario de Febas, que permitiu que o Alavés se despregase nun plis plas ata a área de Radu, que foi superado por un extraordinario remate á escuadra de Nóvoa.
Co gol visitante, foi inevitable recordar como a tempada pasada os alaveses remontaron ata o 3-4, conseguido in extremis. E se desta vez non foi posible, debeuse só as dúas extraordinarias intervencións de Radu: a primeira a unha cabezada de Lucas Boyé e no tempo engadido a un remate de Mariano. O romanés salvou dous puntos el soíño mentres boa parte dos celestes se conformaron outra vez máis en lamentar a súa pésima xestión deses minutos sempre decisivos.
Tres puntiños que afastan o drama da liga e colocan ao Celta nas posicións ás que aspira, mesmo adiantando na táboa ao seu eterno rival, o que tranquiliza ao celtismo. Tamén abren a ilusión da viaxe histórica a Glasgow, un partido que ten que ser unha festa fronte a un equipo co que moitos celtistas simpatizamos. Xaora, con actuacións extraordinarias como as de Radu e Javi Rodríguez de onte, os editores do libro de Johan Cruyff deberán abrir dous capítulos en apéndice: “o porteiro salvador” “o defensa ofensivo”.
Publicado en Faro de Vigo: 19/10/2026

