Listado de la etiqueta: agustín_fernández_paz

Onte 273: Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz

Marcos Pérez Pena pediume que en apenas trinta segundos expresase as razóns polas que Agustín Fernández Paz merece unha Homenaxe Nacional. Non hai dúbida que aos membros da Cerna de Prolingua –a promotora desta iniciativa civil aberta a todos os amigos e amigas, admiradores e admiradoras do escritor– moveunos o afecto e o desexo de expresar agarimo por quen tanto fixo polos proxectos colectivos a prol da dignidade da lingua e pola galeguización e renovación pedagóxica da escola nosa. Unha homenaxe, tamén, de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades. Agustín é hoxe un dos escritores que conta con máis lectores e lectoras en galego, mais tamén con moitos seguidores nas outras comunidades onde foron traducidos a maior parte dos seus libros, sobre todo en Cataluña e Valencia. A Homenaxe Nacional do 30 será unha oportunidade para expresarlle a este mestre a nosa gratitude por tanto e tanto que lle debemos.

Onte 226: «Non hai noite tan longa»

Non hai noite tan longa, a novela de Agustín Fernández Paz, recibíu dos premios no mesmo día, o Lousada Diéguez á mellor obra de ficción de 2011, e o Irmandade do Libro ao mellor libro de 2011. Un feito inédito que nos encheu de ledicia. Con estes recoñecementos, que se unen aos da AGE, Fervenzas literarias e Redelibros, é difícil discutir que esta primeira novela de Agustín en Xerais Narrativa é a mellor valorada das publicadas en galego o pasado ano. Con esta novela xeracional, o autor de Cartas de inverno foi capaz con de gañar novos lectores e lectoras, derrubando así fronteiras e superando prexuízos, como fixera Rosa Parks, o que constitúe outro feito moi alentador para a normalización da literatura de noso e do seu sistema editorial. O seu discurso maxistral en Lalín, reflexivo e esperanzador, cando recolleu o premio da Federación de Libreiros, apelou a responsabilidade do narrador para ofrecer relatos que importen aos lectores. Unha demostración máis da madurez dun autor principal das letras do noso tempo. Nas vindeiras semanas aparecerá en Xerais Narrativa unha edición revisada e definitiva de Aire negro, outras das súas xeniais novelas.

Onte 103: «Fantasmas de luz»

Na presentación de Fantasmas de luz Agustín Fernández Paz confesou que quixo escribir dende a ficción a desfeita que está producindo o capitalismo dende a caída do Muro de Berlín. Un proceso de degradación, mesmo de perda dalgunhas conquistas e dereitos sociais, que uniu a unha das súas paixóns, a do cinema, esoutra  fonte creada pola humanidade para beber soños, para gozar de historias que van conformando o xeito de ver o mundo. O resultado desas dúas angueiras é unha noveliña (o que os franceses chamarían «nouvelle»), seis relatos («tomas extra») e cincuenta e dúas fichas doutros tantos clásicos do cine, nas que se aborda a exclusión provocada polo paro de forma radical, aínda que non exenta dun chisco de esperanza. Os protagonistas de Fantasmas de luz, como expresou Beiras, non están derrotados. Exprésao Agustín cunha frase das Uvas da ira: «Nunca poderán con nós, somos o pobo».

Mención á parte merece o traballo de ilustración memorable de Miguelanxo Prado para presentar aos excluídos como persoas invisibles, transparentes.

Onte 92: O discurso dos abrazos de Agustín en Guadalajara

Grazas á paciencia e oportunidade do xornalista Xulio Abollo contamos, por fortuna, con esta gravación realizada o pasado 29 de novembro na FIl de Guadalajara cun teléfono móbil do discurso de recepción de Agustín Fernández Paz do Premio Iberoamericano SM. Un documento excepcional que pasará a historia literaria nosa, probablemente, como o «Discurso dos abrazos« de Agustín Fernández Paz. Recomendo seguir atentamente estes doce minutos maxistrais nos que o autor de Fantasmas de luz, apoiándose nalgúns dos seus autores máis queridos (Valente, Rodari, Cunqueiro, Auster, García Márquez, Gaarder…) aborda con enorme lucidez as cuestións fulcrais da creación literaria e do proceso social da lectura. Unha peza que vale o seu peso en ouro.

O texto do discurso pode baixarse en pdf aquí.

Onte 83: Agustín en Guadalajara

Sei que nunca esquecerei esta Feira de Guadalajara con Agustín. Foi memorable o acto de entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que onte recibíu apupado por centos de lectores e lectoras. A moi fermosa laudatio de María Jesús Gil emocionounos moito, moito, tanto pola calidez do retrato humano e literario presentado como por subliñar neste foro mundial o compromiso do autor de Contos por palabras coa lingua e literatura galegas. O discurso de Agustín foi o dun auténtico mestre.  Extraordinario! Dirixíndose aos habitantes da república dos soños e, sen dúbida, imbuído polo entusiasmo da mobilización lectora desta FIL sorprendente, Agustín defendeu a lectura como un pracer que se contaxia e como unha competencia imprescindible para construír unha sociedade máis xusta. O chamamento final, rotundo, emotivo, citando ao seu mestre Rodari, foi un broche de ouro para unhas palabras que pasarán a historia literaria. A ducia de membros da delegación galega nesta FIL apapachámolo coma tolos, expresando unha fachenda que saía do peito. Ao inicio do acto, Patsi Aldana, presidenta da Fundación IBBY, sinalou que “neste tempo tan díficil de crise, o mundo necesita de grandes libros e de moitos lectores que queiran ler e imaxinar novos mundos alternativos ao que vivimos. Para facer estes lectores son indispensables grandes autores de literatura de calidade como Agustín Fernández Paz”. Sei que o de onte foi un dos fitos máis senlleiros da literatura de noso. Beizóns, mestre Agustín!

Á volta a Galicia, que iniciamos nunhas horas, subiremos os discursos de María Jesús Gil e do propio Agustín. Ademais, contaremos coa gravación do acto realizado por  Xulio Abollo e coas fotografías de Rosa Aneiros. Uns documentos que moito pagan a pena.

Onte 5: Agustín premio iberoamericano

Moito agradezo recibir noticias tan boas como a concesión do Premio Iberoamericano SM a unha traxectoria infantil e xuvenil a Agustín Fernández Paz. A súa ollada crítica sobre o mundo contemporáneo é dunha extraña lucidez; como a súa escrita clara é froito dunha teimosa procura de textos que para o lector ou a lectora flúan ccoa facilidade da auga do río. Este premio, o primeiro de carácter internacional que recibe a literatura galega, recoñece esas tres décadas de esforzo e compromiso coa escritura e a lectura, sempre dende a lingua galega, a súa primeira patria. Agardamos poder acompañalo en Guadalaxara o 29 de novembro, xunto con Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, os dous autores galegos convidados ás actividades da FIL. Beizóns, Agustín!

Este documento do fallo do xurado quedará para a historia da Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia. [merece ser arquivado]

Agustín Fernández Paz agradece a homenaxe da CGENDL


O pasado 4 de xuño a CGENDL realizou un acto no que se lembraron os vinte anos dos Equipos de Normalización Lingüística, que serviu, ademais, para homenaxear a Agustín Fernández Paz. Todas as intervencións foron magníficas. No entanto, recomendo moito a intervención de agradecemento de Agustín, unha síntese da historia da galeguización educativa durante tres décadas, o esforzo de toda unha xeración de mestres e mestras que sempre traballaron en condicións difíciles.
O treito final do discurso de Agustín é, para min, moi emocionante. Agustín entrega a testemuña dunha xeración de mestres galeguistas a estoutra que representan os membros da CGENDL. Atención especial merecen as palabras finais: “Os mestres galeguistas somos da estirpe dos indignados!”.

Escoita o 1º capítulo de "Non hai noite tan longa" lido por Agustín Fernández Paz

Podes escoitar aquí a lectura que Agustín Fernández Paz fai do primeiro capítulo de Non hai noite tan longa, a súa novela máis recente que chega hoxe ás librarías. Ademais, se é a túa preferencia lelo, podes baixar o texto en pdf.

A duración da gravación é de seis minutos.

«Non hai noite tan longa», a nova novela de Agustín

Onte anunciamos no blog de Xerais a publicación de Non hai noite tan longa, a nova novela de Agustín Fernández Paz, ao tempo que recomendabamos baixar en pdf o seu primeiro capítulo. Non debe extrañar a ninguén que esta obra sexa publicada na colección Xerais Narrativa, unha iniciativa que como editor lle propuxen a Agustín, tras a lectura da primeira versión da novela. O propio Agustín nunha recente entrevista que Iago Martínez publicou en Xornal de Galicia fala que esa posibilidade xa a valoramos en 2002 cando publicou Aire negro ou mesmo antes, hai case quince anos, cando apareceu O centro do labirinto. Non hai dúbida ningunha que, por riba de etiquetas editoriais ou prexuizosas adscricións de xénero, Agustín é un dos primeiros narradores galegos do noso tempo, tanto pola solidez técnica de cada unha das súas novelas, posuidoras desa complexísima sinxeleza que as fai de lectura engaiolante, como pola profundidade e relevancia dos temas abordados. Nesta nova entrega está o mellor e máis xenuino Agustín, na súa madurez literaria e humana, ofrecendo un relato no que atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. A culpa, a vinganza, a ansia, o amor, a morte, a esperanza son algúns dos temas principais desta novela que constitúe unha ácida ollada crítica (as veces mesmo feroz) sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI. A elección por parte do autor da famosa fotografía de Rosa Parks para a cuberta da novela non foi casual, xa que esta imaxe de resistencia pacífica até o lirismo, ao mesmo tempo que de dignidade individual e firmeza fronte a discriminación da costureira de Alabama, esta imaxe dunha muller «farta de ceder e ceder» convértese en metáfora visual acaída da confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas que impregna estas case trescentas páxinas. Outrosí sucede co título, recollido dunha das frases acuñadas por Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth: «Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día».

Non hai noite tan longa chegará ás librarías galegas coincidindo coa furia do Vento Lois. Temos previsto que na Feira do Libro de Vigo, na primeira decena do mes de xullo, Agustín manteña unha conversa en público con xornalistas e escritores, ao tempo que asine exemplares aos seus moitos lectores e lectoras.