O noso devalo demográfico

Ao fío da aparición do libro Galicia un pobo con futuro? promovido polo Museo do Pobo Galego, no artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o reto demográfico que debe afrontar o país.

XG00238801A medio e longo prazo un dos retos do futuro de Galicia é superar o actual devalo demográfico. Ao longo das dúas últimas décadas en Galicia morren máis persoas das que nacen, diminúe e envellece a poboación, o que provoca un severo déficit vital a un país que perde pulo, esmorecendo como comunidade. Unha situación alarmante para moitos, unha forma de lento suicido colectivo para outros, que en todo caso couta as posibilidades económicas e de benestar do país, que é tamén a súa xente, o seu pobo, a súa cidadanía. Unha hemorraxia poboacional que compromete a subsistencia da súa lingua e cultura e mesmo a súa viabilidade como suxeito político diferenciado e dono de seu.

O devalo demográfico, a pesar de ser un problema fulcral, non pasou aínda a formar parte das prioridades da axenda pública galega, manexada polos poderes públicos, medios de comunicación e axentes sociais, na que continúa primando a miopía curtopracista da próxima batalla electoral. Un libro colectivo recente, “Galicia: un pobo con futuro?” (Xerais 2014), coordinado por Manuel Blanco Desar e promovido polo Instituto Galego das Identidades, encadrado no Museo do Pobo Galego, pretende abrir un amplo debate social arredor do reto demográfico galego, desde a perspectiva dos estudos académicos e das achegas dos sectores da sociedade civil.

Dende a década de 1980, Galicia pasou dos 40.000 nacementos anuais aos 20.000 dos últimos anos. No mesmo período incrementou a súa renda por habitante até o 90 % da media da Unión Europea, mais foi reducindo a taxa de fecundidade (entre os 0,9 e 1,1 fillo/as por muller), moi por baixo da media da Unión (1,6) e de España (1,38). En cada un dos tres últimos anos, Galicia ten un saldo demográfico negativo de 8.000 persoas, o que de non modificarse polo incremento da fecundidade ou da mudanza dos fluxos migratorios, levaría a longo prazo a situar a poboación galega por baixo dos 2,5 millóns de habitantes. Se a iso engadimos a ventura de contar cunha elevada esperanza de vida, nas mulleres arredor dos 84 anos e nos homes dos 77, o escenario dunha poboación galega minguada e avenllentada semella o máis probable nas dúas vindeiras décadas.

Nin sequera para os demógrafos, economistas e sociólogos é doado explicar as causas desta ameaza, xa que non hai pobo que teña garantido o seu futuro sen contar coa enerxía do seu relevo xeracional. Xunto ás económicas, a incapacidade da nosa sociedade de asegurar emprego e estabilidade laboral ás novas xeracións, existen outras disfuncións que poden axudar a comprendela, vencelladas á modificación da valoración da familia, á falta de autoestima e mesmo a ausencia dun certo “patriotismo”, o que Manuel Blanco Desar considera un xeito de “instalación dunha normalidade ‘anómala’, onde o usual e intelixente é non ter fillos ou ter só un”. Galicia non é arestora un país amable para ter fillos e fillas, xa que existen atrancos para responder ás necesidades económicas e dedicación que isto exixe, unhas veces pola tardía incorporación das mozas ao mercado de traballo, outras polas dificultades de conciliación, polo elevado nivel de desemprego, pola emigración dunha parte significativa das postgraduadas ou pola inexistencia dunha rede de escolas infantís públicas e gratuítas.

De non acudir por ela, esta emerxencia demográfica tería consecuencias funestas para a sustentabilidade económica do país, debido a inevitable caída das rendas, desertizaría as provincias do interior, poñería en perigo o porvir dos sistemas públicos de pensións, sanidade e asistencia ás persoas maiores, e mesmo consolidaría un maior conformismo, cansazo ou escepticismo, o que afectaría á cohesión e solidariedade interxeracional da sociedade galega. De continuarmos con esta tendencia negativa, Galicia será un país máis pobre, máis desartellado territorialmente e máis dependente, o que constitúe unha tremenda ameaza para o seu futuro.

Que se pode facer para reorientar esta deriva? Sabendo que non hai receitas máxicas para cuestión tan complexa, a primeira é recoñecer a existencia dun problema que require unha abordaxe política estratéxica, esta é unha cuestión de país, coma a da reforma territorial ou a de preservar por xeracións o futuro da lingua galega. No marco dese debate aberto, semella imprescindible facilitar a incorporación de continxentes migratorios e a promoción de políticas de igualdade e protección da infancia e da mocidade, sexan medidas fiscais e de conciliación das vidas laboral e familiar, como do desenvolvemento dunha rede ampla de escolas de educación infantil públicas e outros servizos sociais e educativos. Xaora, a clave do repunte demográfico residirá na capacidade de deseñar un proxecto de país capaz de ilusionar ás novas xeracións, do que hoxe carecemos.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *