Onte 856: «Rosalía e Castro. Imaxe e realidade»

A sempre inexplicable providencia laica fixo que o anuncio do inédito de Rosalía de Castro (que non era tanto) coincidise coa chegada do prelo dos primeiros exemplares de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade do profesor Fernando Pereira Bueno, o libro co que Xerais celebrará o 24 de febreiro, o vindeiro día de Rosalía 2014. Un ensaio moi novidoso de iconografía documental no que se recollen e analizan con todo detalle máis de dúascentas pezas, outras tantas interpretacións que da imaxe e do espírito de Rosalía fixeron os artistas plásticos ao longo da historia. Dende os retratos fotográficos e o o óleo inconcluso de Brocos comezado en vida da nosa cantora até as caricaturas e aplicacións gráficas máis recentes, no libro preséntase unha Rosalía viva, inusualmente moderna, unha peza fundamental no noso imaxinario colectivo, que funciona xa coma a maior icona visual da Galicia contemporánea. Sei que este vai ser un libro que vai dar moito que ver e debater. Parabéns a Fernando Pereira por tan inmenso e concienciudo traballo documental.

Onte 855: Lembranza en Compostela de Juan Gelman

Na presentación en Pedreira do Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias lembrou en dúas ocasións a Juan Gelman, o gande poeta arxentino falecido esta semana. Ao comezo do seu discurso Cesáreo revelou o que Gelman, que fora declarado pola AELG en 2010 «escritor galego universal», lle escribira no seu derradeiro correo electrónico o pasado mes de novembro contestando a outro no que o poeta de Maside lle daba noticias da nosa defensa da cultura do país nun momento tan duro. «Sin pelear para mejorar las cosas no se puede vivir» foron palabras sabias do poeta que nunca se conformou diante da inxustiza. Na cerna dun discurso centrado arredor da viaxe e das dificultades da aprendizaxe da escrita en soidade, Cesáreo rescatou uns versos de Gelman que iluminan sobre as razóns da viaxe: «Confundirse cos outros / e que os outros non teu ser / te fagan inmenso coma o mar». Poeta proteico, Juan Gelman, beizón!

Onte 853: Convocados os Xerais 2014

Venturosamente pechamos onte a convocatoria dos Premios Xerais 2014. A gran novidade desta edición (xa a trixésimo primeira) é a recuperación do premio de literatura xuvenil,  para o que moito axudou contar co patrocinio de Ámbito Cultural-El Corte Inglés. «Premio Jules Verne de literatura xuvenil» é unha denominación coa que queremos reivindicar tanto a figura do novelista bretón e a súa relación coa ría de Vigo (onde dende hai unha década se dá a coñecer o ditame dos premios) coma o papel sobranceiro das súas obras no noso catálogo xuvenil, que pretende contribuír á formación dun criterio literario. De aquí até o 7 de xuño, data na que se dictaminarán os tres concursos, tempo haberá para comentar outras novidades no noso certame.

Onte 852: Primeiras novidades

Chegaron onte do prelo as primeiras novidades do ano, dúas novelas de Elena Gallego Abad e Alfonso Álvarez Cáccamo e un libro de viaxes de Pemón Bouzas, co que iniciamos unha nova serie en Xerais Crónica. Nesta semana agardamos a entrada dun ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana, que presentaremos en Vigo o día de Rosalía, e unha biografía de Emilia Pardo Bazán para escolares, preparada por María Xosé Queizán, Mónica Bar e Ana Santiso. No mes de febreiro chegarán as novelas xuvenís de Ledicia Costas, Pere Tobaruela e Rosa Aneiros, o poemario para adolescentes de Carlos Negro, o ensaio político de María Reimóndez e o completísimo libro sobre o polbo de Matilde Felpeto. Na edición dixital, na que agardamos publicar ao longo do ano máis dun cento de títulos, comezamos coa versión en epub d’ O raposo e a mestra de Manuel Rivas, tamén un dos primeiros títulos infantís neste formato. Abrimos, pois, o ano coa esperanza gardada en cada un dos libros novos e co noso maior entusiasmo para compartilos.

Onte 843: Efemérides literarias 2014

Ramón Nicolás publicou onte no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia un artigo excelente lembrando as efemérides literarias deste 2014 recén iniciado. Ademais do ano Díaz Castro, pareceume oportuno que Nicolás reparase nos cincuentenarios do pasamento de dúas figuras galeguistas a recuperar, a do político e xornalista Ramón Suárez Picallo (o 14 de outubro) e a do arquitecto Manuel Gómez Román (o 11 de novembro), así coma tamén nos centenarios do nacemento de Avelino Pousa Antelo (o 14 de maio) e Ramón de Valenzuela ( o 3 de outubro), o autor de Non agardarei por ninguén. Efemérides moi a ter en conta na planificación do noso traballo editorial e na súa utilización didáctica.

Onte 836: A Coruña e Vigo

A da Libraría Cartabón de Vigo foi a derradeira presentación dun ano no que Xerais organizou uns douscentos actos deste tipo. Lalo Carnota e Xurxo Souto viaxaron dende A Coruña para presentar (tamén para contar e cantar) A Terra Queima, un libro cedé que propón resolver un enigma que pode acabar co mundo. A presentación, co aforo da libraría completo, serviu ademais para unir lazos entre Vigo e A Coruña, as dúas cidades portuarias atlánticas.

Estou cen por cen de acordo co discurso de Xurxo Souto que defendeu que «A Coruña e Vigo son a mesma idade». «Para un rapaz dos Mallos ou do Calvario, de Labañou ou de Bouzas, dos Castro ou de Travesas, de Monte Alto ou de Teis, de Monelos ou de Coia non hai diferenza ningunha entre ambas as dúas cidades. Os seus portos dende a ollada do mar son idénticos. Son dous pontóns de recalada do Atlántico, o mesmo mar para ambos». Preguntouse Xurxo «qué escuro interwse hai para intentar separarnos, para que a pelexa de dous rapaces nun partido poida provocar un problema». Rematou gabando a constancia de Lalo Carnota e recomendando A Terra Queima, unha ópera de peto para cativos, un conto que propón reparar no que temos máis próximo, un libro que fala da torre de Hércules, razon pola que é radicalmente vigués».

Onte 826: Homenaxe a Cameselle

A presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) no Club Faro de Vigo constituíu unha homenaxe moi emocionante ao fotográfo Guillermo Cameselle. Gustoume o retrato humano que do fotógrafo de Lavadores perfilou o seu compañeiro o xornalista Luis Piñero, que revelou o carácter aprensivo de Guillermo, con quen compartiu reportaxes inesquecibles. Foi moi oportuna a reclamación de Piñero para que o concello de Vigo incluíse no seu rueiro o nome de «Fotógrafo Guillermo Cameselle». Pola súa banda Ceferino de Blas, director e responsable de Faro de Vigo durante máis de dúas décadas, encadrou a Cameselle como o cabezaleiro da terceira xeración de fotógrafos de Faro de Vigo. «Cameselle foi fotógrafo e fotógrafo de Faro de Vigo, con todo o qu eiso supón de continuidade e legado. Tras a primeira xeración de fotógrafos do xornal, á que vai de 1920 ao final da guerra, formada por Gil, Ksado, Pacheco, Llanos (pai), Sarabia e Pintos; despois da segunda, comprendido entre 1940 e 1970, da que formaron parte Llanos (fillo), Tomás Siorty, Bene e Magar, Cameselle iniciou na década de 1970 a terceira». «Cameselle foi un fotoxornalista integral, o fotógrafo dos luns ao sol, o que se ocupou do proceso de reconversión industrial». Pechou a quenda de intervencións, Fernando Cameselle, o fillo máis novo de Guillermo, que fixo un retrato moi emocionante do seu pai. Pechou o acto a proxección dun centenar das fotos publicadas no libro e uns minutos da gravación da cerimonia de entrega do Premio Galicia Comunicación que recibiu Cameslle en 2005. Gran Cameslle!!!

Onte 822: «A Terra Queima»

A presentación na Libraría Arenas d’ A Terra Queima, o libro cedé de Lalo Carnota e Xurxo Souto, constituíu un grande serán de música coruñesa e de exaltación da cultura mariña.

Abriu a presentación-concerto Xurxo Souto saudando aos presentes utliizando o título da novela máis recente de Bernardino Graña, Medre o mar! Agradeceu tamén a presenza na sala de moitos músicos coruñeses, en especial de Perillo, o batería dos Tamara, que recibiu na noite do pasado venres o premio de honra dos Premios da Música Galega 2013. Xurxo gabou a insistencia e constancia de Lalo Carnota para levar adiante o proxecto «A Terra Queima», «unha gran rapsodia da natureza que fala desta parte do mundo que habitamos, esta cidade barco na que vivimos sobre a pedra, que conta na proa coa Torre rodeada das pedras percebeiras». «Este libro fala da necesidade de coñecer esa realidade máis cercana, a que temos diante dos ollos». Rematou Souto referíndose ao magnífico traballo que para o libro fixeron Sesé Barreiro, a ilustradora, e Xulio Rey, o fotógrafo, «capaces de conseguir paralizar o mar, o mesmo que fixera Lugrís cando pintou o mar maior sen tempo, a xeito dun palimpsesto».

Lalo Carnota, o promotor do proxecto, compositor da música, baixista e cantante das cancións, relatou como se fixera o proxecto. «A idea do libro naceu hai catro ou cinco anos despois dun concerto de Paco de Lucía falando co meu amigo Fausto. Démoslle decontado forma nunha servilleta. Queriamos facer un libro que contase unha historia para nenos, protagonizada por Antón, un rapaz que quere salvar o mundo do quecemento do planeta e dos efectos do cambio climático. O meu amigo Cuco propúxome que falase con Xurxo Souto para que escribise o texto. Fíxeno, mais daquela Xurxo non podía xa que agardaba xemelgas. Insistín máis tarde e aceptou. Compuxen a música e paseilla para que Xurxo escribise os temas, que logo gravamos cun grupo de músicos extraordinario. Só faltaba ilustrar a obra para o que contei con Xulio Rey e Sesé Barreiro. Coa axuda de Milucho o percebeiro localizamos as pedras da Torre. Foi un traballo de equipo que moito pagou a pena.»

Onte 821: O solpor da cupletista

A viguesa libraría Andel quedou pequena para acoller a todas as persoas que acudiron á presentación d’ O solpor da cupletista, o libro máis recente da escritora María Xosé Queizán. A terceira edición dun texto que inicialmente fora publicado en 1995 pola editorial Nigra, naquela colección de peto Tusi Tala, recuperado por Xerais en edición non venal en 2003 por Xerais, ilustrado por Natalia Pérez García, e agora totalmente revisado e publicado na colección Narartiva xunto ao ensaio «Carolina Otero. A liberdade arrogante», no que a autora relata a viaxe que realizou en 2012 a Niza na procura das pegadas dos últimos días que  chamada «Bela Otero», a grande impostora e farsante nacida en Valga. A presentación da obra realizouna Mónica Bar Cendón, que leu un fermoso texto literario sobre esta viaxe a Niza de María Xosé Queizán. Pola súa banda, a autora leu o texto «Carolina Otero, historia dunha violación», un retrato literario desta «muller dona de si» que dobregou o pulso de tanto homes. O acto rematou cunha sorpresa, a actuación musical de cinco mulleres dunha escola de baile viguesa.

Onte 818: Un libro con invención e encanto

Coma sucedera o venres no Carballiño, a presentación do libro de Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, na Libraría Torga de Ourense resultou moi interesante. Desta volta foi o escritor Millán Picouto o chufador dunha obra que de comezo cualificou de «lectura deliciosa». «Retallos daquela infancia é un libro de ambición totalmente lograda, froito dun narrador natural, un mestre da digresión, capaz de volver sempre ao rego, que lle quere ao que escribe». «Estamos diante dun artista -continuou– que usa a lingua galega con estilo, con intensidade no dicir. O seu realismo moi vigoroso emparéntao con narradores coma Álvaro Cunqueiro e Xosé Neira Vilas.» Referiuse despois Picouto ao humor presente nunhas páxinas «onde a burla é sempre compasiva», «onde todos os personaxes, moi numerosos, son tratados con compaixón». «O xeito de contar de Bautista semella sinxelo, mais non o é. Toda a prosa está moi traballada. Satiriza con trazos de enxeño, nun exercicio de ironíá continua para conseguir interese e amenidade». Rematou Picouto a súa delicia de forma rotunda: «Bautista Álvarez conquista con este libro a súa terra natal, devólvea ben contada, con encanto e capacidade para atraernos. Un libro que ten invención e encanto». Pola súa banda, Bautista Álvarez comezou confesando a súa admiración por Camilo Castelo Branco, «de quen lin todas as súas novelas», e aconsellando «ler máis en portugués». Salientou despois a súa intención de situar este seu libro de relatos «fóra da Nova Narrativa Galega que utilizaron os membros da miña xeración, a Brais Pinto». Demorouse logo Bautista nun emocionante e irónico relato arredor das mudanzas que nas aldeas galegas se produciron nos sesenta últimos anos: «No meu libro falo dun mundo practicamente desaparecido», concluíu, entre os aplausos das persoas que encheron Torga.