Onte 910: A Bela Otero, o solpor da cupletista

1240463_10202508315002128_650503767_n
Con motivo da presentación na libraría Biblos de Betanzos dO solpor da cupletista, María Xosé Queizán ditou unha interesantísima conferencia sobre unha das figuras galegas mais internacionais de hai un século. Comezou definindo a Carolina como un ser excepcional, «que tivo a súa aurora e o seu solpor, pertencendo a esa clase de persoas que superan o espazo que lles estaba reservado así como a inxustiza social». «Houbo mulleres que destacaron na Idade Antigua, Media ou Moderna mais non será até finais do século XIX cando aparecen personaxes exemplares que significan a evolución social e dan sentido á loita pola igualdade», nese espazo encadrou Á bela Otero.

XG00212701Relatou despois a infancia. «Naceu en Valga, filla dunha esmoleira que tiña fillos e fillas bastardos, como era habitual nas mulleres pobres doutras épocas. A nena esmoleira que recollía piñas estaba destinada a ser violada. Así foi con esta nena a quen chamaban «a cordeirana». Aos dez anos sofre unha violación tan brutal que houbo que levala ao hospital para salvarlle a vida. Foi a razón pola que foi perseguido o violador. Non foi encontrado. Mais o feito fíxose público. de non ser así, a nai de Carolina houbérao ocultado. Daquela facíase culpable á vitima. A dor física, á tortura, uníase a dor moral e o medo ao que dirán, a acusación social». Citou despois Queizán a Pondal, autor que falaba de moitas violacións nos seus poemas, e leu uns versos de «Pilleina entre os pinos soa». «A Carolina pillárona nos piñeiros, mais iso foi determinante para que marchase de Valga e mudase a vida que lle agardaba, configurando así a súa personalidade e a sua rebeldía».

A seguir, María Xosé abordou a interpretación que Carolina fixo da violación, que cualificou de «actual», «como atentado contra a liberdade persoal, expresado nas declaracións de Otero como “exerceu o dereito sobre min”. Abuso de poder, transgresión dos dereitos da persoa. Otero interpretou a violación non como unha deshonra, senón como unha posesión. A honra femenina radica no corpo, na castidade, na virxindade; a masculina, na dignidade, na distinción na autonomía. Carolina dixo que “non nacera para ser domesticada”, a violación levouna a decidir ser dona de si mesa. Algo moi actual. Elixiu a liberdade da que non ten nada. Marchou aos once anos do pobo. Tivo a valentía de escapar. Fuxiu. Cando non se ten nada é máis fáacil escoller a liberdade. Din que marchou cuns xitanos. Non se sabe se foi certo. Fíxose unha muller famosa, intelixente a astuta. Chega a París cando se erixe a Torre Eiffel, converteuse en estrela e sex-simbol da Belle Epoque, raíña dos locais de ocio parisinos, onde confluían aristócratas e millonarios da récente industria. A violación ensinoulle a Carolina a desmitificar os homes. “Fixen feliz a moitos homes. Souben sacarlles xoias e diñeiro” declarou sobre aquela época dourada. Carolina vai ser dona do seu destino, foi capaz de dobrarlles o pulso aos homes. Era déspota e seductora, sabía xogar perfectamente o xogo da sedución dos homes. “A muller máis periogosa do seu tempo”, cualificouna Maurice Chevalier. Carecía de debilidades sentimentais».

Continuou o relato Queizán falando dos amantes de Otero. «O primeiro foi Alberte de Mónaco. relacionouse sempre con figuras importantes. Foi elixindo os homes maís poderosos do mundo daquel tempo. O tsar Alexandre, Guillerme de Alemaña, e outros reis, como Afonso XII, pasaron polos seus brazos. Coincidindo co ano 14, co inicio da Primeira Guerra Mundial Carolina retirouse. A xentuza que andaba con ela foi a que organizou a Guerra Mundial. Carolina foise a Niza porque tiña unha debilidade, o xogo, era ludópata. En Niza e Montecarlo tiña os mellores casinos do seu tempo. Fixo en Niza unha casa. Mais arruinouse completamente coa ludopatía. Vendeuno todo até quedar apenas cun cuarto nunha pobre pensión».

Queizán comentou despois algunhas das lendas que circularon sobre a chamada «Bela Otero». Citou o poema que escribiu Martí, o revolucionario cubano, que quedará prendado dela en Nova York: «Non é galega, é divina». «Carolina Otero non pisou nunca Galicia nin sequera España, a pesar de que inventou que nacera en Cádiz. Renegou da súa terra e nunca volveu. Porén, preparou a última maldade. Sabendo a cobiza dos paisanos, fixo un testamento deixándolles todos os seus bens (tiña apenas 600 francos na súa conta corrente). Estaba arruinada. Foi o seu derradeiro escarnio. Nunca esqueceu a violación e o comportamento do seu pobo».

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

Onte 902: Trazos de Xela

Xela Arias tería cumprido onte 52 anos. Inevitablemente lembrámonos dela neste martes lardeiro e chuviñento e celebramos a súa vontade de reinventarse cada día. Por ventura, tras case unha década de esquezo, devagariño a causa da recuperación da obra e da figura literaria de Xela vai callando. María Xesús Nogueira remata a edición da súa poesía completa, que Xerais publicará nun único volume, o que será un paso fulcral neste proceso de posta en valor da escritora viguesa. Pola súa banda, a AELG homenaxeará  o vindeiro martes, 11 de marzo, no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo a Xela baixo o lema «A procura de trazos que nos describan» coa intención de facer memoria, de lembrar os seus versos e contribuír a transmitir o herdo inmenso da súa obra. Alí estaremos, coa noble causa de Xela.

Onte 898: Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro

Na presentación do serán de onte na libraría Vagalume de Lalín, Gracia Sanctorum proclamou a Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro. Gracia concluíu unha intervención magnífica sobre A memoria da choiva dicindo: «Se Suso de Toro é o seu referente literario, coido que Pedro Feijoo chegará a se converter no seu digno sucesor. Se agardabamos con ilusión cada nova entrega daquel con este correrá o mesmo». Un comentario que sei moito gustará ao propio Suso a quen Feijoo homenaxea nas páxinas da súa segunda novela roubándolle a Nano, unha das voces máis memorables de Tic-Tac e Círculo (aquela de «aquí somos así, positivamente») para algunhas escenas compostelás. Pedro recoñece a Suso como seu mestre, artella as súas novelas con estruturas ficcionais potentes semellantes ás do compostelán e comparte con el a ambición da comunicación directa co lector. Unha excelente noticia para a narrativa galega, membros de distintas xeracións van conformando cadea.

Onte 889: A ollada bretoa de Pemón Bouzas

Excelente foi a presentación que no serán de onte realizamos na Libraría Couceiro de Compostela de Novos pasos por Bretaña de Pemón Bouzas, o primeiro libro da colección Xerais Crónica que aparece coa etiqueta «Viaxes». Un acto que da man dos xornalistas Eva Millán, Xurxo Fernández e o propio autor constituíu unha exaltación dos lazos culturais existentes entre Galicia e a vella Armórica, ambas as dúas fisterras atlánticas.

Eva Millán glosou o libro seguindo os pasos de Castelao e Álvaro Cunqueiro. Xurxo Fernández cualificouno de «libro precioso, ben escrito, ben documentando, un auténtico modelo do que debe ser un libro de viaxes, unha fermosa imaxe dun país ao que non temos máis remedio que incoporarnos». Pola súa banda, Pemón Bouzas comezou desvelando que a orixe do libro estivo nas súas lecturas de moitas bitácoras de navegación e libros de viaxes. Recoñeceu que «a viaxe e a literatura van sempre da man, e que toda literatura pode facer viaxar». Lembrou as viaxes de Castelao e Cunqueiro a Bretaña, que o guiaron na escritura deste libro, a do reianxeiro en 1929 cando viaxou identificando os calvarios bretóns con lapis e caderno e a do xornalista de Mondoñedo dende o seu despacho de Faro de Vigo, aínda que máis tarde viaxara a Bretaña para comprobar se a Armórica soñada coincidía coa real. Pemón confesou que o libro fora froito de catro viaxes a Bretaña, dende aquela primeira para facer un documental até as posteriores nas que foi acompanado por persoas de alí e acolá. «Perseguir a rota de Castelao foi doado, xa que deixou moitas pegadas no seu libro As cruces de pedra na Bretaña, o que ademais me permitiu atopar monumentos en lembranza dos bretóns caídos en ambas as dúas guerras mundiais ou coñecer a rota dos bunkers da costa bretoa, que seguen a ser utilizados pola mariña francesa». «Seguín a Cunqueiro pola Terra de Miranda bretoa, a de Pontivy e Brocelandia, a Terra de Merlín, procurei atopar as vilas asolagadas, e quixen facelo sempre cos ollos dos bretóns». «Quixen reflectir a visión de Bretaña dun viaxeiro, quixen que se lese coa miña ollada, consciente de que Bretaña continúa sendo un país para descubrir», rematou.

Onte 883: Ler é a arte de anticipar

As diversas presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están constituíndo formidables leccións arredor da formación do lector literario. Onte en Compostela, tras a excelente intervención de Xavier Senín, que definiu o libro como «fermoso e emocionante», Xabier DoCampo volveu sobre a cuestión da lectura literaria lembrando unha afirmación de Harold Bloom: «ler literariamente é ser coma un deus». DoCampo confesou que escribira A illa de todas as illas «só pensando nos adolescentes, é o que eu considero literatura xuvenil; quixen falarlles da marabilla de ler, do engado das palabras, xa que como teño dito noutras ocasións ler é saber o que din os libros de cada un de nós». Continuou o seu discurso afirmando que «ler é tamén a arte de anticipar o que vai suceder na obra; esa é unha das cousas que teñen que aprender os lectores en formación. E onde mellor pode desenvolverse esa capacidade de anticipación é na novela de aventuras, onde o mar é o gran escenario». «Ler é un camiño de formación. Ler literatura infantil e xuvenil na escola é formarse como lector. Esa é a razón pola que son moi esixente coa calidade da literatura infantil e xuvenil. Con mala literatura non se fai un lector literario, debemos ir máis aló da comprensión lectora, entender até onde se pode». Para DoCampo «A literatura ven definida polo lector, calquera libro que un rapaz le con curiosidade convértese nun libro de literatura infantil ou juvenil». Tras citar e recomendar os sete libros de aventuras presentes nas páxinas d’ A illa de todas as illas, rematou Xabier dicindo que «o máis marabilloso de contar unha historia e volverá contar outra vez, e otra, compartida até crear unha rede».

Onte 882: Para que serve un xornal?

Como xa sucedera en Vigo, onte na presentación de Sete Caveiras en Cangas debateuse sobre o papel do xornalismo e o compromiso dos xornalistas na sociedade actual. Elena Gallego volveu sobre a reivindicación do xornalismo que fai na súa novela, tanto polo feito de estar protagonizada por unha xornalista coma polo valor esencial que se lle concede ás hemerotecas. Cando chegou o momento das preguntas foi o veterano xornalista Eugenio Eiroa, responsable de Morrazo Tribuna, quen volveu sobre o tema ao fío da polémica entre os traballadores e os accionistas de Liberation. Máis alá das mudanzas do soporte e das dificultades do actual proceso de hibridación, semella que a cerna deste debate está en saber se é posible un xornalismo independente, profesional e libre cando a propiedade da maior parte dos medios está de facto en mans de bancos, fondos de investimento ou os medios dependen dos poderes públicos pola vía da publicidade institucional ou das axudas directas que reciben. Até agora crimos que un xornal servía, en primeiro lugar, para ofrecer ao seu lectorado unha información veraz e unha opinión plural e razoada. Poderase formular esta pretensión no futuro? Para que serve un xornal no marco do ruido de redes informativas e sociais? Un debate que paga a pena seguir na rolda de presentacións desta interesantísma Sete Caveiras.

Onte 876: De novela negra

Foi onte un día de novela negra. Pola mañá asistín ás dúas sesións da xornada «30 anos de novela negra galega» organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do trixésimo aniversario da publicación de Crime en Compostela de Carlos G. Reigosa, primeiro premio Xerais de novela. No serán participei na presentación na Casa do Libro de Vigo de Sete Caveiras, a novela de Elena Gallego Abad, que pode ser considera a primeira (despois dos precedentes das obras do xénero criminal de María Xosé Queizán) do xénero negro publicada en galego por unha narradora. Un fito esperanzador para a narrativa galega que salientou a profesora Elena Losada na entrevista que lle fixo o Diario Cultural da Radio Galega.

Na «Xornada Negra» compostelá (así foi bautizada pola escritora Dolores Redondo), gustei da sinceridade da intervención inaugural de Carlos Reigosa. O autor de Intramundi recoñeceu que daquela Crime en Compostela non foi ben recibida pola crítica, especialmente pola revista Grial que entón «devecía por atopar un Ulises en galego». Confesou que non se consideraba un autor de novela negra, «son autor de novela de intriga». «Cando escribín Crime en Compostela había un concepto de novela negra restritivo, baseado en personaxes arquetípicos, como os dos mestres americanos do xénero. Eu o que quixen facer cos meus, con Nivardo Castro e Carlos Conde, é que fosen representativos dalgunha maneira da realidade onde se inserían«. Lembrou, despois, a súa participación na primeira Semana Negra de Xixón, na que o hospedaron nun cuarto do Molinón, o estadio do Sporting de Xixón, onde foi bautizado como o «Negro galego». «Hoxe estamos a un abismo de distancia de como entendiamos a novela negra nos oitenta. Superáronse os arquetipos, sabemos que a novela negra tamén pode ser longa, ademais de ser plural, xa que colleu de todas as partes. Hoxe é imposible considerala literatura menor». Rematou Reigosa cunha mensaxe optimista: «Hoxe en Galicia hai autores de novela negra espléndidos. Hai unha novela negra enormemente rica».

Na presentación do chuviñento serán vigués, Elena Gallego dixo que con Sete Caveiras quixo facer «algo diferente, sinxelo, divertido, ameno, fácil de ler, deseñar un conflito que levase á reflexión sobre o papel do xornalismo». «Propúxenme escribir unha historia na que aparecesen cadáveres e logo xoguetes, invertindo aquel esquema de dez negriños de Agatha Cristhie. Quixén facer algo vigués, con xente viguesa. Unha novela que tivese banda sonora, a da movida dos oitenta». «Quixen que Sete Caveiras fose un puzzle con diversos niveis de lectura, cun inicio que suscita sorpresa e un final que crea debate». Por último, salientou a súa intención de reivindicar na novela o papel dos xornalistas, que «nunca deben ser noticia»: «A solución do enigma de Sete Caveiras está nas hemerotecas como unha reivindicación do xornalismo».

Onte 875: «Palabras de auga» na Lista de honra de IBBY

Soubemos onte que Palabras de auga de Marcos Calveiro foi incluído na Lista de honra de IBBY do bienio 2012-2013. Outro recoñecemento para unha novela que xa recibira o Merlín 2012 e o Fervenzas literarias ao mellor libro infantil e xuvenil do ano. O máis significativo da obra foi o apoio que lle proporcionaron os lectores novos e mediadores (xa van catro edicións), que non tiveron medo a enfrontarse cunha historia dura e emocionante, escrita con valentía e coñecemento literario. Palabras de auga é un texto modélico para a formación do lector literario, un libro que supón unha conquista para o lector e lectora en formación, coma os textos con vontade de clásicos contemporáneos.

Onte 872: A cultura do acibeche

No maxistral espazo de «No fondo dos espellos» de Faro de Vigo, o sábado Ferrin citaba con admiración a monografía de Ángel Cardín sobre a cultura do acibeche. Efectivamente, a do asturiano Cardín é unha obra de referencia sobre todos os ámbitos artellados por esta pedra semipreciosa (moi delicada, mais tamén máxica) traballada polos ourives de noso dende a época castrexa, coma testemuñan os achádegos de Viladonga. Esencial na cultura do Camiño de Santiago, Cardín nas presentacións do libro salienta a importancia do acibeche (presentado en forma de figa) para combater o mal de ollo, crenza na que acreditan as tres relixións de libro. Cardín dedicou mais tres de dúas décadas de investigación para ofrecer un libro definitivo sobre o acibeche, chamado a perdurar como esta pedra negra misteriosa.