Onte 1253: Chegou «Funambulistas»

XG00199601Onte comezaron a chegar ás mesas de novidades das librarías os primeiros exemplares de Funambulistas, o primeiro libro de narrativa de Mercedes Leobalde. Como membro do xurado que lle outorgou o Premio Ánxel Fole 2014, convocado polo concello de Lugo, xunto a Marica Campo e Olga Novo, vivín o entusiasmo que a todos os tres nos provocou a lectura dun orixinal escrito con prosa esencial, depuradísima, coa intención de representar a fraxilidade contemporánea. Vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas dúas ou tres páxinas, unhas veces vinculados, outras independentes, protagonizados por personaxes que viven ao límite, na corda frouxa, á intemperie, ao abeiro do inagardado ou fortuíto. Un libro sobre a vulnerabilidade e a carencia como síntomas do noso tempo de precariedade, onde por fortuna, a autora enxerga aínda unha raiola de esperanza contida. Aventuro que Funambulistas será un dos libros dos que falaremos con frecuencia esta tempada.

Onte 1252: Centenario de «Vento mareiro»

Vento_MareiroO primeiro de marzo de 1915, segundo informa o colofón do libro, acabouse de imprimir na Habana Vento mareiro, o libro de Ramón Cabanillas que revolucionou a poesía galega do século XX enlazando coas voces do Rexurdimento. O noso admirado Ramiro Fonte, que preparou a edición publicada por Xerais na BLG hai vinte anos, definiu por este libro a Cabanillas como «o poeta agardado, o poeta necesario», xa que con Vento mareiro enlazou coa proeza de Rosalía, Curros e Pondal e iniciou a modernización radical da poesía galega do século XX. Un libro encrucilada onde están presentes todos os camiños que logo emprendería o autor Da terra asoballada, un libro fulcral para a literatura galega, mais tamén para Cambados, berce do poeta, vila mariñeira a quen Cabanillas dedicou estes versos en tipografía de ouro: «A ti meu Cambados, probe, fidalgo e / soñador; que ó cantareiro son dos pinales / e ó agarimo dos teus pazos lexendarios, / dormes deitado ó sol, á veira do mar.»

Onte 1250: «Coller as rendas» en Moito Conto

Moito_Conto_28-02-2015_04

XG002162012Levei unha moi grata sorpresa en Moito Conto, a nova libraría coruñesa especializada en literatura infantil, onde presentamos no serán de onte Coller as rendas, o novo álbum de poesía de Yolanda Castaño e Xosé Tomás. Gustei da amplitude e do arranxo das instalacións dunha libraría con fasquía nórdica, así como da calidade da escolla bibliográfica, na que ademais dunha excelente escolma de álbum ilustrado e títulos de coleccións infantís graduadas, tamén se abren algunhas mesas de novidades e boas lecturas para persoas adultas. O feito de que máis de medio cento de persoas, dende picariñas a maiores, participasen no acto no que Castaño contou e Tomás debuxou o seu libro de animais autodeterminados expresa o espírito desta libraría concibida como espazo de fomento da lectura. Parabéns e azos para as súas libreiras.

Onte 1249: Resistir pola lingua

antipodas_lalin_27-02-2015Na presentación de Antípodas, onte no Museo Ramón María Aller de Lalín, Xosé Vázquez Pintor reclamou a necesidade de «resistir pola lingua, non renunciar nunca ao noso primeiro patrimonio». Xosé Crespo, o alcalde de Lalïn, na súa intervención para pechar o acto, colleulle a luva a Pintor e fixo un longo discurso sobre a situación actual da lingua galega, sobre a que confesou era por primeira vez moi pesimista. Recoñeceu que cada vez son menos os mozos de instituto en Lalín que falan galego e atribuíu a responsabilidade do caso ás familias, mesmo ás que se declaran galeguistas, que non se ocupan de transmitir o galego dende o berce. «As familias poden facer moito máis polo galego cas escolas», afirmou Crespo, para expresar despois a súa decepción de non poder facer máis dende o concello pola causa do galego. Quedoume claro que o discurso de Xosé Crespo será a partir de agora o que escoitaremos decote nos beizos dos responsables do Partido Popular de Galicia. Quedará algún espazo para a autocrítica e a corresponsabilidade sobre os efectos que o decreto de plurilingüismo provocou nos prexuízos e valoración social do galego?

Onte 1248: «Amor en alpargatas»

Manuel_Portas_26-02-2015

Máis dun cento de persoas xuntáronse no café Airas Nunes de Compostela para arroupar a Manuel Portas na presentación de Amor en alpargatas, a súa cuarta novela. Foron o escritor Bieito Iglesias e a crítica Dolores Vilavedra os que se ocuparon de comentar unha novela considerada como a máis lograda e maura das publicadas até agora polo autor.

Comezou Bieito Iglesias definindo Amor en alpargatas como «unha novela de amor, protagonizada por un triángulo de tres persoas (Senén, Lucía e Sara), construída cunha estrutura cinematográfica semellante á da Condesa descalza, xa que comeza e remata nun cemiterio, utilizando a écnica do flash-back». Detívose Iglesias en comentar a educación sentimental do protagonista nos anos 60 en Teis, considerando que esas páxinas poderían ser consideradas propias dunha novela de formación. «Senén é un personaxe singular, non é un arquetipo, non é un retrato notarial da pequena burguesía galeguista.» «A presenza do corvo no derradeiro capítulo representa un certo desencanto«, afirmou Bieito para acabar prognosticando que «a novela terá máis éxito entre o público feminino.»

XG00156801Dolores Vilavedra sinalou o que entende son características do proxecto literario de Manuel Portas desque en 2010 publicou Denso recendo a salgado. «A primeira é a reivindicación da capacidade da narrativa para entreter, sen renunciar á experiencia estilística, Portas é capaz de verlles os tons pálidos a un tempo de silencio.» «Ademais de utilizar unha das mellores linguas literarias do noso tempo, Portas escribe narrativa de mulleres. En todas as súas obras as mulleres teñen grande protagonismo. Nesta tanto Lucía como Sara son personaxes que teñen arestas, un lado escuro, continuando a xínea de Concha e Encarna de Faneca brava ou Cristina, Clara ou Chus, protagonistas das historia de Un dedo manchado de tinta.» «A de Portas é unha narrativa da memoria leve, que nos intriga, que nos provoca a necesidade de saber máis. No entanto, teño medo dos efectos dunha memoria narcotizante ou a un exceso de saudade paralizante. Portas sabe equilibrar.»

Vilavedra considerou Amor en alpargatas como unha «novela máis centrada, menos dispersa cas anteriores do autor. Nótase a madurez, o autor pousa, renuncia ás historias paralelas, vai á cerna da súa historia, utilizando unha estratexia de espiral, de bucle. O seu é un narrador omnisciente, mais non é invasivo. Deixa falar aos seus personaxes, sitúase con eles, revelándose só cando é imprescindible.» «Amor en alpargatas deixa dúas importantes historias sen contar, as de Amalia e Xián, a dos fillos de Senén, o que supón unha apertura da novela sobre os debates do presente, quizais porque todas as novelas falan do tempo histórico no que se escriben, non sobre o que escriben.» Antes de rematar cunha emocionante referencia persoal á memoria do barrio proletario de Teis, Vilavedra salientou o carácter de Amor en alpargatas como »novela santiaguesa que se abre a outros espazos da Galicia real.»

Rematou as intervencións Manolo Portas que definiu a novela como «unha historia de amor co nacionalismo ao fondo». «Non pretendín escribir unha novela xeracional. O nacionalismo é o contexto sobre o que se desenvolven as historias de amor. Un amor ao país no que encadran os amores poliédricos que se moven na novela. Non me interesaba tanto recolelr o dato concreto como reconstruír ese contexto.» Despois de sinalar que deixou a mantenta varias historias abertas, confesou que se daría por ben pagado «se a novela consegue diversos niveis de lectura, xa que estou convencido que a literatura ten que dar que pensar.»

 

Onte 1247: Xurados de lectores e lectoras nos premios Xerais

premios_xeraisOnte en Xerais publicamos a convocatoria para escoller tres persoas que desexen participar como membros dos xurados de cada un dos nosos premios, o Xerais de novela, o Merlín de literatura infantil e o Jules Verne de literatura xuvenil. Despois de tres décadas de protagonismo nos xurados de lectores e lectoras non profesionais, en definitiva lectores e lectoras vocacionais, amantes da novela ou da literatura infantil e xuvenil, moitas veces vinculadas con actividades profesionais afastadas do sector editorial, nesta edición 2015 pretendemos profundizar nun modelo que representa a súa importancia e forza no noso proxecto editorial. Non hai dúbida que é unha incógnita para nós a acollida que pode ter este chamamento, cuxa intencionalidade é facilitar a lectores e lectoras que se presenten voluntarias poidan gozar durante dous meses unha moi intensa e complexa experiencia literaria. Cremos que este novo vieiro que onte iniciamos pode contribuír a facer máis interesante e singular os nosos certames. Agardamos respostas.

Onte 1246: Sempre Rosalía

doodle_24-02-2015

O doodle de Rosalía de onte supuxo un importante incremento da visibilidade na rede en todas as comunidades autónomas da celebración do 178 aniversario do nacemento da nosa escritora fundadora. A mobilización nas redes sociais baixo a etiqueta #EuSonRosalia, as numerosas actividades nos centros educativos e nas súas bibliotecas, a pesar de non formar parte aínda do calendario escolar, como as promovidas por colectivos culturais e feministas, constituíron a cerna dunha efeméride que devagariño vai acadando maior centralidade no calendario galego do libro e da lectura. O fenómeno Rosalía, a simpatía que supón como icona primeira do país, como personaxe predilecto dos galegos e mesmo como marca máis universalizada da literatura galega explica o éxito dunha efeméride literaria con vontade de converterse en efeméride nacional. Sempre Rosalía!

Onte 1245: «Cuarto minguante»

casal_de-arman_21_02-2015Non pode quedar atrás recoller as palabras que Pilar García Negro pronunciou no serán do pasado sábado en Casal de Armán na presentación de Cuarto minguante, a primeira novela de Bautista Álvarez. Comezou a profesora da UDC sinalando que «a vocación de Bautista sempre fora dupla, política e literaria», para engadir despois que o autor adquirira ao longo da súa vida «unha grande cultura literaria, especialmente clásica». Lembrou o acto de presentación no verán de 2013 de Retallos daquela infancia, o libro de relatos que o adscribía «á filiación de Fole e Castelao pola utilización dun humor moi elaborado con aparencia de sobriedade. Considerou que «con Cuarto minguante expresaba o seu auténtico oficio de escritor.»

XG00233901A presentadora debullou o título da novela, que fai referencia tanto a un declive como unha semellanza dun elemento físico, indispensable para resolver a intriga que se propón desvelar ao lectorado. Sinalou o carácter de notario do narrador, xa que o personaxe de Ismael terá que construír a súa identidade na emigración, sendo a súa vida o río principal dunha narración na que hai outros afluentes moi interesantes. Reflexionou Pilar sobre o fenómeno da emigración galega e os prexuízos a ela asociados, até considerala como «unha fatalidade, até interiorizala como un destino natural, ao que non foi alleo a ignorancia do mapa, sendo como sinalou a poeta Pilar Pallarés “a xeografía unha facilitadora da emigración”.» E como tal lembrou unha frase do texto: «desprezo por desprezo, é preferible o de Buenos Aires.» «Na novela de Bautista non hai, polo tanto, un gramo de idealización. A emigración non resolve senón que agrava os problemas dos seus protagonistas.»

Antes de rematar, destacou como os maiores acertos da novela, ademais dos retratos desta epopea emigrante e da igrexa católica, a participación do autor na narración, «que sabe facer con moita sabedoría», así como o humor e ironía presente en moitas páxinas. Entre as coxeiras da novela, sinalou «o errado tratamento das personaxes femininas, apenas proxección das masculinas, que debeu ser evitado.»

Onte 1241: «Antípodas» de Xosé Vázquez Pintor

XG00211201Na libraría Maraxe de Cangas do noso admirado Lito acompañamos onte a Xosé Vazquez Pintor na presentación de Antípodas, a súa novela máis poética de derrotas e resistencias. Confesou Pintor que a novela escribiuna mentres estaba baixo mínimos, cando padecía as secuelas dun infarto severo. «Nese medo agarreime ao que podía esquecer, a todas aquelas baiuras que me podían salvar a vida». Definiu Antípodas como «unha resonancia magnética en tempo de acordar», consciente de que «a casa non é para os contramedos senón para a rosa, un lugar onde soñar.» «Esta foi a miña terapia, fuxindo da despedida». Xustificou despois a brevidade dos capítulos, «para que a lucería fose amiga onde nos ver, eu precisaba desabafar, botar fóra con urxencia.» Insistiu na «importancia de deixarnos bicar pola lingua, quizais porque teña tendencia ao feminino», así como de enriquecernos coas palabras da tribo, «co seu significado e a súa expresión artística». Antes de ler tres dos capítulos, fixo un chamamento ás novas xeracións para que bebesen na fonte da lingua popular e a transmitisen aos seus fillos.

Onte 1240: Encontros en negro

redondo_feijoo_villar_corbillonMagnífico serán literario, coincidindo cos enterros da sardiña, o que onte organizou Pedro Iturburúa no IES Torrente Ballester de Pontevedra. Baixo a denominación «Encontros en negro», Dolores Redondo, Domingo Villar e Pedro Feijoo conversaron con Ramón Rozas sobre a súa concepcion do xénero negro e a súa forma de abordar a escrita. Confesaron Dolores e Pedro que non comezaban »a escribir a primeira liña até que non tiñan a historia enteira», mentres que para Domingo é preciso «o estímulo do descoñecido«, xa que para el «a literatura é unha tarefa de heroes derrotados, mais dispostos a dar a batalla o día seguinte».

Villar confesou que no proceso de escrita procuraba «buscar na lectura en alta voz unha sonoridade que me convenza; durante a escrita non quero soñar con outra cousa que me faga tremer por dentro, que me emocione, xa que se non está emocionado é moi difícil emocionar». «Para min, como para Paul Auster, as razóns da escrita son máis musicais ca literarias», afirmou o autor d’ A praia dos afogados. Pola súa banda, Redondo confesou que escoitaba o seu orixinal lido pola voz do programa do ordenador, «está voz dun robot, coma a dun GPS, permíteme comprobar o ritmo do texto e a a corrección da puntuación.».

Os tres autores contrastaron o valor das localizacións nas súas novelas. Mentres que para Feijoo a paisaxe é unha ferramenta para enganchar ao lector, para Redondo constitúe un espazo no corazón, mentres que para Villar a localización debe ser emocional e suxerente para o propio autor. Coinicidiron todos os tres na idea do carácter mestizo do xénero negro, que para Dolores é o que «mellor fusiona con outros» e para Domingo ten «carácter de novela social, un caixón de sastre onde entran moitas cousas», mentres que para Pedro «é un medio para entreter ao lector dende a primeira liña.»