Poema de hoxe 98: “Bagdad” de Elvira Riveiro
Onte 1635: Na Feira do Libro de Pontevedra con Álex Alonso
/en Autores, Narrativa, Novidades, Onte, Poesía, Premios, Presentacións, Xerais/por bretemas
Comezamos onte en Pontevedra a tempada de presentacións nas Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros. Fixémolo co libro de relatos de Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, obra gañadora do Premio Ánxel Fole 2015, e coa edición que Anxo Angueira preparou de Follas novas de Rosalía de Castro. O bo serán de primavera foi un aliciente para que a praza da Ferrería pontevedresa estivese moi animada, o que ben agradecimos.Na súa intervención, Álex Alonso definiu o seu libro como “unha expresión dun estado de ánimo indignado, unha denuncia da corrupción, da precariedade, do paro, dos desafiuzamentos, da estafa das preferentes, do acoso escolar, da violencia contra as mulleres ou do racismo”. “Quixen que o libro fose coma un caleidoscopio da sociedade actual, un mosaico onde cada un destes problemas tirados das páxinas dos xornais fose unha peza, procurando unha lectura acedamente divertida”.
Poema de hoxe 97: “Quero chegar ao mar” de Antonio García Teijeiro/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Onte 1634: Camilo, Premio Trasalba
/en Autores, Ensaio, Galeguismo, Nacionalismo, Onte, Premios, Vigo, Xerais/por bretemas
Acerta de cheo a Fundación Otero Pedrayo outorgando a Camilo Nogueira o Premio Trasalba 2016. Recoñécese así a extraordinaria traxectoria de Camilo nos eidos político, profesional e cultural onde serviu con xenerosidade desbordada a causa de Galicia. Modelo de teimoso optimista da vontade, Camilo contribuíu a modernización do nacionalismo galego contemporáneo e o seu arraizamento no pensamento socialista radical e europeísta, “na mellor tradición da Xeración Nós”. Ensaísta concienzudo e lúcido, analista agudo, historiador erudito, lingüista vocacional, conferenciante didáctico, lector curioso, vigués cosmopolita, Camilo Nogueira acuñou no nacionalismo galego o modelo de pensamento inclusivo, imprescindible para enxergar e compartir os territorios da esperanza. Cando cumpre os 80 anos, este premio recoñece o seu labor de xigante e pioneiro. O 26 de xuño estaremos con el en Trasalaba celebrando a Galicia da esperanza.
Onte 1633: “O anxo negro” de Manuel Gago
/en Autores, Book_trailer, Narrativa, Novidades, Onte, Xerais/por bretemasRecomendo vivamente seguir as iniciativas que Manuel Gago prepara na rede para o lanzamento d’ O anxo negro, a novela coa que debuta na narrativa no mes de maio. Ademais de gozar das pezas audiovisuais, no web do libro pode participarse nunha experiencia singular de comunicación entre o autor e o lector, previa á publicación do texto.
Onte 1632: “A cacería” de Amadeo Cobas
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Novidades, Onte, Premios, Xerais/por bretemas
Presentamos en Noia A cacería, a novela de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela curta cidade centenaria. O escritor Ramón Carredano definiuna como “unha novela de aventuras pura e dura ao xeito máis clásico, onde existen batallas e amores, heroes e viláns, escrita cun ritmo trepidenate, capaz de levar ao lector dacabalo sen presa, mais sen pausa, sen nunca chegar a afogalo”. “Mais tamén unha novela curta, concisa e conceptual, caracterizada pola economía de recursos, onde non sobra nin falta nada,” “A cacería narra o proceso de iniciación de Zairo, o neno co que comeza a historia, o home coa que remata esta narración ambientada nun tempo e un espazo mítico”. Pola súa banda o autor confesou que “o máis verídico da novela é o escenario, as montañas da Barbanza e as do Pireneo aragonés”, “a novela foi escrita en galego no Pireneo, sendo unha mestura da montaña galega e das penalidades que vivín a tres mil metros”. “A cacería é unha historia guerreira e de amores na que pretendín levar aos lectores onde non pensan.”
Onte 1629: Activismo literario de Xerais
/en Autores, Edición, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Novidades, Onte, Poesía, Premios, Presentacións, Xerais/por bretemasFoi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.
O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.
Onte 1627: Cajaraville premiado
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Onte, Premios, Xerais/por bretemas
Participamos onte no xurado da XVIII edición do certame de narración curta Ánxel Fole convocado polo concello de Lugo. Tras case tres meses de lectura, non foi doado escoller entre 62 orixinais, media ducia deles de gran calidade. Despois de moitos falares votamos entre tres obras finalistas resultando gañadora a títulada Once portas, que resultou ser de Héctor Cajaraville. Once portas é unha novela de lectura aditiva sobre a desaparecida muralla de Compostela. Coa habilidade que descubrimos en De remate, Héctor propón unha viaxe na historia, dende a cidade do Calixtino do século XII até hoxe, que axude a solucionar un enigma sobre a ubicación das portas e poxigos de Compostela. Cando a presidenta do xurado abriu a plica e coñecimos o nome de autor quedamos abraiados, xa que este é o terceiro premio literario que Cajaraville consegue nos últimos nove meses, tras o Xerais de novela e o Raíña Lupa de lix. Non hai dúbida que estamos diante dun escrtior completísimo, sólido, versátil, chamado a revolucionar a narrativa galega actual. Nestes días está chegando ás librarías a súa novela infantil Quen dá a quenda?, que resultou finalista do Prmeio Merlín de literatura infantil do pasado ano. Parabéns, Héctor!!!
Onte 1619: Día da poesía 2016
/en Autores, Efemérides, Novidades, Onte, Poesía, Xerais/por bretemas
Celebramos onte o día da poesía e o día da árbore, efemérides que coinciden coa chegada da primavera. Unha xornada que a rede en galego dedicou, sobre todo, a homenaxear a figura de Manuel María, «o poeta que quixo coñecer aos galegos un a un», en afortunada definición do escritor Manuel Veiga. Un ano dedicado a Manuel María, poeta moi prolífico, autor de medio cento de poemarios, que debería contribuír a pór en valor e visibilizar a poesía galega toda. Xaora, en Xerais quixemos que este día da poesía coincidise coa publicación da edición monumental de Follas novas, preparada por Anxo Angueira, coa publicación do retrato e da antoloxía da poesía infantil do poeta chairego e das dúas primeiras novidades da colección Xerais Poesía, Os fillos da fame de Ismael Ramos e Masculino singular de Carlos Negro. Quen pode dubidar que a poesía é destilación da palabra e da frase, ese grande milagre do mundo que continúa a abraiarnos cada día.
Onte 1607: Marilar, académica
/en Autores, Cultura, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Onte, Poesía, Xerais/por bretemas
Compartín onte con Marilar Aleixandre a tertulia política d’ A Crónica da Radio Galega, onde como tantos outros mércores debatemos cos xornalistas Fran Espiñeira e Ánxel Vence. Todos abeizoamos a Marilar pola súa candidatura para cubrir a cadeira de Xosé Neira Vilas na Academia Galega, o que supón un merecidísimo recoñecemento para a súa traxectoria como escritora en lingua galega e como unha das científicas máis destacadas da nosa cultura.
Coa entrada de Marilar Aleixandre a Academia gaña o talento literario da autora dun catálogo amplísimo, narrativo, poético e ensaístico, con obras extraordinarias como Teoría do caos, A expedición do Pacífico, A Cabeza de Medusa ou Ovella descarreirada, mais tamén a súa experiencia internacional como membro da xunta directiva do IBBY, o seu compromiso como veterana activista feminista e ecoloxista, a súa experiencia política, como o coñecemento profundo que como catedrática de Didáctica das Ciencias da USC ten do mundo educativo e do método científico. Sen dúbida, a de Aleixandre é unha grande incorporación para a dinamización da institución de Tabernas que semella decidida a recuperar tanto tempo perdido.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Gorgorito e o Vigo Ye-Ye28 de Xullo de 2026 - 12:14 p.m.
Vigo líder de Galicia22 de Xullo de 2026 - 4:23 a.m.
Isaac Fraga, unha vida para o cine16 de Xullo de 2026 - 4:20 a.m.
As da Industria9 de Xullo de 2026 - 4:18 a.m.
Feira do libro na Alameda1 de Xullo de 2026 - 4:07 a.m.














