Instituto Rosalía de Castro

Xosé L. Méndez Ferrín continúa a súa serie de artigos no Faro de Vigo sobre “Arquivos, bibliotecas e museus“. Hoxe reclama a creación do Instituto Rosalía de Castro, de promoción da lingua e literatura galega no exterior, prevista na aprobada Lei do Libro e a lectura. A argumentación do mestre é dificilmente rebatible:

“Toda nación, e Galicia éo, debe dotarse de centros no extranxeiro nos que se difunda a súa lingua e a súa cultura propias. O goberno da Generalitat de Cataluña así o pensou e instituiu con nome de Ramon Llull unha serie de centros no mundo nos que a lingua e a cultura catalás se fai presente. Tense pedido unha e outra vez que a Xunta funde un organismo desde tipo, ao mesmo se lle ten dado o nome de Rosalía de Castro, pro non parece que vaia ser moi axiña realidade. Fraga Iribarne non quería un instituto internacional de Galicia por non ofender a idea de España única. Non sei por que Touriño e os seus socios que se reclaman do nacionalismo (naturalmente non independentista, san e ben entendido) se resisten á posta en funcionamento do Instituto Rosalía de Castro e sofren a humillación, aparentemente con gusto, de que sexa o goberno de Madrid a través de Instituto Cervantes que se apiade da nosa lingua e da nosa cultura e, por man de C.A. Molina vai facendo perceptibeis, poñamos que en Damasco, pequenas evidencias de que existimos e somos diferentes e que Álvaro Cunqueiro escribía en galego sobre Simbad.”

Centre for the promotion of Galician Literature in Translation

A raíz da miña proposta de creación dunha Oficina do Libro Galego, como xestor da estratexia de promoción da literatura galego a nivel internacional, o amigo Jonathan Dunne (o máis importante tradutor da literatura galega ao inglés) remíteme este enlace coa páxina do Centre for the Promotion of Galician Literature in Translation (CPGLT) que creou en 2000 cando traballaba na Universade de Bradford.
O recurso é utilísimo para a promoción da nosa literatura en inglés (inclúe textos traducidos e referencias de Mendinho, Rosalía, Cunqueiro ou Manuel Rivas) ou a relación de textos da literatura galega traducidos ao inglés (até 2001). O traballo de Dunne (que actualmente está traducindo ao inglés Os libros arden mal e ten lista para a edición unha magna Antoloxía histórica da literatura galega bilingüe inglés-galego) demostra que é absolutamente viable, se houbese vontade institucional abonda, acometer un proxecto deste tipo dirixido ao marco profesional e comercial da edición internacional (editores, axentes literarios, “scouts” e profesores de estudos galegos), na que se incluísen traducións de mostra, sinopses, entrevistas con autores, información sobre axudas públicas. Non deixaremos de insistir nesta idea que cremos viable e imprescindible.

Como mostra do traballo desta iniciativa xenerosa reproducimos a tradución da cantiga de Mendinho (xa traducido a vinte e oito linguas), realizada polo propio Jonathan Dunne sobre a edición de Tavani:

At Saint Simon’s chapel I took my seat
and was caught by the waves, how tall they seem.
I was waiting for my friend! Will he come?

At the chapel before the altar-stone
I was caught by the waves, they seem to grow.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, how tall they seem,
I have no boatman to row for me.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, the sea below,
I have no boatman, nor know how to row.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman to row for me,
fair maid I shall die on the open sea.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman, nor know how to row,
fair maid I shall die on the sea below.
I was waiting for my friend! Will he come?

Etiquetas:

"O segundo sexo" en galego

Coincidindo co ano do centenario do nacemento de Simone de Beauvoir (celébrase mañá, día 9 de xaneiro) publicaremos os dous volumes d’ O segundo sexo na nosa colección Xerais Ensaio. Margarida Rodríguez Marcuño xa entregou a tradución do primeiro tomo que pretendemos presentar con motivo do vindeiro 8 de marzo. A edición desta obra fulcral no pensamento feminista é un dos máis vellos proxectos de tradución no que viñamos teimando dende hai anos, razón pola que moito nos satisfai poder anunciar hoxe.

Actualización (08-01-2008): Corrixo na anotación o erro da data do centenario (por atinada suxestión de Pawley): é, loxicamente, o 9 de xaneiro. Con este motivo o Diario Cultural da Radio Galega emitirá un programa monográfico sobre a figura de Simone de Beauvoir. Tamén podemos anunciar hoxe que a publicación estará coeditada por Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Literatura con denominación de orixe

Hoxe publico en Luzes unha tribuna na que abordo a polémica da exportación de textos literarios galegos. No mesmo espazo recomendo o clarificador artigo de Manuel Rivas (saíndo ao paso do panfleto do académico Franco Grande) e a entrevista con Anxos Sumai.

Etiquetas:

Encontros de Mariñán

Suso Pensado publica n’ O levantador de minas unha crónica moi completa dos debates do V Encontros de Mariñán sobre os ámbitos da tradución no que presentamos unha ponencia sobre a narrativa traducida para o galego.

Oficina do Libro Galego

A exportación de textos literarios (especialmente narrativos) é unha das maiores preocupacións actuais do debate cultural galego. Para animar un debate máis sereno e construtivo ofrezo as seguintes reflexións e propostas:
–“A literatura galega é perfectamente invisible fóra de Galicia”. Concordo plenamente con esta afirmación de Xosé Luís Méndez Ferrín, a pesar de que ao longo da última década, algúns dos nosos narradores fosen traducidos a diversas linguas (especialmente Manuel Rivas, Suso de Toro e, máis recentemente, Teresa Moure). Para poder exportar textos literarios con normalidade non abonda a “estratexia de autor”, precísase unha estratexia de país para desvelar a súa literatura nacional. Desmontar os tópicos existentes fóra de Galicia sobre a nosa literatura e proporcionar información veraz e suxestiva sobre a súa excelencia deberían ser os primeiros obxectivos desa estratexia compartida por autores, editores, tradutores e administracións.
–A exportación de textos é a única vía posible para a profesionalización dun narrador ou narradora galegos. As cifras do mercado interior do libro galego (mesmo daqueles autores con vendas importantes) non abondan para permitila. Quizais aí resida boa parte da lexítima e comprensible obsesión dos autores e autoras por ser traducidos, moito máis que os discursos que se constrúen “ad hoc” para xustificala. Non vexo contradición ningunha en pertencer ao tronco dunha literatura nacional como a nosa e, ao mesmo tempo, poder ser traducido a cantas linguas sexa posible.
–Cómpre acuñar un manual de boas prácticas entre autores e editores que facilite a exportación de textos narrativos galegos, ao tempo que preserve a identidade da obra orixinal: obrigatoriedade de realizar a tradución dende o orixinal en galego, preservar título orixinal, facilitar axuda aos tradutores, confeccionar paratextos en inglés…
–Cómpre contar cunha “Oficina da Literatura Galega” ou “Oficina do Libro Galego no Exterior” (a denominación é o de menos), un organismo público (dependente da Consellaría de Cultura e Deporte), apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, ATG, AILG) como entidade que xestione toda a estratexia. Nunha primeira fase podería emularse o exitoso modelo de funcionamento do “Ireland Literature Exchange” (ILE).
–As funcións a desenvolver por esta OLG ou OLGE serían as de coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa na presenza nas Feiras Internacionais do Libro (xunto aos editores); fose coas actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa por medio da información electrónica e impresa enviada a editoras internacionais, axencias literarias, “sherpas” e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Astrid Lingren, Nóbel ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais (Guadalaxara, Frankfurt, Líber, Saló do Libro de Barcelona), organizando aqueloutras onde xa estamos convidados (“Festival Intercéltico de Lorient 2009” ) ou acompañando coa nosa cultura literaria outras actividades de proxección internacional de Galicia (especialmente con motivo do Xacobeo 2010).
–Trátase, en definitiva, de pasar da táctica curtopracista actual (tan ben intencionada, como escasamente eficaz e onerosa) destinada ao consumo político interno, a deseñar unha estratexia (canto menos a cinco ou dez anos) que consiga acuñar internacionalmente a marca “Literatura Galega”, asociándoa aos valores da excelencia e da calidade.

Calceta sen fin

Vía Manolo Gago (grazas, por tantas) coñezo esta curta da finlandesa Laura Neuvonen. Sei que lle vai prestar a María Reimóndez, a nosa amiga, gran tradutora e escritora. Esta semana apareceu o seu Club da calceta en italiano, asinouse o contrato para a edición en castelán e chegou do prelo a terceira edición en galego.

Il club della calzetta

A edición italiana do Club da calceta estará nas librarías o vindeiro mes de novembro. Despois das de Rivas, a de María Reimóndez será unha das primeiras obras de narrativa galega editadas en Italia. A mesma editora (gran vía un proxecto que aposta pola literatura da “España plural”) está preparando, para a primavera, Home sen nome de Suso de Toro, traducida por Fabio Angelli, o profesor de italiano da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e un dos valedores da cultura e literatura galegas en Italia. A editorial gran via abre un novo portelo para a proxección exterior da literatura de noso.

Read Galicia II

No artigo da semana volvo sobre as tres cuestións sobre as que traballei no blog durante estes días pasados: os datos do estudo de comercio interior do libro, o Plan de Lectura de Galicia e a posta en marcha do catálogo dixital de dereitos. Ao fío do comentario volvo propoñer a creación da Oficina de promoción internacional da literatura e edición galegas.
Etiquetas:

Read Galicia

Hoxe preséntase na Feira de Frankfurt Readgalicia o primeiro catálogo de dereitos da edición galega actual. O espazo web (en galego e inglés) permite acceder á información de 169 novidades publicadas por dezanove editoras galegas nos últimos dous anos. De cada título pode consultarse a sinopse, un fragmento do texto e a ficha dos seus dereitos dispoñibles. O catálogo aparece organizado en seis categorías: ficción, infantil, xuvenil, non ficción, poesía e teatro. O deseño da páxina é moi claro e a navegación moi doada e amigable. Readgalicia constitúe un paso de xigante na exportación da literatura e da edición galega. A Consellaría de Cultur e Deporte e a AGE, promotoras da iniciativa, merece as nosas maiores beizóns!

Etiquetas: