Oficina do Libro Galego

A exportación de textos literarios (especialmente narrativos) é unha das maiores preocupacións actuais do debate cultural galego. Para animar un debate máis sereno e construtivo ofrezo as seguintes reflexións e propostas:
–“A literatura galega é perfectamente invisible fóra de Galicia”. Concordo plenamente con esta afirmación de Xosé Luís Méndez Ferrín, a pesar de que ao longo da última década, algúns dos nosos narradores fosen traducidos a diversas linguas (especialmente Manuel Rivas, Suso de Toro e, máis recentemente, Teresa Moure). Para poder exportar textos literarios con normalidade non abonda a “estratexia de autor”, precísase unha estratexia de país para desvelar a súa literatura nacional. Desmontar os tópicos existentes fóra de Galicia sobre a nosa literatura e proporcionar información veraz e suxestiva sobre a súa excelencia deberían ser os primeiros obxectivos desa estratexia compartida por autores, editores, tradutores e administracións.
–A exportación de textos é a única vía posible para a profesionalización dun narrador ou narradora galegos. As cifras do mercado interior do libro galego (mesmo daqueles autores con vendas importantes) non abondan para permitila. Quizais aí resida boa parte da lexítima e comprensible obsesión dos autores e autoras por ser traducidos, moito máis que os discursos que se constrúen “ad hoc” para xustificala. Non vexo contradición ningunha en pertencer ao tronco dunha literatura nacional como a nosa e, ao mesmo tempo, poder ser traducido a cantas linguas sexa posible.
–Cómpre acuñar un manual de boas prácticas entre autores e editores que facilite a exportación de textos narrativos galegos, ao tempo que preserve a identidade da obra orixinal: obrigatoriedade de realizar a tradución dende o orixinal en galego, preservar título orixinal, facilitar axuda aos tradutores, confeccionar paratextos en inglés…
–Cómpre contar cunha “Oficina da Literatura Galega” ou “Oficina do Libro Galego no Exterior” (a denominación é o de menos), un organismo público (dependente da Consellaría de Cultura e Deporte), apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, ATG, AILG) como entidade que xestione toda a estratexia. Nunha primeira fase podería emularse o exitoso modelo de funcionamento do “Ireland Literature Exchange” (ILE).
–As funcións a desenvolver por esta OLG ou OLGE serían as de coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa na presenza nas Feiras Internacionais do Libro (xunto aos editores); fose coas actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa por medio da información electrónica e impresa enviada a editoras internacionais, axencias literarias, “sherpas” e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Astrid Lingren, Nóbel ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais (Guadalaxara, Frankfurt, Líber, Saló do Libro de Barcelona), organizando aqueloutras onde xa estamos convidados (“Festival Intercéltico de Lorient 2009” ) ou acompañando coa nosa cultura literaria outras actividades de proxección internacional de Galicia (especialmente con motivo do Xacobeo 2010).
–Trátase, en definitiva, de pasar da táctica curtopracista actual (tan ben intencionada, como escasamente eficaz e onerosa) destinada ao consumo político interno, a deseñar unha estratexia (canto menos a cinco ou dez anos) que consiga acuñar internacionalmente a marca “Literatura Galega”, asociándoa aos valores da excelencia e da calidade.

1 comentario
  1. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    A mín deixoume un pouco estrañado con esa proposta de boas prácticas. Cónstalle ou suxire que hai traduccións a outras linguas de textos galegos desde o español? Ou de textos non españois traducidos ao galego versión española mediante?
    Desde outro punto de vista, podría aceptarse nunha traducción de textos galegos unha indicación na portada, a carón do nome do autor, dun logo ou dunha señal de “Literatura Galega ou ben Literatura en galego”, no idioma ao que vai traducido? Ou unha indicación previa e ben visible nas primeiras páxinas, unha chamada de atención no prólogo, algo así? A única indicación na actualidade é recurrirmos ao copyright, pero se o título é, por poñer un caso, Arnoia, Arnoia?
    Para ampliar o debate, pode lerse, por exemplo estas fichas da Feltrinelli de Il lapis del falegname o de La lingua delle farfalle onde non aparece mención algunha á lingua orixinal.

Los comentarios están desactivados.