Aprimorar a lectura e a escritura

Alessandro Martins recompilou vinte e unha listas para aproimorar a lectura e a escritura que veu publicando no seu blog ao longo dos últimos anos. A pesar de que teñen un interese desigual, hai algunhas magníficas e útiles para ser empregadas na animación bibliotecaria. Eis o caso dalgunhas das listas sobre a animación da lectura: «Como aprendín a gustar da ler con once actitudes dos meus pais», «Os dez consellos para ler máis libros cada ano», «Os dez motivos para ler os clásicos», «Os doce consellos que facilitan o hábito da lectura». Como tamén as listas para aprimorar (que verbo bonito) a escritura, onde destacan «Os sete consellos de Gabriel García Márquez para escibir mellor». Esta recompilación de Martins é unha anotación para o arquivo. Moi útil. Grazas.

Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

Tratamento subordinado

Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:

O primeiro sobre a lingua:

Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.

O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:

Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.

25-XI: Non a violencia machista

Recomendo os arquivos de Trafegando ronseis, blog que fai diariamente un traballo admirable de seguimento de todos os recursos existentes na rede contra a violencia machista. Beizóns!

Bookopoly

Pode adquirise en Amazon por 24,90 $.
Vía: Livro e afins.

Mais o que si está en galego na rede é o scrabble.gz.

Día de mortos

No artigo da semana falo do «Día de mortos»mexicano, efeméride que coincide coas nosas de Santos e Defuntos ou do Samaín.
Neste vídeo de carácter didáctico (doce minutos) amplíase a información sobre estas festas do «Outromundo».

Samaín de Cedeira 2008

Rafael López Loureiro, o primeiro estudoso e animador do Samaín galego, envíame o programa de actividades do Samaín de Cedeira que ven animando de forma ininterrumpida dende hai dezaoito anos. A festa comezará esta tarde de sábado, ás cinco da tarde coa recollida de melóns para irse apuntando ao Concurso Exposición de caveiras. Tamén haberá unha llinkana , un Obradoiro de Maqueado, a cargo da actriz e directora de teatro Fusa Guillén e Merendola de Outono, con bola de azucre e requeixo, outros dous clásicos da festa. No lus con fus, a iso das oito e media, máis ou menos, sairá a Pasarrúas das Pantasmas que con todas as luces da vilavella apagadas fará o tradicional percorrido polas calellas e currunchos máis agachados para ao seu remate facer a Entrega de Premios do Concurso Exposición, non quedando xa senon darnos entre todos o De Hoxe nun Ano e preguntarnos: ¿Qué hai na plaza? e contestarnos: Papel de estraza! e así concluírmos: Cada un que se retire pra a súa casa. Beizóns, Rafa!

A Declaración dos Dereitos Humanos

Achégase o «Día dos dereitos Humanos». O documento paréceme formidable, cunha utilización soberbia da tipografía animada.

Vía Manuel Gago.

Aquí pode verse en mellor calidade e aquí pode asinarse unha iniciativa de Human Rights Action Center para que a Declaración aparece en todos os pasaportes de todos os estados.

24 de outubro, Día da Biblioteca

O vindeiro 24 de outubro celébrase en Santiago o Día da Biblioteca. Con este motivo, Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encargou a Agustín Fernández Paz o pregón da xornada e a Xosé Cobas o deseño do cartel, que se está distribuíndo en toda a rede bibliotecaria española. Un formidable traballo de Agustín e Cobas. Beizóns!

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.