Onte 581: Sobre o 17 de maio

Convidado pola Liga Estudantil Galega de Filoloxía da USC participei, xunto a María do Cebreiro e O Leo, nun debate sobre o futuro do Día das Letras Galegas. Coincidimos todos os tres na necesidade de darlle un novo pulo á efeméride. Propúxose abrila a outras expresión artísticas –citáronse candidaturas como as do cineasta e escritor Chano Piñeiro– e a outras expresións culturais galegas, con atención especial á economía e á ciencia –citáronse persoas a recoñecer como Manuel Colmeiro Penido ou Isidro Parga Pondal–. Propúxose a posibilidade de despersoalizar a efeméride, abríndoa a creacións culturais como «O banquete de Conxo» ou ao recoñecemento conxunto de xeracións ou movementos. Propúxose recuperar o carácter de festa cívica laica e día do libro galego, que tivo antes da súa institucionalización coma festivo (que eu creo na actual coxuntura debería ser conservada). Sinalouse o papel do asociacionismo cultural, da iniciativa das empresas e dos centros educativos como principais alicerces organizativos da xornada («semana» ou «mes das letras»). A emulación de iniciativas como as comitivas cívicas, «Bares e letras» ou da «Rede de música ao vivo», o vencellamento coa celebración do Día Mundial da Sociedade da Información (#díadeinternet), que tamén se conmemoran o 17 de maio, deberían terse tamén en conta. Foi unha mesa inusualmente rica en propostas e análises, ademais dun chamamento á corresponsabilidade civil. Grazas aos membros da Liga de Filoloxía por tan interesante convocatoria.

Onte 571: Cotas para o libro galego

Preparando un amplo informe sobre o estado da edición en galego e o plan estratéxico para o sector do libro, que se publicará no vindeiro número da revista Tempos Novos, elaborei novos datos sobre vendas e achei as cifras da cota do libro galego en 2011.

O número de exemplares vendidos polos editores privados galegos foi de 1.949.256, sendo o número dos vendidos en galego de 1.534.409, unha cantidade moi considerable. O prezo medio por exemplar dos libros editados en galego foi de 13,97 €.

No caso do libro editado en Galicia, cuxa facturación total foi  no ano 2011 de 27,17 millóns €,  estímase que as vendas no mercado interior galego foron de 25,78 millóns de € (94,9%), o que supón unha cota de mercado sobre o total do libro en Galicia do 16,1%. No caso do libro en galego, que facturou 21,43 millóns €, estímase que as vendas en Galicia foron de 21,00 millóns de € (98,00%), o que supón unha cota de mercado en Galicia dun 13,02 %. En ambos os dous casos as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 55,2 % (14,28 millóns de €) no primeiro caso e nun 56,2 % (11,80 millóns de €) no do libro en galego.

Estas porcentaxes debería servir de referentes para artellar novas políticas de promoción e visibilización do libro en galego nas librarías, desde a súa presenza nas mesas de novidades e escaparates das librarías, coma na oferta das casetas das feiras do libro que comezarán en Ferrol neste mes de abril. Propoño que toda a rede libreira galega respecte que por cada tres libros en castelán se ofreza na mesa de novidades ou se expoña no escaparate outro en galego. Creo que é unha medida xusta, o mínimo ao que debemos aspirar, acorde coa cota de mercado real do libro galego e coa acción positiva que precisa a edición na nosa lingua.

Onte 561: O libro infantil galego en Boloña

O catálogo presentado onte en Compostela (144 títulos infantís e xuvenís publicados en 2012 por 19 editoras) amosa a diversidade e a excelencia acadada pola produción infantil e xuvenil galega. A pesar das crises, é moi significativo que no pasado ano non se reducise o número de novidades infantís e xuvenís (si, pola contra, é de forma significativa a tiraxe de cada unha delas), o que supón un xeito moi meritorio dos editores galegos de capear o temporal. Sen contar con outras axudas públicas que non fose a da compra de exemplares para as bibliotecas públicas, cuxos fondo reducíronse nun 60% dende 2009 a 2012, a edición de literatura infantil e xuvenil en Galicia supuxo en 2011 no mercado interior o 21% dos títulos (en galego o 26,4%), o 21,8 % dos exemplares producidos (en galego 25,8%) e os seus cinco millóns de euros de facturación o 18,6 % das vendas (catro millóns en galego, o que supón o 18,9%). Cifras que amosan unha gran centralidade deste subsector da edición galega que, ademais de supoñer o 27,6% do catálogo vivo do sector (30,8% no caso do libro en galego), ten unha grande potencialidade de proxección internacional –sobre todo da man das editoras especializadas en álbum ilustrado (Kalandraka e OQO)– de cara á consolidación dun mercado exterior. Non está demais lembralo ás portas dunha nova edición da Feira do Libro Infantil de Boloña, que abrirá as súas portas o vindeiro luns e na que un ano máis estará presente a edición galega.

Onte 557: Tastarabás

Chegou a miña mesa un dos primeiros exemplares de Tastarabás, a enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas. Unha grande obra de referencia que cataloga un milleiro de xoguetes populares, cuxa construción se explica con todo detalle, ademais de acompañala con cadansúas referencias na literatura popular e culta.

Confeso que despois de máis de dúas décadas traballando na edición é unha beizón que non ten prezo que a chegada dun libro da imprenta continúe provocando emoción e entusiasmo ao noso equipo. E razóns abondas hai para emocionarse cando publicamos un libro tan excepcional coma este Tastarabás de Cortizas, sexa polo seu peso de case catro quilos e medio, as súas mil oitenta páxinas de formato case folio, o seu lombo de seis centímetros, as máis de 2.500 fotografías, a súa elegante maquetación, o acabamento acartonado coidadísimo, as ilustracións de David Sierra (incluída a creación dun alfabeto de enredos)… O traballo de edición tan complexo de Tastarabás foi un proceso coordinado que ocupou a varias persoas do noso equipo editorial. O editor Ramón Domínguez Veiga coidou a creación editorial durante case cinco anos, nunha conversa permanente con Cortizas, ocupándose da revisión dun orixinal magnífico (texto e fotos), o deseño e a complexísima confección da maqueta, así como de varias revisións concienciudas. Xosé García Crego, o director de edición de Xerais, responsabilizouse dun proceso de fabricación non exento de dificultades pola singularidade da obra. Mais o traballo editorial de Tastarabás continúa na campaña de pre-publicación dirixida por Celia Torres, a directora de promoción de Xerais, que se desenvolverá até o 15 de abril, data na que a obra terá un prezo de 80 euros.

Estou convencido que a pesar do contorno actual de devaluación interna (que reduce as vendas na libraría) e de mudanza do paradigma da comunicación editorial (que abre o mercado dixital), os libros impresos con contido culturalmente relevante e edición coidada e atractiva continuarán tendo a súa oportundiade entre os lectores e lectoras. Con esta convicción publicamos un libro como Tastarabás, que sabemos cumprirá un papel esencial na recuperación da brinquedia, ese mundo do xogo e xoguete popular, parte esencial dese patrimonio intanxible da nosa cultura tradicional. Un libro obxecto moi fermoso, unha achega valiosa para a nosa cultura.

 

Onte 550: «A vitoria do perdedor», a nova novela de Carlos Reigosa

Coa roda de prensa do mediodía de onte no Consello da Cultura Galega, iniciamos a xeira de presentacións d’ A vitoria do perdedor, a nova novela de Carlos Reigosa. O autor de Intramundi comezou advertindo que «na presentación dunha obra o que pode facer o escritor é dicir o que quixo facer». «Hai vinte anos inventei esta historia sobre como a violencia desfai ás persoas, e como detrás dela chega a vinganza, e como cando as mans xa están machadas de sangue é imposible volver atrás sobre os ideais iniciais». «Dinme conta que o mellor tempo para ubicar esta historia estaba entre os anos 49 e 50, na posguerra». Despois, Reigosa inseriu ao seu protagonista neste contexto histórico. «Arcadio Macías, un home que traballou como camareiro en Lugo e cando viaxou a Barcelona entrou en contacto cos ideais anarcosindicalistas, cando prepara a súa fuxida de España en 1949, comeza a coñecer cousas terribles que sucederon naquela bisbarra. A súa reacción é a da vinganza. Iso é o que o move». «Na novela quixen facer unha reflexión, unha ilustración, un ensaio sobre como os vieiros da violencia, cando se perde a inocencia, teñen unha dimensión diabólica. A pesada carga que leva Arcadio, convírteo nun vingador irreprochable».

Preguntado polas xornalistas sobre a relación da novela cos seus libros de investigación sobre o maquis, Reigosa confesou que «para escribir esta novela aforreime toda a documentación. Fun feliz. Todo o tiña documentado nos meus traballos de investigacións sobre a guerrilla. Todo o que hai na novela ten un transfondo real. É unha novela histórica xa que todo o contexto é real, aínda que os personaxes son de ficción. Detrás de cada un deles hai un personaxe real. Máis aínda. O final da novela parte dunha conversa con Marcelino Fernández Villanueva «O Gafas», xefe da Federación Guerrilleira León Galicia. Era un home frío, organizador, capaz de manter o equilibrio na súa agrupación entre comunistas, anarquistas e galeguistas. Contou que cando en 1948 tiñan preparada a fuga de 28 persoas, dende o porto de Luanco, soubo que a poucos quilómetros estaba o responsable de moitas das mortes da represión». Despois comentou que «tamén son reis os dous agochos que aparecen na novela. Un contoumo o «Ladrillo de Betanzos», o outro vino nunha casa de Mugardos, unha escaleira que s emovía e daba acceso ao zulo».

Outra das preguntas das xornalistas foi sobre o contexto político da novela. Para Reigosa «a reflexión é a do personaxe. A novela non está escrita en primeira persoa, mais hai un home que é a primeira persoa. Imos contanto todo, o que foi a súa vida. En ningún momento quixen que os lectores pensasen que “Reigosa fixo unha película de Sam Peckipah”. Quixen facer unha historia na que un labrador pode chegar a ser un vingador dos compañeiros mortos, renunciando a súa vida. Iso é máis poderoso ca propia historia política». Referíuse despois aos perdedores: «España ten uns perdedores de seu. Quevedo morre enormemente triste. Tamén Lope de Vega. Na Guerra Civil os finais de Azaña e Martínez Barrio son enormemente tristes. España foi un pais que se equivocou no máis importante, a convivencia». Rematou Carlos Reigosa facendo unha reflexión sobre o seu intento de expresar na novela «como cada momento determina a visión de si mesmo e como non coincide co da historia. A crueldade que se produciu na guerrilla hai que xulgala coma un erro, dende a perspectiva de hoxe. Cando aquel esforzo enorme só produce dor, derrota, dende a perspectiva histórica foi un erro, mais non o foi para os que a protagonizaron».

A vitoria do perdedor será presentada o martes 12 na Coruña, o mércores 13 en Lugo, o xoves 14 en Ourense e o 5 de abril en Vigo.

Onte 547: Cea Literaria en Sanxenxo

Despois da intensa xornada no Consello da Cultura Galega sobre «A cultura impresa na Rede», acompañei a Pedro Feijoo na Cea Literaria do Hotel Justo de Sanxenxo. Con  este encontro do autor d’ Os fillos do mar cun medio de cento de lectores e lectoras, iniciábase en Sanxenxo o programa de «Noites literarias» nas que se pretende gozar da gastronomía, da lectura e doutras expresións creativas. Un traballo en man común entre un cociñeiro, un adegueiro e un libreiro que funcionou á perfección. A cociña de Casa Justo presentou algúns dos novos pratos da tempada de primavera (como as filloas recheas de grelos e o polbo á grella con alioli de pistacho, excelentes!!!), a Adega Eidos puxo o seu albariño (xenial!), mentres que a Libraría Nós promoveu durante tres semanas entre os seus lectores e lectoras a novela coa que debutou o autor vigués. Un modelo que se amosou moi exitoso xa que na sobremesa a conversa co autor alongouse máis dunha hora, con algunhas intervencións moi analíticas, detalladas, entusiastas e, sobre todo, emocionantes por parte tanto dos lectores e lectoras coma do propio Pedro Feijoo nunha noite moi brillante. Beizóns ao noso admirado Xaime Corral por crear esta actividade chamada a converterse nun modelo da acción proactiva da libraría coa comunidade de lectores á que serve.

Onte 506: Festival de Cans

A noite da entrega do Premio Internacional Ateneo de Ourense ao Fomento da Cultural tiven a oportunidade de falar un bo anaco co meu admirado Alfonso Pato, director e fundador do Festival de Cans. Non hai dúbida de que ás portas da celebración da súa décima edición, o éxito deste festival de curtas e vídeoclips radica en que prendeu e se alicerzou sobre unha comunidade local capaz de corresponsabilizarse do evento. O traballo organizativo da asociación cultural Arela e do centenar longo dos seus voluntarios, a xestión de recursos procurando tanto os patrocinios públicos coma os privados, e o transversalismo no deseño da coidada programación artística de Cans demostran que non fan falta grandes contedores nin tinglados para artellar en Galicia unha oferta cultural atractiva e de calidade. Alfonso Pato, un tipo marabilloso que agasalla esperanza e contaxia entusiasmo, preguntábame sobre as posibilidades de organizar un evento con espírito semellante ao de Cans no eido das letras galegas. Hai algunha comunidade local que puidese asumir reto tan ilusionante?

Onte 477: The World Needs More Canada

Saquei esta foto na libraría !ndigo do centro comercial Eaton, no corazón de Toronto. Unha relación de escritores e escritoras, dende Margaret Atwood, Saul Bellow a Michael Ondaatje, músicos (Neil Young ou Celine Dion) e outros artistas constitúen o reclamo para expresar a creatividade e produtividade da industria cultural canadiana. Unha iniciativa concibida, tamén, para desenvolver a autoestima colectiva arredor dos produtos culturais propios, ao tempo que un reclamo para a súa maior presenza no mundo. Unha estratexia, escasamente novidosa, mais que sei compartimos os que traballamos nas industriais culturais galegas. Ben estaría que nas escaleiras dalgúns dos centros comerciais galegos (fose As Cancelas, Marineda ou A Laxe) aparecese o rótulo «O mundo necesita máis a Galicia» impreso en negriña sobre unha relación de creadores e creadoras de noso. Éche ben doado de emular.

Onte 475: «Not Just for Teens»

Ruamos polo Boxing Day de Bloor St onde se anunciaban rebaixas de até o 70 %. Aínda existen lugares no mundo onde un público mozo consome produtos de marca de xeito compulsivo, mesmo a pesar dos seus prezos de infarto (rebaixa incluída). Como non podía ser doutra maneira, acabamos curioseando en !ndigo, unha gran libraría e tenda de música ateigada de clientes en xornada de ofertas. Chamáronme a atención algunhas cousas. Primeira: a centralidade na libraría das promocións de Kobo, o modelo de e-book canadiano. Segunda: a importante presenza dos produtos non libro, mais relacionados coa lectura e literatura, dende camisetas literarias, pasando por axendas e produtos de papelaría, até a parafernalia da mercadotecnia da ficción cinematográfica de moda (con The Hobbit como grande protagonista). Terceira: o sinalamento das diversas seccións, non exento de orixinalidade. Eis o caso dos espazos dedicados á literatura xuvenil presentados como «Not Just for Teens» («Non só para adolescentes«), unha valiosa achega á denominación do xénero de fronteira. Desque caeu o día, en Toronto folerpea.

Onte 469: Radio na libraría

Na xornada pontevedresa de promoción d’ As voces baixas, gustei moito da conversa que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo con Manuel Rivas na libraría Cronopios. O reducido espazo da libraría abríuse dende o fermoso escaparate á rúa onde varias ducias de persoas seguían con moito interese a conversa arredor dun libro. Esta experiencia da radio na libraría, que Onda Cero de Pontevedra e a Cronopios veñen promovendo con éxito dende o pasado mes de maio, merece ser emulada, mais aínda cando, coma nesta caso, é apoiada por un clube de lectores. A visibilidade do libro nos espazos cidadáns é fulcral para recuperar a presenza da lectura na axenda pública que utilizan os medios e as administracións. Parabéns a Susana Pedreira, Onda Cero e Cronopios.

A conversa (case unha hora) será emitida hoxe e logo subida á rede. Recoméndoa.