Idus de marzo

No artigo da semana reflexiono sobre a coincidencia elecoral provocada polo lehendakari.
Ao texto acáelle coma anel a magnífica viñeta do amigo Kiko Dasilva publicada onte en La Voz de Galicia. Grazas.

Obama: esperanza

Esperanza é, tras a rotunda vitoria de Obama, a palabra clave do día de hoxe. É innegable que a campaña do demócrata, alicerzada nas ferramentas da comunicación dixital foi impresionante, como o é a súa forza oratoria nos momentos estelares capaz de chegar a emocionar. Mais o maior éxito de Obama está nas enormes doses de autoestima (ese «we can») e de xpectativas de cambio que xerou nos máis diversos sectores da cidadanía estadounidense, ata agora tan desesperanzada como rota polo soño imperial inacadable de Bush e pola súa enorme incompetencia. Obama, ata agora un xestor e activista de base, ten moitos retos por diante: xestionar dúas guerras que sabe que o seu país non pode gañar, restaurar o multilateralismo e acometer profundas reformas sociais (dende a reforma sanitaria á educativa). Sabemos que o seu maior inimigo é a ambigüidade calculada coa que se expresou sobre algúns destes temas. Porén, e a pesar destas dificultades obxectivas, son moitos millóns de persoas no mundo as que teñen esperanza en que o cambio tranquilo de rumbo que prometeu este primeiro líder mundial do século XXI se vaia producindo. Hoxe tamén o esperamos nós.

O tren entre a néboa

No artigo da semana falo da visita de Zapatero a Galicia e da chegada do AVE da meseta e do tren rápido do Eixo Atlántico. Recomendo o espazo web do enxeñeiro Xosé Carlos Fernández Díaz que fai un seguimento detalladísimo sobre estas obras e sobre a situación do ferrocarril en Galicia. Sobre a mesma cuestión é interesante a entrevista que La Voz de Galicia conseguiu facer a Zapatero. O presidente, nunhas declaracións prudentísimas (nas que subxace a súa necesidade de contar cos dous votos do BNG para aprobar os orzamentos de 2009), enuncia o que será, a partir da agora, a doutrina oficial sobre o calendario do AVE galego:

Todas las opciones técnicas se están contemplando, las entradas a las grandes ciudades exigen también un gran compromiso técnico, pero hoy la ingeniería resuelve casi todas las dificultades. El mensaje es que Galicia va a tener alta velocidad en toda su red de ciudades. Los ciudadanos pueden ver las obras, ver los túneles, el movimiento de tierras, en todos los tramos prácticamente se está produciendo. Nos queda y estamos en la fase de estudio de impacto ambiental para la conexión directa con Vigo, licitaremos todo lo que es la conexión con el centro en el 2009 y a partir de ahí vamos a todo ritmo posible y cuanto antes lleguemos, mejor será.

Ao que engade:

El problema es que los plazos son técnicos y los Gobiernos no debemos hacer una presión política a los técnicos en obras de gran complejidad. El tramo Ourense-Santiago tiene 30 viaductos y 35 túneles. Lo importante es que hay disponibilidad financiera y compromiso político. A partir de ahí tenemos que dejar un espacio a la ingeniería para que establezca sus plazos. No debemos presionarles, porque saben que tienen que hacer las cosas cuanto antes, pero bien.

É dicir: para Zapatero o calendario galego do AVE depende da eficacia dos enxeñeiros e da nosa complexidade orográfica. Un discurso que coñecemos moi ben os galegos…

Ben, Touriño, ben

O anuncio de Touriño de completar a lexislatura do goberno bipartito paréceme excelente. Xa comentamos o domingo que o presidente estaba diante dunha difícil encrucillada: escoller entre as razóns de Galicia e os intereses da dirección federal do seu partido. Touriño escolleu con afouteza (e risco evidente para o seu futuro) apostar por finalizar o compromiso adquirido polo bipartito coa cidadanía. A súa foi unha elección moi intelixente e honorable, que o lexitima e reforza no seu papel de presidente de Galicia. Alédome, ademais, polo enorme esvarón da prensa madrileña que daba o adianto como seguro, o que demostra que as súas fontes de Ferraz deben estar moi amoladas. Agora, ben será que todo o goberno galego aproveite esta determinación do seu presidente para impulsarse neste treito final de lexislatura cunha intensa acción lexislativa e de goberno. Hoxe aplaudimos a Touriño. Ben o merece.

Festas laicas

No artigo da semana felicito á concellaría de Cultura de Vigo polo seu programa de Festas verán 2008, ao tempo que aproveito para reflexionar sobre o carácter laico que deben ter este tipo de eventos e dos comportamentos das autoridades e funcionarios civís.

O fracaso da área metropolitana

No artigo da semana abordo o que entendo son as razóns do fracaso do proxecto da área metropolitana de Vigo. Creo que o cerne reside na incapacidade das forzas parlamentarias de acadar un acordo sobre a organización administrativa e política do territorio, para min, a grande revolución que precisa o país.

Máis sobre a xestión da CdC

Daniel Salgado publica en El País Galicia unha xeira de opinións sobre o modelo de xestión escollido para a CdC. Entre as persoas que fomos consultadas a maioría expresamos dúbidas sobre a conveniencia de darlle maioría ao capital privado na xestión da nova fundación. Pola súa banda, Galicia hoxe publica unha entrevista con Juan Manuel Urgoiti, a persoa escollida por Touriño para presidir a nova fundación, que non achega novidades con respecto ao xa publicado ata agora.