Primeiras secuelas

Observo na sección de Cartas ao director de Faro de Vigo a aparición das primeiras secuelas do manifesto «GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE» (nesta semana duplicou os seus apoios, camiño xa das tres mil adhesións) e do artigo da semana pasada no que se reclamaba ao PPdeG que se reintegrase ao consenso sobre o estatuto da lingua forxado nos últimos vinte e cinco anos. Semella que os sectores galegófobos acordaron mandar unha chea de cartas contra min ao Faro de Vigo (coma estás dúas, ás que, sen dúbida se engadirán outras), seguindo no seu contido o manual de campaña  ben coñecido («imposición del gallego», «legitimidad democrática después de gañar las elecciones»…). Ademais de amolar é buscar espazo  en «Faro», interpreto que a  intencionalidade da iniciativa é a de volver presionar a Feijoo (como xa leva facendo GB coa noxenta campaña contra Anxo Lorenzo) e impedir calquera posibilidade de recuperación do consenso sobre a promoción do galego, que eles interpretarían como unha traizón do PPdeG a unha promesa electoral. Que tristeza! As linguas serven para sumar e acordar, non para esgazar de forma tan egoísta unha sociedade.

Lingua: recuperar o consenso

No artigo da semana, tras a presentación do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade», propoño en termos moi semellantes a recuperación do consenso arredor da lingua. Reproduzo o texto, xa que a versión publicada contén algúns erros e grallas que pexan a súa lectura (as miñas desculpas).

“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consenso básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos”.

Esta é a primeira frase do manifesto “Galego. Patrimonio da Humanidade” que avalado por máis de mil trescentas persoas, pertencentes os máis diversos sectores profesionais e de afinidades políticas, foi presentado o pasado venres na Casa Galega da Cultura de Vigo coa intención de reclamar ao PPdeG que regrese ao terreo común das políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que durante varias décadas impulsou desde os diversos gobernos presididos por Albor e Fraga. Un manifesto que constitúe unha chamada cívica de recuperación do consenso arredor das políticas de fomento e protección do idioma forxado tras tres décadas de esforzo colectivo entre os partidos políticos no Parlamento de Galicia, ao que tampouco foron alleos diversos sectores sociais, e plasmado nas unanimidades parlamentares acadadas pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 (aprobada sendo presidente Xerardo González Albor) e polo Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado sendo presidente Manuel Fraga e vicepresidente Alberto Núñez Feijoo).

Porén, dende a campaña electoral, cando a dirección do PPdeG quedou prendida nos cantos de serea de grupos galegófobos minoritarios e das directrices emanadas de FAES, e sobre todo nestes meses andados tras a constitución do Goberno Galego, o presidente Feijoo, tras asumir (con inusitado protagonismo) os custes e beneficios políticos de subvertir o marco actual do galego, decidiu acometer unha operación consciente e planificada de desmontaxe dos tres consensos básicos acadados durante o período autonómico arredor da protección da lingua e da cultura galegas. Primeiro, o de considerar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia en todos os ámbitos sociais; segundo, o da obriga de todos os poderes públicos sen excepción de asegurar a normalización do galego como lingua propia de Galicia; e, terceiro, o de asegurar a non discriminación de ningún cidadán ou cidadá por razón de lingua.

Consensos que se pretenden facer cachizas amparándose na existencia dunha suposta “imposición lingüística do galego”, promovida polos sectores nacionalistas. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por parte de sectores galegófobos, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Consensos que, ademais, semellan considerarse innecesarios cando os membros do actual Goberno se amparan na maioría absoluta obtida nas eleccións como mellor argumento para xustificar algunhas das súas medidas (como a supresión da proba de galego no acceso á función pública), que constitúen os primeiros retrocesos institucionais sobre protección do galego coñecidos no período autonómico.

Porén, como sinala o manifesto cidadán, “Galego. Patrimonio da Humanidade”, “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. É innegable que en Galicia se falan dúas linguas, e é innegable, tamén, que están en situación de moi clara desigualdade, como demostran os estudos sociolingüísticos independentes, que salientan, ademais, o feito dunha recuperación histórica da sáude do galego nos últimos anos (un feito que debemos celebrar). Desigualdade na que reside a razón pola que o galego debe recibir unha especial protección e fomento da súa aprendizaxe por parte dos poderes públicos, requisito imprescindible, ademais, para asegurar a posibilidade de elección en total liberdade dos seus usos por parte dos cidadáns e cidadás do noso país. Mais se isto non abondase, os estudos sociolóxicos amosan a existencia na sociedade galega dunha corrente basal de aprecio cara a lingua de noso, independentemente de cal fose o idioma no que cada cidadán se expresa decotío. Unha corrente de aberta simpatía en amplos sectores cidadáns cara as medidas de fomento do galego e do desenvolvemento dunha sociedade plurilingüe, onde o galego sexa considerado como lingua propia e de uso preferente nos eidos educativos e sociais.

A recuperación do espazo de consenso arredor do idioma, tan traballosamente forxado, é o requisito primeiro para a nosa convivencia en liberdade. Poñer en perigo semellante patrimonio común, como se ven facendo durante estes últimos meses, pode ter consecuencias inimaxinables para o país. Pola contra, o exemplo do recente consenso acadado na FEGAMP (onde están presentes os partidos do goberno e da oposición) con motivo do vinte e cinco aniversario da “Declaración do Hostal”, afirmando con toda claridade “o galego como lingua propia dos concellos e deputacións de Galicia”, é o camiño a seguir.

Vídeoentrevista nos Premios Xerais 2009

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W9IqXhT4UIY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

O equipo de Blogaliza ven publicando ao longo da semana unha serie de vídeoentrevistas realizadas tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009. Recollo para o arquivo (desculpas pola autopromoción) a que eles me fixeron e enlazo, ademais, a miña intervención no acto que gravou xenerosamente Albixoi. Na vídeoentrevista repásase a traxectoria da editorial e dos premios, o conflito da lingua, a estratexia de transición da editorial cara o libro electrónico, para rematar cunha reflexión política de futuro.

A Deputación de Pontevedra abandona o libro galego

Os editores galegos somos profesionais pacientes e discretos. Porén, nalgunha ocasión temos  que petar na mesa. Iso foi o que fixemos hoxe cando, despois de cinco meses de intentar evitalo por todos os medios ao noso alcance, dimos a coñecer aos medios de comunicación a negativa do presidente e do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra de asinar o convenio que dende hai vinte anos permitía que as novidades dos editores da provincia chegasen a algunhas bibliotecas públicas. Tras varios exercicios con recurtes no orzamento (nos tempos iniciais de Xosé Cuíña ascendía a cinco millóns de pesetas, que se duplicaron con Abeledo), esta decisión de Rafael Louzán de abandonar o apoio ao libro galego contrasta cos seus compromisos coa asociación Galicia Bilingüe. A verdade é que esta decisión non nos extraña, xa que hai dous anos, a Deputación de Pontevedra deixou de editar a magnífica colección Tambo de poesía, sen mediar, tampouco, explicación ningunha. Podemos continuar sendo optimistas? A cultura e a lingua galega teñen que ser sempre os eidos sacrificados polo actual PPdeG? Este é o galeguismocordial“, “amable”, ” inclusivo” (xa non son capaz de seguir tantos adxectivos pretendidamente acolledores) do partido de Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo?

Actualización (03-06-2009): a noticia tivo repercusión nalgúns medios, eis os espazos que hoxe lle dedican Galicia hoxe e Xornal de Galicia.

Outro esvarón de Feijóo

No seguimento desa tarefa imparable de demolición da nosa lingua, emprendida polo Goberno de Feijóo, temos que ocuparnos hoxe do anuncio realizado polo presidente sobre o carácter vinculante da consulta que sobre a lingua materna de cada neno pretende organizar “proximamente” nos centros escolares. Chámannos a atención dúas cuestións sobre estas declaracións: primeira, que fosen realizadas en Barcelona, sen dúbida coa intención de acadar maior repercusión na prensa e no contexto da actual campaña das europeas (Génova apreta); e, segundo, o disparate no que incorre Feijóo  cando afirma que «quen decide sobre a educación dos nenos son os pais e non o Goberno». Dous séculos de educación pública dilapidados nun plis plas polo noso presidente, que non debe ter moito tempo para deterse a estudar os matices introducidos nos temas educativos e lingüísticos polos seus asesores e membros do seu goberno. Feijóo volveu atrapallarse? Confundiu allos con bugallos? Está moi presionado por Génova ou FAES?

O noso presidente debería coñecer que nas políticas de inmersión lingüística é moi importante contar co apoio das familias (ben o saben, dende hai décadas, as políticas da Generalitat); como non pode obviar (para iso mesmo está algunha sentenza do Tribunal Constitucional) que a competencia do establecemento do currículum (do qué, do cándo e do cómo se ensina no sistema educativo obligatorio) corresponde ás Administracións Educativas, nin a doutrina xurídica do Constitucional que deixa claro que os pais non teñen dereito a elexir a lingua de escolarización.

Os responsables técnicos da Consellaría de Educación deberían decontado aclarar o sentido das erradas palabras de Feijóo. Simplemente por respecto aos corenta mil profesores e profesoras galegos que hoxe se sentiron desautorizados por estas imprudentes declaracións. Un desprezo ao papel do profesorado (e aos seus dereitos) que non é a primeira vez no que incorre Feijóo. Alguén no PPdeG debería ter a afouteza de poñer couto a este delirio e introducir as mínimas doses de racionalidade neste debate educativo e lingüístico.

Señor presidente: as finalidades da educación sinálaas a sociedade por medio dos seus representantes lexitimamente escollidos; o establecemento das ensinanzas mínimas corresponde á Xunta de Galicia, previo informe do Consello Escolar de Galicia; os currículos de cada centro son competencia do claustro do profesorado, un órgano técnico que as recolle nun documento público (o proxecto currícular de centro); a programación que se desenvolve en cada aula é competencia de cada profesor ou profesora… As familias teñen o seu necesario e lexítimo espazo de participación por medio das eleccións do Consello Escolar do Centro e polas súas asociacións de pais e nais. En definitiva, no noso desenvolvemento constitucional e autonómico no eido educativo non aparece por ningures o que vostede defende. Quen o asesora? Onde quere levarnos?

Trasacordo

No artigo da semana abordo a utilización da institución galega do «trasacordo» por parte do Goberno de Núñez Feijóo durante o seu primeiro mes, con especial atención ao caso da frustrada Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

Roto o consenso sobre o PXNL

A que semella imparable deriva do actual Goberno Galego lévao a rachar o consenso acadado en 2004, entre as forzas sociais e as tres forzas parlamentarias, arredor do PXNL. Facendo caso omiso das recomendacións do recente documento da Academia Galega (que reclamaba como un dos principios básicos da súa proposta de acordo social integrador: “a reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística”, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004), o presidente Feijóo e o seu desafiante conselleiro de Educación dan outro paso atrás que nos sitúa outra volta diante do precipio. Os globos sonda lanzados esta semana polo conselleiro, visualizando así (e para que non haxa dúbidas ningunhas) quen manda na política lingüística popular, tanto o referido á  posibilidade de segregar ao alumnado por lingua vehicular, a posta en marcha dunha consulta inmediata ás familias, como o desvencellamento do establecido  no PXNL, a pesar da súa dubidosa validez xurídica, agoiran que así non vai ser posible restaurar o consenso. Tres medidas moi regresivas, ás que se engade a intención da Dirección Xeral da Función Pública de implantar outra medida regresiva, esta vez na función pública, retirando o exame de galego das oposicións dos funcionarios. Todo despois da manifestación da Mesa e na primeira semana de traballo do novo Secretario Xeral de Política Lingüística.

Que consenso, ou que pacto lingüístico (esa é a denominación empregada polo novo secretario Xeral de Política Lingüística), pretenden propoñer os responsables do Goberno Galego?  Canto tempo tardarán en poñer en solfa os contidos da Lei de Normalización de 1983 (que esta semana Gloria Lago solicita con toda claridade que sexa derrogada)? É lexítimo pedir un novo consenso, ao tempo que se van desmontando os que tanto esforzo custou acadar? En apenas unha semana esquecéronse as boas intencións do nomeamento de Anxo Lorenzo?

Fermín Bouza (beizóns por esa serie de anotacións extraordinarias no seu blog) volve atinar cando propón unha estratexia total para a recuperación do consenso idiomático, onde xunto ao necesario traballo político tome protagonismo a militancia cívica, organizada en redes sociais.  Un vieiro imprescindible que cómpre artellar decontado.

Un paso adiante, outro atrás

Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004.  Cantos pasos adiante, cantos atrás?

No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:

– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora. 

– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego  fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.

– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?