Onte 353: Collarte

Probablemente a entrevista estaba dirixida a minar a Manuel Baltar, mais a sinceridade desbordada de Guillermo Collarte levou a que o escandalo estourase na mesa de Feijoo, cando se debatía entre adiantar ou adiar as Autonómicas. A entrevista (parabéns para o xornalista Miguel Ascón) é un retrato esclarecedor do papel dunha parte dos deputados/as do PP e do PSOE (sabemos que hai moi honrosas excepcións): apenas uns «ben mandadiños» premebotóns sen iniciativa nin responsabilidade política ningunha. Efectivamente, ten razón Collarte cando confesa que as pasa «canutas con 5.100 euros (netos)», cando debe facer fronte a dúas hipotecas por un importe superior aos 342.000 euros. Menos mal que en Ourense vive na casa da nai e cobra os 1.824 euros en concepto de indemnización por gastos de aloxamento. Asi vai, arranxando, meu pobre! Con todo, o máis preocupante da entrevista non son as opinións deste veterano político (cunha ampla folla de servizos nos gobernos Fraga). O alarmante é que denota que outros deputados, a pesar de non confesalo, compartan a súa análise e semellantes cargas hipotecarias. Aí pode estar a cerna da profunda crise de representación politica que vivimos, ese malestar cidadán coa «clase política». Sen unha mudanza moi profunda das formas do exercicio da actividade política dos membros das diversas cámaras, non se vai recuperar a confianza no seu labor. Non abonda xa con expresar desculpas e continuar no machito. O PPdeG non ten outra saída que convidar a Collarte a que deixe a súa acta de deputado.

Elefante branco, tigre de papel

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o futuro da Área Metropolitana de Vigo.

Os seguidores de Ricardo Darín seguro que repararon durante o mes de xullo no pase fugaz pola sosa carteleira viguesa de “Elefante blanco”, o film máis recente do realizador arxentino Pablo Trapero. Eu son dos tantos que quedou pasmado co formidable plano secuencia en movemento co que arrinca a película, filmando unha panorámica impresionante de Villa Lugano, un barrio marxinal das aforas de Buenos Aires, dende os ollos de dous cregos situados nun dos andares superiores do «Elefante blanco», un enorme esquelete de formigón armado de doce pisos, ubicado en Ciudad Oculta, que puido ser o maior hospital de América Latina. Proxectado en 1923, comezou a construírse en 1938, mais as obras quedaron paralizadas pouco despois. Perón recuperounas, aínda que non foi capaz de inauguralas, sendo abandonadas definitivamente en 1955 tras o golpe militar de Eduardo Lonardi. Dende entón, a estrutura foi ocupada por centos de persoas humildes que constrúen as súas vidas nese xigante bautizado con moita retranca como «Elefante blanco». Hoxe é propiedade da  «Asociación de Madres Plaza de Mayo» que instalou alí un comedor popular e un xardín de infantes para dar servizo ás xentes máis necesitadas de Ciudad Oculta.

Cada vez que paso por diante das obras do novo Hospital de Vigo, é inevitable lembrar as impactantes imaxes da película arxentina. Pregúntome se non estará emerxendo en Valadares o noso elefante branco. Salvando todas as diferenzas, magoa comprobar que durante estes meses de verán se foi ralentizando o ritmo construtivo, até a práctica paralización actual, debida aos problemas de financiamento da UTE adxudicataria da construción e xestión do hospital. Noutras palabras, non hai cartos. As empresas privadas que hai pouco máis dun ano foron adxudicatarias dunha obra na que está previsto un investimento de 315 millóns de euros –que debería estar ocupando a máis de 1.500 persoas, cun prazo de execución de 31 meses– despois de erguer boa parte da estrutura, aínda non solucionaron, en plena treboada do rescate bancario e da crise das caixas de aforro e do sector inmobiliario, como pechar o préstamo que precisan (supoñemos que arredor de 250 millóns de euros). A pesar de que as adxudicatarias dispoñen dun aval de 180 millóns do Banco Europeo de Investimentos, a esta altura a fórmula de construción e xestión privada do novo Hospital de Vigo, presentada por Feijoo como «modelo para a sanidade pública española», naufraga de forma estrepitosa, sen que nin as empresas adxudicatarias nin a consellaría de Sanidade expresen argumentos tranquilizadores para a cidadanía. Sería posible un rescate da adxudicación?

Naufraxio que xa sofríu o proxecto da Área Metropolitana de Vigo (AMV), hoxe apenas un tigre de papel que agarda unha nova oportunidade, a terceira, tras as vindeiras autonómicas. Outro fracaso anunciado polo desinterese do Partido Popular de Galicia de forxar un mínimo consenso sobre tan importante reforma territorial cos partidos da oposición. Todos os actores desta comedia (dende Caballero até Louzán e Domínguez) saben que sen acordo co alcaldía de Vigo sobre o liderado, o financiamento e as competencias da área (incluídas as que deberá ceder a Deputación) é imposible poñer en marcha este proxecto de modernización. O que sucedeu na asemblea de constitución da AMV foi apenas outro entremés da comedia.

Sen consenso político e sen compromiso de redeseño da administración territorial do conxunto do país –falamos do papel das deputacións, mais tamén da redución do número de concellos–, non é viable a posta en marcha con éxito da AMV. Impoñerlle a Vigo a ferro e fariña un modelo metropolitano partidista, como pretenden Feijóo, Rueda e Louzán, é un erro semellante ao que incorreron coa fusión das caixas ou coa paralización do proxecto da nova depuradora, que os populares vigueses pagaron con outra derrota municipal. A creación das áreas metropolitanas é un proxecto que precisa de doses elevadas de consenso e xenerosidade política, como reclamaba aquela interesante «Declaración de Soutomaior» de 1999, consensuada por todas as alcaldías e partidos, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo. Un espírito a recuperar.

Con todo, o máis magoante é que estes fracasos políticos, sexa o do novo hospital ou o da posta en marcha da AMV, a longo prazo págaos a cidadanía do seu peto. Non deixa de ser un sarcasmo que nesta lexislatura, os beneficios do Plan de Transporte Metropolitano, subvencionado de forma xenerosa pola Xunta de Galicia, non cheguen ao Vigo metropolitano. Unha discriminación inadmisible e inxusta que sufrimos os habitantes do Vigo metropolitano con respecto aos da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo, que se benefician dunha bonificación dos seus billetes. Que opina disto o señor Rueda?

Onte 351: Colchón familiar

O goberno de Rajoy descubriu a utilidade do «colchón familiar» como o argumento para xustificar como quitarlle a axuda dos 400 euros (durante seis meses) a probablemente milleiros de parados (unha cifra sen cuantificar), escollidos como outros reféns das súas políticas de austericidade. Indignación provoca estoutra baixada encuberta dos salarios  e das pensións (sen chamala polo seu nome) dos pais e avós destas persoas en dificultades, vendida co celofán demagóxico da «solidariedade» de familias con ingresos de 8.000 euros mensuais. Noxo produce ler as declaracións despois do Consello de Ministros de Fátima Báñez, propias dunha persoa con moita cara, carente de escrúpulos e corazón. Como ben sinala Jesús Maraña, este goberno establece máis condicións para cobrar estes 400 euros que as esixidas para esa vergonzosa amnistía fiscal que promoveu.

Onte 344: Día dos Mártires Galegos

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.

Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 340: Indignación

A detencion brutal de Rafa Estévez, o fotoxornalista de Diario Pontevedra, produciume indignación e unha enorme preocupación. Poñer un xeonllo na cabeza a un fotógrafo, que  pretendía realizar o seu traballo en moi difíciles condicións, non pode ser considerada, baixo criterio ningún, unha utilización proporcionada da violencia. Todas as informacións dispoñibles, como as declaracións das testemuñas (incluídas as das autoridades), que asistiron atónitas ao sucedido, amosan que a actuación policial no momento da detención foi desproporcionada. Como hai coincidencia en que a organización da recepción aos olímpicos galegos –entendo que o dispositivo de segurirdade é responsabilidade da subdelegación do Goberno– foi un auténtico caos. Como semella a todas luces inverosímil a presunta agresión da que a policía acusa ao fotoxornalista. O delegado do Goberno debe dar explicacións e algunha desculpa sobre o sucedido onte en Peinador.

Onte 337: «Con el agua al cuello»

Aproveito os días de descanso para me mergullar nas páxinas de Con el agua al cuello, a entrega máis recente da serie do policía Kostas Jaritos creada polo escritor grego Petros Márkaris. Unha obra que reitera a idea de que a novela negra é a novela realista do noso tempo, a que achega unha ollada máis próxima e verdadeira sobre a realidade. Escrita a comezos de 2011, en plena crise do rescate grego, esta novela de Márkaris expón con claridade meridiana o proceso brutal de emprobrecemento da sociedade grega e a situación crítica que vive a súa cidadanía. Os suicidios, as constantes manifestacións e folga, a paralización da vida cidadá, a fractura social, o caos da sanidade e da educación pública, a miserización do funcionariado, a corrupción de banqueiros e políticos son algúns dos temas abordados nesta obra de lectura engaiolante. Temo que o que está sucedendo e o que nos poida aocntecer no futuro é moi semellante ao aquí relatado. Con el agua la cuello sobarda con moito o interese dunha lectura de entretemento na que o entrañable Jaritos investiga varios asasinatos de responsables de importantes bancos. Recomendo a novela e outras da serie protagonizada por este policía ateniense de carne e óso.

Onte 335: Distanciamento e diálogo

A información de Daniel Salgado en El País sobre o distanciamento entre os dous polos escindidos do BNG agoira dificultades para o proceso de unidade nacionalista. Semella que Compromiso por Galicia pretende xogar a súa estratexia a longo prazo. De cara as súas primeiras Autonómicas conformaríase con alicerzar un espazo de centro galeguista, aglutinando nun único partido a todas as formacións deste carácter, e acuñar novas formas de acción política galeguista. Unha aposta cuxo éxito dependerá, en moi boa medida, da capacidade de consolidar un liderado sólido na sociedade, aínda non configurado. Pola súa banda, Anova aposta por un proxecto de nova esquerda nacionalista e deberá decidir despois do verán sobre a proposta de coalición anticapitalista realizada por Esquerda Unida, unha opción aparentemente incompatible coa súa converxencia con outras forzas nacionalistas. Non vai ser doado nin para CxG nin para Anova resolver unha situación tan dilemática de distanciamento e, ao mesmo tempo, de inevitable diálogo, na que percibo certas semellanzas á que hai vinte anos enfrontamos os membros do PSG-EG na derradeira etapa da nosa andaina. Temo que a barreira do 5% e a redución do número de escanos penalizará de forma severa a actual fragmentación do nacionalismo galego. Dificilmente haberá posibilidades de representación no Hórreo para todas as forzas nacionalistas, unha crúa realidade.

Onte 330: Novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

Non foi unha sorpresa a aprobación dos novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que entrarán en vigor o vindeiro setembro. Unha importante medida educativa escurecida polo recortazo dos 102.000 millóns de euros agochado por Rajoy na súa insólita primeira roda de prensa tras un Consello de Ministros. A preparación dos novos libros de texto de Xerais destas materias de e 4º de ESO, que rematamos a marchas forzadas estes días, deume oportunidade en familiarizarme cun currículum tinguido de espírito neoliberal. Eis un par de exemplos moi significativos para entender por onde van as cousas. En 2º de ESO, máis alá da «inevitable» reforma do bloque referido á socialización, onde cuestión tan controvertida para o PP como a do matrimonio quedou resolta co epígrafe «A familia no marco da Constitución Española», a cerna desta reforma conservadora está no bloque «As sociedades democráticas do século XXI». Aí introdúcense uns epígrafes específicos referidos a «Liberdade política e liberdade económica» e ao «Papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor». Porén, non atopamos referencia explícita ningunha ao papel do Estado como compensador de desigualdades e promotor da actividade económica. Apenas hai un epígrafe, sen dúbida imprescindible, dedicado ao «deber de transparencia na xestión pública». Con todo, estes novos contidos de EpC son apenas a primeira pedra da reforma educativa conservadora que se aveciña. Avisados quedamos por onde vai chegar o vento.