Entrevista en «Galicia hoxe»
Manuel Vidal Villaverde tivo a deferencia de incluírme nas súas «Conversas contemporáneas» que publica cada luns en Galicia hoxe.
Manuel Vidal Villaverde tivo a deferencia de incluírme nas súas «Conversas contemporáneas» que publica cada luns en Galicia hoxe.
Un pouco de autobombo n’ A Nosa Terra. Grazas a Eva Estévez e ao resto dos amigos e amigas do xornal.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W9IqXhT4UIY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]O equipo de Blogaliza ven publicando ao longo da semana unha serie de vídeoentrevistas realizadas tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009. Recollo para o arquivo (desculpas pola autopromoción) a que eles me fixeron e enlazo, ademais, a miña intervención no acto que gravou xenerosamente Albixoi. Na vídeoentrevista repásase a traxectoria da editorial e dos premios, o conflito da lingua, a estratexia de transición da editorial cara o libro electrónico, para rematar cunha reflexión política de futuro.

[Foto Lalo Villar]
Convidado polos membros de Outro Vigo é posible hoxe ás 20:00 horas no auditorio do Marco participarei nun debate sobre o futuro da Panificadora. No acto acompañaremos a Xoán Carmona, M.X. Facal, Iria Sobrino e a J. G. Alen. A causa de salvar a Panificadora paga a pena.
A verdade é que ten razón un bo amigo deportivista que me escribiu esta mañá para dicirme que a vitoria do Celta amosa que son un «gafe». E quizais non lle falte razón. Onte non puiden sufrir no estadio, xa que o encontro coincidiu xustamente co desenvolvemento da emocionante cerimonia dos nosos premios. Con todo, fomos puntualmente informados por sms das incidencias que se ían producindo no estadio. Quedei pampo cando lin na pantalliña «36: 1-0 Iago Aspas». Nin me imaxinaba que Eusebio puidese poñer ao de Moaña, que debutara hai dous anos e medio con Fernando Vázquez fronte ao Newcastle (aquel Celtiña europeo de hai tan pouco tempo!). Cando rematou a preciosa intervención de Rosa Aneiros, recibimos o mazazo do empate («44: 1-1»), que agoiraba como en partidos anteriores o desastre. Porén, cando ía a comezar a miña intervención de peche, chegou a sorpresa:«48: 2-1- Aspas». Apenas tiven tempo para dixerila e, despois de saudar, comunicar a gran noticia da salvación celeste ás trescentas persoas que participaban nos Premios. Polo ruxerruxe que notei na sala, algúns sorriron e outros quedaron alarmados pola frivolidade do director da editorial de comezar as súas palabras cunha referencia tan escasamente literaria. Arranxeino o mellor que puiden e pedín desculpas, decontado metinme en fariña.
Non deixa de ser curioso que tras unha tempada catastrófica teña que ser Iago Aspas, un rapaz dese magnífico Celta B (quintos na clasificación definitiva de 2ª B), quen salve a papeleta aos Peñas e Rubenes, que durante nove meses nos afogaron nunha miseria de xogo e nunha fraxilidade defensiva insoportable. Superado xa o precipio da desaparición da entidade, a permamencia e o remate do proceso da concursal obriga ao Celta a iniciar unha nova etapa, na que afortunadamente nada terá que ver ese nefasto personaxe chamado Ramón Martínez. Non vou ser tan inxenuo para apostar hoxe polo ascenso a primeira a vindeira tempada; mais non debera parecer un disparate alicerzar un equipo dende a nosa canteira (onte foron seis os canteiráns da Madroa que formaron o equipo dos «salvadores») para non pasar estes apuros e poder comezar a gozar un chisquiño. A pesar das súas formas elegantes, nese novo proxecto non vexo o compromiso de Eusebio Sacristán. O presidente Mouriño debería acougar e meditar en que mans deixa o futuro desta ilusión que hoxe iniciamos. Luís César Sampedro (está tempada case estivo fichado) ou se quixera o propio Fernando Vázquez poderían ser dúas boas opcións.
Aquí o twitter de brétemas. Para seguir a conversa.
Teresa Cuíña fíxome esta entrevista que aparece publicada hoxe nas páxinas de «Luzes» de El País Galicia. A fotografía é de Lalo Villar. Grazas aos dous polo seu agarimo e magnífico traballo.
O quitómetro que teño instalado no ordenador sinala que levo tres semanas, seis días e non sei cantas horas sen fumar. Unha decisión que tomei inconscientemente, a partir daquel trancazo febril que me deixou sen ganiñas ningunhas de fumar durante moitos días. E seguín. O quitómetro informa tamén que, previsiblemente, nestes días xa non padecerei picos de ansiedade pola falla de nicotina. Aí falla de cheo, o formigo e o bule bule, a pesar dos vasos e vasos de auga, continúa no corpo; así como unha certa falta de atención, tan molesta para ler e escribir. No entanto, a pesar destas dificultades, estou satisfeito da marcha desta intentona, na que durante o Nadal superei as probas máis difíciles (festas, longas sobremesas…). Para deixar de fumar non conto máis que coa axuda do quitómetro de marras (informa, ademais dos cartos aforrados en tabaco, no meu caso xa 100 euros) e a receita caseira de beber moita auga. Continúo gozando do arrecendo tan rico do tabaco. Non é doado desengancharse desta adicción que me acompaña dende os quince anos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
