Quitómetro

O quitómetro que teño instalado no ordenador sinala que levo tres semanas, seis días e non sei cantas horas sen fumar. Unha decisión que tomei inconscientemente, a partir daquel trancazo febril que me deixou sen ganiñas ningunhas de fumar durante moitos días. E seguín. O quitómetro informa tamén que, previsiblemente, nestes días xa non padecerei picos de ansiedade pola falla de nicotina. Aí falla de cheo, o formigo e o bule bule, a pesar dos vasos e vasos de auga, continúa no corpo; así como unha certa falta de atención, tan molesta para ler e escribir. No entanto, a pesar destas dificultades, estou satisfeito da marcha desta intentona, na que durante o Nadal superei as probas máis difíciles (festas, longas sobremesas…). Para deixar de fumar non conto máis que coa axuda do quitómetro de marras (informa, ademais dos cartos aforrados en tabaco, no meu caso xa 100 euros) e a receita caseira de beber moita auga. Continúo gozando do arrecendo tan rico do tabaco. Non é doado desengancharse desta adicción que me acompaña dende os quince anos.
6 comentarios
  1. r.r.
    r.r. Dice:

    ¡Qué ben fixo! Que haxa forzas para seguir e non se renda.

    “Deixar de fumar é ben doado, eu fíxeno centos de veces”, disque dicía Wilde.

  2. paideleo
    paideleo Dice:

    Eu fixen tres anos un día destes.
    O meu sistema: como imaxinar que non ía fumar máis na miña vida me daba ansiedade, entón puña un prazo. Exemplo: hoxe teño gañas de fumar e digo para min ” Vale, dentro de dúas horas ” . Logo chega ese tempo ou máis e digo ” Para a noite ” e así ía alongando o tempo e pasaron aniversarios, festas, nacemento do Leo, etc, etc e sigo sen fumar e con menos gañas que nunca.
    Ánimo.

Los comentarios están desactivados.