Un xornalista italiano cualificou como acrobático o acordo acadado onte entre JxS e Cup que investirá o luns a Carles Puigdemont como novo presidente da Generalitat durante os vindeiros dezaoito meses da que os asinantes denominan como «lexislatura de desconexión». Un acordo que tamén debe ser cualificado como histórico, xa que para os soberanistas supón, tras a suspensión por parte do Constitucional da declaración de independencia do 9 de novembro, a continuidade do «procès» e das medidas de desconexión con España alí previstas. Un acordo que, ademais, determinará o futuro inmediato da política española, tanto na formación do futuro goberno como no proceso de fragmentación e consolidación de novas forzas políticas, singularmente as artelladas arredor de Podemos.
Xaora, este acordo amosa que tras un proceso de diálogo sen exclusións nunha negociación política os resultados poden ser raros ou imprevistos. Así sucedeu nas últimas corenta e oito horas catalás, fose por que ambas as dúas partes negociadoras precisaban acordar, xa que outras eleccións fundirían o «procès», a Mas e quizais á propia Cup (a Generalitat con certeza manexaría as súas enquisas), fose pola capacidade persuasiva dos mediadores da Asemblea Nacional Catalá (ANC) ou pola audacia, afouteza ou intelixencia dos protagonistas. Nese contexto enténdense que ambas as dúas partes sacrificasen algunhas das súas pezas, JxS a presidencia para Mas, a Cup dúas das súas actas e a composición do seu propio grupo parlamentario.
No entanto, é máis dificilmente explicable o patético exercicio de adanismo de Artur Mas anunciando e interpretando en clave persoal o acordo, tanto fachendeando de que «lograron o que as urnas non nos deron» como aludindo aos sacrificios dos que serán socios de lexislatura do seu partido, o mesmiño que el se compromete a refundar. Un espectáculo que imaxino avergonzou ás máis de tres mil persoas que participaron na última asemblea da Cup.
Secomasí, para comprender dende Galicia a complexidade do acordo e mesmo para non perder os detalles do contexto, é máis aconsellable ca nunca consultar as interpretacións que fan os diversos medios cataláns, o que non servirá, ademais, de vacina fronte a treboada unionista que con certeza se aveciña.