Onte 682: Angrois

Quedei mudo desque coñecín a noticia do accidente do Alvia na curva Grandeira de Angrois. Xa naquel anuncio agoiramos unha tremenda traxedia que nos magoa e enfronta ás limitacións dos medios de transporte, onde non existe o risco 0. Serán as investigacións xudicial e da comisión de accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento ás que diriman responsabilidades e expliquen as causas do descarrilamento nun treito de vía, considerado de trazado difícil, no que a condución do tren era manual. Será, probablemente, a análise do tacógrafo a que poida explicar o sucedido, pouco máis pode dicirse dunha traxedia hoxe inexplicable.

Será este 25 de xullo, un día da patria de exaltación silenciosa da solidariedade dun pobo tan xeneroso coma o noso cos brazos sempre dispostos para a aperta. Será tamén un día para agradecer a entrega aos heroes do 24X: traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencia, como da xenerosidade da veciñanza de Angrois, as primeiras persoas que entre o abraio acudiron polas vítimas. Mención á parte merece a gratitude que a cidadanía debe aos xornalistas e medios (sobre todo Radio Galicia, a SER de Santiago) que desque coñeceron a noticia informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias. Como sería inxusto non celebrar a cobertura en directo da TVG e da Radio Galega (a pesar das súas especulacións e imaxes sen editar iniciais), fronte ao pobrísimo papel da TVE e das cadeas privadas xeralistas estatais, que continuaron coa súa programación coma se nada sucedese. A traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas. Porén, sei que hoxe xa están chegando de Madrid os que transformarán esta hemorrraxia de dor en horas interminables de lecer televisivo. Mágoa! Neste 25X: Xornalismo independente ou barbarie!, o demais é silencio.

Onte 681: Tecnoloxías emocionais

Leo en Comunicación cultural que coa universalización dos smartphones chegarán as chamadas «tecnoloxías emocionais». Semella que utilizaremos o móbil tanto para coñecer a predición meteorolóxica (graciñas 4 gotas!) como para saber do noso estado emocional. Esta é a información proporcionada xa por EmotionSense, un app que diagnostica o noso estado de felicidade ou frustración en base aos datos proporcionados polo uso do noso teléfono. O carácter terapéutico do móbil permitirá previr os nosos estados de ánimo e será tamén fonte de información para mellorar a nosa saúde. Non é ciencia ficción nin fantasía friki. Estamos ás portas da chamada «computación afectiva», a que será capaz de adiantarse ás nosas emocións. Pensemos nas consecuencias que isto pode supoñer. Outro chimpo dixital. Uff!

Onte 680: A escola, para ser escola, debe ser pública

Ignacio Escolar chiaba onte unha interesante entrevista co noso admirado Francesco Tonucci con motivo da súa intervención hai uns meses en Sevilla. En momentos de apoxeo da escola segregadora, coa LOMCE no seu triste trámite parlamentario, é unha beizón ler opinións tan sensatas sobre temas educativos como estas de Tonucci, defensor teimoso do modelo de escola pública. «A escola, para ser escola, debe ser pública, de iguais e aberta á diversidade», afirma o pedagogo torinés, para engadir despois, «a escola debe ser, sobre todo, un lugar onde se aprenda a vivir. E a vivir ben», salientando o irrenunciable carácter formativo e integrador da educación obrigatoria. Máis claro, auga.

Se isto non abondase, o creador de Frato, non se acomoda á rotina do seu discurso, e propón reconsiderar o principio de «coetaneidade», a agrupación do alumnado por idade, como único modelo de organización escolar, abrindo así un debate que fende moitas das inercias do noso discurso educativo. Coma innovadora é tamén a súa reclamación da volta dos nenos á rúa e a súa autonomía a partir dos seis anos, idade a partir da que para el deberían ir sós á escola. Outra volta de torca para as dinámicas familiares. Dúas propostas que forman parte da cerna do seu ideario pedagóxico, que xa nos deslumbrou hai tres décadas, recollido no seu proxecto «A cidade dos nenos». Dende os anos oitenta, Tonucci reclama aos responsables municipais que «consideren aos pequenos como parámetros principais para mudar as estruturas urbanas e axeitalas ás súas necesidades». Propón aos alcaldes ollar a súa cidade cos ollos dos nenos e nenas, sen esquecer facelo, tamén, cos ollos dos avós e das avoas. Unha nova ollada que obrigaría a mudar moitas prácticas urbanas e o propio deseño das cidades, acometendo a auténtica «humanización» que precisan. Esta nova ollada interxeracional permitiría o regreso dos picariños e dos avós ás rúas, facendo as cidades máis seguras, xa que para o pedagogo italiano a razón pola que hoxe as rúas das cidades europeas sexan perigosas é nin máis nin menos «porque alí non hai nenos».

En tempos de conformismo educativo, no que termos como «eficiencia» ou «calidade» son utilizados coma un novo mantra para xustificar a privatización educativa e os recortes das politicas públicas, cómpre volver sobre os textos vivivificadores dos clásicos da renovación pedagóxica, como Tonucci, Rodari e Freinet. Léndoos é perfectamente posible recuperar o entusiasmo na educación pública coma a mellor panca para saír da crise. Beizón Tonucci, vello amigo!

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 679: O silencio de LE

Desque saltou o ruxerruxe da marcha de Luis Enrique para ocupar o banco do Barça agardaba un chío desmentíndoo do adestrador celeste. Tarde piaches, Manolo! O feito de non facelo amosa que LE apura até o final as súas posibilidades na competencia que mantén co arxentino «Tano» Martino para substituír a Tito Vilanova. Se finalmente o xixonés continúa en Vigo, teremos outra experiencia máis para interpretar os seus calculados silencios (desque chegou a Vigo, non concedeu entrevista ningunha nin participou en roda de prensa). Se esta decepción con LE non abondase, a prepotencia paternalista coa que a prensa catalana aborda a posibilidade da súa fichaxe coa pretempada xa iniciada, supón xa unha lamentable falta de respecto cun club nonaxenario coma o Celta e cunha afección humilde de primeira coma a nosa. O Celta e os celtistas non nos merecemos isto. Xenial a foto de Fernando Cameselle retratando o silencio de LE o sábado en Melgaço. Que agardas para dicirnos algo, Luis Enrique?

Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá. No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

 

Onte 677: Amnesty International 50 years

Grazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.

Onte 676: Compañeiro Geluco

Entristeceunos o pasamento de Anxo Guerreiro, un dos grandes referentes da esquerda e do republicanismo galeguista. Na última década tiven a fortuna de compartir con el moitas horas de conversa no programa «A Crónica» da Radio Galega. Un auténtico mestre da do debate político, áxil, documentado, sempre disposto a ofrecer os mellores argumentos do optimismo da vontade. Lembro hoxe con saudade o seu discurso xenial e retranqueiro, pronunciado en nome de todos os participantes na tertulia, ao remate dun xantar no que celebrabamos o remate da tempada, agradecendo ao xornalista Tino Santiago o esforzo por manter aquel espazo democrático de liberdade e pluralismo, bens tans prezados nos medios de comunicación públicos. Geluco foi un dos alicerces da difícil construción da Autonomía (como Ceferino Díaz, Camilo Nogueira ou Xosé Luís Barreiro Rivas), período no que se forxaron acordos decisivos para a Galicia contemporánea. Foi, ademais, un dos promotores pioneiros das estratexias de transversalismo antiseitario na esquerda galega, tan necesarias para artellar alternativas cribles fronte a dereita deconstrutora. Foi Geluco un defensor teimudo do proceso de construción nacional de Galicia, da defensa da súa lingua e da súa cultura. Un facedor de acordos e utopías. Un referente de dignidade, honestidade e xenerosidade na procura da igualdade, valores da esquerda humanista, na que nunca deixou de militar. A nosa lembranza agarimosa, compañeiro Geluco.

Onte 674: «Os xornalistas utópicos» de Manuel Veiga

Jaureguizar publicou onte un chío recomendando de forma entusiasta a lectura d´ Os xornalistas utópicos, a novela máis recente de Manuel Veiga. «Culta, divertida, estarrecedora, emocionante» foron os adxectivos utilizados para cualificar unha novela coa que Veiga acada a súa madurez como narrador achegándose a propostas de «ficción radical» como as de Roberto Bolaño, Enrique Vila Matas ou Ricardo Piglia, nas que se funden a vida e a literatura.

Unha novela que Manuel Romón no acto da súa presentación en Librouro emparentou coas de Christa Wolf e Thomas Bernhard e definiu como «cronica dun disidente que non renega, construída coma un mecano capaz de explorar casualidades e interferencias». No mesmo acto, Manuel Veiga recoñeceu que coa novela realizara un esforzo literario. «Escribín Os xornalistas utópicos baixo a influencia de Roberto Bolaño, os autores debemos ler xa que precisamos un pulmón grande para subir todas as cotas que require a escritura». Confesou que o consideraba o seu mellor libro e o «que máis esforzo me levou». «Teño a sensación que os meus libros anteriores non envolvían ao lector de forma suficiente para que tras a lectura acabase con algo novo. Isto é froito das condicións de precariedade do país que fai que as cousas queden á metade, que lles falte acabamento». Salientou despois a súa intención de «facer cada un dos meus libros á altura de calquera outro autor dos que poidamos atopar nesta libraría». «Estamos obrigados a esforzarnos. Xa non abonda con ofrecer unha novela mediana», asegurou, para confesar despois a súa intención de formar parte «do grupo daqueles autores que teñen intención de crear público». Rematou Veiga as súas palabras referíndose á oportunidade que o momento actual supón para a literatura. «Este é o mellor  momento, dende a Transición, para os escritores e o xornalismo. A sociedade con contradicións é magnífica para o traballo do escritor. Este momento debería ser aproveitado para sacar as ambigüidades da sociedade; é un magnífico momento, xa que non sabemos por onde vai saír».

Onte 673: Rafinha

Prefiro dedicar unhas liñas á desmesura da presentación de Rafinha onte en Balaídos ca lamentar esa interminable lea polo liderado da dereita española enzoufada na lameira da corrupción e do seu financiamento ilegal. O éxito do primeiro día en Vigo do fillo máis novo de Mazinho é apenas outro síntoma do entusiasmo desbordado da afección celeste por esta permanencia en primeira, tan imprevista coma esperanzadora. Unha actitude (inusualmente) optimista dunha afección de tradición serena e resignada, protagonizada por unha nova xeración de celtistas que recoñecen na canteira a identidade do seu equipo. Carecemos de referencias para aventurar se o papel desta promesa no cadro de Luís Enrique pode ser desequilibrante, mesmo sobre cal será a súa posición no terreo de xogo; máis non hai dúbida que a súa chegada ao Celta xa contribuíu a aumentar unha descoñecida sensación de euforia. Eis o seu primeiro éxito. Confío que aquel rapaciño, formado no Ureca de Nigrán, desborde na lameira de Balaídos, como sucedeu con Silva, as expectativas xeradas o día da súa chegada. Este Celta semella prudente e prometedor.

Onte 672: A manta de Bárcenas

Polo publicado onte no xornal El Mundo a manta de Bárcenas pode ser moi alongada. Fóra dos contidos dos sms reproducidos por Pedro J. Ramírez, é unha evidencia documentada que o presidente Rajoy mantivo contacto directo co millonario ex-tesoureiro (48,2 millóns de euros en contas suízas), canto menos, até comezos deste ano 2013. Aos ollos da comunidade internacional, a ambigüidade na que se move Rajoy neste tema semella propia dun equilibrista suicida (minte ou non minte Mariano?); razón pola que a ninguén pode estrañar o interese da prensa internacional pola declaración que hoxe Bárcenas realizará na Audiencia Nacional. A manta de Bárcenas é tan alongada que na axenda informativa galega agocha informacións tan clarificadoras coma as publicadas onte polo xornal El País sobre as doazóns opacas recibidas polo Partido Popular de Galicia en 2006, presidido xa por Alberto Núñez Feijóo, ou as declaracións (e nova foto) no mesmo xornal de Marcial Dorado, condenado por narcotráfico, sobre a honradez do actual presidente da Xunta.