Onte 906: Día internacional da muller traballadora

Este 8 de marzo centrouse nas mobilizacións a prol do dereito ao aborto libre e gratuito dos dereitos sexuais e reprodutivos, coa intención de frear o retroceso que supón a Lei Rajoy. No obstante, sendo a loita polo dereito a decidir a maternidade fulcral e imprescindible, non se pode esquecer o retroceso que todos os dereitos das mulleres están sufrindo nos diversos eidos da vida social e laboral. Os datos amosan que as mulleres son as primeiras vítimas das políticas de recortes. Ao longo destes últimos cinco anos, os chamados da «crise« (de devaluación salarial) baixou a taxa de actividade e o salario feminino fronte ao masculino, as mulleres sufriron maiores taxas de precarización, aumentando así a fenda salarial entre homes e mulleres. Como se incrementaron tamén os casos de violencia machista e a cultura da mixosinia para vergonza de toda a sociedade. Tras cen anos da celebración desta xornada mundial, a creación de espazos de igualdade real e a defensa dos dereitos conquistados polo movemento feminista é tarefa que a todas as persoas convoca, especialmente aos homes.

Onte 905: A gran coalición

Saíu en varias ocasións na tertulia da «Crónica» da Radio Galega na que participei na noitiña de onte. A gran coalición de conservadores e socialdemócratas podería ser un modelo político que se xeralizara como fórmula de goberno en Europa. É moi probable que, tras as Europeas, o presidente da Comisión Europea (elixido por vez primeira nestes comicios) será un socialdemócrata, o libreiro alemán Martin Schulz, mentres o do Consello será un conservador, o luxemburgués Juncker, actual presidente do Eurogrupo, consolidando así un cogoberno dos partidos sistémicos. Un modelo de gobernabilidade acuñado por Angela Merkel para consolidar o seu indiscutible liderado: un partido de dereita hexemónico, que impón os criterios ortodoxos de política económica e social, acompañado no goberno por un partido socialdemócrata feble e dividido que avala estas políticas.

Abonda con analizar o que está sucedendo co PSOE en Catalunya, Navarra ou Galicia, onde a dirección federal de Alfredo Pérez Rubalcaba decidiu o harakiri das súas organizacións territoriais, para intuír a estratexia de gobernabilidade a medio prazo do partido socialdemócrata español. Un modelo de gran coalición que anima a políticos atrevidos como Abel Caballero a ensaiar o seu propio modelo de gran coalición (orzamentaria), neste caso coa intención de forzar nas vindeiras municipais un «sorpasso» co Partido Popular, único xeito de conservar a alcaldía viguesa un novo mandato. Neste contexto de grandes coalicións e de políticas homoxeneizadoras e conformistas dos partidos sistémicos é imprescindible a refundación da esquerda, do seu programa e do seu modelo de participación politica.

Onte 904: A plataforma de contidos dixitais de Abalar

Foi o propio presidente da Xunta quen onte presentou a continuidade do programa Abalar para os tres vindeiros cursos e para o dez por cento do alumnado do ensino non universitario de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A novidade do anunciado reside na creación dunha «plataforma de contidos curriculares dixitais na que estará ao completo a materia de cada curso», da que nada sabemos nin fomos informados os profesionais da edición educativa en Galicia nin do sector da libraría. Ademais deste «enigma», valorado por Feijoo en 3,6 millóns de euros, chama a atención que a Xunta continúe optando por un modelo de contido dixital educativo redistribuído (sen conexión á rede) e apostando por un modelo de «educación dixital completa», que elimine o uso dos soportes impresos, «eses perigosos e caros libros impresos». Abandónase así a estratexia de hibridación dixital de todo o sistema educativo, no que se utilizan ambos os dous tipos de soportes e no que se privilexia o desenvolvemento da competencia dixital e das competencias de comunicación lingüística, aconsellada de forma reiterada nos documentos da LOMCE. Temo que como xa sucedera coa potenciación da ensinanzas do inglés, que xustificou o retroceso do emprego do galego como lingua vehicular, a dixitalización das aulas sexa utilizada como ferramenta da mercadotecnia política.

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

Onte 902: Trazos de Xela

Xela Arias tería cumprido onte 52 anos. Inevitablemente lembrámonos dela neste martes lardeiro e chuviñento e celebramos a súa vontade de reinventarse cada día. Por ventura, tras case unha década de esquezo, devagariño a causa da recuperación da obra e da figura literaria de Xela vai callando. María Xesús Nogueira remata a edición da súa poesía completa, que Xerais publicará nun único volume, o que será un paso fulcral neste proceso de posta en valor da escritora viguesa. Pola súa banda, a AELG homenaxeará  o vindeiro martes, 11 de marzo, no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo a Xela baixo o lema «A procura de trazos que nos describan» coa intención de facer memoria, de lembrar os seus versos e contribuír a transmitir o herdo inmenso da súa obra. Alí estaremos, coa noble causa de Xela.

Onte 901: O oficio de mestre de Mario Lodi

Choramos a Mario Lodi, o grande mestre italiano, o autor d’ O país errado, un dos máis fermosos diarios pedagóxicos que se teñen publicado. Vencellado ao Movimento di Cooperazione Educativa Italiano (MCE) e á pedagoxía Freinet, Lodi foi un referente na nosa formación como mestres a comezos dos anos oitenta. Defensor teimoso da escola pública democrática e antiautoritaria, Lodi forxou un modelo pedagóxico baseado no xogo e na participación do alumnado, recuperando a súa palabra e introducindo a imprenta no espazo da aula. Froito desta experiencia como mestre de escola primaria foron libros marabillosos coma Cipi, escrito en colaboración cos seus alumnos. Paga a pena recuperar esta entrevista realizada hai dous anos na que sintetiza as súas ideas pedagóxicas principais e reivindica o oficio de mestre, «o máis difícil, pero o máis importante».

Onte 900: Finou Resnais

Finou onte o cineasta bretón Alain Resnais, un dos directores que sempre me interesaron dende as primeiras películas do cine clube de ANUE, aquela Providence, baseada no universo de H.P.Lovecraft e, sobre todo, Mon oncle d’ Amerique, unha das primeiras nas que aparece Depardieu. No blog temos celebrado Noite e brétema, a súa película documental sobre a deportación e exterminios nos campos nazis, filmada catro antes da súa primeria longometraxe, Hiroshima mon amour sobre un texto da Margarite Duras e de La guerre est finie sobre guión de Jorge Semprún. As películas que vin de Resnais sempre me pareceron tan complexas coma fascinantes, de narración deconstruída, anticronolóxica unhas, de vontade ensaística e reflexiva, todas. O seu pasamento convida á curiosidade de volver sobre elas.

Onte 899: Sen puntos

O fútbol é unha competición que non entende de méritos, xa que os puntos se suman só polos goles anotados na táboa de marcas. Onte o Celta deu un recital de xogo combinativo, sobre todo no segundo acto, porén quedou sen recompensa ningunha. Coma sucedera en Cornellá, unha xenialidade de última hora, neste caso unha xogada do extremo Carles Gil, xerada tras un pequeno desaxuste na marca defensiva galega, estragou un partido no que o equipo noso foi moi superior. O Celta xogou de seu, mais foi incapaz de marcar algunha das súas  oportunidades. Pagouno a prezo de ouro. A este Celta, lonxe de Balaídos non lle prestan as medias tintas, vai a gañar e sabe que esa afouta estratexia pode levalo a perder. Esta derrota devólvenos aos seareiros á crúa realidade nosa, vivir entre a euforia e o medo, entre a ledicia e a decepción. Sabemos que queda moito por sufrir para sumar eses dez puntiños que aseguran a continuidade na categoría. Alguén pensou que isto ía ser doado?

Onte 898: Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro

Na presentación do serán de onte na libraría Vagalume de Lalín, Gracia Sanctorum proclamou a Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro. Gracia concluíu unha intervención magnífica sobre A memoria da choiva dicindo: «Se Suso de Toro é o seu referente literario, coido que Pedro Feijoo chegará a se converter no seu digno sucesor. Se agardabamos con ilusión cada nova entrega daquel con este correrá o mesmo». Un comentario que sei moito gustará ao propio Suso a quen Feijoo homenaxea nas páxinas da súa segunda novela roubándolle a Nano, unha das voces máis memorables de Tic-Tac e Círculo (aquela de «aquí somos así, positivamente») para algunhas escenas compostelás. Pedro recoñece a Suso como seu mestre, artella as súas novelas con estruturas ficcionais potentes semellantes ás do compostelán e comparte con el a ambición da comunicación directa co lector. Unha excelente noticia para a narrativa galega, membros de distintas xeracións van conformando cadea.

Onte 897: «Cadeas» ou a novela como límite

Na presentación pontevedresa de Cadeas da man do Ateneo, tanto Xesús Constela como Ramón Rozas e Xabier López López insistiron na idea da novela como límite. Constela recolleu o fío que Chisco Fernández Naval deixara na presentación coruñesa de Cadeas na que dixo que esta novela premiada co Xerais exploraba os límites. Rozas insistiu sobre a fragmentación de Cadeas, tanto no que atinxe aos temas como á infinidade de rexistros (cartas, relatos de terror, crítica, citas…) e a capacidade do autor para engaiolar con tantas singularidades. Pola súa banda, Xabier López López definiu Cadeas como «un texto límite, novela ou suma de relatos, unha novela límite que xoga entre selo e non selo». Referiuse á idea de «vida como unidade narrativa» para preguntarse se somos unha novela ou un fato de relatos, «a nosa vida é mais ca un único fío, na nosa constante autonarración esquecemos que tamén somos personases secundarios das vidas doutros». «A literatura, a novela, é a a historia dunha persecución continua na que o autor e o lector nunca acabamos de atoparnos». Rematou Xabier desvelando algunhas lecturas inéditas de Cadeas referidas a súa relación con Manuel Antonio, Rafael Dieste e Antonio Machado. Cadeas preséntase hoxe na Pobra do Caramiñal da man de Barbantia.