Onte 649: «Os fillos do mar», premio San Clemente

Foi unha ledicia coñecer que o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente fose esta ano para Pedro Feijoo pola súa novela Os fillos do mar. Tras o éxito de boca orella desta obra, aparecida a pasada primavera e da que levamos publicadas catro edicións, son lectores e lectoras de Segundo de Bacharelato os que a recoñecen agora como mellor novela en galego do ano 2012. Un premio que felizemente Feijoo recibe cando inicia a andaina a edición en castelán desta súa primeira novela. Poucas veces participamos nun debut literario tan esperanzador. Parabéns, Pedro!!!

Onte 645: «As vidas de Nito» de Xabier Paz

A presentación da segunda novela de Xabier Paz, As vidas de Nito, ateigou a libraría Andel de Vigo. Foi Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal do BNG de Vigo, a que presentou unha novela que comezou definindo como «densa e fermosa», agradecendo ao autor «o moitísimo que me fixo sentir, dende momentos eruditos, a moitas emocións e sentimentos, xa que esta é unha novela chea de poesía». Veloso recoñeceu na novela A Coruña, a súa cidade natal, tamén a do autor, «sobre todo naquelas aventura de verán, que é cando se aprendan máis cousas». Referiuse despois a que lle interesara moito o feito de que fose «contada por unha persoa que é diferente, que non encaixa na normalidade, o que permite ofrecer perspectivas moi diferentes», lembrando despois a actualidade deste enfoque, xa que por poñer un caso, como lera recentemente nun artigo, hoxe «as persoas con autismo son un indicador da saúde social». «Ademais, a novela fala moito de educación relixiosa e segregada que recibiu Nito, onde as mulleres convértense en nais e irmáns». Despois de comentar diversos parágrafos da obra, a presentadora salientou que «constituía un raro privilexio para cada lectora poder enfrontarse a un texto no que se tenden pontes entres disciplinas diversas para explicar o sentido da vida. As vidas de Nito fala da vida e da morte. Fala de vidas poliédricas, das vidas que vamos superpoñendo cada un de nós». Rematou as súas palabras confesando que cando estaba lendo esta novela «estaba convencida de que falaban de min». «Estou convencida que todo o mundo cando a lea saberá que fala de si». «Parabenizo a Xabier por ofrecernos esta novela coa que nos reconciliamos coas vidas que vivimos e coas que viviremos».

Pola súa banda, Xabier Paz comezou as súas palabras definindo a novela como «unha reflexión sobre a natureza humana dun rapaz de crecemento tardío». Agradeceu aos seus amigos Merce e Vítor o feito que despois da publicación de Renacer o emprazasen a escribir sobre el mesmo. Recoñeceu que utilizara un eixo improbable como eixo da trama, a semellanza do tango inverso protagonizado por Nito e Elba. «Pelexar coas fichas documentais e temáticas foi o máis difícil da escrita da novela. A ambición era a reflexión sobre o ser humano dende todas as perpectivas». Confesou que desbotara tres fichas que lle interesara, a de Frei Diego Landa, autor da Relación das cousas de Yucatán, a civilización que axudara a liquidar, a do sermón de San Antonio dos peixes e a da condesa Elisabeth Barthory, a condesa sanguenta. Utilizando a proxección de fotografías, falou do tempo e dos espazos de Nito, «un neno que medra con moita dificultade nos anos 50 nunha cidade con alcaldes da envergadura de Picadillo e Alfonso Moilna». Rematou a súa intervención, referíndose ao que na novela chámase «A desfeita», o desastre da modernización e a corrupción dos anos posteriores á chamada Transición Política.

Onte 643: Matarte lentamente

Nesta crise magoante a realidade vai detrás da ficción, ou a literatura diante da vida, que ven sendo algo semellante. Penseino onte cando lin devagariño a noticia tremenda do suicidio de U.P.B., un xubilado de 82 anos afectado pola estafa das participacións subordinadas de NGB. Penseino cando lembrei unha das historias relatadas por Diego Ameixeiras en Matarte lentamente, a súa próxima novela (en novembro estará nas librarías), precisamente aquela na que se suicidan unha parella de preferentistas xubilados e na que o seu fillo irado artella unha terrible vinganza. Tras a lectura do manuscrito, cando chamei a Ameixeiras comentamos, o que é a vida, este caso dos preferentistas e agoiramos que algún día podería producirse. Agora, apenas un mes despois, a realidade fixo máis verosímil a primeira parte da ficción. Malditos especuladores!

Onte 639: A irmandade de Xerais

Ala vai outro Xerais inesquecible! A irmandade dos lectores e lectoras (trescentas na illa e outras tantas conectadas por Internet), a comunidade de afectos, o soño compartido de tantos amigos e amigas de enxergar un futuro para o país e para a lingua de noso. Os Irmandiños de Vincios (bravo gaiteiros e gaiteiras!) puxeron no serán o timbre da ledicia e o rigor da voz popular. O mestre Xabier Docampo nun discurso sensacional e memorable (unha peza a ler e reler devagariño) pasou a testemuña de cargo á seguinte xeración que debe abrir unha páxina nova no libro da nación. Antonio Fraga deitou doas de tenrura e esperanza no seu primeiro discurso literario. Xabier López abriu outra xanela na súa sólida traxectoria de narrador na procura da excelencia. Tras trinta anos, aqueles Xerais ideados por Luís Mariño manteñen o seu pulo. Mais non son estes tempos para o conformismo rotineiro, os Xerais precisan mudanzas, imprescindibles para afrontar estes tempos difíciles (ruíns), caracterizados pola hibridación editorial e pola fraqueza (nalgúns casos ausencia) das políticas públicas de lectura. Mudanzas que, sen dúbida, comezaremos a implantar a partir da vindeira edición. Cando regresabamos a San Hadrián no Babuxa de Ángel (obrigado, patrón!!!) non puiden evitar un levísimo aceno de satisfacción emocionada pola fortuna de tras dúas décadas continuar dirixindo o equipo de traballadores e traballadoras de Xerais. Hoxe, a miña beizón para eles e elas polo seu talento e dedicación no desenvolvemento do noso proxecto!

Aquí toda a gravación da hora e un cuarto de cerimonia.

Onte 633: Bautista Álvarez narrador

Dediquei unhas horas da tarde do domingo a preparar o borrador do texto de contracuberta de Retallos daquela infancia, o libro co que Bautista Álvarez debuta como narrador. Efectivamente, aos seus oitenta anos, o membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista publicará en Xerais o vindeiro mes de xullo dezasete relatos, que confesa «andan cerca das memorias», ambientados na súa infancia no seu territorio familiar da aldea de Loucía da parroquia de Lás do concello de San Amaro, preto do Carballiño. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeana dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura.

O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que contar o Cara el sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades…

Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua literaria de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX. Retallos daquela infancia pode ser unha das sorpresas narrativas deste ano.

Onte 630: Galician literature

Foi unha fortuna compartir os últimos días un par de conversas con Jonathan Dunne, o grande embaixador da literatura galega no entorno anglófono. Nesta semana da súa estancia en Galicia, ademais de intervir no congreso rosaliano do Consello da Cultura Galega, participou nas presentacións en Compostela da edición en inglés de Cantares gallegos, como editor de Small Stations Press, e onte na da Anthology of Galician Literature, da que foi editor e en parte tradutor, obra coeditada por Galaxia e Xerais en colaboración coa Xunta de Galicia.

Na presentación na Biblioteca Ánxel Casal, Dunne presentou o panorama da situación da literatura galega en inglés, a que considerou coma o mellor vehículo de difusión internacional. «Publicáronse en inglés, até hoxe, 52 títulos da literatura galega. O primeiro foi unha antoloxía de poemas de Rosalía de Castro, preparada por Xosé Filgueira Valverde, traducida por Charles David Ley e publicada en 1964 polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Houbo que esperar vinte e cinco anos até publicar o seguinte. Na década dos noventa foron nove títulos, na de 2000 vinte e un e no que levamos de década outros vinte e un. Un crecemento exponencial da dispoñibilidade da literatura galega no mundo. O que amosa que estamos no bo camiño».

Despois explicou Dunne as características deste segundo volume da Anthology of Galician Literatura, que reúne sesenta textos doutros tantos autores e autoras publicados entre 1981 e 2011. «O limiar vai dirixido a un lector e a un editor do mundo que non teñen coñecemento da literatura galega. É un volume moi actual, xa que os dous terzos dos textos foron publicados na década de 2000. Achega unha idea do que se esta a escribir en lingua galega. Xustamento foi este o propósito do libro. As escolmas foron realizadas polos autores e autoras vivos (54).  Ademais de textos narrativos, están presentes o resto dos xéneros, a literatura infantil e xuvenil, a poesía, a literatura dramática e o ensaio, cunha atención á antropoloxía, a teoloxía e o nacionalismo. No limiar exprésanse os criterios utilizados na selección dos autores e autoras: cubrir todos os xéneros, as opinións doutros autores e da crítica, a presenza noutras escolmas e mesmo noutros traballos meus, os premios literarios acadados e a reputación internacional de autores como Manuel Rivas, Domingo Villar ou Chus Pato, que contan xa con diversas traducións. En todo caso, “calidade” e “distribución” son dúas palabras que entendo claves na política cultural presentes nesta obra».

Rematou Dunne presentando Portico of Galician Literature, o portal web que xestiona coa colaboración da Consellaría de Cultura, onde se presenta en inglés a literatura galega aos editores de todo o mundo. Salientou que ate o momento estaban presente oito autores, que serían dez a finais deste ano. Inclúese unha presentación de cada autor e unha tradución de mostra de cincuenta páxinas dunha das súas obras, «xustamente o que lle interesa a un editor».

O labor de Dunne como tradutor, editor e promotor da literatura galega no mundo está sendo fulcral. Merece apoio do sector editorial privado e dos nosos poderes públicos. Parabéns Jonathan!

Grazas a Fran P. Lorenzo pola súa información da presentación.

Onte 598: O último Camilleri

Dende A forma da auga lin todas as novelas de Andrea Camilleri protagonizadas por Salvo Montalbano das publicadas en castelán por Salamandra. Dezaoito novelas e dous libros de relatos protagonizados por este detective siciliano un pouco larpeiro, bandallo coa súa moza de toda a vida, agarimeiro cos membros do seu equipo e firme e irónico cos seus xefes, investigador concienciudo e teimudo capaz de sorprender na resolución de cada crime. Tras a decepción que supuxo para min A danza da gueivota, volvín a reconciliarme co mellor Camilleri con A procura do tesouro (o meu agasallo do Día do Libro), unha moi interesante indagación sobre os límites tan difusos existentes entre o que consideramos un xogo e o que pode ser unha trampa. Outra sutil exploración sobre a natureza da condición humana no que atinxe a cuestións como a vaidade, o coñecemento e a violencia extrema. Nesta entrega Camilleri resolve de forma maxistral o aparente paradoxo entre un ritmo narrativo máis demorado do que decote sucede nas tramas de Montalbano (o crime xérase a medida que se retan ambos  os dous protagonistas / antagonistas) cunha resolución incerta até os dous derradeiros parágrafos. En poucas oportunidades comprobei a certeza desa emoción que arrastra ao lector deica o derradeiro alento. Os seguidores en castelán de Camilleri aínda poderemos gozar doutras catro novelas de Montalbano, aínda non traducidas, así como doutra en proceso de publicación en italiano, ademais da que deixou escrita para publicar despois da súa morte.

Onte 595: O «Winnipeg» de Hixinio Puentes

Celebramos o 25 de abril na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña onde presentamos Winnipeg de Hixinio Puentes. Tras cinco grandes novelas e catro premios literario, Hixinio Puentes consolídase como un dos novelistas máis sólidos da narrativa galega deste século. Con Winnipeg volve sobre o espazo que lle é máis propio, o do seu berce natal da Galicia do Ortegal, onde tamén ambientou O bandido Casanova e Aguillóns de Ortegal, centrándose na vila de Cariño. Unha novela histórica que recrea feitos reais, protagonizados polos irmáns Manuel, Pepe e Vicente Pita Armada, desenvolvidos no tempo que transcorre entre o golpe de estado do 18 de xullo e o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 que derrubou ao presidente Salvador Allende. A fuxida dos irmáns Pita de Cariño e o seu exilio en agosto de 1939 a bordo do Winnipeg, o vapor fretado polo poeta Pablo Neurda, constitúen o eixo narrativo dunha novela de lectura engaiolante.

Comezou a súa intervención o historiador Emilio Grandío dicindo que «A Galicia de Ortegal arrecende a mar, herba e monte. Alí hai moitos tesouros escondidos do noso pasado, do noso presente e do noso futuro, mais non os vemos». Cualificou Winnipeg como «un xogo literario moi documentado. Fala do Cariño dos anos trinta, daquela unha vila puxante que tiña unha cultura mariñeira e obreira moi moderna, xeradora dunha cultura vilega diferenciada que se activou durante a segunda Republica, modulando o seu antagonismo con Ortigueira, entón cabeza do concello». Referiuse despois Grandío os acontecementos presentes nunha «obra moi traballada na veracidade dos feitos», xa que pola novela desfilan «convocatorias de folgas, o cambio político despois das eleccións de 1933, o relevo de Casares Quiroga, até os feitos concretos de xullo de 1936». «Aqui tamén está o relato da fuxida do Arkale, un barco mítico na comarca de Ortegal, símbolo de esperanza». Rematou Grandío as súas palabras propoñendo unha reflexión sobre o proceso de construción da memoria e cualificando Winnipeg como «novela densa, rigorosa e documentada».

Comezou as súas palabras Hixinio Puentes falando do Winnipeg, «un buque fretado polo poeta Pablo Neruda coa intención de rescatar a un número indeterminado de republicanos españois, ademais de darlle un pulo á economía de Chile, o seu país. Naquel grupo había profesionais de todo tipo, entre eles vinte mozos de Malpica de Bergantiños e tres de Cariño, os irmáns Pita Armada». Referiuse, despois, a como chegou a historia da familia dos Pita, a partir da autobiografía que deixou un deles, Pepe, e ao seu convecemento que o episodio do Winnipeg er aun tema relevante. Recoñeceu o sue interese por Cariño e polo mundo da pesca, especialmente durante o período da segunda República «cando en case todos os portos galegos se crearon confrarías e pósitos de pescadores, os primeiros sindicatos e as  eivindicacións polas melloras das súas condicións de traballo». Falou Puentes de como na novela «non hai pé para a fantasía. Winnipeg é unha novela tráxica, triste, chea de emotividade. Ten páxinas grises como o Guernika de Picasso, xa que non podemos pintar este período da nosa historia con outras cores». Rematou Hixinio enumerando os temas dunha «novela de guerra e memoria, con forte presenza do mundo do mar».

Tras as intervencións da mesa, durante a quenda de intervencións do público, cualificouse a novela como «unha das obras máis importantes publicadas por Xerais nos últimos anos, á altura de novelas claves como Resistencia».

Onte 569: «La verdad sobre Marie»

A atención de urxencia dun infarto, o embarque dun purasangue no aeroporto de Narita e un incendio forestal na illa de Elba, tres situacións límite (tamén tres escenarios) nas que se mesturan angustia e medo, permítenlle a Jean-Philippe Toussaint ofrecer unha sorprendente novela sobre o amor. O autor de novelas como La televisión ou La cámara fotográfica volve rendernos na pulsión dun fluxo textual onde se combinan a narración trepidante e detalladísima (de indubidable beleza formal) de acontecementos extraordinarios coa creación de sentimentos, emocións e reflexións complexas en personaxes en aparencia comúns. La verdad sobre Marie é unha novela moi fermosa, escrita con prosa elegante e arquitectura perfecta (senllas marcas autorais), que achega unha meditación sobre o amor, a medio camiño entre o desexo erótico, a sensualidade sinestésica e a identificación emocional dos amantes. Un cóctel de trago longo, ao comezo amargo e cun final quizais moito máis dóce do agardado. Membro destacado (xunto a Jean Echenoz) da chamada «nouvelle école de Minuit», Toussaint é deses novelistas aos que seguimos dos que podemos agardar aínda certas doses de sorpresa, sexa pola innovación formal ou temática, xeralmente unha nova ollada sobre o devir do cotián. Os seus editores preséntano como «líder involutario dun fantasmagórico nouveau nouveau roman». Tendo como referente a literatura galega, non dubidaría en encadralo dentro da corrente evidencialista xerada por Cid Cabido.

Onte 559: Dragóns e piratas

Foi a de onte unha xornada de presentacións en Compostela. Pola mañá acompañamos a Elena Gallego no acto no que se anunciou o salto da triloxía Dragal aos soportes multimedia. No serán fixémolo con Xosé María Lema que, acompañado por Xesús Ferro Ruibal, presentou en Couceiro Costa do Solpor. Día, pois, de dragóns e piratas, mundos ficcionais diferentes, mais ambos os dous enfiados pola tradición galega e polo seu carácter universal.

O salto da triloxía de Elena Gallego ao audiovisual (adaptación cinematográfica, web, videoxogos, cómic e creación dunha comunidade virtual…) amosa que as boas historias para o audiovisual galego tamén están na nosa inagotable fonte literaria. Julio Casal, o produtor de Ficción Producciones, entendeu a potencialidade do mundo ficcional creado por Elena Gallego para desenvolver un ambicioso proxecto transmedia coas marcas da literatura fantástica e do noso patrimonio de dragóns, serpes, cocas e tarascas. Unha iniciativa moi innovadora destinada ao público mozo na que temos grandes esperanzas.

Na sesión de tarde, Xesús Ferro Ruibal encadrou Costa do Solpor “como unha desas grandes obras que están no mínimo común múltiplo da comunidade galega”. “Unha novela de autoría inesperada, repentina, dun autor de quen coñeciamos os seus traballos lexicográficos, etnográficos ou artísticos, mais de que non sabiamos a súa actividade como narrador”, mais tamén que contén unha segunda sorpresa “a do seu tamaño, as súas 664 páxinas, quizais debido a que en tempos de fame gustan as novelas longas”, comezou salientado Ferro Ruibal.  Despois, sinalou como terceira marca da novela “ser debedora doutra, A illa do tesouro de Stevenson”. “Isto pasoulle a outras obras clásicas, como a Eneida de Virxilio, que é unha prolongación dalgún episodio que a Homero lle quedara por contar na Ilíada. Neses episodios condénsase a filosofía da sociedade clásica, como a novela de Lema quere ser unha filosofía da sociedade galega do século XVIII”. A verosimilitude do relato foi outra das características gabadas polo presentador, que definiu a obra como “unha novela de cociña lenta”, ademais do seu “carácter non maniqueo, xa que aquí a bondade e maldade están ben repartidas”. Atención especial mereceu para o académico a lingua “especialmente coidada”. “Toda a novela está cociñada con galego vivo, diferenciando entre a lingua do narrador e a lingua dos personaxes”. Puxo exemplos moi significativos sobre a fraseoloxía utilizada por Lema, considerando que “nesa pulcritude fraseolóxica está o nivel C2 de calquera lingua”. Para rematar, Ferro Ruibal atreveuse a facer dúas predicións. Primeira: “esta novela será traducida ao inglés pola necesidade da cultura inglesa de coñecer como rematou a Illa do tesouro“. Segunda: “A Costa da Morte terá unha rota turística que será denominada “Costa do Solpor” que percorrerá os espazos da novela de Lema”.