BBC Euro2012 thriller closing credits
Mentres o PP funde á televisión pública, a BBC continúa ofrecendo aos seus espectadores marabillas como este resumo da Eurocopa. Un espello onde mirarnos.
Mentres o PP funde á televisión pública, a BBC continúa ofrecendo aos seus espectadores marabillas como este resumo da Eurocopa. Un espello onde mirarnos.
Booktrailer do libro de poemas de Xoán Neira ilustrado por Ánxeles Ferrer. A música orixinal é de Gabriel Prada e a montaxe de Gonzalo Lomba.
Moi interesante é esta experiencia da comunidade educativa do IES de Chapela que gravou o Lipdub «Eu falarei». Amosa, outra vez máis, o valor dos procesos colectivos e compartidos para superar os prexuízos lingüísticos. Unah peza moi recomendable.
Excelente peza creada en «stop motion» por un equipo de alumnas de 3º de ESO do Colexio Andersen de Vigo. Un modélico proxecto de educación musical e de posta en valor da lingua galega. Merece ser divulgada. Parabéns.
Non está de máis un pouco de humor para a fin de semana. Ben sabiamos que a xente de «Polonia» de TV3 é moi retranqueira, mais agora teñen a fortuna de que Mariano e o seu equipo de leais lles dean moito xogo cada semana. Esta versión da bilirrubina de Juan Luis Guerra é para non perdela.
Nun día desacougante coma hoxe, esta peza convida ao optimismo e o compromiso.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da despedida de Josep Guardiola do banco do Barcelona, reflexiono sobre a relación entre a poesía e o fútbol, a literatura e o deporte.
Afeitos á presenza no circo mediático das vaidades de famosiños efémeros, chama a atención a traxectoria do señor Josep Guardiola. Tras cinco intensas tempadas como adestrador do F.C.Barcelona, a primeira co equipo filial de terceira división, nas que conseguiu un extraordinario palmarés acuñando a procura da beleza como estilo de xogo e a rotación do cadro de xogadores como elemento de cohesión do equipo, Guardiola sae sen rebumbio das primeiras páxinas coa intención de tomar un ano sabático coa súa familia en Nova York. Sen dúbida será un retiro transitorio e dourado para quen, se quixese, podería ocupar o banco de calquera dos clubes ingleses millonarios ou de seleccións con ansias de títulos mundiais.
Probablemente, os éxitos como adestrador do «noi de Santpedor», un rapaz de familia moi humilde que ingresou na factoría azulgrana da Masía aos trece anos, alicerzáronse na experiencia acumulada como medio centro do Barcelona, o número 4 dos equipos de Cruyff, Robson e Louis van Gaal. Un período decisivo no que forxou a súa convicción de que «o fútbol é o xogo máis simple do mundo, canto máis doado e máis sinxelo sexa, mellor, abonda que o teu pé obedeza a túa cabeza».
Traballador concienciudo, autoesixente até a obsesión, Pep Guardiola inculcou aos seus xogadores este compromiso de racionalidade no desenvolvemento do xogo e de confianza nas propias posibilidades para realizar un traballo ben feito, enfrontándoos a un exercicio máximo de corresponsabilidade no que os defensas tamén deberían atacar e os dianteiros tamén defender. Con esa actitude o seu Barcelona asombrou, ofreceu un espectáculo marabilloso, un fútbol de salón e claqué, un exercicio só aparentemente sinxelo, onde os xogadores gozaban tecendo devagariño e cooperativamente até que aparecesen os alustros de xenialidade desiquilibrante de Messi, Xavi, Iniesta, Fábregas, Pedro, Villa…
Mais Guardiola tamén, coma sucede adoito na vida, debeu xestionar importantes fracasos, sobre todo esta última tempada, na que perdeu a Liga fronte ao seu eterno rival e quedou fóra (inxustamente) da final de Champions, os seus dous principais obxectivos. A súa dignidade, asumindo a responsabilidade das derrotas e abrindo o camiño para que o sucedese o seu primeiro colaborador, constitúe un modelo de comportamento moral escasamente frecuente na actual sociedade conformista.
Tanto como xogador como adestrador, Pep Guardiola mantivo o seu compromiso como cidadán dun tempo e dun país. A súa estreita amizade con Miquel Martí i Pol é un dos episodios máis interesantes das relacións entre a literatura e o fútbol. Da man do cantor Lluis Llach coñeceu ao popular poeta catalán, cando estaba afectado dunha esclerose múltiple e tiña importantes dificultades para falar. Guardiola participou en presentacións dos seus poemarios, como a do Llibre de les solituds (1997), que o autor de Roda de Ter lle dedicou a el e a súa dona Cristina Serra, e mesmo chegou a substituír a voz do escritor en roldas de lecturas en centros escolares. Tras o pasamento do poeta, sendo xa adestrador, participou nun libro cedé de homenaxe a Martí i Pol, (Tribut de sorra i fulles) recitando un fragmento do poema «L’hoste insòlit» musicalizado polo grupo Mokodude. Este compromiso coa lectura e coa literatura catalana foi recoñecido polo Gremio de Editores de Catalunya co premio Atlántida 2010, que recibía por vez primeira un futbolista.
A figura do «señor Josep Guardiola», asociada á poesía e ao mundo do libro, axuda a desmitificar tanto algúns dos tópicos asociados co deporte como os que arrastra a lectura, a literatura ou o cinema, actividades presentadas a veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles co balonmpé. É innegable que son moitos os futbolistas que non teñen entre as súas afeccións as da lectura ou algunha inquedanza artística. Mesmo é moi coñecida a anécdota protagonizada polo goleiro Romario cando quedou tan pancho na televisión brasileira declarando que “non lía nunca porque lle daba dor de cabeza”. Porén, hai tamén futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai moitos escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais.
Pep Guardiola é un modelo da alquimia posible entre o fútbol e a poesía, dúas actividades que perseguen a beleza até a súa gorida e son capaces de representar con linguaxes diversas os conflitos e as emocións da condición humana. Lémbrao Eduardo Galeano, quizais o escritor que mellor ten abordado esa relación:«A historia do fútbol é unha triste viaxe do pracer ao deber. Ao que o deporte se industrializou, foise desterrando a beleza que nace da ledicia de xogar porque si».
Eis o vídeo promocional de Vigo en Londres, colgado polo propio alcalde Caballero. A peza é visualmente fermosa, coma é a cidade nosa, mais o relato e a suxestiva voz off non posúe solidez narrativa abonda. Estrágase unha bonita metáfora, a da cidade que naceu do mar e foi desenvolvendo na ribeira. Nese fío non se entende que non exista referencia ningunha a Galicia nin a «cultura e lingua galega», coma se Vigo fose unha illa no Atlántico, contextualizando apenas a cidade na «cultura ibérica», no carácter «celta», nas «raíces latinas» e na «familia portuguesa» (o que máis me prestou). Insístese na idea dos «homes», nunha perspectiva machista dificilmente entendible en inglés, e nos tópicos, que se entenden máis amables para os británicos, da gastronomía, da festa e da noite. Con todo,o que máis me sorprendeu é o feito que apenas apareza a actividade cotián da cidade, dende o rebumbio dos vitrasas, a factoría de Citroën, á cidadanía ruando. Non me encheu, queda a anos luz da marabilla do tempo futuro.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación crítica do sector naval na área metropolitana de Vigo.
Como sucedera a comezos dos oitenta, enfrontámonos ao futuro do sector naval, unha das trabes da economía do noso Vigo industrial durante o século XX. Outrosí un sector declarado de forma unánime como «estratexico» para Galicia sofre unha crise brutal que até agora supuxo a destrución de 9.000 empregos directos e varios milleiros máis indirectos, a incerteza para outros 4.000 afectados por expedientes de regulación de emprego, a entrada en estado concursal de cinco dos grandes estaleiros e a desaparición, polo momento, de 200 empresas auxiliares. Unha situación delicadísima que de non ser atallada con enerxía podería provocar a medio prazo a inevitable desaparición do sector. Un problema que afecta o celme industrial da nosa abella da ribeira, tanto porque o sector da construción naval veu achegando case un terzo da nosa riqueza, como polo feito que durante máis dun século constituíu un dos eixos do noso desenvolvemento. Non o esquezamos: Vigo é o que somos grazas a que construímos barcos, unha actividade que, até agora, formou parte da identidade da cidade.
O bloqueo da Unión Europea ao sistema de bonificación fiscal á construción naval que todo o sector español veu utilizando, a famosa «tax lease», tras a denuncia interesada realizada hai case un ano pola Asociación Marítima Holandesa, á que se sumaron outros países como Noruega, Francia, Finlandia e Portugal, provocou en boa medida a progresiva paralización dos estaleiros vigueses. Convén lembrar que este sistema de arrendamento financeiro é unha transacción complexa organizada por un banco, no que ademais do armador e estaleiro construtor da embarcación e da sociedade de leasing que intermedia entre eles, participa como inversionista unha Agrupación de Interese Económico (AIE) formada por empresas doutros sectores económicos (dende Inditex, Ikea, Ferrovial a Corporación Dermoestética) que acumulan unha serie de beneficios fiscais e consiguen unha rebaixa do prezo final do buque. Este modelo de financiamento, que pode supoñer bonificacións fiscais de até o 20%, permitiu na última década a construción en España de 272 embarcacións, mais é innegable que suscitou desconfianza no exterior (xa dende 2006) tanto pola súa complexidade societaria como polo seu encaixe coa normativa europea da competencia. Denunciado agora polos competidores da nosa industria naval como unha axuda estatal ilegal e discriminatoria, a posta en marcha dun novo sistema de bonificación, alternativo á “tax lease”, semellaría imprescindible para que os nosos estaleiros reinicien a súa actividade.
Mais como sinala nas páxinas de Faro de Vigo Alfonso Paz Andrade, un dos mellores coñecedores do sector naval e pesqueiro de noso, haberá que preguntarse cal é a razón de que na ría de Vigo haxa cinco estaleiros inactivos e, ao mesmo tempo, outros estean traballando. Un xeito moi elegante de expresar que o bloqueo europeo da “tax lease” non é o único problema do noso sector naval, que existen moitos outros de carácter estrutural que nunha situación crítica como a actual non poden ser agochados. Coa «tax lease» en vixencia, hai pouco máis dun ano a carteira de pedidos dos estaleiros da ría de Vigo comezaba a ser desoladora, incapaz de competir cos estaleiros asiáticos. Ademais, a xestión nefasta que arrastran algúns estaleiros dende hai tempo, a falta dun liderado corporativo no sector, os atrasos nalgunhas entregas e as súas penalizacións correspondentes, como o propio sistema de subcontratación sobre empresas auxiliares e a situación laboral do sector son outras claves para entender a dificil situación actual.
Con todo, a saída inmediata para o sector naval vigués ten carácter político. Así o recoñece o recente acordo por unanimidade do Consello Económico e Social de Vigo, onde están presentes partidos, sindicatos e asociacións empresariais. O reiterado compromiso electoral de Rayoy de solucionar o bloqueo da bonificación ao día seguinte de ser nomeado presidente debe facerse efectivo. Outrosí sucede coa actuación proactiva da Xunta de Galicia que non pode manterse máis tempo como un espectador que se laia impotente da situación. Como sinalaba un editorial recente de Faro de Vigo «é imprescindible atopar un réxime fiscal razoable, estable e respaldado por Bruxelas» para que o noso sector naval poida competir en igualdade de condicións no marco europeo. O Goberno español ten a obriga de negociar a cara de can diante da Comisión Europea esta saída técnica, que é tamén política, que evite o fundimento do noso sector naval. Parafraseando o himno a ritmo de ska «Sector naval», que cantaban Os Resentidos de Antón Reixa hai vinte cinco anos: «Son como o sector naval, uua / hei, hei, resistirei / hei, hei, resistirei / Vigo, Ferrol, solución».
Coñecín a Antón Reixa no mes de agosto de 1975. Ambos os dous eramos alumnos nos cursos de galego do ILG que naquelas calorosas tardes impartía Carme Panero nas instalacións do actual Instituto Politécnico de Vigo. Pareceume xa daquela un ghicho distinto, non só pola súa importante estatura e voz poderosa, nin sequera polas súas extraordinarias ocorrencias retranqueiras, mais e sobre todo pola seguridade afectiva que achegaba ao grupo no que participaba. Reixa acreditaba daquela xa as cualidades dun liderado natural de home tranquilo, que abofé continúa conservando. Artista inquedo, dende Rompente Grupo de Comunicación Poética, alí onde traballou, desenvolveu unha traxectoria de creador comprometido, explorou as marxes e arriscou no emprego das novas linguaxes, sobre todo no audiovisual, onde foi en Galicia un pioneiro. Resentidos, Nación Reixa, Sitio distinto, Mareas vivas, O lapis do carpinteiro, ou a recente antolóxica de trinta anos de traballos videográficos do CGAC son excelentes mostras do traballo dese espírito de emprendedor creativo do vigués. A súa elección como presidente da SGAE é un motivo de fachenda para todos os membros das industrias culturais galegas. Desexámoslle éxito e acougo nun desempeño que sabemos será moi difícil neste tempo de tránsitos para as industrias culturais.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).