Rúa para Zeca Afonso
Adhírome entusiasmado á iniciativa que promove o amigo Benedicto (parabéns polo animadísimo blo) de reclamar unha rúa en Santiago para Zeca Afonso.
Adhírome entusiasmado á iniciativa que promove o amigo Benedicto (parabéns polo animadísimo blo) de reclamar unha rúa en Santiago para Zeca Afonso.
Nesta páxina pódese atopar unha boa mostra de vídeos de música dos oitenta (Agradecidos, Pedro). A verdade é que non está todo e hai moita paxarada, mais, fedellando aínda se poden atopar cousas ben xeitosas. Entre tanta ramallada atopei aos meus amigos de Siniestro, tan noviños que non puiden evitar publicalos.
Souben hoxe da noticia da homenaxe que se está a preparar en lembranza de Pucho Boedo o domingo 5 de febreiro no Pazo da Ópera. Semella que vai participar unha tropa de medo. Boedo é un dos heroes secretos de Galicia e merece seguir sendo cantado e recordado. Unha iniciativa moi boa para comezar este ano da Memoria.
Para a xente da miña xeración universitaria a música celta era a música bretona de Gwendal e Alan Stivell, a fusión das guitarras eléctricas co son de gaitas e harpas. Aínda lembro cando merquei aqueles memorables Live in Dublin e Before Landing de Stivell (o bo amigo de Carlos Núñez) na tenda de discos que había enfronte da desaparecida Libraría Couceiro. Porén, a Gwendal case lles perdera a pista, despois das súas aburridas aventuras new age de finais dos oitenta, fío que recupero coa publicación recente, polo selo Resistencia, do magnífico War-Raog, título que evoca o berro dos campaneiros antes de comezar a tanxer. Afortunadamente, os novos Gwendal resucitan con pulo. Adiante! Recoméndoo.
Esta edición xaponesa do novo disco de Carlos (aparecida a mediados de xullo) inclúe temas de bandas sonoras ( The Mission, The Godfather, Barry Lyndon) e algunhas versións de temas clásicos (como a do bolero ou a do adaxo do Concierto de Aranjuez, que xa tocara en Castrelos o pasado ano). Xa me presta telo!!!
Salvador Rodríguez adoita ofrecernos cada domingo no Estela unhas magníficas reportaxes, un xénero cada vez menos frecuentado na prensa. Hoxe publica unha excelente e documentadísima sobre a presenza da música galega en Xapón. Sen caer en tópicos nin en grandilocuencias, tan frecuentes cando falamos da nosa proxección internacional, debulla a presenza dende hai anos no país do sol nacente de Milladoiro, Luar na lubre, a Real Banda e Cuchús Pimentel.
A verdade é que eu sempre fun dos Boíños. Sen embargo, impresiona a forza desta foto recente das Vellas e Satánicas Maxestades que acaban de iniciar a nova xira. Aquí pódese gozar de balde de catro das cancións do novo cd, A Bigger Band, que sairá á venda o 5 de setembro. Unha gozada.
Onte no Interceltico, a pesar do relente da nortada e das esperas interminables, rendémonos diante do clasicismo de Milladoiro. Despois de vinte e cinco anos de traxectoria manteñen a frescura e non se dobregan ao ditados das modas e do comercialismo coiuntural. Recomendo o último disco, unha escolma espléndida, alén de incluír un tema novo (“Mourindade”). MIlladoiro nunca defrauda.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
