Onte 141: Desfeita cultural en Vigo

A crise económica e a falta de políticas estratéxicas públicas no eido da cultura está provocando unha auténtica desfeita en Vigo. O formidable arquivo fotográfico Pacheco, tesouro da memoria viguesa de boa parte do século XX, pechou coa fin do ano. O Marco, o museo de arte contemporánea co maior número de visitantes do país, sobrevive en precario cos fondos municipais, afogado polas débedas das achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG e pola retirada do mecenado da caixa. O Museo do Mar de Galicia, a alfaia de Alcabre, reinicia unha nova xeira, tras a demisión do seu director, fartiño de loitar en soidade contra a falta de medios. Da creación da Biblioteca Pública do estado na Panificadora, hai meses que nada se sabe. O centro arqueolóxico do Castro reduce o seu horario. Os festivais Transforma e Marisquiño ameazan marchar da cidade por falta de apoio do concello. Os centros culturais do que foi a caixa anuncian que cobrarán pola cesión das súas instalacións. E se todo isto non abondase, onte, o Museo Liste, probablemente un dos centros didácticos sobre a cultura tradicional máis importantes de Galicia, anuncia o seu peche. Afogado polas débedas, tras a redución drástica en 2010 da asignación que recibía do concello de Vigo -ollo!, cando o BNG xestionada as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico-, que pasou –por un erro administrativo, nunca subsanado- de 96.000 a 6.000 euros anuais. Incrible!, aínda que custe acreditalo. Como arrepiante é a posibilidade, para vergonza cidadá, que o propietario deste museo (privado) venda algunha das pezas (patrimonio único) coa intención de liquidar as débedas ou que a súa páxina web apareza só en castelán.  Non abonda con laiarse, agora, do peche de almeiros da memoria nosa como o Pacheco e o Liste. Ninguén dubida que é obriga do concello de Vigo garantir a continuidade de ambos os dous museos, unha responsabilidade que o alcalde debe asumir sen matices decontado. No entanto, a cerna desta desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das persoas responsables da Consellaría de Cultura ou dos avatares da composición de cada goberno municipal. Con tantos gobernos progresistas como tivemos na dúas últimas décadas, é posible que non contemos aínda con documentos estratéxicos básicos como son un plan municipal de museos ou un plan municipal de lectura? Hai algunha razón  para que non se crease un Consello Municipal de Cultura, como teñen outras tantas cidades? Canto tempo perdido, meu deus!

Man de Camelle

Agradecémoslle a Orestes Pérez que compartise este interesantísimo documento sobre Man de Camelle, coincidindo case co aniversario do seu pasamento. Boa parte destas imaxes foron gravadas en 1986. A partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle.

Inauguración da Cidade da Cultura

O acto de inauguración da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, que suporá tamén a apertura ao público  da Cidade da Cultura a partir de mañá, amosou a profunda fenda que nesta lexislatura se abriu na política galega.

Resultoume incomprensible a ausencia no acto dos membros do BNG, o partido que tivo a principal responsabilidade durante o seu período de goberno na construción e finalización de ambos os dous edificios inaugurados esta mañá, así como en imprimir un maior pulo ao desenvolvemento do proxecto ideado por Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Só polo respecto que merece o traballo desenvolvido por Ánxela Bugallo e polos membros do seu equipo ao longo de catro anos nesa dificilísima tarefa, a dirección do BNG debeu ter asistido a un acto ao que acudiron membros dos máis diversos sectores da sociedade e da cultura de noso. Unha presenza protocolaria que non impediría o lexítimo exercicio de crítica aos contidos e a forma de xestión escollida para a CdC por parte do actual Goberno Galego. Outrosí sucede coa ausencia de Emilio Pérez Touriño, o ex-presidente da Xunta, que sempre defendeu a continuidade do proxecto.

Resultoume desafortunado que Alberto Núñez Feijóo aproveitase o seu protocolario discurso inaugural para incluír con sutileza a Camilo Jose Cela na historia da literatura galega, ao citar que nesta «biblioteca poderán consultarse os manuscritos do único premio nóbel da literatura galega», un comentario que con certeza non asumirían ningún dos nosos membros da Real Academia Galega nin o profesorado de literatura galega das nosas tres universidades.

Con todo, para min o máis abraiante do acto sucedeu xusto ao remate da interpretación do himno galego por parte do Coro Gaos, que foi acompañado pola gaiteira Cristina Pato. No momento de acometer «nazón de breogán» os coristas (por un razón para min descoñecida) fixeron a omisión da palabra «nazón». Non sabería chamar doutra maneira a ese pianissimo tan suaviño e tan inintelixible para describir como acometeron o sintagma pondaliano, unha elipse coincidente cun tiro da gaiteira ourensá. Unha situación corrixida ao remate do acto por un berro cívico de «nazón, nazón» pronunciado por un dos convidados. Un berro, sen dúbida, moi oportuno, xa que o Arquivo e a Biblioteca de Galicia hoxe inaugurados, como toda a Cidade da Cultura, deberán estar ao servizo da nazón, da súa lingua e da súa cultura. Eis o primeiro criterio para xestionar un proxecto para todos os galegos e as galegas que, a pesar do seu enorme custo de construción e mantemento (cifras que se deberían facer públicas), non pode de maneira ningunha hipotecar o futuro do resto das políticas culturais públicas. Facer compatibles ambos os dous criterios non vai ser doado, razón pola que os responsables deste traballo ben merecen, ao inicio do seu camiño, os nosos mellores desexos de éxito.

Triste Museo do Mar

Onte á mañán, aproveitando un día precioso, achegámonos ao Museo do Mar de Alcabre para visitar a súa exposición permanente. Xa tiveramos a oportunidade, algúns meses antes da inauguración, de coñecer algúns destes contidos que centran, definitivamente, o museo arredor do mundo da pesca, como o de Concarneau e Douarnenez. A primeira sorpresa nosa foron tanto o escaso número de visitantes como as importantes carencias de servizos que ofrece a instalación reinaugurada no pasado Nadal. O museo, inexplicablemente, non ofrece unha exposición inaugural que contribúa ao “efecto chamada”, non ofrece material gráfico de apoio aos visitantes (bótase en falta, sequera, un planiño para seguir un itinerario complexo e denso, especialmente nos módulos do soto), non abriu os servizos de restauración (tan importantes hoxe nos museos dirixidos ao público familiar) e, sobre todo, non conta cunha campaña de promoción que o visibilice e anime a súa visita. Con todas estas carencias o museo amósase triste, sen lucir a súa enorme potencialidade, tanto arquitectónica como dos seus propios contidos (a pesar da humildade do seu acuario). Ben sería que se solucionasen, canto antes, estas eivas, para evitar que este museo (no que temos postas tantas esperanzas) caia na mediocridade da Casa das Palabras. Estou convencido que é tan posible como necesario reorientar esta deriva. A Consellaría de Cultura, responsable agora do museo, debe tomar urxentemente cartas neste asunto.

Etiquetas:

Sala para o libro no Museo do Pobo Galego

Onte foi inaugurada a nova sala no Museo do Pobo Galego denominada “Da imprenta. Dos impresores e encadernadores. Do libro e a prensa” e subvencionada polo Xacobeo. A sala presenta os oficios de impresores e encadernadores e recolle o máis representativo da cultura letrada na historia de Galicia até o presente. A inauguración desta sala constitúe un feito significativo xa que carecemos en Galicia dun museo sobre a imprenta e o libro, unha institución necesaria para recoller toda a nosa memoria literaria e textual. Quizais esta sala do Museo do Pobo Galego, que xa temos ganas de visitala, poida ser o xermolo do Museo do Libro Galego que entendemos formará parte do proxecto da Biblioteca e Hemeroteca Nacionais da CdC.