A crítica dos nosos premios
/en Críticas, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Premios/por bretemas
Non podo negar que estou moi satisfeito da aparición das primeiras críticas que están recibindo as tres obras gañadoras dos nosos premios deste ano:
- Premio Merlín de literatura infantil: “Un premio Merlín engaiolante“.
- Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil: “Nazis e okupas nas montañas luguesas“, “Hippies e nazis en Galicia“, “A cova das vacas mortas de jaureguizar“.
- Premio Xerais de Novela (presentámolo por vez primeira mañá martes en Compostela): “O último premio Xerais“.
A aparición das primeiras valoracións das obras que publicamos é un momento importante do proceso de edición, tanto para o autor como para o editor. A partir dese momento é cando podemos afirmar que os libros o son. Mágoa que existan aínda tan poucos espazos para a crítica literaria, especialmente nos medios analóxicos impresos. Son vitais para podermos existir.
A Cova das Vacas Mortas
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Xerais/por bretemas
Hoxe aparece a primeira crítica sobre a última novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2006 de literatura xuvenil. A crítica de Isabel Soto é moi boa, chamando á lectura:
“En definitiva, o conxunto conforma unha suxestiva historia que ha espertar a curiosidade do lector pola súa lograda construción e a intelixente dosificación de elementos reais, ao servizo das necesidades ficcionais (comunidades hippies e nazis en Galicia, inversión de papeis, o pasado do avó e a súa decisión de morrer canda as súas lembranzas, a funcionalidade da cineasta alemá, os presupostos nazis ante os que tomar partido, a actitude do sinistro profesor Robles…). Engadamos a axeitada combinación de ritmo e intriga, o acerto no ton narrativo, a prosa áxil e a naturalidade dos diálogos, e teremos como resultado unha narración á que lle auguramos éxito entre os lectores”.
A Cova das Vacas Mortas presentarase nas próximas semanas (anunciaremos data axiña), coincidindo coa apertura da nova Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Compostela. Logo, temos previsto unha presentación virtual da novela, con presenza de blogueiros en Vigo (quen queira apuntarse que mo faga saber), ademais da apertura dun sitio web específico da obra (quedou moi xeitoso).
Hoxe, tamén, pechamos o compromiso da edición de Salitre (xa vai na 4ª edición) en castelán, o que constitúe un feito moi a salientar.
O tesouro da lagoa de Reid 'Is
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Presentacións, Xerais/por bretemas
O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.
Ler, saber, facer
/en Efemérides, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
O Día Internacional da Biblioteca Escolar celébrase este ano baixo o lema “Ler, saber, facer”. Recomendo baixar o documento PDF elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, no que se dá conta das características da efémeride en Galicia e se suxiren moitas actividades para realizar nas Bibliotecas dos centros educativos, durante o día de hoxe ou durante esta semana, co obxectivo de facer visible a biblioteca escolar na sociedade.
"Rúa Carbón" finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006
/en Literatura infantil e xuvenil, Premios/por bretemas
Onte deuse a coñecer o fallo do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006. O que desgrazadamente non aparece en medio impreso ningún (ou eu non o vin) é que na acta do xurado aparece como finalista Rúa Carbón, a novela de Marilar Aleixandre (un feito que nunca sucedera no premio). Polo que sabemos a última votación entre as dúas obras finalistas foi axustadísima (5-4). Outra vez comprobamos que a fronteira para acceder ás portas da gloria sempre é ben estreita. Os 10 libros en galego para ler antes do 18 anos
/en Literatura infantil e xuvenil/por bretemas- O vixía no centeo de J. Salinger.
- A illa do tesouro de Stevenson.
- Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll.
- O vento nos salgueiros de K. Grahame.
- O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz.
- Arnoia, Arnoia de X.L. Méndez Ferrín.
- A sombra cazadora de Suso de Toro.
- Morning star de Xosé Miranda.
- Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo.
- ¿Que me queres amor? de Manuel Rivas.
Pablo Auladell
/en Blogs, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
Coñecín ao ilustrador Pablo Auladell polo magnífico traballo que fixo para a edición non venal de “Un radiante silencio”, un conto de Agustín Fernández Paz que formará parte do seu próximo libro en Fóra de Xogo. O ilustrador mallorquín mantén un blog onde vai publicando parte dos traballos en marcha. Unha proposta moi interesante.O ABCdario de Peonza
/en Lectura, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
O magnífico ABCdario de animación á lectura do Equipo Peonza pode consultarse no Cervantes virtual. Un deses textos imprescindibles para profes, bibliotecarios ou editores, agora, por fin on line. Moi, moi recomendable.
Grazas, Tökland.
Ler dende o berce
/en Lectura, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
Vía Libreros atopo este interesante artigo sobre o inicio do proceso lector. A afirmación máis rotunda do texto é que “os oito meses de vida é o momento no que cómpre iniciar ao bebé na familiarización do libro como obxecto”. Semella que nesta idade, cando o neno ou a nena xa pode sentar e coller o libro coas súas mans, é a do inicio do complexo proceso pre-lector. Precisamente, asumindo este criterio, Kalandraka editou o primeiro libro en tea en galego e a colección “Do berce á lúa“, títulos moi axeitados para estes pre-lectores.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Feira do libro na Alameda1 de Xullo de 2026 - 4:07 a.m.
Xabier P. DoCampo no «Álbum de Galicia»28 de Xuño de 2026 - 9:58 a.m.
Lectura en galego e xénero27 de Xuño de 2026 - 10:51 a.m.
Festa do orgullo24 de Xuño de 2026 - 10:49 a.m.
O novo Vigo vello17 de Xuño de 2026 - 10:44 a.m.








