A lectura, chave do coñecemento

Non pode pasar sen anotación no blog a reportaxe que onte publicou El País sobre a cultura de masas en España. Máis alá dos datos que proporciona sobre hábitos de consumo de produtos culturais, quero salientar o papel principal que se lle concede á lectura. Recollo dúas frases luminosas do noso amigo José Antonio Millán:

O medidor fundamental do nivel cultural é a lectura, «a chave do coñecemento na sociedade da información», segundo escribe o experto en cultura dixital José Antonio Millán en La lectura y la sociedad del conocimiento. «A colosal acumulación de datos que constituíu a sociedade dixital non será nada sen os homes que os percorren, integran e asimilan. E isto non será posible sen habilidades avanzadas de lectura».

A lectura como eixo central das políticas culturais e educativas; o libro como pan da cultura e da educación. A lectura e o libro como chaves do coñecemento.

Aprimorar a lectura e a escritura

Alessandro Martins recompilou vinte e unha listas para aproimorar a lectura e a escritura que veu publicando no seu blog ao longo dos últimos anos. A pesar de que teñen un interese desigual, hai algunhas magníficas e útiles para ser empregadas na animación bibliotecaria. Eis o caso dalgunhas das listas sobre a animación da lectura: «Como aprendín a gustar da ler con once actitudes dos meus pais», «Os dez consellos para ler máis libros cada ano», «Os dez motivos para ler os clásicos», «Os doce consellos que facilitan o hábito da lectura». Como tamén as listas para aprimorar (que verbo bonito) a escritura, onde destacan «Os sete consellos de Gabriel García Márquez para escibir mellor». Esta recompilación de Martins é unha anotación para o arquivo. Moi útil. Grazas.

«La lectura en España. Informe 2008»

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a Federación de Gremios de Editores de España acaban de publicar un informe sobre a situación da lectura en España durante o pasado ano 2008. Baixo o título de La lectura en España. Informe 2008 e o subtítulo «Leer para aprender», o volume cooordinado e introducido por José Antonio Millán realiza un amplo percorrido sobre as cuestións básicas da lectura e as fronteiras actuais da edición e dos futuros do libro.Organizado en tres grandes apartados, precedido dun adral maxistral de Roger ChartierAprender a ler, ler para aprender»), na primeira abórdase a situación actual da lectura (con traballos sobre a ofreta editorial, a situación libreira e bibliotecaria, a lectura da prensa e o papel da lectura no sistema educativo), na segunda a voz dos lectores e na última unha varia de achegas dalgúns dos máis importantes ensaistas sobre a lectura (dende Cassany e Barandiarán ao propio Millán). Un informe onde hai moito para debullar e reflexionar. É de salientar como extraordinariamente positivo que o informe se publique baixo unha licenza Cretive Commons e se poida baixar gratuitamente en formato pdf, dende a páxina da Federación de Editores, tanto completo como por cada un dos seus capítulos. Sen dúbida, isto si que constitúe un fito na historia da edición en España.

Suplementos analóxicos

Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.

Topoloxía

Ten razón Arturo, o discurso da proxección exterior da literatura galega é o mesmo da proxección interior. Como sinalo nun comentario que deixei no seu blog, ambas as dúas, a interior e a exterior, son as dúas facianas dun mesmo corpo que ten vontade de ser visible. Sen entrar en disquisicións sobre o que sucedía nos tempos do perezvarelismo, hoxe o que non parece sensato é investir en custosas viaxes internacionais e (tras case catro anos) non ser capaces de dotar ás nosas bibliotecas das nosas novidades editoriais (como está previsto na Lei do Libro e a Lectura). Sobre esta cuestión poderiamos facer denuncias que escandalizarían. Mais xa estamos cansos de batallar aquí e acolá e de recibir tratos severísimos. Neste eido, por prudencia, tiramos a toalla. No entanto, aproveitando a piedade destas xornadas de Nadal, cos meus comentarios pretendo contribuír a ese esforzo en man común que ten por obxectivo que os nosos libros en galego poidan ser minimamente visibles nas librarías e nos medios de comunicación (fundamentalmente electrónicos) preocupados por eles. Isto é o que chamo exercicio de «autoestima». E tal como están as cousas, este exercicio de proxección interior é imprescindible. Os grandes discursos grandilocuentes sobre o libro galego, deixámolos para os políticos, que para iso andan apurados en concurso electoral.

Ler fainos máis grandes

O noso amigo o editor Joan Carles Girbés é o autor de Guia práctica para fer fills lectors, unha guía concibida para o fomento dos hábitos lectores dentro da familia, da que en Cataluña se levan repartidos xa oitocentos mil exemplares. Bravo, Joan Carles!
Un libro onde aparecen, ademais, eses DEZ CONSELLOS INFALIBLES PARA QUE OS NENOS E AS NENAS ODIEN OS LIBROS:

1.- Cando empecen a ler en voz alta, interrómpeos constantemente para marcar os seus erros
A ti tamén se che sacarían as ganas de seguir lendo.
2.- Obrígaos a ler
Nada máis eficiente que un simple monosílabo, le! para conseguir o efecto contrario.

3.- Menospreza os seus gustos e non respectes o seu criterio
Que é mellor, que lean o que lles gusta ou que non lean?
4.- Imponlles lecturas
Esa novela que tanto che gustou á súa idade non ten por que ser do seu agrado.
5.- Pídelles que che fagan un resumo
Non deixes que asocien os libros cos deberes.

6.- Controla todo o que len
Interesarse non significa examinalos e interrogalos.

7.- Lémbralles os beneficios de ler
Dille: os nenos que len sacan mellores notas, coma o teu amigo. Así o rapaz ou a rapaza perderá as ganas de ler e collerá manía ao amigo.

8.- Relaciona os libros só cos deberes
Un libro non debe ser só un instrumento para aprender cousas.
9.- Castígaos sen tele por non ler
En ver de converter a tele no noso aliado, preguntándolle, por exemplo, cantos filmes infantís baséanse en libros?
10.- Esíxelles lecturas non axeitadas.
Non por se bo e correcto, un libro debe ser axeitado á súa idade ou ao seu estado madurativo.

(Tradución galega: Trafegando ronseis; castelá: ediciona)

Esta iniciativa modesta de popularización do hábito da lectura no seo da familia, con motivo do Nadal, ben podería ser emulada en Galicia. A relación entre custo e rendabilidade social e cultural é óptima. Beizóns para Joan Carles!

«Malia ao escaso tirón»

Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia.
Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.