Luís Noia, in memoriam
Actualización (20-08-2006): No artigo da semana recordo a figura de Luís.
Faleceu Marta Mata, a grande impulsora da renovación pedagóxica catalana e defensora da escola pública. Os membros dos MRPs, os ensinantes que nos vencellamos no proxecto da escola galega das pombas debémoslle moito a esta mestra de escola e mestra de mestres, con moi boas amizades en Galicia.
Tiven a oportunidade de coñecela personalmente hai vinte anos nun encontro preparatorio do Congreso de MRPS celebrado na súa casa de can Garriga ao que acudín con Antón Costa. Sempre lle tiven lei a dona Marta pola súa afouteza inquebrantable na defensa da dignidade da profesión e pola súa profunda convicción nas posibilidades de transformar a sociedade dende o traballo pedagóxico comprometido. Unha grande perda.
Onte morreu Asun Balzola. A artista bilbaína foi unha das máis importantes ilustradoras de libros infantís e xuvenís en España nos últimos trinta anos. Autora, tamén, dalgúns textos memorables, nos anos oitenta fixo unha importante contribución á incipiente edición infantil galega ilustrando títulos da primeira colección de Sálvora ou o O gato Bógar, un dos primeiros e máis emblemáticos libros da colección Merlín. A claridade da liña, a textura da cor e a profundidade dos seus personaxes caracterizaron o traballo de ilustración desta xenial artista. Beizóns para ela.
O pasado día dez finou Ricardo García Suárez, máis coñecido como Xohán Ledo, o ilustrador e debuxante que máis activamente participou no deseño das portadas e na diagramación dos libros da editorial Galaxia, da que foi director artístico durante as tres primeiras décadas da súa andaina. Ao seu talento debémoslle portadas como a d’ A lus do candil de Fole de 1953, a primeira edición d’ As crónicas do Sochantre de Cunqueiro, a primeira d’ Os biosbardos de Blanco Amor ou varios dos volumes ilustrados da colección Illa nova. Colaborou en Grial e en Galicia emigrante. Médico de profesión, unha vez xubilado emprendeu a proeza de traducir para o galego a Shakespeare, publicando en 1998 dous dos cumes shakesperianos, Ricardo III e Xulio César. Colaborou, tamén, con Álvaro Álvarez Blázquez na Serigrafía Gallega. Moi difundido foi o seu cartel do primeiro día das letras galegas de 1963. En 1998 recibiu o premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.
Mágoa que o seu pasamento pasase tan desapercibido para a prensa galega, unha mostra da dolorosa enfermidade do esquecemento que padecemos. Beizóns para un grande artista e escritor, que a terra que tanto amou lle sexa leve.
Magoaríame que por mor do rebumbio estas brétemas non lembrasen que hoxe é o décimo cabodano de Lois Pereiro. Recomendo as homenaxes de Josito, Mourullo, Folerpa e Jaureguizar. Aposto polo vindeiro dezasete para o inesquecible Lois:
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e furia necesaria.
Durante máis de corenta anos, don Antón Patiño Regueira, coa inestimable axuda da súa compañeira Sinda, fixo de Librouro, a libraría da rúa Eduardo Iglesias, un referente inescusable para o libro galego en Vigo. Nos tempos da ditadura, podían adquirirse alí, baixo man e coas debidas precaucións, algún dos títulos máis emblemáticos editados polo galeguismo do exilio; foi este caso daquela edición de peto de Sempre en Galiza, a cuarta (1974), que el persoalmente solicitou imprimise Ediciós Galiza do Centro Gallego de Buenos Aires, e que para moitos de nós foi a primeira que lemos. Como presidente da Agrupación de libreiros fundou, hai máis de vinte e cinco anos, a Feira do Libro de Vigo, sendo animador primeiro das súas actividades na Praza de Compostela. Foi tamén, pioneiro en Galicia do estudo dos fungos, fundador da Federación Galega de Micoloxía e da Agrupación Micolóxica “A Zarrota”, entidades desde as que como teimoso argalleiro promoveu múltiples actividades de difusión da cultura dos cogomelos no país de noso. Tamén sabiamos da súa amizade con trasnos e meigas, compostores e manciñeiros, da súa capacidade versificadora retranqueira de auténtico bardo popular, do seu interese pola figura de Filomena Arias Armesto (posiblemente a curandeira galega máis importante) ou da súa habelencia para tallar empuñaduras de caxatos que prepara coas varas de bimbieira que apaña nas súas longas camiñadas polas terras de Lemos onde naceron os seus fillos.
Polo libro desfilan acontecementos terribles. Comeza cunha carta a Manolo Seoane Díaz, o seu amigo violinista, fusilado no Campo da Rata. Continúa coa historia da Peineta, a pescantina á que lle pasearon ao seu fillo, Holando, no areal de Bastiagueiro. Rememora os asasinatos de Arturo Meirás, escritor anarquista e campión de Galicia dos pesos lixeiros, e José Antonio Boedo, o sindicalista da CNT e pai de Pucho Boedo, o famoso “crooner” galego dos Tamara. Os acontecementos do Portiño de 1937 son relatados nas páxinas do libro de Patiño con enorme emoción: douscentos republicanos intentaban salvar a vida e fuxir cara a Francia en tres bous da casa Chas, posibilidade que impediu unha delación; “ángel de la guardia” era o contrasinal dos fuxidos, triste paradoxo para os que inertes fuxían polos cantís, indefensos entre o mar e os fusís dos sublevados; algúns morreron alí mesmo, outros foron presos e fusilados días despois no Campo da Rata, ao pé da Torre de Hércules…
Como unha martelada durísima recibimos esta mañá a noticia da morte de Lázaro Enríquez.Actualización (15-12-05): fermoso o post de Ian e oportuna a información aparecida en Vieiros.
Actualización (18-12-05): recordo no artigo da semana.
Recibín por correo electrónico este texto oportunísimo de Galix sobre María Victoria:
Mª Victoria Moreno Márquez faleceu hoxe pola mañá en Pontevedra, vítima dunha enfermidade que a acompañou nestes últimos anos e finalmente venceuna.
Nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) en 1941, a Licenciatura en Filoloxía Románica tróuxoa para Galiza, onde desde 1963 ata a súa xubilación exerceu o maxisterio en institutos de Lugo e Pontevedra. A súa condición de Catedrática de Lingua e Literatura Española converteuse nunha condición funcionarial que lle permitiu espallar os seus extraordinarios coñecementos literarios e contaxiar a súa radical sensibilidade ante e a paixón de vivir a milleiros de alumnos e alumnas. Foi unha Mestra.
Logo de estudar o bacharelato en Barcelona e Filosofía e Letras (Sección de Filoloxía Románica) en Madrid, a súa chegada a Pontevedra como profesora do daquela Instituto Feminino fixo posible a súa integración na cultura galega. Aínda que comezou a súa traxectoria de escritora en castelán, axiña se integrou na nosa literatura en 1973 con dous libros que forman parte da nosa historia literaria imprescindible. Se a publicación de “Os novísimos da Poesía Galega” abriu as portas do verso novo en tempos de miseria á sociedade galega, desde a solidariedade co “home concreto” naquel “instante concreto” da Ditadura, a edición de “Mar adiante” constituíu un acontecemento no baleiro da literatura infantil-xuvenil galega. A súa dedicación á nosa cultura (desde os cursiños de Lingua Galega á marxe da oficialidade, en plena Ditadura, ata o seu labor de crítica, tradutora e pioneira da literatura infantil-xuvenil) converteuse nunha identificación co país e as súas xentes que mantivo ao longo da súa vida. Solidariedade e compromiso ideolóxico, literatura de elevado valor estético e ético para lectores e lectoras novos, sensibilidade ante a natureza viva e amor polos animais foron os eixos dunha traxectoria literaria e vital que deixou fonda pegada na nosa cultura.
Libros como “Anagnórise” (un dos máis vendidos pola nosa industria editorial), “Leonardo e os fontaneiros” ou “Guedellas de seda e liño” (o seu “testamento literario”) son referentes imprescindibles da nosa literatura sen idade. Ademais, en 2004 recolleu a súa batalla contra o enferma de cancro de mama en “Diario da luz e da sombra” (Xerais, 2004). O seu derradeiro libro, “Eu conto, ti cantas…” (Col. Merlín, Eds. Xerais, 2005) recompila tres contos de animais escritos en verso. A poesía maxistral, a solidariedade, o valor da amizade, o amor polos animais e o canto á paixón de vivir aparecen xuntos así na súa última e gran lección: “Eu son moi feliz dándolles de comer e aprendéndolles cousas aos cachorros. Aos nenos hai que darlles sempre o mellor. Por suposto, tamén na literatura”.
Foise a amante do silencio, pero a súa voz queda nos seus libros. E con ela a súa lección de vida, convertida nun “vento que canta cancións eternas sobre un mundo angustiosamente finito”. É a fermosa voz da Mestra.
Ás nove e media desta mañá María Victoria despediuse para sempre. Aloumiñada pola súa filla Begoña e polo seu compañeiro Pedro, con quen formaba dende hai varios anos a inseparable Sociedade Literaria Olmo, a grande escritora pontevedresa deu cabo ao valente combate que librou dende hai máis de cinco anos coa “pupa cabrona“, como ela chamaba a ese cancro que finalmente lle arrebatou a vida.
Assis Machado escribiu que esta enfermidade non recoñece as virtudes do suxeito a quen apreixa, nin tampouco muda a personalidade de ninguén, senón que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Esta doenza maldita emparella na súa ferocidade a todos os seres humanos, que somos igualmente fráxiles ante esa verdade. María Victoria comentoume moitas veces estas reflexións cando, hai ano e medio, traballabamos na edición do libro no que relataba a súa experiencia. Durantes aqueles meses, María Victoria comunicoume en varias ocasións, diante da ledicia contaxiosa dun bo vaso de viño tinto e dunhas cabichas ben apuradas, a súa convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación; porén, insistíame na importancia de conservar todo aquilo que confire á vida un valor, de descubrir nas rutinas diarias (por dolorosas ou difíciles que sexan as situacións) pequenos praceres insospeitados, de establecer vencellos afectivos e amorosos cos amigos ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián.
María Victoria deixa esta súa pegada profundamente humana, esa destilación de vida en estado puro, en milleiros de alumnos, compañeiros docentes, escritores e amigos. Deixa, tamén, unha obra literaria valiosa, artisticamente grande, que seguirá viva en milleiros de lectores e lectoras de todas as idades. Sei que nestes seus días derradeiros, aínda se ilusionou un chisco coa aparición de Eu conto, ti cantas, o libro de contos en verso para picariños que ilustrou tan fermosamente para ela o seu amigo Manolo Uhía. Un abrazo e un aloumiño, María Victoria.
Actualización (23-11-2005): a noticia en El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Náufrago, Alfaias e Cabaret Voltaire.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
