«O sombreiro Chichiriteiro»

Hoxe estamos moi ilusionados, chegaron os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado de forma xenial por Patricia Castelao.

Velaí unha mostra deste traballo gráfico que Patricia Castelao realizou sobre un relato centrado sobre a amizade e a esperanza (dous valores tan necesarios nestes días difíciles de desacougo).

NEG, XXV Aniversario

Santiago, 14 de decembro 2008, XXV Aniversario de Nova Escola Galega.
[Aconséllase premer sobre a foto para vela a grande tamaño]

As cubertas de Daniel Gil

As cubertas que Daniel Gil preparou para Alianza Editorial marcaron un fito na historia do noso deseño editorial. Aquí está unha boa recompilación (938) en flickr realizada por Álvaro Sobrino. Unha gozada, tanto o traballo de Gil como a xenerosidade de Sobrino! Os editores, os deseñadores, os estudantes de deseño temos moito que aprender consultando este fondo espectacular. Alguén se atreve a dicir cál éa súa preferida?

Vía: Proxecto Q. Grazas, Danilo.

Xeración Lamote

Debemos a Xurxo Lobato desta magnífica foto dos tres membros da que poderiamos chamar «Xeración Lamote», Paco Martín, Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz. Os tres, premios nacionais; os tres, mestres da escola das pombas; os tres, amigos de corazón; os tres, trabes desas letras chairegas universalmente galegas.