«Falemos galego» e «Galego na escola»

Camilo Nogueira, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dúas mil pegatinas de cor azul que rezaban «Falemos galego». Impresas na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, aqueles autocolantes foron un vehículo privilexiado para promover o uso do galego entre a mocidade urbana a comezos dos anos setenta. A boa acollida da iniciativa levou a Camilo a custear do seu peto outras tantas pegatinas de cor vermella que desta volta rezaban «Galego na escola». Lembro o primeiro curso de galego ao que asistín, nunhas calorosas tardes de agosto de 1975, nas aulas do Instituto Politécnico de Torrecedeira. Carmen Panero, a nosa profesora, que utilizaba Galego 1 –o primeiro manual de alfabetización pra persoas adultas que publicou o Instituto da Lingua Galega– soubo comunicarnos un interese e un agarimo polo noso idioma que marcaron dende entón o meu comportamento lingüístico.

A teima do noso pobo máis humilde, que mantivo viva a súa forma de expresar o mundo, e o esforzo dos galeguistas dende 1850, permitiu o recoñecemento do idioma como oficial e a súa entrada na escola en 1980, un fito histórico, xa que dende entón son varias as xeracións que foron alfabetizadas na nosa lingua. Contamos con dúas canles públicas de televisión e outras tres de radio que, madia leva!, emiten integramente en galego, e con milleiros de funcionarios alfabetizados no noso idioma que, a pesar das dificultades e resistencias do sectores galegófobos, abriron fendas valiosas para o seu uso nas administracións locais, na xustiza e na propia policía e garda civil.

A pesar destes avances, que constitúen un auténtico éxito colectivo (e non debemos minusvalorar), é indubidable que o galego perdeu creto como lingua de instalación entre a mocidade, como amosan os  datos dos diversos estudos sociolingüísticos. Velaí unha das encrucilladas da nosa lingua, as nosas xeracións alfabetizadas en galego, as máis competentes da nosa historia no seu uso culto (tanto na lectura coma na escritura), porén, non o empregan adoito na súa comunicación oral. Mesmo os rapaces e as rapazas que o falan poden ser considerados entre os seus iguais como auténticos alieníxenas, bechos raros cun comportamento lingüístico extravagante. Se a iso engadimos que nos últimos anos, a pesar do consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, produciuse unha falta de implicación no uso social do idioma,  nos eidos político-institucionais (tanto por parte de amplos sectores do PPdeG como do PSdeG), empresariais, sindicais, eclesiásticos (onde o galego case desapareceu), como na presencia nalgúns medios de comunicación privados, que segue sendo dependente das axudas públicas, todas as alarmas sobre o futuro incerto do noso idioma están acesas.

Neste difícil contexto e a poucos días do anuncio do borrador do novo decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario que, polo adiantado a pasada semana polo propio presidente da Xunta no Parlamento, supoñerá un serio retroceso para o soño normalizador iniciado hai tres décadas, cómpre recuperar as actitudes de entusiasmo militante acuñadas pola xeración de Camilo Nogueira, Ferrín, Beiras e María Xosé Queizán, os nosos referentes morais e políticos no nacionalismo galego. Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego na escola» (agora en soporte dixital e analóxico), serán o noso primeiro dique de dignidade para comezar un novo e longo proceso de recuperación para o noso idioma. Non é o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo. A nosa causa vén de lonxe, non imos desistir. «Un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a túa tea…»

Imaxe de L.Bugallo [Moitas grazas]

«2010. Ano do Libro e da lectura»

1259228099CARTEL_LE_AMARILLO2

No artigo da semana de Faro de Vigo expreso a miña perplexidade por este ano bonsai do libro e da lectura que anuncia a Consellaría de Cultura e Deporte. Se non se modifica o enfoque decontado, proporcionándolle un carácter transversal que abranga a todas as consellarías e administracións e dispoñendo de máis medios, estamos diante dunha nova decepción anunciada.

O caso de Alcorcón, negro sobre branco

Faro de Vigo publica hoxe unha carta ao director moi clarificadora sobre «o caso Alcorcón». Un texto asinado por Manuel López Rodríguez que contesta a outra carta ao director do pasado 27 de novembro na que o doutor Pedro Larrauri aproveita un meu artigo dominical (do 22 de novembro) para atacar a nosa lingua. A verdade é que anoxa esta actitude tan pouco construtiva dos negacionistas, aos que moi pouco parece importarlles o respecto á veracidade dos feitos e o rigor á hora de enxuizalos. Reproduzo o texto de Manuel López Rodríguez, o voceiro da familia, que pon negro sobre branco sobre a situación do caso Alcorcón. A partir de aí que cadaquén valore.

O pasado día 29 de novembro na sección de cartas ó director deste mesmo xornal, publicouse unha resposta de D. Pedro M. Larrauri titulado “Os erros sobre a lingua” a un artigo de opinión de Manuel Bragado titulado “Os dilemas de Feijóo sobre a lingua”.
Nesa carta tócase dun xeito moi desafortunado e errático respeto ó recente caso do auto o cal ameaza a unha nai galega de retirar a custodia por –entre outras cousas “senrazóns”– escolarizar as súas fillas en colexios públicos en Vigo en detrimento da anterior escolarización en centros privados en Madrid con inmersión lingüística en galego, lingua sen ningunha utilidade práctica alén das nosas fronteiras.
Pois ben, acumula vostede unha caterva de erros cando se refire a que es nenas levan un ano a estudar en Vigo e que a sentenza non nega a custodia nin obriga as nenas a irse de Vigo, pois teño que supoñer que sexa só a falla de información o que lle leva a vostede a afirmar iso.
Analizando polo miúdo dito parágrafo non ten desperdizo, en primeiro lugar, é certo que a nena mais vella (17 anos) leva un ano en Vigo para o cal e após a resolución xudicial, tivo que remitir unha queixa formal perante o valedor do menor en Madrid solicitando ficar en Vigo para non interromper os seus estudos xa iniciados, e que tamén a súa irmá menor e nai así o puideran facer, outro conto moi diferente foi o que lle aconteceu: a nai e a nena mais nova que tiveron que retornar a Alcorcón despois do primeiro trimestre, sen entrar en razón o xuíz polo apoio da propia fiscalía e a nai, falando dos riscos académicos e persoais que carrexaría a volta a esas alturas do curso e contra os informes emitidos polos dous colexios informando da perfecta integración das dúas nenas tanto a nivel académico como persoal, por certo en lingua galega tamén. Como resultado a nai tivo que voltar a Madrid en circunstancias moi dolosas para ela mesma e a nena, vivindo en condicións lamentábeis durante 6 meses.
Refírese vostede a “sentenza”, mire vostede que nin nesa acerta -non é unha sentenza, é un auto que non é o mesmo, digo isto porque na súa carta é evidente o seu ar de suficiencia corrixindo os supostos erros do señor Manuel Bragado, de xustiza e que vostede esté debidamente informado do que fala, di vostede que a “sentenza” non obriga a nai a voltar a Madrid, pois ben, non sei moi ben como interpreeta a parte dispositiva o propio auto:
1. …se acuerda la atribución de la guardia y custodia provisional de las hijas menores de ambos litigantes, al padre… que deberá ser efectiva del comienzo del próximo trimestre escolar. Del día 8 de enero de 2009 salvo que concurran las circunstancias que se contemplan en el ordinal siguiente fijando en el régimen de visitas que anteriormente disfrutaba el padre.
2. No obstante lo anterior, tal cambio provisional en la guardia y custodia, podrá quedar sin efecto en la fecha fijada, a condición de que al actual progenitora custodia disponga de forma inmediata, el restablecimiento de la de la residencia en aquella localidad (Alcorcón).
Pídolle que non cause a esta familia mais dor cos seus comentarios, xa sendo suficiente cos actuais circunstancias, o agardar cada mañá a chegada de un telegrama que obrigue o cumprimento do auto coa conseguente retirada de custodia de non voltar a Alcorcón. Agardo que non sexa preciso un avogado para a interpretación do citado anteriormente se o precisara o que escribe retao a que lea o auto na súa integridade e saque as conclusións que se axusten a realidade e non os seus desexos.
Respeito tamén a súa declaración de que o deputado D. Bieito Lobeira adícase a poñer frases falseadas na boca de xuíz, non entendo moi ben esta lectura, pois o que fai señor Bieito é ler textualmente entre outros o parágrafo do auto que fede a racismo lingüístico, vostede saberá porqué o di. Prexuízos tamén?
Fala tamén de que as nenas, se cumprira o artigo nº 13 da LNL, non terían agora case que ningún tipo de problema pedagóxico por causa da lingua galega. Mire vostede, estas nenas dende o seu nacemento teñen escoitado con total naturalidade galego por moi estrano e obsceno que a vostede lle pareza, tanto pola súa familia materna nomeadamente os seus tíos, avós e a súa nai cando estaba en Galicia, como por parte paterna, tamén de ascendencia galega e debido a que pasaban entre catro e seis semanas nunha vila da provincia da Coruña, vila na que afortunadamente aínda se fala moito galego, non tiveron nin teñen ningún tipo de problema de adaptación, aínda que non existira este contact lingüístico, ten vostede en moi pouca estima a capacidade de aprendizaxe propia da condición humana e aínda máis a dos nenos e adolescentes.
Eu mesmo falo aparte do galego tres linguas máis, e isto nunca supuso un trauma para min senón todo o contrario, é un san e gratificante reto de esforzo/recompensa.
É evidente que vostede partilla dos argumentos do xuíz, e supoño que tamén o faría do interrogatorio á que foi sometida a nena mais vella preguntando éste unha e outra vez se entendía o galego, non xa como unha lingua no contexto académico, senón tamén como se a lingua propia e orixinaria da nosa comunidade autónoma fose unha infección a evitar.
Xa para rematar, na solución perante este caso que vostede aporta, saiba vostede que no escenario que no sistema educativo galego se dera ese lamentábel apartheid lingüístico que vostede preconiza, predica e desexa, esta familia galega desexaría que as nenas acadaran competencia lingüística na lingua propia de Galicia e serían outra vez penalizadas do mesmo xeito por un xuíz con tantos prexuízos respeito ó galego como vostede. Manuel López Rodríguez

Pola volta da irmandiña

No artigo da semana pretendo achegar razóns que aconsellan a volta da Irmandiña. Non teño dúbidas de que a liquidación das seleccións absolutas de fútbol forma parte da estratexia da degradación identitaria acometida por Feijóo («deconstrución» ou «subtracionismo» no máis recente libro de Manuel Rivas). Triste goberno que até nos rouba a posibilidade de vivir durante noventa minutos ao ano a posibilidade de sermos donos de nós.

Os dilemas de Feijoo sobre a lingua

No artigo da semana abordo o que entendo é o dilema de Feijóo sobre a lingua: apoiar o negacionismo ou recuperar o espazo de consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

O Supremo nega que o sistema educativo galego discrimine ao castelán

A sentenza do Tribunal Supremo do 24 de outubro de 2009, da que soubemos esta mañá por Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, debe axudar a recuperar o consenso arredor da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario . Particularmente importante resulta que este fallo negue que o sistema educativo galego discrimine ao castelán, desbotando os falaces argumentos da imposición lingüística utilizados polo PPdeG e polos sectores galegófobos cada vez máis nerviosos e decepcionados polo comportamento do presidente da Xunta, como se pode comprobar nesta carta ao director publicada tamén hoxe. Agardemos como retrucan os sectores galegófobos organizados diante desta sentenza do Supremo que nega dúas das súas principais aspiracións: a posibilidade de separación do alumnado por razón de lingua e a posibilidade de que as familias escollan os contidos do currículum que cursen os seus fillos. Unha sentenza que convirá estudar devagariño.

O texto da sentenza pode baixarse en pdf aquí (seis folios).

Recomendamos a lectura das valoracións de GPH e Prolingua sobre esta sentenza.

Lingua de liberdade, acto cívico, 14 de novembro

Galego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González  Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

Comunicado dos centros galegos de Suíza

Hoxe recibimos esta documentación en pdf dos centros galegos de Suíza protestando pola drástica redución de subvencións da Secretaría Xeral de Emigración. A unidade que expresan todas as asociacións é impresionante. Velaí a queixa da nosa Galicia emigrante.

Xurxo Souto o 18 de outubro na Quintana

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/2NI6FeDZCBY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]