Onte 359: Comeza o curso
/en Autonómicas_2012, Fútbol, Galeguismo, Goberno Rajoy, Nacionalismo, Onte, Persoal, Política/por bretemasHai xornadas de arrinque, coma de onte. Abrente de esperanza para as persoas máis queridas. Limiar dunha carreira electoral aínda aberta, a pesar das dificultades para recompoñer as pezas da trabe nacionalista. Soleira da ilusión celtista cunha traballada e sólida vitoria, da que non puidemos participar no estadio. Mais tamén inicio de días máis difíciles para a cidadanía que sofre outro duro recorte coa suba do IVE e coa perda dunha das maiores conquistas da sociedade en igualdade, a da sanidade universal. Este 1-S adianta o regreso ás nosas rotinas. Comeza o curso.
Onte 354: Adianto
/en Autonómicas_2012, Galeguismo, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Lingua, Nacionalismo, Onte, Política/por bretemasTras a conversa con Rajoy, o presidente Feijoo decidiu adiantar as Autonómicas. Péchase así unha lexislatura desoladora na que se dinamitaron algúns consensos básicos forxados ao comezo da Autonomía, singularmente o do estatus da lingua no sistema educativo, e na que se producíu un retroceso das políticas públicas de igualdade, como sucedeu nas referidas á educación, ao libro e á lectura, eidos nos que eu traballo e mellor coñezo.
Entendo que o adianto electoral está motivado pola intención do Partido Popular de anticipar a convocatoria aos novos recortes que o goberno Rajoy anunciará a finais do ano, nos que é posible poidan estar afectadas as pensións, a derradeira liña vermella que lle queda superar aos populares. Mais tamén creo que Feijoo pretende aproveitar co adianto as bazas que para o seu partido supoñen tanto a actual fragmentación do nacionalismo como a febleza do liderado no PSOE. Unha decisión que de carambola beneficiará os liderados dos seus contrincantes, Pachi Vázquez e Jorquera. Así é de paradóxica a política galega. Con todo, como ven sinalando o benquerido profesor Fermín Bouza, un optimista da vontade do que moito debemos aprender, Feijoo non as pode ter todas consigo xa que o balance desta lexislatura da crise e da austeridade selectiva («austericidade», gústame chamala) non é para botar moitos foguetes. A esta altura Galicia acadou as taxas de desemprego máis altas da súa historia, así como uns niveis aberrantes de emigración da súa mocidade. Ao longo desta lexislatura volveron baixar os índices de natalidade e aumentou a débeda a súa maior cota histórica. Non se resolveu a fusión das caixas nin se chegou a investigar este proceso no Parlamento, quedando aberto o conflito das preferentes, que afecta a case 100.000 pequenos aforradores galegos. Tampouco se produciron avances decisivos na finalización das infraestruturas ferroviarias (tanto o Eixo Atlántico como a conexión coa Meseta) nin se lle atopou unha saída á rémora megalómana da Cidade da Cultura, que pon en risco o futuro do conxunto das industrias culturais en Galicia. Balance no que tamén computan na columna vermella os recortes nas políticas de saúde, educación, dependencia e outros servizos sociais.
Na capacidade da oposición de socialistas, nacionalistas e membros de Esquerda Unida para artellar unha alternativa crible ás politicas conservadoras –en definitiva, un novo proxecto ilusionante para o país, que sexa recoñecido pola maioría social como verosímil– estará a cerna do resultado do 21-O. Unha tarefa difícil, moi difícil, para a que apenas se dispón de tempo, que require de doses elevadas de intelixencia, xenerosidade e patriotismo. Non hai dúbida que co anuncio do adianto Feijoo sae cunha certa vantaxe, porén haberá que ter en conta que até a xornada electoral respiraremos a atmosfera de inevitable pesimismo provocado polas condicións do memorando europeo do rescate bancario –con certeza, novas penalidades para a cidadanía– e xa non digo nada se chega a anunciarse un segundo rescate total, con consecuencias políticas imprevisibles. Non vexo o resultado do 21-O aínda pechado.
Foto © Parlamento de Galicia
Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»
/en Autores, Biografía, Galeguismo, Nacionalismo, Novidades, Onte, Poesía, Xerais/por bretemasCase coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.
[Avelino Pousa Antelo, agosto de 2010]/en Citas, Galeguismo, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemas
Onte 347: Mestre don Avelino
/en Artigos Faro de Vigo, Autores, Galeguismo, In memoriam, Nacionalismo, Onte/por bretemasA figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria. O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!
Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.
Onte 344: Día dos Mártires Galegos
/en Galeguismo, Historia, In memoriam, Memoria, Onte, Política, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemasComo é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:
«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».
Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.
Onte 335: Distanciamento e diálogo
/en Galeguismo, Nacionalismo, Onte, Política/por bretemasA información de Daniel Salgado en El País sobre o distanciamento entre os dous polos escindidos do BNG agoira dificultades para o proceso de unidade nacionalista. Semella que Compromiso por Galicia pretende xogar a súa estratexia a longo prazo. De cara as súas primeiras Autonómicas conformaríase con alicerzar un espazo de centro galeguista, aglutinando nun único partido a todas as formacións deste carácter, e acuñar novas formas de acción política galeguista. Unha aposta cuxo éxito dependerá, en moi boa medida, da capacidade de consolidar un liderado sólido na sociedade, aínda non configurado. Pola súa banda, Anova aposta por un proxecto de nova esquerda nacionalista e deberá decidir despois do verán sobre a proposta de coalición anticapitalista realizada por Esquerda Unida, unha opción aparentemente incompatible coa súa converxencia con outras forzas nacionalistas. Non vai ser doado nin para CxG nin para Anova resolver unha situación tan dilemática de distanciamento e, ao mesmo tempo, de inevitable diálogo, na que percibo certas semellanzas á que hai vinte anos enfrontamos os membros do PSG-EG na derradeira etapa da nosa andaina. Temo que a barreira do 5% e a redución do número de escanos penalizará de forma severa a actual fragmentación do nacionalismo galego. Dificilmente haberá posibilidades de representación no Hórreo para todas as forzas nacionalistas, unha crúa realidade.
[Herminio Barreiro, tuiteado pola Fundación Novoneyra 07-08-2012]/en Citas, Educación, Educación_para_a_Paz, Ensaio, Galeguismo/por bretemas
[Fermín Bouza na presentación de «A derrota de Galicia» de Antón Baamonde, Feira do Libro da Coruña, 04-08-2012]/en Autores, Citas, Galeguismo/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.