Onte 846: Castelao con Bagaría

O sesenta e catro aniversario do pasamento de Daniel de Rianxo é unha oportunidade para volver sobre algúns dos seus textos menos coñecidos. Así o fixen no serán de onte relendo as quince entrevistas que Manuel Rosales recolleu no primeiro volume de Para ler a Castelao. Entre todas elas, sen dúbida, foi sempre a miña preferida a conversa que mantivo con Bagaría publicada por El Sol o 19 de xuño de 1936. Cando o humorista catalán (autor dunha das máis famosas caricaturas de Daniel) lle pregunta sobre se está contento co Estatuto, que sería plebiscitado semanas despois (o día 28), a resposta de Castelao é tan lírica coma retranqueira:

–Eu non teño culpa de que Galicia posúa as caracerísticas dunha nacionalidade, mais creo que debe renunciar a parte dos seus dereitos naturais. Con que poida respirar libremente abóndalle. A Galicia abóndalle con poder resolver os seus problemas vitais e eu gostaría dunha Galicia coas portas abertas, sen carabineiros. Somos internacionalistas por convencemento e universalistas por natureza. Lembra que no ceo quedou un camiño de estrelas para sinalar a nosa comunicación co mundo antigo e no fondo do Atlántico debe existir un camiño de esqueletes galegos para marcar a nosa comunicación co mundo novo. Aspiramos que Galicia sexa simplemente un paraíso. Oe, Bagaría, non cres ti que cómpre crear pequenos paraísos?

Subscribo a afirmación de Castelao, «abóndanos con poder respirar libremente» e a súa aspiración de facer de Galicia simplemente un paraíso. Non desistiremos en tan produtivo afán.

As caricaturas que reproducimos son ambas as dúas de Lluís Bagaría. A da esquerda corresponde á conversa que os dous humoristas sostiveron en 1936, en vésperas do alzamento militar, á que facemos referencia na anotación. A da dereita, á primeira intervención parlamentaria de Castelao en 1931, «co corazón esgazado e sangrante polo seu pobo, condenado á emigración».

Onte 843: Efemérides literarias 2014

Ramón Nicolás publicou onte no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia un artigo excelente lembrando as efemérides literarias deste 2014 recén iniciado. Ademais do ano Díaz Castro, pareceume oportuno que Nicolás reparase nos cincuentenarios do pasamento de dúas figuras galeguistas a recuperar, a do político e xornalista Ramón Suárez Picallo (o 14 de outubro) e a do arquitecto Manuel Gómez Román (o 11 de novembro), así coma tamén nos centenarios do nacemento de Avelino Pousa Antelo (o 14 de maio) e Ramón de Valenzuela ( o 3 de outubro), o autor de Non agardarei por ninguén. Efemérides moi a ter en conta na planificación do noso traballo editorial e na súa utilización didáctica.

Onte 839: Paz e humor

Entre as mensaxes de anovello que recibín por Whatsapp (aqueles sms doutrora desapareceron engulidos pola fraxilidade do entorno dixital) unha das que máis me prestou rezaba: «Os meus desexos para o 2014: xenerosidade, cariño e respecto. Intolerancia absoluta só contra o fanatismo. En resumo: paz e humor». Subscribo os desexos do meu amigo que deste xeito propón enunciar os sintagmas do afecto, da simpatía, da firmeza e do entusiasmo, aqueles que nos poderán axudar na difícil tarefa de reconstruír un país hoxe en ruínas. Pola miña banda, eu só insistiría na necesidade de abandonar de raíz calquera actitude e comportamento seitario e cainita, que identifico coma síntoma dun ameazador dogmatismo conformista e paralizante. Cómpre procurar novos espazos onde compartir o relato da reconstrución da nación cos valores inclusivos da xenerosidade, da escoita, do agarimo, do respecto, da firmeza, da solidariedade e do entusiasmo até o lirismo (do que falaba Castelao). Con ese pulo, retomamos o fío do aninovo.

Onte 814: Seis de nadal

A xornada de onte non foi só á efeméride da aprobación da Constitución, a peza xurídica da restauración monárquica xoancarlista. O seis de nadal os nacionalistas galegos celebramos a fundación do Partido Galeguista tras a VII Asemblea Nacionalista organizada no salón de festas do Hotel Madrid da cidade do Lérez polo Partido Galeguista de Pontevedra. Unha asemblea constituínte decisiva na que os trinta e dous grupos e irmandades presentes acordaron a disolución das Irmandades da Fala e a integración dos seus membros no novo partido; ademais de reclamar, por vez primeira na nosa historia, o dereito de autodeterminación e a redacción dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Seis de nadal, unha data galeguista para non esquecer no «labor de acadar os dereitos de Galicia e facer dela un país próspero e glorioso».

Onte 787: «Historia de Galicia» en Andel

Na primeira presentación na nova e comodísima libraría Andel de Vigo (merecidos parabéns para Xaime e Concha Nogueira), xuntáronse máis de medio cento de persoas para escoitar a intervención de Anselmo López Carreira arredor da súa recente Historia de Galicia.

Comezou Anselmo López Carreira definindo a súa obra como «un traballo sintético, un compendio, un resume sobre historia de Galicia», «unha obra cunha clara vontade divulgativa e un enfoque interdisciplinar». Tras repasar os precedentes máis recentes deste tipo de historias xerais, desenvolveu as dúas trabes iniciais da obra. En primeiro lugar, a introdución dun capital dedicado á Xeografía («O país»), xa que «esta disciplina pode determinar a Historia, condiciona a forma de relacionárense as sociedades humanas co medio, onde nace a nación», máis aínda cando «a xeografía explica a historia do noso mapa político». En segundo, o capítulo dedicado á Historiografía. A este respecto salientou «a puntualidade coa que Galicia chega a ter historia», «a historias de Galicia de Vicetto, Murguía e López Ferreiro, aínda que este a presente como Compostelana, coinciden coas doutros estados nación». Porén, «esa dimensión historiográfica non avanzou coma a fixo a catalá, houbo períodos de paralización e outros de recuperación, como o que supuxo a Xeración Nós».

Para Anselmo a novidade principal da súa historia foi «cambiar a posición desde a que se observa a historia do propio país». «A historia de Galicia até agora estivo feita dende fóra de Galicia. Trátase de facer a historia de Galicia dende Galicia». Investir este procedemento é esencial para a nación, xa que «a nación é un produto histórico, produto dun proceso de acontecementos e da convivencia durante séculos». «Ofrecer unha historia de Galicia vista dende nós, na que a nación galega sexa a protagonista da historia, esa foi a miña intención».

Debullou despois os aspectos que consideraba máis destacados da obra. En primeiro lugar, o debate arredor do celtismo, onde existen posicións moi antagónicas. En segundo, o do reino medieval, «non esquezamos que Galicia foi reino até 1833, o primeiro reino de Europa occidental, o mesmo o primeiro reino que acuñou moeda». En terceiro, o proceso de vertebración da nación, unha secuencia que identifica na Irmandade, que continúa coa Ilustración e coa revolución Industrial, protagonizada en Galicia por cataláns». Por último, o libro dedica a súa atención á historia do nacionalismo nas súas diferentes etapas, á Sublevación de 1936 e á Restauración postfranquista. Rematou a súa intervención López Carreira advertindo que nas páxinas finais da obra acéndese unha alarma, «estamos nun momento de perigo, o país como tal pode desaparecer».

Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá. No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

 

Onte 662: «Inmaterias» de Suso de Toro

Outro serán excelente na Feira do Libro de Vigo. Unha marabilla! Moito público nas asinaturas de Agustín Fernández Paz e Xabier Paz e nas presentacións de Cartas de inverno, a novela gráfica de Antonio Seijas, e Inmateriais, o novo libro de Suso de Toro.

Moi interesante foi a intervención de Suso de Toro na presentación de Inmateriais. Comezou cualificando o libro como «un acto político». «Inmateriais leva dentro un argumento político, presento o meu país como me sae de dentro. Non pretende ser un libro de investigación. Son trinta narracións, trinta vidas». Explicou despois a xénese máis profunda do libro. «Tras trinta anos como autor dinme conta que un se fai dono da súa vida cando se fai relato. A vida vivida con profundidade pode ser relato. Só cando tes a vagar e o acougo, a posibilidade de verte dende fóra e, ademais, o podes contar, que é o traballo do escritor, pode comprenderse verdaeiramente o destino da vida. A vida é un conto. A literatura é unha forma de estar na vida».

Referiuse despois a súa condición como autor. «Quen son eu? Un rapaz ao que os seus avos maternos dicían “o ghalleghista”. Tiven e teño unha querenza por enlazar coa vida dos meus avós campesiños, mais tamén coa música dos Tamara, dos Beatles ou dos Rolling Stones. Quixen enlazar cos meus avós e co meu tempo. Coñecín o mundo do silencio, tamén despois o da radio e o da televisión. Foi unha viaxe rápida dende o mundo oral ao actual dixital dos medios de comunicación. Mais tamén fun un neno fantasioso e soñador. Fun un adolescente militante, a miña primeira cita clandestina foi no 72, son fillo do 72, daqueles conflitos de Ferrol, onde mataron a dous obreiros, de Santiago, onde morreu un estudante, das folgas de Vigo daquel ano. Foi toda esa memoria a que me fundou. Deixei a vocación artística de lado. Dende entón partellei a vocación literaria coa da acción social, sempre dende o compromiso co meu pais. Teño sido sindicalista agario e obrero. Teño traballados en moitos oficios. Teño servido moitos viños e cafés. Iso formoume. Con todo iso escribín este libro no que busquei o sentido de cada unha destas vidas. Ningunha delas é unha biografía exhaustiva, a pesar de que me documentei até que comprendín a razón de cada unha delas. Fixen o esforzo de comprendelas a cada unha delas. Intentei identificar o dilema de cada unha destas figuras, que participaron na construción do país».

Rematou o seu discurso Suso de Toro facendo referencias a algúns dos retratos do libro, dende a polémica entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, a inclusión de figuras como Torrente Ballester ou Maruja Mallo, a súa devoción por Xelmírez («o verdadeiro fundador político do reino de Galicia»), ou a súa admiración por Antolín Faraldo («o fundador da Galicia moderna, o artífice da revolusión de 1846»).

Onte 637: Premios da Crítica 2013

Onte puxemos en marcha a convocatoria dos Premios da Crítica Galicia 2013. Un proceso que, tras o traballo dos xurados das diferentes modalidades (Creación Literaria, Investigación, Iniciativas Culturais, Musica, Artes Plásticas e Artes Escénicas) durante os tres meses do verán, concluirá o sábado 19 de outubro, día no que darán a coñecer o seu ditame no seo dun xantar que se celebrará no hotel Os Escudos de Alcabre. A renovada Fundación dos Premios da Crítica Galicia, presidida polos infatigables Bieito Ledo e Antón Pulido, amosa que en Galicia tamén son viables os espazos plurais interxeracionais e independentes que traballan para acrisolar a tradición nacional dende o diálogo coas expresións culturais contemporáneas. O relanzamento da actividade do colectivo vai máis alá da convocatoria dos seus premios anuais. A consolidación da súa xeira de «Sabados Culturais», que esta semana abordará un moi interesante debate sobre a traxectoria das artes plásticas en Galicia durante as tres últimas décadas, testemuña a recuperación do dinamismo deste colectivo que celebra esta primavera o seu triséximo sexto aniversario.

624: «Amada liberdade», presentación das memorias de Fernando Pérez-Barreiro

No serán de onte presentamos no salón de actos da Academia Galega Amada liberdade, as memorias de Fernando Perez-Barreiro Nolla. Como anfitrión, Xesús Alonso Montero, presidente da Academia, abeizoou a aparición destas memorias dunha «personalidade cun orixinalidade extraordinaria nas letras galegas», cualificando o libro de moi importante. Salientou os extraordinarios dous primeiros capítulos, o relativo á infancia ferrolán e o titulado «Viveiro», así como as duascentas páxinas que autor dedica a Ramón Piñeiro coas que non quixo «entrar en controversia».

Despois das palabras do editor, interviu Teresa Barro, a compañeira do intelectual galeguista, que relatou a xénese do libro e o seu proceso. «O libro foi froito das conversas que mantivemos con amigos e amigas nas que coincidiamos en que faltaba unha interpretación do galeguismo que aparecera nos nosos anos universitarios». «No outono de 2007 fomos a Baiona a participar nunha actividade do IGADI. Ese día Camiño Noia e Xulián Maure insistiron en Fernando debía contar nun libro o que lle sucedeu con Ramón Piñeiro». «Cando regresamos a Londres puxémonos. Fernando ditábame todos os días. Era a única maneira de facelo xa que a el nunca lle gustou escribir fisicamente, atrapallábase. Porén, ditando era fabuloso. Sabíao polas secretarias da Organización Mundial do Café na que traballaba. Impecable. Non se equivoca en nada. A min, pola contra, sempre me gustou o feito físico de escribir, razón pola que non foi sacrificio ningún que me ditase. Falabamos todos os días durante un hora. Pasabámolo moi ben. Cando nos mudamos para Lancaster tivemos que interromper o proceso. As memorias quedaron sen finalizar. Quedou só comezado o capítulo da poesía, quizais o temas que máis lle interesaba. Tiña un xuízo moi rigoroso nesa esfera, sendo a súa pedra de toque a experiencia poética. Quedou pendente, tamén, a cuestión da política internacional. Fernando estaba moi informado sobre o que pasaba no mundo.

Rematou Teresa lembrando o interese de Fernando polas linguas e culturas dos diferentes países «nas que valoraba a diferencia, a variedade, a diversidade, a desemellanza». «Fernando interpretou a partitura do mundo como un intelectual e un poeta. A súa é unha interpretación nova e coherente feita con arte e poesía, aínda que estea en prosa. Fernando quixo levar a Galicia polo mundo enteiro e vivila de forma internacional. Estas memorias ofrecen unha narrativa de Galicia coa intención de axudar a comprender mellor o seu pasado, mais tamén o presente e o futuro».

Onte 615: «En principio foi o verso»

Tivo interese a inauguración de «En principio foi o verso», a exposición sobre Rosalía de Castro e o sequiscentenario da publicación de Cantares gallegos. A presenza dun grupo de afectados polas preferentes disuadiu no último minuto ao presidente Feijoo de participar nun acto que se desenvolveu con grande respecto á dignidade da nosa autora primeira. Concibida co rigor documental e a sobriedade visual de todos os traballos do deseñador Pepe Barro, a exposición propón unha completa viaxe á iconografía rosaliana, dende os seus retratos e fotografías, pasando por manuscritos e primeiras edicións das súas obras, até o seu proceso de mitificación como icona nacional. Tamén está moi presente na mostra un achegamento ao Vigo das décadas de 1850 e 1860, o de Alejandro Chao e Juan Compañel, cando aquí agromaba o pensamento demócrata e galeguista nos xornais que eles editaban, primeiro La Oliva e despois El Miño. Non esqueceu Barro o decisivo papel do editor Compañel na proeza rosaliana, así como o dos seus sucesores no século XX, que fixeron de Vigo a capital editorial de Galicia. Foi este un recanto da exposición que como editor galego moito agradecín. Sei que axudará a comprender o papel de editores como Xohán Ledo (portadista de Galaxia e autor dos carteis das primeiras celebracións do Día das Letras), Eugenio Barrientos (fundador da editorial Cíes e descubridor de Marcial Lafuente Estefanía), Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrey e edicións Castrelos) e Francisco Fernández del Riego (o obreiro da editorial Galaxia durante os anos do franquismo), así como doutros editores vigueses  do noso tempo como Bieito Ledo e Carlos del Pulgar. Xa no que atinxe ao espazo dedicado a Xerais, deixoume un chisco melancólico ver exposto un exemplar de Matemáticas de 1º de BUP do colectivo Vacaloura,o primeiro título da nosa editorial, tamén o primeiro libro de texto en galego para a área de Matemáticas. Editado en 1979, aquel libro sería hoxe un texto prohibido, de edición imposible, xa que así o determina o actual decreto de plurilingüismo. Outra vez, un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo o seu soño. Parabéns a Pepe Barro e Anxo Angueira, responsables primeiros destoutra iniciativa rosaliana. Recomendo vivamente visitar a exposición.