Onte 1790: Vide ao Cultural 2016!

Culturgal_2016

No serán de onte aquelamos o Culturgal, unha das nosas citas anuais principais. No espazo de Xerais lembraremos a Agustín e difundiremos a eito o seu catálogo literario, unha herdanza moi valiosa que nos legou a xeracións de lectores vellos e futuros na nosa lingua. Como é adoito, no espazo expositivo presentamos apenas as novidades máis recentes de cada unha das nosas liñas de traballo, atendendo as demandas de públicos diversos. As chiscadelas das nosas libretas, que entregaremos aos nosos clientes e clientas, convidan a participar nunha feira consolidada, onde emerxe a ledicia e o optimismo da vontade. Culturgal é unha das expresións do orgullo galego contemporáneo, unha arboriña que a todos nos corresponde coidar con agarimo. Vide ao Culturgal 2016!

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1779: Culturgal 2016, comunidade e futuro

Culturgal_2016_Presentacion_01

Baixo o lema «Cultura, comunidade e futuro» presentamos onte a programación do Culturgal 2016, que do 2 ao 4 de decembro se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. A novena edición dunha feira das industrias culturais galegas que pretende continuar sendo un espazo de encontro e mediación dos diversos sectores empresariais da cultura galegas coas institucións e os seus públicos.

Culturgal_2016_01Sabemos que en cada ano conflúen en Culturgal as ideas, os proxectos, os produtos, os servizos, mais tamén as arelas e os soños das empresas, das entidades e dos profesionais dos sectores do libro e da lectura, da música, das artes escénicas, do cine e das artes audiovisuais, das artes plásticas, da artesanía e da cultura popular, da xestión cultural, de internet e das novas tecnoloxías, do fomento da lingua e da cultura galegas… Culturgal convértese así para todas estas persoas, colectivos e entidades públicas e privadas nun espazo confortable e novidoso onde a creatividade galega se presenta como unha comunidade aberta, fraterna, diversa e plural, capaz de contaxiar entusiasmo e orgullo colectivo pola súa oferta, ao tempo que polo porxecto que de forma colectiva e corresponsable enxerga o futuro. Hoxe Culturgal é unha manifestación do orgullo galego contemporáneo, expresado por máis de quince mil persoas, cento cincuenta empresas, cinco asociacións profesionais e catro administracións públicas..

Na web de Culturgal pode consultarse un programa de cento cincuenta actividades destinadas a diversos públicos, dende o infantil e familiar ao especializado e profesional, que nesta edición adquire protagonismo na xornada inaugural. O concerto inaugural de SonDeSeu o venres, o de Budiño o sábado, celebrando o vinte aniversario de Paralaia; o de María Fumaça o domingo, presentando o seu terceiro traballo e a exposición «Pegadas na terra», na que dezaoito artistas dialogan sobre as relacións da natureza e territorio, completan un programa concibido para contribuír a construír comunidade e futuro para a nosa cultura. Lembrando a Narf en Culturgal «somos dunha tribo que acredita no futuro».

 

Onte 1732: Viva o pobo brasileiro!

Marcaná_2016

A pesar dos agoiros da prensa europea, aledeime que onte gañase o pobo brasileiro inaugurando con ledicia e dignidade os Xogos Olímpicos 2016. A cerimonia ideada por Fernando Meirelles presentou ao mundo a historia e a diversidade natural e cultural como o maior patrimonio do Brasil. Sen alardes tecnolóxicos de convocatorias anteriores a música e a danza protagonizaron un relato visual, onde non faltaron momentos moi emocionantes como a interpretación do himno na voz do mestre Paulinho da Viola, outros sorprendentes como o desfile da Giselle Bünchen ao ritmo de «Garota de Ipanema» ou a escena simulada de parkour, e outros espectaculares como o baile caótico da ducia de escolas de samba, que en todos os casos expresaron que na bossa nova e na MPB está o ADN do Brasil contemporáneo. A inauguración non puido agochar o malestar dunha cidadanía capaz de apupar de forma escandalosa ao presidente en funcións, tras a destitución da presidente electa. Unha noite que supuxo a vitoria tamén dunha cidade moi fermosa onde vive tanta e tanta xente feliz con lágrimas. Viva o pobo brasileiro que nunca perdeu a esperanza e non desiste. Agardo uns xogos olímpicos vibrantes.

Onte 1722: Serán literario no Festigal

Excelente serán literario no Festigal de onte, no que acompañamos a Manuel Rivas e Manuel Iglesias Turnes, que asinaron exemplares e a Ledicia Costas que presentou na Galería das Letras Jules Verne e o secreto das mulleres planta, a novela coa que gañou o Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2015.

XG00256701Comezou a súa intervención Ledicia Costas encadrando esta súa obra no catálogo de novelas viguesas recentes como Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo ou Os fillos do mar de Pedro Feijoo, “que están conformando unha auténtica nova cartografía novelística da cidade de Vigo”. Explicou, despois, como xurdiu a novela, “que tivo moito que ver coa relación que a miña nai mantén coas plantas e cos meus recordos de infancia co mundo vexetal”. “MIña nai ten unha habilidade especial para coidar as súas plantas e a súa horta, algo que herdou do meu avó”. “Eu tiña moitas ganas de escribir unha novela portagonizada por mulleres con corpo de muller e alma de planta”. “Ademais, tiña interese en ficcionar a vida dun escritor. Escollín a Jules Verne xa que me pareceu incrible que visitase Vigo en dúas ocasións e que en 20.000 leguas baixo os mares se localizase na ría de Vigo antes de visitala”. “Un autor importante na miña infancia desque lin Miguel Strogoff, novela á que seguiron moitas outras”.

Ledicia Costas salientou a importancia que quixo tivese na novela a relación entre aciencia e a tecnoloxía, que concretou na amizade entre Jules Verne e Antonio Sanjurjo Badía, o empresario vigues propietario de La Industriosa. “Verne era un visionario, atento a todos os avances tecnolóxicos”. “Quixen que os datos históricos tivesen un peso relevante, de xeito que mesturados cos trama de ficción ofrecesen un texto sólido, demostrando que dende o local pode achegarse ao universal”. “Henning Mankel, que ambientou as súas novelas en Skania, unha rexión sueca que conta un millón douscentos mil habitantes, conseguiu que fose un espazo literario universal. Por que non imos conseguilo en Galicia”.

Onte 1718: Compartir Culturgal 2016

Culturgal_2016Na Casa da Luz da praza da Verdura anunciamos onte a celebración de Culturgal 2016 os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e presentamos o cartel preparado por NUMAX baixo o lema “Cultura, Comunidade, Futuro”. Novena edición de Culturgal, na que os organizadores pretendemos profundizar no modelo transversal de corresponsabilidade entre cinco sectores da industria cultural, catro administracións e diversos públicos. Unha edición que coincidindo co centenario da celebración das Irmandades da Fala pretende que “compartir” sexa o verbo que en Culturgal exprese o espírito de Irmandade: compartir para facer cultura dende os diversos ámbitos da creación e das artes, compartir para construír comunidade e ampliar públicos (profesional, especializado, familiar), compartir para enxergar futuro. Culturgal 2016, pois, está en marcha, coa metade dos espazos de exposición xa vendidos, coa convocatoria de proposta de actividades aberta até o 2 de outubro, e coa exposición “Arte e natureza” en produción.

Onte 1714: Días de feiras

Feira_do_Libro_de_Ribadeo_2016

Coincidindo co inicio do mes de xullo participamos nas Feiras do Libro de Vigo e de Ribadeo, dúas iniciativas para reconquistar o espazo público para os libros e a lectura. O venres acompañei a Ledicia Costas e a Pedro Feijoo nas súas presentacións en Ribadeo, onde Antonio Reigosa fixo un pregón memorable e onde María Lado e Lucía Aldao pecharon a xornada co seu recital «Sempre en Ibiza». As máis de tres horas de viaxe de Cíes á illa Pancha serviron para comprobar que «en Galicia todo é bonito», ademais de actualizar análises e compartir proxectos en marcha, o que un editor sempre moito agradece na conversa cos autores e autoras.

Feira_do_Libro_de_Vigo_Porta_do_Sol_01-07-2016

Unha xornada literaria moi intensa, coma a que sei se desenvolveu na Feira do Porta do Sol de Vigo, que abriu ao mediodía Antonio García Teijeiro co seu pregón e na que nun serán con moito publico participaron María Solar cunha longa sesión de alicientes e Ramón Nicolás coa presentación moi exitosa d’ O espello de mundo, a súa estrea como novelista. Unha feira viguesa que visitamos onte acompañando á asinatura de Pedro Feijoo e na que puidemos parolar devagariño cos libreiros vigueses esperanzados por esta mudanza de ubicación que devolve visibilidade á feira que hai máis de catro décadas creou na Alameda O vello Patiño.

Pedro_Feijoo_Vigo_02-07-2016

Tanto no caso da feira viguesa coma na mariñá, a primeira organizada cos criterios e coa dirección da Federación de Librarías e a segunda pola concellaría de Cultura de Ribadeo, comprobamos a importancia a implicación das iniciativas locais para deseñar, compartir e visibilizar o programa de actividades e procurar a implicación dos públicos. Un compromiso entre librarías, editoras e poderes locais imprescindible para refundar estas convocatorias que levan os libros as nosas rúas e prazas.

Onte 1707: Culturgal 2016 en marcha

logo-footer-culturgal2Dende onte poden reservarse espazos e propoñer actividades para o Culturgal 2016, que se celebrará do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Como en edicións anteriores hai descontos, que poden chegar até o 36 % do prezo base, para as empresas e entidades que contraten os seus espazos antes do 31 de agosto. As propostas de actividades e presentación de produtos, servizos e novidades nos eidos do Libro, Música, Artes Escénicas, Audiovisual, Infantil…. están abertas até o 2 de outubro. O vindeiro seis de xullo presentaremos esta novena edición de Culturgal, cuxa exposición principal xirará arredor do eixo temático  «Artes e natureza». Culturgal 2016 conitnuará asumindo a  corresponsabilide de administracións e gremios, apostando pola diversidade de públicos e priorizando as propostas máis emerxentes e renovadoras da industria cultural galega.

Onte 1693: Emoción e esperanza nos Xerais 2016

Premios_Xerais_2016

Creo que foi o discurso de Ledicia Costas, Todas as constelacións do mundo, o que marcou o ton da cerimonia dos Xerais 2016, que celebramos no serán de onte na illa de San Simón. A firmeza na reivindicación do idioma e a confianza nos azos que achega unha renovación constante da nosa creación literaria tinguiron as diversas intervencións que resultaron tan emocionantes como emocionadas.

As homenaxes explícitas de Ledicia Costas aos membros da Xeración Lamote, os fundadores da nosa literatura infantil e xuvenil, e ao movemento feminista galego, encabezado por María Xosé Queizán, así como a súa aposta «pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante» expresaron o que Cesáreo Sánchez Iglesias cualificou, cando nos despediamos no peirao, de «emocionante diálogo xeracional».

Como moi emocionantes foron as palabras de David Pérez Iglesias, tras recibir o premio Merlín de Literatura Infantil, por Todo o tempo do mundo, confesando que «un premio non é algo co que quedas, é un legado que acolles para dar a alguén que, no silencio da escrita e da lectura, soñas as palabras dun novo camiño, dun relato futuro que somos nós, que nos compromete e dá sentido aos días da xente de noso». Un xeito ben fermoso de concibir a creación literaria e a lectura como actividades creadoras de comunidades de memoria e afectos.

Como tamén as de Iria Misa, persoa até agora descoñecida no eido literario que acolleu con orgullo e humildade o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, pola súa novela Xa non estou aquí, concibíndoo apenas como «un impulso para deixar atrás os medos e os reparos e como un pulo enorme para continuar creando historias. Como tamén moi emocionante foi escoitar a Manuel Estebán, gañador do Premio Xerais de novela, que se estrea literariamente con A ira dos mansos, cando confesou que «nunca tomara a novela como un exercicio literario, senón como un berro de impotencia, como un traballo dun cirurxián que estirpa un tumor, pola necesidade de compartir un sentimento intenso de inxustiza da sociedade con respecto aos discapacitados intelectuais».

Foi importante para nós salientar nesta edición o protagonismo das lectoras nos xurados (trece mulleres de dezaoito membros), como que coincidise coa fronteira dos catro mil títulos no noso catálogo e dos once millóns de exemplares vendidos, o que constitúe un éxito colectivo que os profesionais da editorial quixemos compartir. Sei que as persoas que nos reunimos cada ano nos Xerais de San Simón formamos unha comunidade de afectos, mais tamén que compartimos a angueira de construír a esperanza dende o territorio das palabras, o da creación literaria, o da lingua, o da educación e o da cultura. Despois dunhas horas de acougo, seguimos no noso afán.

Recompilei algunhas fotos que me parecen significativas. Grazas a Tempo de Lecer, Nuria Díaz, Veli Rodríguez e á representación dos membros da Xeración da Esperanza fotografados en San Simón.

Onte 1683: Diálogo dos poetas Rafael Cadenas e Anxo Angueira

angueira_cadenas_24-05-2016 (2)

Acompañei a Anxo Angueira no diálogo que mantivemos onte en Vigo co poeta venezolano Rafael Cadenas. Tras a recollida do Premio Internacional de poesía Federico García Lorca, outorgado polo concello de Granada, o autor do mítico poema “Derrota” (1963), unha das grandes voces da poesía española das seis últimas décadas, dialoga cos poetas galegos nunha xira organizada por A Fundación.

Comezamos a conversa falando da vixencia de “Derrota”, un poema que Cadenas definiu como “moi confesional e circunstancial, xa que tiña que ver tanto cunha situación persoal moi difícil, unha depresión, e cunha situación política moi concreta, a da derrota do movemento guerrilleiro, co que hoxe estou en absoluto desacordo”. “Non coindido co poema hoxe nin o poema coincide comigo”. A seguir Angueira e Cadenas falaron da importancia das palabras e do idioma como materia prima do poema. “As palabras recobran o seu valor no poema”, sinalou o galego, ao que engadiu Cadenas que “as palabras precisan tamén do necesario silencio para sosterse”. Angueira salientou que na obra de Rafael Cadenas percibía “unha rectitude nova, unha limpeza no uso das palabras”.

Cadenas e Angueira coincidiron no litixio existente entre a realidade e a realidade poética, un conflito que para o poeta venezolano ten que dirimir o lector, “é imprescindible contar coa súa participación e coa súa experiencia, o lector completa o poema, o lector ten que ser dalgún xeito tamén poeta”. Angueira lembrou o poema de Luis Pimentel, “a poesía é o gran milagre do mundo” para salientar o papel da función poética, o que completou Cadenas sinalando que “somos indispensables para que haxa mundo, sen sentidos, sen percepción non hai mundo posible”. Tirando dese fío Anxo Angueira citou (e recitou con emoción)  a cantiga de Mendinho, capaz de crear unha literatura, a galega, o que supuxo unha descuberta para o noso convidado.

Rematou a conversa, na que Cadenas mesturou a lectura de poemas dos seus dous últimos libros, Sobre abierto (2012) e En torno a Basho y otros asuntos (2016), publicados ambos os dous por Pre-textos, falando sobre as relacións entre a poesía e a filosofía e sobre os aforismos ou “dichos” presentes en toda a obra do poeta venezolano. Cadenas confesou que “concibía moitos dos seus poemas e dos seus aforismos como recados para o poder”, “non me gusta utilizar a palabra ‘mensaxe’ en poesía, prefiro ‘recado’, xa que a elección da palabra precisa ten que ser un empeño do poeta”. Referiuse Cadenas, por último, a relación entre pensadores e poetas, como Goethe con Spinoza ou Dante con Tomás de Aquino, “detrás de cada poeta hai un pensador”. O ciclo de Cadenas en Galicia seguirá hoxe na Coruña, en diálogo co xornalista e escritor Luís Pousa e a poeta e editora Dores Tembrás,

Onte 1679: Os outros feirantes de Lugo

Feira_do_Libro_Lugo_2016

Acompañei onte a Manuel Iglesias Turnes na presentación de Que non te aten na Feira do Libro de Lugo. Quedei moi gratamente sorprendido coa gran actividade desta feira, onde os libreiros de Lugo tomaron as rendas do programa de animación. Rematada a presentación de Turnes comezou «Os outros feirantes», un programa alongado até ás once da noite, ao xeito de noite branca, conducido polo poeta Lois Pérez e a escritora Esther Carrodeaguas, coa participación do mago David Méndez e a música de Zócalo. Unha iniciativa magnífica, moi ben acollida polo público, que se engade a outras tamén excelentes como as actividades para escolares, o concurso de relatos en colaboración con El Progreso, a exposición «Debuxando na feira», o programa de recomendacións dos lectores e lectoras e o concurso de tapas «Substantivo feminino».

Esta auténtica revolución da programación e da comunicación da feira do Libro de Lugo demostra que as actuais feira do libro de Galicia teñen moitas posibilidades de mellora. A participación corresponsable de todos os sectores da lectura, o liderado das librarías e editoras locais e o apoio das administracións locais son imprescindibles para a posta en marcha dun novo modelo axeitado a cada cidade ou vila. Outras feiras do libro son posibles. Parabéns ás librarías lucenses por este compromiso renovado coa súa feira.