Onte 346: Nas Fragas do Eume

Foi unha xornada marabillosa a que gozamos nas Fragas do Eume. Ao mediodía visitamos a primeira edición do ETNOeume, unha feira de cultura tradicional xenuína, de auténtica estirpe, cunha importante presenza dos xogos populares e das actividades económicas artesanais. Unha organización comunitaria, baseada na participación veciñal, que constitúe unha alternativa ao modelo neofolclórico das chamadas «feiras medievais» que abrollan no país como cogomelos franquiciados de chourizos á grella e licor café. Esta feira forma parte do proxecto do Museo Etnográfico da Capela, promovido dende hai décadas polo incansable Secundino García Mera, sendo un dos modelos museísticos máis potentes de posta en valor da memoria da cultura tradicional agraria que coñecemos no país. A súa organización e contidos lembráronme os museos folk ingleses, que tanto sempre me gustaron. Merece unha visita moi demorada. Á tarde fixemos unha abraiante camiñada polas Fragas, seguindo o Eume dende os Altos de Fortandión até o Mosteiro de Caveiro, regresando monte arriba pola congostra de Ventureira. É innegable que o incendio da pasada semana santa deixou unha pegada desoladora nalgunhas zonas das fragas, sobre todo nas máis elevadas, onde é probable que afectase de forma irreversible a algún dos endemismos; mais tamén o é que a densidade do dosel arbóreo protexou os espazos de ribeira onde sentimos todas as fragrancias. Mágoa que non exista aínda un proxecto de protección integral dunha das alfaias dos noso patrimonio natural, como tampouco unha vontade de integración do parque natural nas actividades económicas e no desenvolvemento da comarca. Non esqueceremos este día nas fragas nin acollida tan agarimeira de Xabier, María Xesús e Daniel.

Onte 339: Cancións de despedida

A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.

Onte 338: Galicia olímpica

Tras a medalla de ouro en vela de Echegoyen e Toro, as pratas do histórico Cal e do formidable Noya, ademais do bronce que Begoña Fernández obtivo como membro da selección de balonmán e do diploma (esa maldita cuarta posición) da padeixeira Teresa Portela, Galicia culmina unha excelente participación olímpica. De contar con delegación propia estariamos no medalleiro á altura de países como Irlanda, demostrando, ademais, que en Galicia existe moito máis deporte e deportistas tras a muralla do fútbol profesional dos Celtas, Deportivos, Lugos, Obradoiros ou Breogáns. Non hai dúbida de que os deportes náuticos, vela e piragüismo sobre todo, son dúas potencialidades que poderiamos aproveitar aínda mellor do que o facemos. Parabéns ao olimpismo galego, si señor!

Onte 334: Medalla galega

A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!

Onte 333: Viñetas desde o Atlántico

Antes da sesión de presentacións e da asinatura de Agustín na Feira do Libro, visitamos a animadísima  feira de «Viñetas desde o Atlántico». Un fervedoiro de xente, unha marabilla! Tras quince de anos, o evento coruñés de promoción da banda deseñada, dirixido por Miguelanxo Prado, a pesar dos ventos da crise, está plenamento consolidado. Funciona a fórmula de convidar a figuras internacionais e darlle, tamén, visibilidade aos talentos galegos. Como funciona a coexistencia de actividades para profesionais coas de promoción para un público interxeracional. Neste momento de tránsito entre os paradigmas impreso e electrónico, a banda deseñada, a novela gráfica e o libro ilustrado viven un apoxeo, tamén en Galicia e tamén en galego. Semella que a banda deseñada optou polo modelo de edición expandida, onde coexisten con naturalidade os soportes analóxicos e dixitais. Parabéns aos organizadores e longa vida paro cómic galego.

Magñífico o cartel de Kim.

Onte 328: Novela da vida

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.

Onte 324: A cerimonia de London 2012

Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.

Onte 320: Festigal12

Aledoume comprobar que o Festigal non decae. O número de expositores mantense e o programa de actividades aumenta sobre edicións anteriores. No serán preparatorio a presenza do público foi importante. A pesar da decepcionante desunión nacionalista deste 25 de xullo, o máis importante encontro da cultura nacionalista mantén o seu pulo. Parabéns aos organizadores deste Festigal12 pola proeza.

Onte 317: Outlet do Libro Galego

Participei no acto de inauguración do Outlet do Libro Galego de Pontevedra, organizado pola Asociación Galega de Editores e as librarías Paz e Seijas, coa colaboración do concello de Pontevedra e da AGPI. Como sinalou o escritor Manuel Lourenzo, magnífico pregoeiro do evento, do que se trata «é de proporcionar unha nova oportunidade a uns títulos [900 de 14 editoras], que xa completaron o seu circuíto comercial». Unha oportunidade para mercar ademais de libros para todos os públicos, obra gráfica de ilustradores recoñecidos, tanto de orixinais como de láminas dixitalizadas, tamén a prezos moi atractivos. Tras o éxito de Allariz, este segundo outlet constitúe un novo esforzo da AGE para procurar espazos de visibilidade para os fondos do libro galego. Convido a acudir ao Café Moderno de Pontevedra. Creo que paga a pena.

Aquí descarga o programa.

Onte 313: Celso Emilio Ferreiro narrador

Participei nunha das mesas redondas do Encontro «Celso Emilio Ferreiro. Ética e Poética» organizado pola UIMP en Celanova. Todos os tres ponentes (acompañei a Alfredo Conde e Ramón Pernas) reivindicamos a Celso Emilio como narrador, unha dimensión, quizais inxustamente, ensombrecida polo seu carácter de poeta total. Ambos os tres defendimos o interese e actualidade dos seus libros de relatos, da súa biografía de Curros Enriquez como de «La jaula de los pájaros raros», a serie de artigos literarios publicada en Faro de Vigo de 1950 a 1953. Alfredo Conde definiu a Ferreiro como  «un narrador contracorrente que publica uns relatos dende uns presupostos antropolóxicos e etnográficos que non entraban nos da narrativa galega do seu tempo, xa que a maioría dos títulos publicados eran contos para nenos, sobre a infancia ou sobre a vila natal do autor». Para Conde «a aconfensionalidade ética da prosa de Celso Emilio Ferreiro resiste a súa relectura no século XXI. É un autor cunha prosa que paga a pena ler hoxe». Ramón Pernas reivindicou a Celso Emilio como relatista e lembrou con emoción a entrevista de cinco páxinas que publicou en Triunfo á volta de Celso da emigración venezolana. Dende o público houbo diversas intervencións a salientar. Luciano Rodríguez foi rotundo na vindicación de Celso Emilio como narrador: «A fronteira infinda é un libro de literatura hispanoamericana escrito en galego». Vicente Araguas lembrou a súa gratitude a Ferreiro, xa que lle presentou en Sargadelos de Madrid, xunto a Manuel Rivas e Antonio de Santiago, Paisaxe de Glasgow, o seu primeiro libro de poemas. Carlos Reigosa gabou a xenerosidade sen límite de Celso Emilio con quen mantivo amizade no seu período madrileño. José María Paz Gago, director do Encontro, amosou a súa satisfacción pola achega das sesións a un «novo coñecemento de Celso Emilio». Á saída do debate, parolamos diante da pintada «ADIANTE SEMANARIO» testemuña daquel tempo de entusiasmo que partillaron Celso Emilio e Xosé Velo na súa mocidade.