Onte 1283: A canción de Manuel

a_cancion_de_manuelDende hai catro anos, coincidindo co 2 de abril, Día internacional de concienciación sobre o autismo, tamén Día internacional do libro infantil e xuvenil, Olga Lalín e Seso Durán, profesores de ensino secundario e pais de Manuel, un pequeno de seis anos que padece trastorno do espectro autista, publican unha canción na rede coa intención de darlle visibilidade a esta xornada.

Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números  como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».

Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.

Recomendo ler esta anotación do blog de  Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.


Onte 1280: Sentenza do Supremo

2683f7c249f8121df148b097a13c8278Tras a publicación onte da clarificadora e rigorosa análise de ProlIngua e da documentadísima anotación de Alba Nobueira sobre a sentenza do Tribunal Supremo ao recurso presentado pola RAG ao Decreto de Plurilingüismo saco tres conclusións. Primeira: o Supremo fixo máis unha valoración política ca unha análise xurídica, xa que ignora tanto os contidos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias como a actual situación regresiva do galego. Segunda: por máis que lle doa aos responsables da política educativa e lingüística da Xunta de Galicia, a sentenza do Supremo ratifica a anulación de dous artigos do decreto, os referidos a enquisa entre as familias de Educación Infantil e o emprego na aula por parte do alumnado da lingua da súa preferencia. E terceira: hoxe a defensa do galego pasa tanto pola continuidade do preito da RAG diante do Tribunal Supremo e, se fose necesario, nos tribunais europeos, como se comprometeu o seu presidente, como pola substitución do Decreto de Plurilingüismo por un novo marco normativo capaz de garantir a supervivencia da nosa lingua.

Onte 1260: Festival da Biosfera

festival_biosferaPareceume magnífico o Festival da Biosfera, un evento científico, social e artístico arredor da cultura da auga e dos bosques, que se fará na cidade de Lugo do 14 ao 29 de marzo. Dúas ducias de actividades para celebrar o día da poesía e o día internacional dos bosques (ambos o 21 de marzo), e o día mundial da auga (o 22 de marzo). Unha reunión de científicos, artistas e activistas que dende unha perspectiva transversal pretenden pór en valor, preservar e difundir a enorme riqueza da cultura da agua. Entre as as actividades deste singular festival están presentacións de libros (entre elas a d’ O Miño. Un caudal de historia), conferencias (como a de Joaquín Araújo), exposicións (como a de «Peixes, pescadores e pesqueiras»), animación («A Barca dos Contos» de Anxo Moure) ou visitas a espazos de interese dirixidas a públicos diversos. Parabéns á Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, que financia o programa, e a Ouvirmos, responsable da magnífica idea e da súa produción.

Onte 1258: 0 % reitoras

científicasCon motivo do día internacional da muller publicáronse moitos textos. Entre eles, rescatei unha reportaxe que Eduardo Rolland publicou o pasado ano en GCiencia sobre a situación da muller nas universidades galegas que sei non perdeu actualidade. E abofé que os datos son contundentes. A pesar de que as mulleres son o 54 % do alumnado e o 63 % das persoas graduadas nas nosas universidades, as catedráticas representan apenas o 14 % e as profesoras titulares o 35 % dos cadros docentes, mentres as limpadoras son o 100 %. Como non deixa de ser significativo que as mulleres representen apena so 20 % nas spin-off das universidades españolas. Ademais, o feito que de que aínda non houbese unha reitora en ningunha das tres universidades galegas expresa que na nosa contorna universitaria persiste unha profunda desigualdade. Outrosí sucede no eido directivo das empresas, onde a presenza das mulleres continúa sendo moi baixa. A procura da igualdade real no mundo do traballo, tanto salarial como de responsabilidades, continúa sendo unha causa pola que todas as persoas debemos continuar loitando.

Onte 1251: CXTG Intersindical Ensino

CXTG_1986

Manuel Méndez de Moaña recuperou onte no seu muro de FB unha desas fotos que merecen ser conservadas no arquivo do blog. 45 persoas que hai trinta anos compartimos a candidatura da CXTG Intersindical da provincia de Pontevedra nas primeiras eleccións sindicais do ensino público. Toda unha xeración de ensinantes nacionalistas, hoxe felizmente xubilados na súa maior parte. Non puiden evitar a emoción que me provocou a presenza de Mª Victoria Moreno ou Vañentín Arias, ou a decepción de comprobar a escasa presenza de compañeiras, en profesión tan feminizada coma a nosa. Xaora, a pesar do paso do tempo, acredito que continuamos teimando nos ideais da escola galega.

Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama

CEIBE_2013Foi onte Seso Durán quen me abriu os ollos sobre o extraordinario traballo audiovisual que se ven realizando no CEIP A Lama. Abonda con visitar o web da biblioteca escolar, «O recanto do Leo», ou a súa páxina en Vímeo para quedar abraiado e engaiolado polas pezas producidas polo alumnado e profesorado deste centro público situado ao pé da Serra do Suído. Se Ranilda, unha curta de animación en Stop Motion, é impresionante, A escaleira deixounos coa boca aberta. Outro tanto sucedeu coas pezas que forman parte do Proxecto de Documental Integrados, «Ríos e praias en boas mans» ou «Sementa ideas, recolle futuro», nos que todo o centro traballa as competencias básicas contando coa biblioteca escolar como centro de recursos ao servizo do currículo. Un traballo recoñecido con diversos e importantes premios que demostra a potencialidade transformadora da innovación didáctica cando está inserida nun proxecto comunitario. Emocionante saber desta experiencia de escola galega, fachendosa do emprego da lingua de noso, arraizada na terra e na utilización das ferramentas comunicativas do noso tempo. Xaora, enxergando esperanza. A comunidade educativa do CEIP A Lama merece a nosa beizón e gratitude.

Onte 1218: Auschwitz 70

Auschwitz_27-01-2015Esta foto de Miroslaw Celka, sobrevivente do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau, representa setenta anos despois da súa liberación polo Exército Vermello a memoria do Holocausto, a de máis dun millón de persoas que foron alí asasinadas despois de padecer as maiores humillacións. Dende entón, Auschwitz representa as ideas funestas do nazismo, do odio e da intolerancia, do seu antisemitismo visceral que levou a aniquilación de millóns de xudíos (e tamén de xitanos, negros, homosexuais e esquerdistas) nas cámaras de gas dos campos de exterminio situados en Polonia, unha das accións máis diábolicas concibidas por seres humanos. Xaora, non podemos esquecer que o holocausto non só se sofriu nos 50 «campos da morte», tamén se padeceu nos máis de 1000 campos de concentración e nos 1150 guetos que montou o Terceiro Reich. Como tampouco as importantes motivacións económicas que o promoveron.

holocausto

En lingua galega coñezo dúas traducións centradas no tema do Holocausto que merecen ser divulgadas e utilizadas como recurso didáctico: Historia da Shoah de Georges Bensoussan, preparada por Xoán Garrido Vilariño; e Auschwitz explicado á miña filla de Anette Wieviorka de Susana Piñeiro Paz, títulos que no seu momento foron publicados en Bivir. Como tamén é imprescindible citar a novela en catalán da cidadá viguesa Mercedes Núñez Targa, El carretó del gossos, figura que protagoniza a novela Laura no deserto de Antón Riveiro Coello. Outro tanto é a novela Götz e Meyer de David Albahari traducida do serbio por Jairo Dorado Cadilla. Sei que a publicación por Xerais na vindeira primavera da novela de Alberto Canal O amor nos escuros días de Birkenau e do libro de relatos de Ledicia Costas Un animal chamado Néboa constituirá outra achega valiosa da literatura galega a esta memoria do Holocausto que lembramos cada 27 de xaneiro.

A proxección de Parga Pondal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.

isidro_parga_pondalA pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.

Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.

Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.

Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.

Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.

Onte 1208: «Boyhood», indagación sobre o cine e o tempo

Boyhood_filmQuedei hipnotizado con Boyhood, case tres horas de cine inesquecible, capaz de reinventar o que entendemos por esta expresión contemporánea das belas artes. O tempo como tema, a infancia e a adolescencia como argumento, a familia e a educación como marcos e o work in progress como fórmula de escrita dun guión aberto ao diálogo co seu tempo alicerzan este proxecto narrativo tan singular como memorable. Doce anos tardou Richard Linklater en seguir o nobelo de Mason, dende os inicios da escola primaria até abandonar os tempos da incerteza, ao que non foi alleo o compromiso co proxecto do cadro de actores, tanto dos rapaces como dos seus pais, aos que vemos medrar e envellecer na pantalla mentres dan vida a cadanseu personaxe. Unha historia humilde, sinxela, sen mortes nin perdas, sobre a conquista do cotián, na que se desmitifica a infancia como territorio do perdido, esquecido ou soñado.

En Boyhood o tempo non é memoria nin nostalxia nin sequera saudade. O tempo é apenas a materia prima da vida, fugaz, mutante, esvaradía coma area da praia do Vao entre as nosas mans. O tempo é aquí apenas o espazo de construción da identidade, a do relato que nos define. A vida en si mesma é o grande e único acontecemento que merece ser celebrado. A vida concibida como momentos ganduxados no relato autoconstruído por cada persoa, mais tamén como indagación permanente sobre cales son os límites da verdade e da mentira.

Esta indagación aparece na conversa dos pequenos co pai no coche cando repasan os momentos da semana que merecen ser contados. Secasí, regresa no cuarto escuro do instituto, onde Mason e o seu profesor de arte esculcan os límites do futuro. Cadora na despedida do apartamento da nai, a escena máis conmovedora da metraxe, onde ela con apenas corenta anos lamenta a finitude e o propio sentido da súa vida. E na conversa derradeira enxergando o horizonte do canón, onde Linklater deita, por fin, despois de 160 minutos un aceno lixeiramente optimista. Cine que indaga no tempo. Tempo que reinventa o cine.

Como sucede na autoficción literaria contemporánea, Linklater cunha elegancia e sinxeleza extraordinarias cuestiona os límites de ficción e realidade, sendo a súa narración a que dende as marxes, sen intención ningunha de retrato sociolóxico, ofrece sentido ao relato das vidas comúns, sen acontecementos extraordinarios, desta familia de Texas de comezos do século XXI. Boyhood é unha película sobre as vidas de infancia, como o libro de Manuel Rivas; mais tamén sobre o papel da familia e da educación na procura da autonomía, esa conquista da liberdade da que falaba Paulo Freire.

Mención á parte merece a marabillosa banda sonora, que require unha análise devagariño. No entanto, quedo con «Hero», unha balada de Family of the year, utilizado nunha das escenas máis memorables da película. Poucas veces recomendo máis vivamente acudir o cine e deixarse levar (sen prexuízos) por unha candidata (con aparencia indie) aos Óscar 2015.



Onte 1194: Brétemas, 10 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte de hai dez anos comecei estas Brétemas. Dende entón publiquei 4.667 entradas, fixéronse máis de dez mil comentarios e realizáronse varios millóns de visitas ás entradas do blog. Iniciado en Blogger, no marco do entusiasmo do blogomillo, pasou catro anos despois a Word Press, acollido primeiro pola xenerosidade de Blogaliza e logo, xa con dominio propio, aloxado por Pumpún, até que o pasado decembro migrou ao dominio punto gal.

Dende o inicio foi un blog persoal, con certa vontade memorialística de recoller a miña experiencia como editor de Xerais, razón pola que as súas preocupacións principais foron e continúan sendo os temas relacionados coa edición, a lectura, a lingua e a educación. Xaora, iso non impediu, madia leva!, que en Brétemas se escribise moito sobre política no marco desta crise devaluadora, de fútbol e doutras belas artes. Sen esquecer que tamén dende as orixes, o blog tivo unha intencionalidade de ensaiar e máis tarde desenvolver as posibilidades dunha escrita hipertextual, o máis económica, rica e atractiva que o tempo dispoñible diariamente me permitise.

Botando unha ollada cara atrás, é doado identificar as mudanzas que se foron producindo en Brétemas, provocadas polas do propio soporte e pola aparición das redes sociais e informativas, como pola propia hibridación do paradigma da comunicación cultural. O papel de Brétemas e do blogomillo mudaron coa chegada de Twitter, ao que me incorporei en febreiro de 2009, e de FB, onde migrou a conversa e se conformou unha nova comunidade lectora. A pesar diso, sempre acreditei no valor do blog coma cerne da miña identidade dixital, tanto pola posibilidade de achegar continuidade a varias series textuais (que sempre gustei en numerar) como «Onte» (un dietario con máis de tres anos de vida), «Campo de Granada» (artigos semanais que levo publicando en Faro de Vigo dende hai dezaseis anos con atención prefernete á cidade de Vigo) e «Campo do Fragoso» (crónicas dos partidos que o Celta xoga en Balaídos, das que me ocupa dende hai dez tempadas), como pola súa posibilidade como enorme arquivo dixital, utilidade extraordinaria na que teimei etiquetando o contido de cada anotación todo o que me foi posible.

Nunca esquecerei que cando iniciei o blog, o mesmo día que o meu benquerido Jaureguizar o facía cos seus Facendo amigos, non sabiamos sequera facer un hiperenlace. Dende entón, todo o que aprendín lendo e escribindo na rede non ten prezo. Bloguear é sinónimo de compartir e colaborar. Bloguear supón manterse permanentemente á espreita, compartindo e modulando unha voz dixital propia.

Abonda coa retórica do autobombo. Continuarei na escrita de Brétemas mentres teña algo que compartir, azos e tempo para facelo. A miña maior gratitude para todas as persoas que as len, critican, comentan, rechían e comparten. Seguimos…