Serán pola paz

No artigo da semana, con motivo da celebración o vindeiro venres en Vigo do Serán pola paz, realizo un breve percorrido polo traballo do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Recomendo moi vivamente participar neste acto literario-musical no que presentaremos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz. Sei que aínda quedan unhas poucas entradas. É moi previsible que completemos o aforo de case 800 persoas. As entradas poden retirarse nas oficinas da Concellaría de Educación de Vigo.

Iraq e Internet





Hoxe que se cumpren cinco anos do comezo da guerra de Iraq, merece a pena reflexionar con este longo documental (en dez vídeos) preparado por un internauta arxentino só con imaxes dispoñibles na rede, algunhas delas gravadas por soldados americanos e británicos participantes na invasión. Algunhas, por coñecidas non son menos impactantes e grotescas; outras (moi duras, como as do segundo e o terceiro), para min inéditas, deixáronme cao. A pesar das declaracións de Aznar, esta vergonza para a humanidade continúa. Como darlle unha oportunidade para a paz? Estes vídeos amosan, ademais, as posibilidades da rede para desvelar o que se nos trata de ocultar.

Etiquetas:

XXII Encontro de Educadores pola Paz

Xa está aberta a inscrición para participar no XXII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz. Na xornada de apertura, o 18 de abril, presentarase no Teatro do Centro Cultural Caixanova de Vigo os dous primeiros tomos da triloxía Educación e paz, publicada por Xerais, sobre os que volveremos nas vindeiras semanas. Adianto que tanto os contidos dos libros, coordinados por Xesús R. Jares, como o acto de presentación (coa participación de ensaístas, músicos e escritores) serán acontecementos moi importantes.

O deseño do cartel e das portadas do s libros da triloxía é de Angel Cerviño.

O atentado e a resposta da cidadanía

O asasinato de Isaias Carrasco por parte dun pistoleiro de ETA en Arrasate é unha vileza arrepiante, ademais dunha flagrante violación dos dereitos humanos e da dignidade cidadá. Indubidablemente, tamén, ao producirse no derradeiro día da campaña, constitúe unha intolerable inxerencia de ETA no proceso electoral, xa que vai ser moi difícil para a cidadanía substraerse ao impacto emocional que produce unha noticia tan brutal.
A unidade de todas as forzas políticas e sociais (mágoa que fose máis aparente que real, polo desmarque interesado do PP, algo esperable tras a súa actuación durante os catro anos de lexislatura) e, sobre todo, o exercicio de cidadanía na defensa sen fisuras dos dereitos humanos e do dereito á libre participación democrática nas eleccións de mañá (baixo a forma que cadaquén considere oportuna) semella o único camiño posible para homenaxear ao traballador asasinado.
Debemos insistir en que non podemos aceptar baixo ningún concepto a utilización da violencia con fins políticos (por respectables que poidan ser os ideais defendidos) nin tampouco a utilización interesada do atentado e da dor da familia da vítima para favorecer determinados intereses partidarios. Tanto unha cousa coma outra, dende o punto de vista moral, seméllanme totalmente inaceptables.

Transcribo o texto do comunicado de Educadores pola paz-Nova Escola Galega condenando o atentado e enviado onte aos medios de comunicación e animo a difundilo pola rede, xa que entendo pode axudar a reflexionar con serenidade sobre o atentado e a promover unha cultura de paz e diálogo sobre o conflito vasco. Recolle con claridade meridiana o que pensamos moitos milleiros de persoas na defensa teimosa dos dereitos humanos e da democracia.

“O colectivo Educadores/as pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, quere expresar a súa máis firme repulsa e condena do atentado terrorista da banda terrorista ETA no día de hoxe en Mondragón (Guipúzcoa), que acabou coa vida de Isaias Carrasco.
Como educadores e educadoras comprometidos coa educación e a cultura de paz, proclamamos o dereito á vida como un principio inviolable que está por enriba de calquera ideoloxía, crenza ou relixión. Ningún fin xustifica a violación dos dereitos humanos, comezando polo dereito á vida.
En segundo lugar, queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos da vítima. Compartimos e facemos nosa a súa dor.
En terceiro lugar, dadas as circunstancias de estar no último día da campaña política para as eleccións ao parlamento español do próximo día 9, requerimos a todos os partidos políticos e outras asociacións que non caian na tentación do uso do terrorismo e da dor das vítimas para fins partidarios.
En cuarto lugar, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para ter a coraxe cívica votando masivamente nas eleccións convocadas para o próximo día 9. ETA non pode condicionar o noso voto nin a axenda democrática da sociedade.
En quinto lugar, Educadores pola Paz-Nova Escola Galega suma a súa voz á necesaria resposta cidadá diante deste novo atentado, e fai un chamamento especial á comunidade educativa para que este atentado non pase desapercibido. Que sexa un acto do que se fale e reflexione nos centros educativos para que se convirta en semente de paz, en semente de esperanza.

Vigo, a 7 de marzo de 2008

Asdo. Xesús R. Jares
Coordenador de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega”

Ningunha máis

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre a violencia machista. As leis non abondan, non hai dúbida da necesidade tamén dunha implicación de toda a sociedade, especialmente dos homes, para erradicar esta lacra.

Stop the bullet. Kill the gun

É impactante este anuncio (Stop the bullet. Kill the gun), encargado por Choice FM, que pretende sensibilizar sobre a necesidade de eliminar as armas de fogo. Publicidade branca, da maior calidade narrativa e eficacia comunicativa, si señor! Ás portas da celebración do Día escolar da paz e a non violencia constitúe un bo recurso para iniciar as actividades sobre esta cuestión.

Vía: Islas Cíes, Trafegando Ronseis.